Comunicado conxunto de Somos Ribadumia e das agrupacións locais de  PP e PSdeG.

        

    Un novo abuso de autoridade, completamente esaxerado e rondando o esperpento máis Valle-Inclaniano, levounos na noite do xoves a abandonar o pleno municipal, ao pouco de comezar este.

  A través deste comunicado queremos afondar algo nos motivos que nos levaron a tomar esta decisión nese momento, nun pleno onde se  condensou unha actitude que se ven repetindo nos últimos plenos, tendo o seu culmen cando ao inicio deste último pleno, ante unha petición do voceiro da agrupación local do Partido Popular para retirar un punto da orde do día, David Castro negouse,  ademais cunhas formas completamente fora de lugar por absurdas.

 Os pleno municipais están regulados pola a Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, que especifica entre outras cousas que os puntos da Orde do Día deben ser claros en canto aos contidos dos mesmos, así como outras cuestións das que falamos máis abaixo, relativas ao acceso á documentación.  

  En Ribadumia os plenos pasan por tres etapas: a Xunta de Voceiros, as Comisións Informativas e o propio Pleno. Neste caso o pleno celebrado  na noite de onte tivo carácter ordinario.

A  primeira etapa, a Xunta de Voceiros, xa deturpada polos Independientes que se limitan a darnos un anaco de papel cos puntos da orde do día, limitando a información sobre o que se vai tratar no pleno, foi convocada so 24 horas antes de celebrarse, ademais adiantando a data habitual sen explicación algunha, complicando así que os diferentes voceiros puideran organizarse para acudir as mesmas.

  As convocatorias para as comisións informativas, segunda etapa antes de chegar ao pleno, onde se informa aos grupos dos puntos a tratar, e se realizan propostas e se negocian con calma acordos cando é o caso,  realizáronse en prazo, pero por algún “misterioso” motivo a documentación relativa aos temas que se ían tratar nas mesmas non estivo accesible ata este luns pola noite, sendo as comisións o martes. Hai que dicir que os concelleiros temos que ter toda a documentación para calquera comisión cun mínimo de dous días hábiles polo medio, condición que, como noutras ocasións anteriormente, non se deu. E hai que resaltar que é o Concello quen debe asegurarse de que a documentación chega aos concelleiros, polo que se se usan medios telemáticos debe ser con garantías que permitan certificar a entrega desa documentación en prazo, cousa que actualmente non acontece.

  E o mesmo pasou coa convocatoria do pleno, para o cal rexen os mesmos prazos. A comunicación coa orde do día saíu do rexistro o martes as 15:12 horas, doce minutos despois de pecharse o horario de atención ao público, un truco que evita que os concelleiros poidamos solicitar acceder a documentación do pleno ata o día seguinte. Pero por se o tempo non era xa escaso resultou que a documentación, por outro “misterioso” motivo, non estivo dispoñible na sede electrónica ata a mañá do mércores.

Cando nos referimos a documentación completa, queremos decir catro video-actas – que se deben mirar integramente para corroborar que non haxa cortes nin fallos na edición, nun concello cunha media de catro horas por pleno  – , a conta xeral do 2020, unha norma de prevención de incendios de case duascentas páxinas, e varios puntos máis, cada un coa súa documentación a examinar.

  Na mesma mañá do mércores , un dos concelleiros quixo acceder á documentación do pleno, que por lei debe estar dispoñible de xeito íntegro  na Secretaría do Concello,  e descubriu que faltaba parte da mesma, tal e como consta nun informe realizado pola propia secretaria municipal,  algo que supón un incumprimento fragrante das lei de bases do réxime local, e un conculcamento gravísimo dos dereitos fundamentais dos concelleiros que, insistimos,  temos dereito a acceder a absolutamente toda a documentación que se vai a tratar no pleno dende o momento da convocatoria do mesmo.

  Con este panorama, ao inicio do pleno, o voceiro da agrupación local do Partido Popular solicitou que se retirara o punto  10 da orde do día, logo de comprobar por parte do Concelleiro de Somos Ribadumia e de ter constancia a través dun informe da secretaria municipal que na Secretaría do Concello non había ningún tipo de documentación relativa ese punto, titulado “Dar conta de diversos asuntos e escritos presentados”-  título que de por si xa incumpre a lei de bases do réxime local –  ata o punto de que nin sequera figuraban os escritos aos que se ía dar resposta.

   Para a sorpresa de propios e estraños a resposta de David Castro foi que xa se falaría dese punto ao chegar a el, sen confirmar que retiraba o punto da orde do día e dando a entender que non o ía facer, pero sen dicilo claramente. Esta actitude e falta de seriedade e respecto cara unha solicitude feita con total normalidade e de xeito formal, sumado a todo o anterior, provocou que o Partido Popular decidise abandonar o pleno, sendo acompañado de xeito solidario, pois o problema afecta a toda a oposición e as actitudes de David Castro foron contra as tres forzas, polo Psoe e Somos Ribadumia.

   Non participar nun pleno municipal para nos supón un atranco, pois é no pleno onde podemos expresar as nosas posturas e propostas, e realizar a nosa labor de control do goberno e de defensa dos intereses da veciñanza, pero a situación creada por David Castro non admitía outra resposta.

Unha  situación que ademais súmase a outras xa denunciadas como o bloqueo á documentación diversa, ou os impedimentos para poder expresar as nosas posturas nos plenos municipais, onde David Castro abusa desaforadamente da súa posición. Todo isto no seu conxunto ademais de complicar o noso traballo, converteu o ambiente político nun terreo contaminado e de guerra aberta, algo que nos  negamos aceptar e no que non imos participar.

  Unha vez máis instamos a David castro a facer uso da cordura da que sempre fala,  devolver a normalidade ao funcionamento dos plenos municipais e respectar o traballo dos partidos da oposición.

A incapacidade de David Castro volve deixar Ribadumia fora dos  orzamentos da Xunta.

  • David Castro non logrou que o PP incluíra fondos para o noso Concello nas contas.
  • Os problemas do noso concello seguen sen resolverse, e o 2022 vai vir con menos médicos no centro de saúde e menos mestres nun colexio mal arranxado.
  • Un ano máis, Ribadumia so vai levar as migallas a través de plans como plan marco ou o PIR, ou como nos últimos dous anos o que poidamos lograr dende Somos Ribadumia a base de traballo dende a oposición.

    Un ano máis, a verba Ribadumia non figura no documento do orzamento da Xunta de Galicia.

   Unha vez analizado o documento orzamentario, no que como explica Oubiña “detectamos moitas máis partidas xenéricas en comparación co ano pasado, o cal complica moito saber a onde van ir destinados os cartos”,  en primeiro lugar gustaríanos saber en que vai investir Feijoo todos os cartos que veñen de Europa para compensar as perdas e o parón municipal provocado pola covid-19. Porque a baixada do 6% de transferencias a administración local do ano anterior non se ve compensada este ano que ademais vai ser clave para  avanzar na recuperación económica.

  Para Ribadumia o documento non recolle ningunha partida. O único que nos toca de lado é a obra para tentar solventar o problema do bombeo de Cabanelas, que por fin logo de anos de venta de fume de Gonzalo Durán aparece no orzamento pero que de todos xeitos aínda vai tardar en ser unha realidade pois o proxecto ven cunha partida a executar en dous anos, o cal pode levar a obra ata 2023 ou se hai retrasos 2024, sendo optimistas. Por certo que xa dende Somos Ribadumia no seu momento lle advertimos a David Castro que non andara tan áxil a facerse fotos no río que a obra ia tardar, feito que agora queda demostrado. E veremos se esa obra soluciona o problema ou o traslada á depuradora. Nese aspecto confiamos máis nas accións que esta levando a cabo a Mancomunidade orientadas a evitar as verteduras.

    Máis alá desa obra, outras cuestións de vital importancia quedan fora dos orzamentos, como a ampliación do bombeo de auga da mancomunidade, unha obra moi necesaria que o PP segue aprazando sen motivo, e que nos condena a ter problemas cada verán. Tampouco aparece por ningún lado a realización dun Punto de Encontro Familiar. Durante a pandemia, con moitos dos lugares que habitualmente se usan para o intercambio das crianzas pechados e coas restricións de mobilidade, fíxose moi evidente a necesidade da súa dotación no Salnés. O asunto para nos é moi importante e afecta a moitas parellas, pero tamén a moitas vítimas de violencia de xénero, por iso que lamentamos  que as forzas políticas da comarca miren para outro lado e so se centren en pedir para as súas leiriñas. Un ano máis notamos como o tacticismo político e o exceso de localismo evitan que o Salnés logre consensos e poida exercer presión conxunta naqueles temas que nos afectan a todos os concellos, estes referidos ou outros como a mellora dos servizos básicos, o transporte público, ou os problemas da ría, ou un necesario plan de reindustrialización,  entre outros.

  Un alcalde de postín.

  Mención a parte merece o noso alcalde David Castro. Nós podemos entender que haxa políticos máis e menos combativos, pero un alcalde, teña as maneiras que teña, o que ten é que lograr resultados. E a actitude totalmente submisa de David Castro co PP non logra resultados, ao contrario, somos a broma do PP na comarca. O noso Concello enfronta o 2022 sen pediatra, por suposto sen o terceiro médico,  con menos mestres e cun colexio que logo de case un millón de euros de amaños segue sen solucionar os seus problemas. E todo isto co silencio cómplice de David Castro, que despois  déixase acariñar cos caramelos do Plan Marco ou do PIR , “frangullas en partidas de 50.000€ coas que o PP raña as costas a David, supoñemos que co ánimo de que faga o carné dunha vez, pero que non resolven grandes problemas, como si van resolver por exemplo  os 2,5 millóns de euros que Feijoo lle vai dar a Durán para resolver os problemas de saneamento do seu concello, mentres  que no noso seguimos tendo a rede de saneamento e de auga pública sen completar”.

    Dende Somos Ribadumia temos claro que estando nós no goberno local o PP seguiría mirando para outro lado, pois a súas liña política é a que é, pero tamén que  lograríamos máis investimentos. De feito hai que recordar que o último investimento de importancia da Xunta en Ribadumia conseguiuse grazas a presión pública de Somos Ribadumia, como tamén foi grazas a xestión de Somos Ribadumia que se retomaron e realizaron obras pendentes da lexislatura pasada, como a realizada pola Deputación en Sisán. “David vai aos plenos a falar das miñas formas e de non sei que cousas, pero nos conseguimos investimentos mentres el perde subvencións por non saber xestionar, e isto son feitos demostrados”.

O Concello deixa ao colexio sen conserxe e os protocolos covid-19 no mesmo sen realizarse.

  • A baixa do conserxe municipal esta semana aínda non foi cuberta, e non se mandou ningúen a cubrir as tarefas urxentes.
  • As desinfeccións das zonas comúns a media maña quedaron sen realizarse, así como outras moitas  tarefas.
  • Unha boa parte da plantilla do Concello de baixa laboral. Que está pasando?

  Vimos de ter constancia  de que esta semana causou baixa o Conserxe do CPI Xulia Becerra Malvar, sen que o goberno local tomara a día de hoxe ningún tipo de medida para cubrir o posto, creando un problema na instalación bastante importante.

Tal como explica Oubiña “o de conserxe e un deses postos de traballo que xente como David Castro pensan que non valen para nada, pero a realidade é que un conserxe é un posto imprescindible no día a día dun colexio, e máis dende a aparición da pandemia”.

   Mais aló das tarefas de mantemento do colexio, e do apoio ao profesorado, hai que remarcar que dende o retorno ás aulas era tarefa do conserxe levar a cabo unha desinfección das zonas comúns do colexio a media maña. O concello non viu necesario apurarse a cubrir o posto do conserxe e polo visto tampouco ve necesario cumprir con esta obriga marcada pola Xunta de Galicia, aprobado en xullo deste ano baixo a denominación “Protocolo de adaptación ao contexto da covid-19 nos centros de ensino non universitario de galicia para o curso 2021-2022”. E nos somos comprensivos con que cubrir o posto poida levar días, pero o goberno local debería cando menos mandar algunha persoa para o máis urxente, como o cumprimento dos protocolos de desinfección.

   Dende Somos Ribadumia temos moi presente que a covid-19 aínda non desapareceu das nosas vidas e que os colexios non son inmunes, de feito estanse dando gromos como o do Ceip O Cantel de Foz, ou o Colexio Calasancio  no mes de setembro, ambos de certa importancia, co  peche de aulas e de todo o colexio no caso do Calasancio. Por iso entendemos que “é unha irresponsabilidade moi grave deixar de lado os protocolos de desinfección establecidos, e que David Castro coa súa desidia está comprometendo a situación do noso colexio. E seguramente non pasará nada, pero como pase despois a ver quen se fai responsable”.

  Pola nosa banda, logo de manter conversas coa dirección do colexio e coa ANPA  vimos de poñer en coñecemento do Servizo Territorial de Inspección Educativa  de Pontevedra esta situación solicitándolle que actúe de inmediato instando ao Concello a cumprir coas súas obrigas nestas cuestións.

Que pasa coa plantilla laboral en Ribadumia??

  Algo está pasando no concello de Ribadumia. Sen incluír dúas baixas por maternidade, a do conserxe é a sexta baixa laboral, entre persoal de plantilla estable, tanto funcionarios como laborais fixos, e ese é un dato que nos chama moito a atención. Tanto as baixas como os mecanismos de contratación, pois ata onde temos constancia  ou non se están cubrindo ou se están cubrindo de xeito irregular.

“Esta situación levou ao noso Concello ao caos máis absoluto, ata o punto de que cada día é máis evidente que o feito de que David Castro é incapaz de xestionar o Concello”.

   Dende Somos Ribadumia temos claro que o motivo polo cal , entre outras deficiencias, o ximnasio municipal ou o fogar dos maiores non están abertos non ten nada que ver coa covid-19 e moito coa incapacidade de David Castro de xestionar unha das súas competencias directas como alcalde, a do persoal. Unha incapacidade que dende que deixamos o goberno no 2019 , está fundindo de maneira paulatina o noso Concello e creando  moitos prexuízos  para a veciñanza que ve como certas xestións que en situacións normais con Oubiña no Concello  se resolvían en días, agora pasan semanas ou meses, e iso che chegan a resolverse. E dende aquí queremos amosar a nosa preocupación polos problemas derivados desa desidia na xestión municipal, que mais aló dos prexuízos á veciñanza, está provocando a saturación do resto de persoal, e pode acabar cunha cascada de baixas. “De feito, vendo como van as cousas, eu estou seguro de que non hai máis persoal de baixa polo medo a perder o traballo, sobre todo na plantilla temporal”.

  Agardamos que canto antes David Castro sexa consciente da situación, e actúe para devolver a normalidade ao noso Concello, en todos os aspectos.

David Castro pretende acometer unha reforma nun parque infantil que posiblemente non cumpra os criterios de seguridade da Xunta e de Europa.

  • Dende Somos Ribadumia estamos a favor de calquera mellora nos parques infantís do noso concello, pero sempre cumprindo a legalidade vixente.
  • A Xunta de Galicia e diversas normas UNE obrigan a que por seguridade  os parques infantís como estes estean vallados.
  • Pedímoslle a David Castro que antes de facer anuncios electoralistas lea as normativas, que cumpra a lei, pero sobre todo que non xogue coa seguridade dos nosos nenos e nenas.

   A semana pasada David Castro anunciaba a través dos medios de prensa e das redes do Concello, que os Independientes usan como un taboleiro de propaganda cada día con menos vergoña, unha reparación nos espazos infantís da Praza da Carballeira en Barrantes. E fixo tal anuncio aparentemente sen antes asegurarse de que a intervención que propón se poida levar a cabo, ou que cumpra cos requisitos de seguridade marcados por instancias superiores.

   Vaia por  diante, como expresa Oubiña, que “nós estamos totalmente a favor de calquera actuación de mellora nos espazos infantís do noso Concello, pero claro, sempre dentro da lei e atendendo as esixencias en cuestións de seguridade para as crianzas”.

    A actuación que se pretende realizar, segundo o publicado polo goberno local, ademais acompañado dunha infografía que non deixa lugar a dúbidas, consiste na “substitución do actual valado que rodea o parque infantil de Barrantes e que se atopa deteriorado polo uso e o paso do tempo por unha bancada semicircular”.  O problema desta actuación é que a normativa autonómica e as diferentes normas UNE en vigor, como a UNE 147103:2001 de Planificación e xestión das áreas de e parques de xogos ao aire libre, segundo unha serie de consultas que realizamos esta semana poderían non permitila.

Isto sería debido á situación das áreas de xogo. Tal  como consta no artigo 3.2 do DECRETO 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís,  “as superficies previstas para o xogo deberán estar debidamente acoutadas dun xeito seguro” , o cal sumado ao recollido nas normas UNE que deixa moi claro que sempre que na contorna haxa vías ou accidentes xeográficos ou físicos as zonas de xogo deben estar valladas,  fai complicado que se poidan eliminar as vallas actuais. Ademais, parece que David Castro ignora que ese parque infantil en realidade son tres, un de nenos ata seis anos, e outros dous, un de xogos de columpio e outro cunha rede de escalada,  para nenos maiores, que as normas obrigan a delimitar por separado, que é como están actualmente.

  Dende Somos Ribadumia como xa dixemos, estamos a favor de calquera actuación de mellora, pero vémonos na obriga de pedirlle a David Castro que as actuacións que realice as faga poñendo atención ao cumprimento das normas, porque o contrario sería unha actuación como mínimo irregular, que ademais podería traer consecuencias e moitos problemas en caso de haber un accidente, pois as aseguradoras non se fan cargo de nada se as instalacións non cumpren escrupulosamente cos regulamentos. “ e nunca pasa nada ata que pasa. Nós non somos expertos, pero  fixemos as nosas consultas e  as conclusións son que esas áreas de xogo están valladas porque deben estalo, e entendemos que antes de facer cambios dese tipo corresponde ter todos os parabéns legais”.

   Pero como ultimamente é evidente que o noso alcalde anda máis preocupado polos anuncios que pola lei, vimos de presentar un escrito no Concello advertindo da situación, acompañado dunha copia do decreto da Xunta.

   Por outra banda, chama a atención que a solución que se anuncie, ademais a bombo e pratillo e cun claro carácter preelectoralista, non sexa unha renovación dos elementos de xogo, algúns xa bastante deteriorados, ou un aumento dos espazos de xogo,  ou cando menos a dotación de arborado que dea algo de sombra no verán,  unha vella reclamación dos pais  e nais á que David Castro por algún motivo sempre se opuxo a dar cumprimento, senón simplemente a colocación dun banco para suplir  a unha varanda que por certo leva en mal estado bastante tempo. Pola nosa banda “temos moi claro que a fórmula correcta é a seguida durante o mandato anterior, onde no canto de andar a publicar fotos bonitas e facer propaganda, traballabamos e mantiñamos os parques en perfectas condicións os 365 días do ano“.