David Castro regálalle a Correos un espazo na praza de abastos a cambio de nada.

- A cesión do local, por 100€ ao mes, non implica mellora ningunha de servizo, nin ten xustificacion.
- David Castro non axuda ás empresas locais, nin dispón axudas para as persoas que queren poñer en marcha un negocio, pero regálalle espazo público ás grandes empresas.
- Na operación intermediou Jorge Abal, ex-concelleiro popular, vinculado ás negociacións para integrar a IR no PP.
O pleno do pasado xoves demostrou que David Castro está decidido a manter a alcaldía de Ribadumia a calquera prezo, e que para logralo non ten problemas en regalar os cartos da veciñanza, ceder espazos públicos a grandes empresas, comprar maquinaria para poder enfrontar favores electorais de aquí a maio do ano próximo, e por suposto, negociar o seu paso ao PP.
Un dos puntos que os Independientes aprobaron en solitario foi un contrato con Correos a través do cal o Concello cede, pola irrisoria cantidade de 1.200 € ao ano un espazo na praza de abastos de Barrantes.
De partida compartimos que o servizo de correos é necesario, e mellor sempre será telo que non telo. E polo tanto compartimos que o goberno local pule por manter ese servizo para o caso de que correse o risco de perderse. Pero dentro dunha medida, como todo o que atangue á xestión do público. “As cousas teñen que estar xustificadas. Nas comisións informativas pedimos que se aclarara cal é o motivo polo cal o concello lle cede regalado e polas boas un espazo a unha empresa de ámbito estatal, e ademais pertencente ao estado. Non houbo resposta nin nas comisións nin no pleno. Non hai motivo, nin consta ameaza de marcha de Barrantes”.
David Castro, segundo se explicou nas comisións, unicamente mantivo conversas con Jorge Abal, un veciño de Lois, con cargo de responsabilidade na oficina de Cambados, que tamén resulta ser un ex-concelleiro do PP, unha persoa que casualmente, ou non, está participando nas negociacións para a integración de IR no PP. De feito no contrato que se levou a pleno non figura ningunha persoa como asinante.
E máis, ante as preguntas de Oubiña, a Concelleira Pilar Martínez dixo que no goberno non tiñan máis información e derivouno directamente a Jorge Abal.
Dende o noso punto de vista, en calquera caso David Castro demostrou unha neglixencia absoluta nesta cuestión. Para o caso de que Correos quixera pechar a oficina, ou buscar co Concello unha alternativa, as cousas teñen un proceder, e a actuación política tamén. De partida Correos debe comunicar formalmente ao Concello a súa intención de pechar a oficina, cos argumentos que sexa, pero por rexistro, cousa que non aconteceu. A partir dese momento un alcalde minimamente serio, prudente e sobre todo bo xestor, iniciaría un proceso, en primeiro lugar de presión. Presión no diálogo, cartas ás autoridade e altos cargos competentes, con solicitudes de reunións coas máis altas instancias. Presión nos medios de prensa. Presión política, con mocións en pleno para lograr o apoio do resto de forzar políticas. Presión popular, con mobilizacións da veciñanza, recollidas de sinaturas … toda unha serie de recursos que obrigaran a Correos a recuar nas súas intencións. E en último caso, se fose evidente que a empresa non ia recuar, falar de cesión de espazos públicos ou doutras solucións alternativas, pero non regaladas .
“Pero non foi o que pasou. O que pasou foi que un señor, coleguita do alcalde, con máis cara que espalda lle dixo a David que lle iría ben ter un local de gratis, e a el faltoulle tempo para ofrecerlle un oco na praza de abastos, que a ten morta de risa”.
O resultado desa neglixencia é que o concello vai perder un espazo público na praza de abastos, pero a veciñanza non vai ver melloradas as condicións do servizo. Nin se vai ampliar o horario, nin vai haber máis persoal, nin se van ofrecer máis servizos que os que se ofrecen na oficina actual, que son bastante limitados. En resumo: un regalo a cambio de nada para a veciñanza.
Dende Concello din que iso vai beneficiar aos praceiros. “Para que a praza de abastos funcione o que se precisa é outra xestión da mesma, , onde se promovan máis postos de produto de proximidade que animen a xente a ir a ela a comprar. Pero claro, para iso hai que traballar e este goberno está a outra cousa. Haberá máis xente na praza? Obviamente, pero de aí a mellorar as vendas dunha maneira notable vai un gran paso. E eu non imaxino a ninguén recollendo unha carta de Facenda con ansias de comprar nada”.
Nós non podemos estar de acordo con que se regalen os espazos públicos do Concello a ninguén, pero menos a grandes empresas que non teñen falta de nada. E dende logo é totalmente inaceptable que David Castro non fora quen de lograr a máis mínima mellora no servizo para a nosa veciñanza, co cal Correos lévase un local regalado, pero a veciñanza non se leva nada a cambio. “E a ver quen é o guapo que despois de deixarlle asentarse na praza de abastos, cun contrato regalado, os vota de aí. Porque despois si que Correos dirá que se os votan marchan do Concello. Unha vez ocupen o espazo, Correos se quere recortará o servizo canto considere, e David Castro non será quen de evitalo”.
Dende Somos Ribadumia, temos claro, á vista dos feitos e do que se nos oculta, que David Castro que esta operación é un favor a Jorge Abal. A cambio de que? “Iso non o din, pero nós temos unha idea moi aproximada”.