David Castro obrigado a asumir a xestión da gardaría municipal.

  • A concesión estaba vencida dende 2019.
  • En tres anos David Castro foi incapaz de xestionar, nin a inclusión na rede Galiña Azul da Xunta, nin un novo concurso nin a remunicipalización, e a empresa adxudicataria acabou por marchar.
  • O concello tivo que facerse cargo da gardería municipal pola forza e en precario, sen persoal e sen dotar recursos no orzamento. E ocultándollo ás nais e país ata o último día.
  • Outra vez máis, a desidia marca a xestión municipal.

  “Estabamos agardando a ver se David Castro de maneira voluntaria explicaba no último pleno os cambios na xestión da gardería municipal acontecidos nas últimas semanas.  Pero queda claro unha vez máis que a única maneira de que David Castro explique algo é que o forcemos dende a oposición”.

  A gardería municipal pasou a ser xestionada de xeito directo polo Concello o 1 de maio. E non foi por vontade de David Castro, senón por mor da súa desidia. A concesión da gardería, que levaba vixente dende o ano 2013, venceu todos os prazos e prorrogas no ano 2019. En todo este tempo a empresa que tivera esa concesión, por vontade propia seguiu realizando a mesma labor, pero en precario e sen seguridade xurídica, agardando con moita paciencia que David Castro solventara a cuestión, ben cun novo concurso, ben remunicipalizando o servizo, ou coa opción para nós ideal, que sería que asumira a Xunta a súa xestión. A solución, a que fora, nunca chegou, e a concesionaria, cansa das escusas do goberno local, logo de tres anos optou por renunciar a seguir na situación na que estaba.

  Non se pode decir que o goberno vivira no descoñecemento, nin da situación da gardería nin das intencións da adxudicataria, coa que se reuniu en varias ocasións, e que comunicou a súa renuncia con tempo suficiente e por rexistro municipal, como corresponde. “O que pasou foi que David Castro é un incompetente. Moito reunirse con altos cargos en bodegas privadas para falar do seu futuro político, pero despois de lograr beneficios  para Ribadumia, nada de nada. Foi incapaz de lograr que a Xunta asumira a gardería e a pasara á rede autonómica da Galiña Azul, unha solución coa que concordabamos todas as forzas políticas locais. Non quixo asumir como lle propuxemos dende Somos Ribadumia a xestión municipal, absorbendo de partida a todo o persoal, incluída a dirección que nese momento tiña a gardería, evitando así cambios drásticos e faltas temporais de persoal cualificado,  dándolle continuidade a un equipo que tiña unha gran valoración entre as nais e país, e que ademais  cónstanos que realizaban unha gran labor, na atención ás crianzas, pero tamén na  xestión da gardería, que non é algo menor. Non quixo tampouco realizar un concurso público e adxudicar novamente a xestión da gardería. Non quixo facer nada, deixou a gardaría abandonada pensando que a empresa adxudicataria non se movería de onde estaba, e claro, ao final pasou o que tiña que pasar”.

  A David Castro non lle quedou máis remedio que asumir a xestión da gardaría pola forza. E faino sen ter previsión nin económica nin de ningún tipo, e sen persoal cualificado para poder realizar a xestión como corresponde.

 É moi lamentable, e outro exemplo claro da maneira neglixente de gobernar que ten David  Castro, que sabendo como sabía que a empresa adxudicataria ía deixar a gardaría en maio, non incluíra nos orzamentos as partidas económicas necesarias para facer fronte a remunicipalización forzosa da gardaría, pois agora os gastos e ingresos, incluídos os de persoal,  deberán figurar nas contas municipais. Tampouco vimos que o goberno abrira un proceso de  selección de persoal cualificado, necesario para dirixir unha entidade destas características que non se pode por na man de calquera auxiliar administrativo sen experiencia. Porén, David Castro unha vez máis opta pola improvisación e sobrecarga ao persoal municipal coa xestión administrativa da gardería.

  Nós defendemos que os servizos públicos se xestionen directamente. Pero as cousas hai que facelas ben e con previsión e transparencia, como se fixo no mandato anterior coa remunicipalización da xestión dos impostos, que se traballou e mesmo se someteu a valoración do pleno. “Claro que na lexislatura pasada estabamos nós para poñer orde, e agora isto é unha desfeita continua, cun goberno inexistente salvo para crear problemas, que xa da a lexislatura por amortizada, e que xa só se preocupa das eleccións é das súas propias leas internas, quen queda quen marcha, quen cobra e quen non. E así non hai maneira a facer as cousas ben”.

  E dende logo, parécenos unha total falta de respecto á veciñanza, e en particular ás nais e país que deixan á diario na gardería aos seus fillos e fillas, que á única comunicación ao respecto fora unha breve nota emitida pola empresa adxudicataria da gardería no último día. É o goberno local o que debe dar explicacións públicas de todo o que aconteza cos servizos municipais, máis un como este. E as nais e país teñen que saber que pasa coa gardería, quen se fai cargo da xestión, e como, a quen lle están pagando polo servizo e quen se responsabiliza del e, en resumo, na man de quen deixan aos seus fillos e fillas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s