Ribadumia amosa a súa cara máis  gris nesta Semana Santa gracias á nula acción do goberno de David Castro.

  • Nula promoción turística nas redes e na  web municipal.
  • O auditorio pechado, sen axenda cultural ou de actividades en toda a semana.
  • No Facebook do Concello en Semana Santa: fútbol, fútbol e fútbol.
  • As sendas fluviais e as zona nas verdes, un ano máis, abandonadas.

   Pasou a Semana Santa, e dende Somos Ribadumia avaliamos a xestión do goberno local na promoción turística e na organización de actividades que neses días puideran dar vida ao noso concello e proporcionar alternativas de ocio a nosa veciñanza e atraer visitantes. Ademais debido ao parón da pandemia,  esta Semana Santa foi a primeira á que o goberno de David Castro se enfrontou cun mínimo de normalidade dende que ten a maioría absoluta.

   E tal e como explica Oubiña “primeiro exame e primeiro suspenso a todos os niveis. Ribadumia foi en Semana Santa un aparcadoiro para a xente que fixo a ruta da pedra e da auga ata a Armenteira, ou zona de paso dos peregrinos, pero nada máis. E o goberno local non aportou  ningún tipo de actividade que puidera atraer ao noso concello a unha parte das miles de persoas que visitaron a nosa comarca na primeira semana de tempada alta en condicións dende o inicio da pandemia, nin as que pasaron polas nosas sendas fluviais”.

  Non houbo axenda de actividades de ningún tipo, o auditorio permaneceu pechado e non houbo nin un só acto cultural; nula promoción do comercio e da hostalería locais, ningunha actividade de promoción turística, nin sequera nas redes sociais ou na web. Nada.

 Esta desidia “contrasta co apoio desesperado que o goberno local fixo a un evento deportivo que tivo lugar dende o xoves ao domingo en Ribadumia. No Facebook do Concello, que David usa como se fora o del, contabilizamos 18 publicacións, moitas delas conexións de vídeo en directo, da fase clasificatoria do AF7, un evento por certo privado. O que non se mirou nas redes sociais do  concello foi unha soa publicación animando a visitar o noso concello, promovendo os nosos espazos de interese, ou a gozar das bondades da nosa hostalaría. Só fútbol, fútbol e máis fútbol”.

  Hai que remarcar que no ámbito deportivo estas semanas están tendo lugar varios eventos importantes para os clubs locais, aos que o goberno local non dedica a máis mínima atención. Por outro lado, só tres días antes de iniciarse a fase clasificatoria do AF7, a trinta metros de onde tivo lugar este evento, no auditorio celebrouse  o VIII Festival de Bandas de Música Infantís, organizado pola Agrupación Musico Cultural de Ribadumia, e o goberno local non deu ningún tipo de cobertura nas redes, nin  moito menos conexións en directo. “Todo isto deixa en evidencia que as prioridades de David Castro teñen moito que ver coas súas paixóns persoais e as súas ansias de gloria e de fotos entregando trofeos, e moi pouco co apoio ás entidades e clubs locais”.

   Por outra banda, se falamos do único movemento de persoas que se detectou no noso concello, centrado nas sendas fluviais dos ríos Armenteira e Umia, temos que lamentar que nin sequera neses espazos deramos boa imaxe. “O operativo especial que o goberno dixo que puxera en marcha días antes da Semana Santa, consistiu en unicamente dúas persoas con sendas desbrozadoras, ás que malamente lles deu tempo a cortar a herba, unha vez máis de maneira esaxerada, da parte ribadumiense da Ruta da Pedra e da Auga. Máis aló de cortar a herba, non houbo ningún tipo de acción de mantemento, e o resultado foi unha imaxe bastante deplorable, con elementos apodrecidos ou rotos, e as botellas de auga que unha vez foron trampas para velutinas colgando  das polas. E  iso nese tramo, porque o resto de sendas fluviais, que suman o triple de quilómetros, quedaron esquecidas por completo, , ao igual que o resto de zonas verdes do noso concello, ata o punto que as papeleiras levan semanas sen baleirarse”.

 Por outra banda, hai que por de manifesto que dende a creación das sendas fluviais, a maior parte do movemento de persoas que no día da Romaría das Cabezas atravesaba á ida e á volta o centro de Barrantes, co conseguinte movemento económico, paulatinamente foise desviando  por esas rutas, ata o punto de que este ano apenas se notou o efecto desta data, e iso que en Ribadumia era tamén xornada festiva.

Dende Somos Ribadumia “ levamos tempo dicindo que hai que avanzar na promoción do noso concello, non quedarse no que se fixo na lexislatura pasada,, poñendo en valor todo o que temos que é moito máis que as sendas fluviais, e apostar por aportar alternativas, con actividades e eventos que animen ás persoas que nos visitan a ficar unhas horas en Ribadumia, e deixar cartos nos negocios locais. Pero iso leva tempo, e require de xestión e recursos, e David Castro, lamentablemente prefire deixar ao pairo a xestión municipal, e só se move para ir a Fitur  a facerse fotos con Gonzalo Durán, e así nos vai”.

  Dende Somos Ribadumia temos claro que segundo se acheguen as datas das eleccións David Castro vai tratar de poñer todo bonito, tanto as zonas verdes como os parques infantís. Para nós isto supón un lamentable desprezo pola nosa veciñanza, que paga impostos para poder gozar dos seus espazos públicos calquera día do ano,  non só cando se acheguen as eleccións, e poñemos en valor, contra esta maneira desleixada de actuar, a xestión que durante a lexislatura pasada, con Enrique Oubiña e Pepe Lede levando as áreas de Urbanismo, parques e xardíns, se fixo de das mesmas, unha xestión que ata a oposición naquel momento acabou por valorar positivamente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s