David Castro compra unha finca en Barrantes ao triple do seu valor de mercado.

  • Vai pagar 163€ por metro cadrado cando o prezo nesa zona non pasa dos 70 €.
  • 163.000 € para unha finca sen ter proxecto, e logo de perder máis de 500.000€ en axudas para proxectos nesa zona de Barrantes.

  A fuxida cara adiante de David Castro está deixando secas as arcas municipais. E estao facendo ademais a base de malas decisións e de negociacións moi mal levadas. O penúltimo exemplo témolo na compra aprobada, vía modificación de crédito ou sexa acudindo a conta de aforro da veciñanza, dunha finca de escasos 1.000 metros por valor de 163.000 €.

   Dende Somos Ribadumia, sempre e cando as cousas se fagan correctamente, non temos nada en contra da adquisición de patrimonio. O problema desta operación reside para nós en como se está xestionando e no prezo da compra, totalmente esaxerado, e en que esta é unha acción totalmente electoralista, que non ten proxecto definido detrás.

 De partida, tal como explica Enrique Oubiña “a compra vaise realizar sen ter unha tasación do terreo, algo que a día de hoxe non se lle ocorre a ninguén con dous dedos de fronte, sobre todo cando falamos deses prezos por metro cadrado. E non o décimos nós, para o pleno acompañouse o contrato de compra dun informe de idoneidade, claramente feito a medida do que lle interesaba por de relevancia ao goberno local – ata o punto de estar asinando despois de que o alcalde pechara o prezo da compra – pero no cal o propio técnico municipal recomendaba realizar unha tasación para determinar o valor real da parcela”.

  No pleno, dende a oposición reclamouse a realización desa tasación e a renegociación  do prezo de compra, pero David Castro negouse en redondo porque sabe que o prezo que esta pagando non é real. “E menos mal que as persoas propietarias todo terreo non pediron máis, porque David está tan desesperado por facer algo, que está disposto a pagar o que sexa. Mentres sexa con cartos públicos claro”.

   O Concello vai pagar, cos cartos de todas e todos , esa parcela ao prezo de 163 € o metro cadrado. “Iso non o paga un construtor por un terreo en Ribadumia nin farto de viño. Os prezos de terreo edificable móvense hoxe entre os 50€ e os 80€ nos casos máis gravosos, e segundo os prezos de referencia que figuran en Catastro, que para esa zona establecen un valor para esa finca nas condicións actuais nas que está de 72.000 €”.

  Os terreos para o segundo campo de A Senra pagáronse a 60€ o metro, un atraco a man armada, pois pagouse a prezo de núcleo edificable en altura un terreo destinado a un campo de fútbol, non a vivendas. Pois aquí temos un atraco que é case do triple, para un terreo destinado a aparcadoiro. É totalmente inaceptable que se pague este prezo por esa parcela, pero máis inaceptable é que David Castro se negue a negociar o prezo, e acepte o que lle piden sen rechistar o máis mínimo.

O non-proxecto para a parcela.

 “Máis aló do dito, cando un goberno pretende executar unha compra pagando eses prezos, ten que ser porque teña un proxecto elaborado e, como mínimo, a urxencia de ter comprometida a  financiación do que sexa que se vaia facer”.

Non é o caso. Dende o goberno admitiron que o que hai con esa parcela son posibilidades, pero nada elaborado nin proxecto, nin memoria básica, nin nada. Só ideas. E fixo David Castro o mesmo que anteriormente fixo co edificio que hoxe alberga a Protección Civil: prometer para el de todo. No pleno falouse que nesa parcela podería ir unha dársena de autobuses e un aparcadoiro, e que tamén permitiría a construcción dun local social onde está albergar  as instalacións que faltan no concello, dende a escola de música a locais para  colectivos. Unha vez máis David Castro promételle a todo o mundo un espazo no mesmo lugar, o malo é que non dan os metros.

  Ademais, ao carecer dun proxecto elaborado, David fai contas de leiteira, pero aplicando mal os metros. Logo de facer as pertinentes consultas, nós temos confirmado que nesa parcela os autobuses van ter moi complicado entrar por un lado e saír polo outro, ou manobrar dentro da parcela para poder saír ben, polo que terán que manobrar na propia vía pública, invadindo o carril contrario para entrar e saíndo marcha atrás da parcela, co correspondente perigo e atrancos. “En serio  que a idea de David Castro para o aparcadoiro do colexio é poñer aos autobuses a facer manobras enriba da carretera á saída dunha curva? En serio á súa gran solución consiste en sacar o problema dun sitio e desprazalo 150 metros á un sitio aínda peor? Pois estamos ben”.

E por último, esta o asunto de como pagar o que se pretende facer nesa parcela. “porque comprala non chega. Hai que obrar, e facer os investimentos. Como mínimo, aínda que non faga nada máis que un aparcadoiro, vai precisar de 200.000 € a 300.000€, enriba do custe da finca, e de aí para arriba. De onde van saír os cartos, doutra modificación de crédito, doutra administración? Se é así e cal e onde está iso recollido? “ Preguntas ás que David Castro non respondeu.

Para Somos Ribadumia é evidente que David Castro quedou moi tocado logo de perder máis de medio millón de euros en axudas para o seu macro-proxecto en Barrantes, e agora busca un sitio onde poñer un cartel de obra antes das eleccións.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s