Presentamos unha batería de 30 medidas de cara ao orzamento do próximo ano 2022.

  • Pedimos a David Castro diálogo e busca de consensos na elaboración do orzamento do próximo ano.
  • Presentamos unha batería de 30 propostas de cara aos orzamentos do 2022, centradas na recuperación económica e social e o apoio aos diversos colectivos.

   Vai rematando 2021 e un ano máis o goberno local non da sinais de estar traballando co orzamento do ano próximo, nin moito menos parece que teña previsto ter en conta ás forzas da oposición para a súa elaboración.

   Dende Somos Ribadumia, tal como explica Oubiña, “a pesar das actitudes de confrontación de David Castro e do seu equipo de goberno, seguimos insistindo na necesidade de dialogar e buscar consensos, que enriquezan e permitan acordar un documento da importancia dun orzamento”.

   Con ese espírito de dialogo e consenso, e seguindo a dinámica de anos anteriores, esta pasada semana presentamos por rexistro un documento coas nosas propostas de partida de cara ao orzamento. (consulta solicitude completa aquí).

  Do mesmo xeito que en anos anteriores as nosas propostas, que teñen moi en conta a situación económica do concello e son todas e cada unha delas viables e sen comprometer o orzamento no económico,  recollen o noso modelo de Concello, atendendo as urxencias derivadas da situación  de pandemia, como o moi necesario apoio ao comercio e hostalería locais, ou o reforzo das políticas sociais, pero tamén mira ao medio e longo prazo, insistindo en medidas de revitalización do rural e de melloras no núcleo de Barrantes.

 Indo máis ao concreto, a batería de propostas está organizada en catro bloques nos que cremos o concello debe realizar avances: a política de conciliación familiar e política social, o apoio aos colectivos e desenvolvemento cultural, a promoción económica local, apoio ao comercio, turismo e á creación de emprego, e o desenvolvemento urbanístico e de medio ambiente, primordiais para cumprir cos obxectivos do Pacto de Alcaldes asinado no 2019.

En total 30 medidas,  varias das cales vímolas poñendo enriba da mesa anos, como a de reforzo dos plans de conciliación e a súa extensión ao CRA, ou outras por exemplo para  a creación dun programa potente  de axudas ao comercio e hostalería, plans de promoción turística, a supresión dos semáforos en Barrantes acompañada dun cambio do modelo urbanístico, ou a necesaria mellora do convenio coa escola de música ou o aumento das axudas a entidades culturais e sociais e clubs deportivos.

   Pero tamén propoñemos que se recupere o convenio con BATA, “que David Castro quixo liquidar este ano aínda que finalmente ante a presión política e social tivo que conformarse con recortalo, ou a dotación dunha partida para que protección civil deixe de estar nun local sen auga e cunha instalación en xeral precaria. Por certo que isto último é un compromiso do goberno anterior, cando sendo Oubiña tenente de alcalde chegouse a deseñar unhas instalacións, que se realizarían con cargo aos plans do GDR no local de servizos sociais, ata o punto de que a ampliación feita nese edifico xa prevé unha altura máis; un compromiso que como outros moitos, David Castro tirou ao lixo no momento en que se empoleirou na maioría absoluta”.

   Dende Somos Ribadumia expuxemos así, por escrito e con entrada de rexistro as nosas propostas, claras, concisas e abertas ao diálogo e ao debate, motivo polo cal a maioría non inclúe cifras económicas, e queremos facer un chamamento ao goberno local para que abandone a postura de confrontación que mantén contra a oposición, e tal e como lle solicitamos no propio escrito, que abra un espazo e período de negociación do goberno con todas as forzas con representación municipal,  no obxectivo de lograr a elaboración dun orzamento que poña de relevancia as posturas e obxectivos  comúns, e permita alcanzar acordos que favorezan ao noso concello e ao conxunto da nosa veciñanza.

David Castro supérase a si mesmo.

  • Ante as falsidades de David Castro, nós aportamos documentos.
  • David Castro emitiu un comunicado onde volve agocharse na mentira para xustificar as súas formas antidemocráticas.
  • A última solicitude de acceso ao rexistro municipal de Somos Ribadumia  foi copiada verba por verba das indicacións do Defensor del Pueblo.
  • Pedimos copia dun decreto de alcaldía anunciado por David Castro e dirixido a Enrique Oubiña, pero resulta que segue sen aparecer.

   Cando pensabamos que a situación municipal con respecto ao acceso á documentación municipal xa había quedado meridianamente clara, vemos como David Castro riza o rizo e sácase da manga un novo absurdo, que non ten xeito nin dereito e só busca seguir aprazando o inevitable.

  O pasado venres dende Somos Ribadumia faciamos público un comunicado onde explicabamos  que David Castro viña de cometer unha falta moi grave ao mentirlle ao Defensor del Pueblo declarando ter comunicado unha resposta a Somos Ribadumia cando tal resposta, que debía aclarar a cuestión do acceso ao rexistro municipal, non saíu das dependencias municipais.

   Ademais disto, tal como explica Oubiña “o venres, e así o declaramos publicamente, presentamos dous escritos. E tal como expuxemos, o primeiro solicitaba unha copia do decreto de alcaldía que David asegurou terme mandado pero que nunca chegou, e o segundo solicitaba acceso ao libro de entradas e saídas do rexistro, e remarco isto, tal como o Defensor del Pueblo dixo que se debe pedir para que se nos dea dentro dos nosos dereitos e sen discusión posible”.

   Cal é a nosa sorpresa ao ler nos medios de prensa este domingo que o goberno local declara que  un informe da Axencia de Protección de Datos nos nega o dereito de acceso ao rexistro, e  critica a presentación dos nosos escritos do venres argumentando que , citamos literalmente da prensa “todos os organismos que poden ter competencias na materia se pronunciaron e non recoñeceron expresamente ese dereito de acceso”.

  Á vista de tal despropósito,  e como “onde hai papeis calan barbas”, achegamos con este comunicado a documentación citada (podedes acceder clicando nos titulos dos mesmos): informe da Axencia de protección de Datos, ditame do Defensor del Pueblo, e os dous escritos (3201 e 3202 ) presentados este venres por Somos Ribadumia no Concello. Achegamos tamén tres informes solicitados dende a secretaría municipal noutra maniobra de dilación de David Castro: da Deputación, do Ministerio de Politica Territorial e un terceiro da Xunta de Galicia. Destes tres últimos informes o Defensor del Pueblo ditaminou que eran innecesarios pois a propia Secretaría municipal en calidade de representante do estado ten capacidade para resolver calquera dubida ao respecto da cuestión. Curiosamente, o único informe que non podemos incluir é o da Secretaría Municipal, pois non se nos fixo chegar copia, para o caso de que tal informe exista, e iso que o pedimos en dúas ocasións, unha en pleno e outra por escrito.

Cos papeis na man, o primeiro que debemos dicir é que nós non falamos por falar. Todos os informes aos que fan referencia os Independientes foron solicitados por Somos Ribadumia ou pola secretaría do Concello, non polo goberno local, que se oculta detrás da secretaría, e en todos eles, en absolutamente todos os informes se recoñece o noso dereito a ter acceso a toda a información municipal necesaria para o desenvolvemento do noso traballo, sempre garantindo a protección dos datos persoais de terceiras persoas.

   O segundo que debemos dicir é que nós este venres presentamos un escrito solicitando copia dun decreto de alcaldía dirixido a Enrique Oubiña. “É moi  lamentable e provoca vergoña allea que David, no canto de entregarme a copia dese decreto, para o caso de que exista, que se supón foi redactado dirixido á miña persoa, vaia á prensa a dicir cousas que son absurdas e ademais falsas, só para seguir enredando”.

   En terceiro lugar debemos dicir que o segundo escrito presentado o venres no Concello pedía  acceso ao rexistro nos termos, copiados verba por verba, que se nos indicaron dende o Defensor del Pueblo. E para que fique claro, na copia do ditame do Defensor del Pueblo claramente dísenos que, citamos literalmente,  “solicite periódicamente el acceso al libro de registro de entradas y salidas de acuerdo con el artículo 14 del Real Decreto 2568/1986”. Hai que dicir que nese ditame aclárase que os concelleiros teñen acceso, non aos datos particulares de terceiros, senón ás entradas e saídas do rexistro  – o que nós levamos pedindo máis de un ano –  cos datos básicos que non se nos pode negar, por moito que David Castro se encirre. E tamén se di que a partir deses datos básicos, os concelleiros podemos pedir máis información de entradas ou saídas concretas, que despois alcaldía podería denegar xustificando correctamente os motivos. E todo o anterior repítese en cada un dos informes emitidos ao respecto, nos mesmos termos ou noutros similares.

   En cuarto lugar,  “recalcarlle a David Castro que non está no patio de ningún colexio, e que non pode solventar está situación , creada por el mesmo, nin con mentiras nin con argumentos tan lamentables como os aportados esta fin de semana. Os concelleiros temos dereito a saber o que pasa no concello, e iso é algo indiscutible.  Non imos renunciar a ese dereito, e el poderá poñer paus nas rodas e alongar o asunto, pero antes ou despois saberemos que anda a facer cos nosos recursos e como está  xestionando o que é de todos e todas as ribadumienses”.

David Castro falsea datos ante o Defensor do Pobo.

  • A resposta ante unha queixa posta por Somos Ribadumia polo bloqueo ao acceso documentación municipal, pon de manifesto as falsidades de David Castro.
  • Declarou ter emitido un edicto de alcaldía dirixido a Enrique Oubiña, pero ese edicto non foi entregado, nin aparece por ningún lado.
  • David castro segue bloqueándonos o acceso á documentación municipal.
  • Misterioso bloqueo e recuperación – previo video denuncia nas redes – do acceso de Oubiña á sede electrónica.

     Esta semana recibimos a sexta comunicación do Defensor do Pobo relativa a unha queixa posta o 1 de novembro do 2020, logo de que David Castro nos bloqueara o acceso ao rexistro municipal. As cinco respostas anteriores viñeron todas motivadas por practicas dilatorias, como non responder aos requirimentos desa institución, ou responder con documentación parcial, coas que o goberno de David Castro tentaba atrasar o máximo posible unha resolución dese órgano, algo que conseguiu en parte ao alongar o proceso máis de un ano.

  O que nos chamou a atención deste último escrito remitido polo Defensor do Pobo, a través do cal en principio poñía fin á reclamación, foi que nel ese ente expresa no seu primeiro parrafo “con relación a la queja arriba indicada, se ha recibido escrito del Ayuntamiento de Ribadumia, por el que traslada la notificación del decreto de 25 de octubre de 2021emitido en respuesta a su solicitud de obtención de información, cuyo contenido ya debe conocer al haberle sido notificada”. 

   Tal como explica Oubiña,desta declaración pódese concluír que o goberno local díxolle ao Defensor do Pobo que nos había respondido a nosa solicitude vía decreto , por certo un ano despois de facela, pero é que, e quero remarcarlo, isto non é certo. Nin eu que fun quen en calidade de concelleiro solicitei o acceso ao rexistro, nin o meu partido  recibimos ningún edicto de alcaldía por este asunto”.

   Non so iso. Logo de leer o escrito enviado polo Defensor do Pobo, Oubiña persoalmente tentou acceder á sede electrónica para ver se por algunha casualidade había chegado por ese mecanismo “ que á vista dos problemas que o goberno ten para xestionar o programa informático, perfectamente puidera ser que o meteran na sede electrónica pero se lles “pasara por alto” comunicarmo. Pero topeime coa sorpresa de que tiña bloqueado o acceso á sede electrónica e non puiden nin entrar nin comprobar nada”. Este intento infrutuoso de acceder ao seu espazo na sede electrónica, Oubiña gravouno e subiuno despois as redes, para que quedara constancia da situación. https://fb.watch/9mvDkbBCh7/

Isto todo aconteceu o mércores. Onte xoves, pola contra, Oubiña – logo de facer público o vídeo do día anterior –  logrou entrar na sede electrónica á primeira e comprobou que ese suposto edicto non aparece por ningún lado, cuestión que tamén gravou  e subiu ás redes para por de relevancia tanto a ausencia dese edicto como a opacidade do goberno, que mantén baleirado de contido o portal de transparencia. https://fb.watch/9mvImmnRyF/

 

En resumo, “David Castro, noutro intento de manternos lonxe da documentación municipal non tivo reparos en  mentirlle nin máis nin menos que  ao Defensor do Pobo, algo totalmente inadmisible, e outro síntoma da súa pobreza política e democrática”

   Pola nosa banda,  á vista destes feitos dirixímonos novamente ao Defensor do Pobo para expoñer a realidade da situación, e por suposto solicitámoslle por escrito ao alcalde unha copia dese suposto edicto, a ver se así conseguimos que nos chegue. Na solicitude tamén lle pedimos a David Castro que deixe de poñer trabas ao noso traballo.

   Por  último, o Defensor do Pobo aclarou no mesmo comunicado cal era a maneira na que os concelleiros deben proceder para  solicitar o acceso ao rexistro municipal, deixando claro que non se nos pode negar ver as entradas e saídas do mesmo, que era o que nos solicitabamos dende o principio, polo que non imos ceder na defensa dos nosos dereitos, que son os que nos garanten que poidamos traballar dun xeito competente, e será David Castro quen deba explicarlle aos nosos veciños e veciñas que é iso que con tanto afán nos intenta ocultar.

Nova falta de respecto institucional de David Castro.

  • O Concello non convidou formalmente á IV Gala de Ribadumienses en prol do galego nin aos premiados en edicións anteriores, nin aos colectivos municipais, nin ao resto de forzas políticas.
  • As ansias de David Castro por ser o único que saia nas fotos e as súas manías persoais lévano a ter  comportamentos inaceptables institucionalmente.
  • Enrique Oubiña e outros membros de Somos Ribadumia estiveron presentes na gala, pero a título persoal.

  A IV Gala de Ribadumienses en prol do galego, un evento creado na lexislatura pasada,  ficou enlamada pola falta de seriedade e de respecto institucional do goberno local, que é quen organiza o evento.

  E o motivo, tal como explica o noso voceiro Enrique Oubiña “foi que David Castro deixou de lado novamente as súas obrigas como alcalde, e non convidou formalmente a este acto nin ao resto de forzas políticas municipais, nin aos colectivos culturais do Concello, nin tan sequera aos premiados nas edicións anteriores”. Esta falta de respecto institucional supón un novo chanzo na carreira de David Castro por desfacer todo o traballo ben feito durante a lexislatura pasada, volvendo  a transformar un evento social e neste caso cultural, nun evento de propaganda política, pero “tamén outro exemplo das súas actitudes infantís, tanto polo seu comportamento de neno enfadado que non convida aos que lle caen mal ás súas festas, como de político mediocre que pensa que saíndo el so nas fotos xa gana votos”.

    Enrique Oubiña, que si estivo no acto, aínda que a título persoal, lamenta “que un evento tan bonito, onde ademais se recoñece a labor de persoas e colectivos que fan un gran traballo a favor da nosa lingua, sexa deturpado desa maneira. Pois ao deixar fora aos colectivos culturais do Concello, e mesmo esquecerse dos premiados anteriormente, o que podía ser un evento con forte carga cultural converteuse nun novo episodio de propaganda por parte dos Independientes”.

  Dende Somos Ribadumia queremos recordarlle a David Castro que os actos insitucionais non son eventos privados; son eventos de todo o concello e para todo o concello, aos que non ten que convidar a quen lle dea a gaña a el, se non a quen corresponde, e iso, por moito que lle desguste, inclúe aos diversos colectivos do concello e por suposto as forzas políticas que representan ao conxunto da nosa veciñanza.

   Agardamos que este tipo de situacións deixen de repetirse, porque non van en detrimento dun partido ou de outro, se non da nosa imaxe pública como concello.

  E por suposto, a nosa mais fonda e sinceira felicitación ao grupo de teatro Alecrín, polo seu traballo diario dende fai vinte anos, e pola naturalidade coa tratan a nosa lingua, na que representaron a totalidade das pezas teatrais que levan realizadas.