Usa David Castro os recursos públicos para ir en contra de traballadoras do Concello?

  • O goberno local presentou recurso contra unha sentenza favorable a unha traballadora municipal xa xubilada.
  • Dita sentenza confirma o dereito desa traballadora a unha baixa e posterior xubilación por accidente laboral, cuestión aceptada pola mutua e o INSS , e que de xeito inaudito o goberno rexeita no seu recurso.
  • De confirmarse o uso dos recursos municipais para perxudicar a unha traballadora estaríamos ante un caso de abuso de poder e uso indebido de fondos públicos moi grave.

    Usa David Castro os recursos públicos para ir en contra de traballadoras do Concello? Esa é a pregunta que quedou no aire logo de que no pasado pleno municipal o alcalde ribadumiense fora incapaz de respostar a unha sinxela pregunta formulada por Enrique Oubiña : “cales son os motivos polos cales o concello presenta recurso contra unha sentencia xudicial  favorable a unha traballadora municipal ? ” .

  Para entender esta situación é necesario retroceder ata o ano 2018, cando unha traballadora do concello tivo un accidente laboral. A cuestión xerou un conflito pola tipoloxía da baixa, as consecuencias físicas derivadas da mesma  e posterior xubilación da traballadora que rematou no xulgado. Hai que incidir en que neste tipo de conflitos as persoas afectadas deben presentar denuncia xudicial contra a empresa – neste caso  o Concello – , a mutua correspondente  e o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), de tal xeito que o xulgado determine cal debe ser a situación da traballadora e determinar as responsabilidades económicas ou doutro tipo. Neste caso a sentenza resultou favorable á traballadora determinando como feito probado o accidente laboral e as consecuencias físicas posteriores así como o dereito á baixa por accidente laboral e posterior xubilación. Ata aquí unha situación como a que viven milleiros de persoas cada ano.

  A sorpresa veu porque logo da sentenza, unicamente  o concello,  das tres partes denunciadas inicialmente precisamente a que non ten nada que gañar ou perder nesta cuestión, presentou recurso. Na nosa agrupación tivemos constancia desta estraña circunstancia, e logo de facer diversas consultas legais, o concelleiro Oubiña, no pasado pleno plantexoulle esta cuestión a David Castro. “E resulta que ante a pregunta sinxela de cales eran os motivos de recorrer esta sentenza, David Castro negouse a respostar, primeiro querendo aparentar que non estaba ao día da cuestión, logo querendo cargar a responsabilidade aos servizos xurídicos e algún outro argumento que non se sostiña  para,  finalmente, ante a insistencia  pola miña banda para que se me aclarara a cuestión, acabar gardando silencio”. Con todo, ao final Oubiña logrou o compromiso por parte do alcalde de que se solicitaría de xeito inmediato un informe aos servizos xurídicos que xustificaran esta actuación, aínda que dende Somos Ribadumia temos moi presente o vello refrán de que “o que paga ao gaiteiro manda tocar a tonada”, por ese motivo solicitaremos acceso a toda a documentación existente para que poida ser analizada polos nosos propios servizos xurídicos.

  A gravidade desta situación vese acrecentada polo propio recurso, onde se solicita literalmente, “se declare que a baixa por incapacidade temporal iniciada o 10 de maio de 2018 deriva en enfermidade común, coa conseguinte desestimación da demanda”. Para Oubiña isto é “xogar co pan dunha familia”, pois na práctica o que solicita o recurso é que se lle modifiquen as condicións  da baixa que derivou na xubilación por accidente laboral, provocándolle un importante perxuicio económico a unha persoa que traballou para o concello durante case tres décadas, ademais de negarlle un dereito recoñecido sobre o cal nin o goberno local nin David Castro teñen , por ética política,  nada que opinar. Co aliciente de que a propia mutua e o INSS consideraron correcta a sentencia e desistiron de calquera recurso, deixando ao goberno local como única parte interesada en negarlle a esta persoa unha baixa e unha pensión que todos os demais aceptan como xusta.

As incertezas que xorden.

   Pola nosa banda temos a confianza de que nos próximos días esta situación se aclare e non pase de ser un malentendido, e no seu caso se houbo unha actuación incorrecta por parte dos servizos xurídicos se corrixa.

    Porén,  a negativa de David Castro a contestar ás preguntas de Oubiña, así como as súas formas no pleno non nos deixan nada tranquilos. Para Oubiña “ é evidente  que algo non se nos quixo contar, pois ninguén se cree que o noso alcalde, que ten liña directa co avogado do Concello, que tamén o é do seu partido dende a súa creación, e unha persoa da súa total confianza, non estivera perfectamente ao tanto da situación e dos seus porqués. E iso xera moitas incertezas”. Unha actuación destas características, presentando un recurso a unha sentenza xudicial sen motivo xustificado poría de relevancia o uso de recursos públicos de xeito particular por parte do alcalde, que é quen decide se estas cuestión se levan a cabo ou non, algo totalmente inadmisible, que podería ter repercusións políticas e incluso legais. Ademais plantexaríanse serias dúbidas sobre o trato dado a determinadas  traballadoras e traballadores do concello, o cal nos levaría de novo aos peores anos dos gobernos do PP, cando no concello había dous tipos de traballadores: os  “seus” e os “outros”, situación coa que rematamos ao entrar nós no goberno no 2015, pero que, ante estes feitos e  á vista de certos debates vistos ultimamente  nas redes sociais, hai que crer que quizais volveu establecerse no goberno local”.

   Estamos moi preocupados por todo isto, e por ese motivo “imos manter toda a cautela ata que a situación se aclare, dando un voto de confianza en que a cuestión teña unha explicación razoable. Mais  en caso contrario valoraremos as accións a tomar, tendo moi claro que dende o noso punto de vista os dereitos das persoas no seu conxunto, en particular os dereitos sociais e laborais, son algo sagrado, con independencia das súas ideas, e non imos permitir que o goberno local actúe de parte e sen causa xustificada contra ningún persoa, sexa traballadora municipal ou calquera outra veciña ou veciño” .

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s