David Castro negocia a súa integración no PP.

  • Mantivo varias reunións con cargos do PP e ex-concelleiros locais para concretar a fórmula de integración de IR no PP .
  • As xuntanzas foron confirmadas polo PP a nivel autonómico, o entorno do PP de Vilanova de Arousa e o propio presidente de IR.
  • David Castro usa o seu cargo de alcalde para asegurarse o seu futuro político.
  • Presentamos preguntas no pleno para que David Castro aclare que anda facendo.

   Falta un ano para as eleccións locais pero David Castro xa nota o medo a perder a maioría absoluta, polo que no canto de gobernar, dedícase a manobrar para intentar aguantar no sillón ou no seu defecto asegurarse unha saída política, con salario público, enténdese.

David Castro xa amagou no ano 2017 con romper goberno con Somos e PSOE e pasarse ao PP, pero recuou no último momento.

  Os dimes e diretes ao redor do futuro político de David Castro e dos Independientes non son novos, de feito nós xa advertimos na lexislatura pasada e durante a campaña do 2019 que o obxectivo de David era volver ao PP e o do presidente dos Independientes era facerse coa chave da sede local dese partido.

  Pero nestes últimos días dende Somos Ribadumia tivemos oportunidade de corroborar que efectivamente a formación, nacida a partir da expulsión de Nene Barral do PP logo da súa detención policial por cuestións relacionadas co  contrabando de tabaco, nos últimos meses ven mantendo unha serie de xuntanzas co obxectivo de negociar, aproveitando as horas baixas que atravesa a agrupación popular en Ribadumia, a volta ao rego dos Independientes. De feito, aínda que dende a nosa formación puidemos ter confirmación desta cuestión a través de diferentes cargos do Partido Popular que non están conformes con esta actuación nin  coas manobras obsesivas de Gonzalo Durán, desesperado por volver controlar a Mancomunidade do Salnés, nin sequera se pode dicir que sexa un segredo. O propio presidente dos Independientes, Siano Barral, confirmou as conversas e que o acordo está avanzado a membros do noso partido, pero tamén o confirmou a outras persoas e nos faladoiros habituais nos que se move.

   As xuntanzas tiveron lugar nunha bodega ribadumiense, ao máis puro estilo conspirador, e nelas estiveron presentes, ademais de David Castro, altos cargos do PP autonómico e da comarca. Non estiveron presentes membros da agrupación local do PP, pero si un ex-concelleiro da etapa de Salomé Peña, que xa apareceu tamén nas últimas listas provinciais ao senado, a pesar de, supostamente, estar retirado da vida política.

David Castro foi concelleiro co PP e acompañou a Salomé Peña nas listas do ano 2003.

Tal como explica Oubiña, “a diferencia entre estas xuntanzas e outras anteriores, radica en que David Castro xa non ten dúbidas sobre se volver ou non ao PP, partido co cal xa foi concelleiro e que abandonou no seu momento porque o partido non cubría as súas expectativas de ser alcalde, senón como facelo antes das próximas eleccións minimizando danos e mantendo a alcaldía, e por suposto sobre o que sacara el a cambio”.

    Para Somos Ribadumia, os problemas internos do PP ou o que fagan os Independientes tráenos sen coidado, e dende logo se Alfonso Rueda quere ter nas súas filas a xente como Siano Barral, ou un alcalde que xustifica o uso da violencia e das tácticas mafiosas para atacar a quen non lle ría as gracias, pois el verá. Pero non podemos aceptar que un alcalde use o seu cargo para negociar beneficios políticos e persoais con outros partidos, usando como moeda o goberno do concello. Como tampouco podemos aceptar que o Partido Popular nin calquera outro partido use recursos públicos para comprar alcaldías.

 E máis aló disto, está a opinión pública. A veciñanza debe saber que alcalde ten. Os Independientes naceron dunha división co Partido Popular, fixeron oposición contra o Partido Popular e David Castro chegou a alcaldía enfrontándose ao Partido Popular. E foron os Independientes os que transformaron Ribadumia nun territorio en guerra, dividindo e enfrontando  á veciñanza, con durísimos ataques ás persoas identificadas co PP.

  As persoas que votaron aos Independientes fixérono en xeral porque non querían que gobernara outro partido, incluído o Partido Popular, e confiando nunha forza sen ataduras  cos grandes partidos, o cal lle proveeu votos procedentes da dereita e da esquerda, e de feito nas filas independientes hai concelleiras que ata fai pouco se declaraban abertamente de esquerdas e atacaban ao PP. Pero ademais unha parte importante da súa caixa de votos, sobre todo nas parroquias máis rurais, encheuse a  conta da confrontación de IR co PP, e esas persoas apoiaron á David Castro para que non gobernara o Partido Popular. David Castro debe explicar a esa veciñanza esa traizón a todo o prometido, e ao resto debe explicarlle ese  cambio logo de repetir tantas veces que os Independientes non son nin de dereitas nin de esquerdas, e que non teñen lazos con ningún outro partido.  E a uns e a outros David Castro debe explicar que se leva el con este cambio de chaqueta.

   Por todo isto, e para poñer luz nestas cuestións, clarificar a, situación política no noso concello e acabar coa rumoroloxía, “ esta semana imos presentar no rexistro varias preguntas orientadas a que David Castro explique que anda facendo e cal é o prezo da alcaldía de Ribadumia, e que o explique no pleno, ante a cidadanía e tamén ante o seu propio equipo que non sei se estará ao tanto de todo o que o seu voceiro anda tramando”. Dende Somos Ribadumia agardamos que David Castro teña a decencia de aclarar estas cuestións e explicarlle a veciñanza con cal partido se vai presentar as próximas eleccións, e con quen pensa gobernar se, como din as enquisas que circulan na comarca, perde a maioría.

   Dende Somos Ribadumia “ temos claro que aínda que primeiro negará todo e despois venderá outras cousas, David Castro só esta mirando por el mesmo. Pero en último caso tanto ten o que manobre  para salvar o seu acomodado  traseiro. Ribadumia a día de hoxe carece de goberno e de xestión, e non é un problema nin de cartos nin de falta de apoio dun partido grande. Os problemas de Ribadumia radican na incapacidade de David Castro para sacar o concello adiante, e para relacionarse co resto de institucións, atascado na continua improvisación e na falla de proxecto para o Concello. E iso non o vai tapar David nin con grandes pactos nin con cartos, como non foi quen de tapalo antes que el Salomé Peña”.

Deixar un comentario