A obra de reforma do CPI Xulia Becerra Malvar, unha chapuza con foto oficial e sen calefacción.  

  • O Delegado Territorial, Luís López, pasou onte por Barrantes  a facerse a foto obviando que a obra realizada non se corresponde coa comprometida.
  • As graves deficiencias quedaron sen resolver, mentres se investiron cartos en actuacións innecesarias.
  • David Castro, sumiso ante a Xunta, incapaz de xestionar nin defender unha mellor solución aos problemas do Colexio.
  • E mentres certos políticos fan fotos e propaganda, o colexio leva días sen calefacción.

  Na visita do Delegado Territorial da Xunta e do Xefe Provincial de Educación ao CPI Xulia Becerra Malvar, á que por certo non se convidou a Somos Ribadumia a pesar de ser a forza política que loitou e logrou que o goberno autonómico investira fondos no colexio, todo foron boas verbas e promoción. Pero a realidade é que os 842.000€ investidos, resolveron poucos problemas.

  Dende Somos Ribadumia levamos facendo seguimento desta obra dende o primeiro momento. E do mesmo xeito que denunciamos que o proxecto  inicial supoñía a destrución dunha intervención artística única, ata o punto de solicitarlle formalmente á Consellería que se rectificara, e agradecemos publicamente esa rectificación, debemos agora lamentar que as obras realizadas non  se correspondan co proxectado, ata o punto de que o propio Delegado da Xunta deu detalles da obra que non se realizaron.

  Indo ao concreto, tal como explica o noso voceiro Enrique Oubiña, que ademais foi concelleiro de Obras e Urbanismo na lexislatura anterior, ten unha relación moi estreita coa comunidade educativa e é moi bo coñecedor das problemáticas do colexio “ esta obra debería calificarse, se non de chapuza, cando menos de parcial. Actuouse nos tellados que estaban en boas condicións e deixouse sen renovar o tellado do edificio máis antigo, que esta nunhas condicións lamentables. Reforzouse o illamento do edificio máis novo, onde non era a priori necesario pois é unha obra recente e cunhas condicións de illamento aceptables, pero aínda por riba só se actuou por tres das catro fachadas, co cal o resultado a nivel de illamento que se puidera buscar queda moi mermado. Actuouse na fachada posterior do edificio máis antigo, fachada que da a corredores e despachos, pero non se actuou sobre a fachada principal dese edifico que é onde están as aulas nin sobre o edificio de infantil – antiga casa de mestres reformada” . Nestes dous casos ademais hai que salientar que existen incoherencias notables. O proxecto prevía para as fachadas do edificio que alberga infantil a colocación dun sistema SATE, e na parte frontal do edificio de primaria o illamento das cámaras. O asunto é que por unha parte o edifico de primaria non ten cámara, polo que dificilmente se pode someter a tratamento de illamento algún, é no edificio de infantil non se colocou ningún sistema SATE, un sistema que vai colocado por fóra da fachada existente. Polo tanto a nosa pregunta é: en que se investiron os cartos se tres das actuacións máis importantes economicamente e necesarias para o colexio non se realizaron”? .

 Dende Somos Ribadumia agradecemos que despois de moitas loitas a Xunta investise cartos no noso colexio, pero non podemos valorar positivamente que un investimento deste tamaño se límite á maquillaxe, e menos que o faga xusto nas partes onde non é necesario, é deixe importantes problemas sen resolver. E máis aló diso queremos por de relevancia que dende a dirección do centro e a ANPA fai meses que se solicitou que se aclarase o estado da obra e se explícase cales foron as modificacións feitas para que  estas partes que mencionamos e que figuraban no proxecto non se levaran a cabo e o destino final dos fondos da partida, pois se ben foi posible determinar que partes do proxecto non se realizaron, non se puido saber que outras actuacións se realizaron que xustificaran o cambio de criterio e o esgotamento da partida orzamentaria.

  Á lamentable falta de liderazgo de David Castro.

Oubiña visitou as obras do colexio ao principio deste curso, comprobando que a maioria das cuestións importantes seguian sen resolverse e que nin sequera se habai realizado as intervencións que figuraban no proxecto de licitación.

    Tampouco podemos considerar de positiva á actitude de David Castro, que dou á obra por boa e resolutiva cando á realidade é que apenas se resolveron problemas. Ademais debemos lamentar que realizara declaracións desafortunadas por erróneas. Non é certo que no CPI Xulia Becerra Malvar non se investisen cartos nos últimos cincuenta anos. De feito, o criticable é que logo de varios millóns de euros investidos ao longo dos últimos cincuenta anos, onde se realizaron obras de todo tipo, dende a construción do segundo edificio educativo, pasando por varias ampliacións deste é posteriormente a adaptacións das casas dos mestres para albergar o terceiro edificio, ata unha renovación parcial da fachada do primeiro edificio, é máis recentemente o cambio no sistema de calefacción, seguimos tendo un colexio en moi mal estado, cheo de humidades é condensación, con aseos da era cuaternaria e con aulas e despachos en moi mellorable estado material”.

 Sen calefacción en pleno xaneiro.

   E mentres os políticos fanse fotos, o colexio leva varios días sen calefacción, coas obrigas de ventilación por mor da covid e coincidindo cos días máis fríos do que levamos de inverno e coa incapacidade do Concello, responsable do mantemento da instalación, que non é quen de facer que a empresa que leva o mantendo da caldeira actúe con algo de celeridade, polo que probablemente o problema non se resolva antes da semana próxima. Outro exemplo da inexistente xestión municipal de David Castro.

  Dende Somos Ribadumia agardamos que a Consellería de Educación actúe  e se decida a destinar fondos para acometer obras de actualización do noso colexio máis efectivas. Do goberno local, agardamos máis dilixencia e efectividade, pero non somos moi optimistas, se temos en conta que ano e medio despois de denuncialo, a sede de protección civil segue sen auga corrente.

Comunicado conxunto das agrupacións locais de Somos Ribadumia, PP e PSdeG.

    Unha vez máis, e van tres, as forzas da oposición da Corporación do Concello de Ribadumia vémonos na obriga de forzar un pleno extraordinario, neste caso para lograr que David Castro dea explicacións sobre a controvertida actuación que pretende realizar en Barrantes, e para intentar pola vía do acordo plenario dar un xiro a deriva política do goberno local.

  Ao longo do pasado ano 2021 o goberno local tomou a iniciativa de desenvolver unha importante actuación urbanística na contorna do CPI Xulia Becerra Malvar, o campo de fútbol de A Bouza e a rúa Condesa. Para levar a cabo esa intervención o goberno fixo redactar un proxecto que presentou posteriormente a dúas liñas da Deputación de Pontevedra, os plans Ágora e ReacPon, ademais realizando modificacións técnicas e orzamentarias para que a actuación sobre o papel parecera distinta. De todo o proceso, así como dos resultados da presentación do proxecto ante a administración provincial, o goberno local gardou absoluto silencio, evitou aportar documentación e explicacións cando se lle requiriu dende a oposición e cando non fixo declaracións que non se correspondían coa realidade do que estaba acontecendo. Esta maneira de actuar, secuestrando documentación, mentindo e falseando a realidade non se corresponde co que a cidadanía agarda dun goberno local que se pretenda transparente na súa xestión e respectuoso cos mecanismos democráticos establecidos.

Os feitos, ademais, son da máxima gravidade, dende o plantexamento da actuación, abandonando o proxecto orixinal comprometido coa veciñanza de Barrantes polo propio David Castro e tratando de impoñerllo ao Umia e á comunidade educativa e ao mesmo tempo de ocultarllo a oposición e á opinión pública, a como se desenvolveu o proceso nestes meses, cunha xestión lamentable,  ata as consecuencias: a perda de 529.000 € en  investimentos por xestionar de xeito nefasto o proceso de solicitude das liñas de axudas, e por non resolver problemas facilmente resolubles.

  Fai uns días a oposición fixo pública a perda das liñas de axuda e os motivos e solicitou explicacións públicas do goberno local, pero o alcalde, unha vez mais, so aportou evasivas.  O resultado é que un ano despois de que o goberno local iniciara o camiño para levar a cabo a actuación referida, nin os colectivos afectados, nin a oposición, nin a veciñanza no seu conxunto sabemos que vai pasar con esa actuación. E é por estes motivos que consideramos que as explicacións deben darse agora, non cando o alcalde encontre un oco ou nun pleno dentro de varios meses – o próximo ordinario non será ata marzo – , polo que ante a desidia de David Castro e o seu tacticismo político baseado en “deixar pasar”, vémonos na obriga de actuar forzando este pleno.

   Por outra banda, a realidade destes feitos e o xeito como aconteceron, que  serán corroborados polo informe e a documentación que solicitamos á secretaría municipal de cara ao pleno, condensa os continuados atrancos aos que o goberno local somete á oposición e por extensión á veciñanza ribadumiense, ocultando información, mentindo nos plenos e nas intervencións públicas, bloqueando o acceso á documentación municipal e en xeral mantendo uns funcionamentos que pouco teñen de democráticos e de transparentes.

   As forzas políticas que conformamos a oposición, pero que non por iso temos menos lexitimidade á hora de participar na vida e nas decisións políticas municipais, consideramos que estes comportamentos, máis aló da crítica política, son ademais innecesarios nun goberno cunha folgada maioría, e non benefician á imaxe pública do noso concello, nin ante a cidadanía en xeral, nin ante o resto de institucións públicas.  A perda da calidade democrática no noso concello é algo preocupante dende fai meses, polo que consideramos urxente que o goberno faga propósito de emenda e corrixa erros pasados, e que toda a corporación, goberno e oposición, redirixamos o funcionamento político cara a normalidade democrática que a veciñanza nos reclama. Por ese motivo, para o pleno, ademais doutros puntos referidos ao xa exposto, propoñemos o seguinte acordo, que trasladamos de maneira literal:

O Pleno da Corporación Municipal de Ribadumia insta ao goberno local do Concello de Ribadumia a:

  • mellorar os mecanismos democráticos, comunicativos e participativos coa oposición, cos colectivos locais e en xeral coa cidadanía.
  • trasladar calquera proxecto que o goberno queira levar a cabo, ou calquera posibilidade de desenvolver proxectos de importancia para o conxunto da cidadanía, á correspondente comisión informativa, á xunta de voceiros ou, de darse o caso, á correspondente mesa de  traballo.
  • favorecer a través dos mecanismos democráticos establecidos a participación de todos os concelleiros e concelleiras da corporación municipal no desenvolvemento dos proxectos de importancia para o conxunto da cidadanía, establecendo espazos e tempos de consulta dos mesmos, someténdoos á valoración do pleno antes de levalos a cabo ou dispoñer partidas orzamentarias e en xeral actuando atendendo ao respecto debido a todas as forzas e persoas electas para representar politicamente ao noso Concello.

David Castro perde máis de 500.000€ en dúas subvencións  por neglixencia na súa xestión.

  • Perdidos 429.000€ do plan ReacPon por presentar un proxecto que non cumpría as bases da convocatoria.
  • Os 100.000€ xa concedidos do plan Ágora, perdidos polo mesmo, e ademais por non resolver en prazo os requirimentos da Deputación de Pontevedra.
  • David Castro elaborou o proxecto e presentouno duplicado, sabendo que no cumpría os requisitos.
  • Esiximos responsabilidades políticas.

  No boletín que este nadal enviamos a todas as casas de Ribadumia expoñiamos que David Castro perdeu no 2021  ao redor de 600.000€ en subvencións (85.000€ de liñas menores de axuda + 115.000€ de política social aos que renunciou + 400.000 do ReacPon). Pois ben, quedámonos curtos en máis de 100.000€, tal e como comprobamos logo de que o noso voceiro consultara, xunto ao resto de voceiros da oposición, a documentación relativa ao discutible proxecto que David Castro tiña previsto para a contorna do CPI Xulia Becerra Malvar e o campo de fútbol de A Bouza, proxecto “segredo” que dende a nosa formación sacamos á luz o verán pasado.

     O proxecto en concreto, recordamos, prevía a eliminación do aparcadoiro sito entre o CPI Xulia Becerra Malvar e o campo de fútbol de A Bouza, para realizar un falso patio cuberto e unha zona parcialmente axardinada, e un cambio nas beirarrúas e zonas de aparcadoiro nun tramo da rúa Condesa. En xullo , en pleno municipal  David Castro informou de que o proxecto rondaría os 600.000€ e que se estaba redactando o proxecto para tratar de entrar no plan ReacPon da Deputación. Xa no seu momento falamos das mentiras ditas nese pleno, pois o proxecto xa se presentara a un plan anterior en marzo, o Ágora, a través do cal o Concello conseguira inicialmente 100.000€.

    Unha vez analizada a documentación existente no Concello, ou cando menos aquela á que se lle deu acceso ao noso concelleiro, podemos aclarar algunhas das dúbidas.

  A primeira é que tal como nós sospeitabamos David Castro presentou o mesmo proxecto a dúas liñas de axuda diferentes, o plan Ágora, para o cal solicitou 100.000€ , e o plan ReacPon, a través do cal pedía 429.000€. E no canto de presentalo dividido en dúas actuacións distintas, que neste caso sería o legal e o correcto, fixo da maneira máis custosa e torpe, que foi presentando o mesmo proxecto, para as mesmas actuacións, modificando a súa redacción. De feito, tal foi a capa de maquillaxe técnica que o proxecto presentado para o plan Ágora está valorado en 601.000€, e o mesmo proxecto, presentouse para o plan reacPon valorado en 771.000€.

   Tal como explica Oubiña, concelleiro de obras na lexislatura anteriorconcretando os feitos. David Castro presentou un proxecto valorado en 601.000€ ao plan Ágora. Logrou entrar nesa liña obtendo 100.000€. Os outros 501.000€ debía aportalos o Concello. Para evitar aportar eses cartos, David no canto de traballar e xestionar algunha liña económica coa Xunta ou mesmo coa administración central, optou pola picaresca, e  presentou o mesmo proxecto ao plan ReacPon, maquillado e engordando o orzamentos ata 771.000€ e solicitando 429.000€. O obxectivo evidente  era que o concello so tivera que facer fronte con fondos propios a unha parte pequena. Aínda no imposible caso de que isto saíra ben o concello tería que dispor entre 200.000€ e 250.000€, como mínimo, pero o  resultado foi o esperable cando pretendes facer trampas tan burdas como presentar ante a mesma administración  dous proxectos iguais  con importes distintos, e pretender ademais que un cubra boa parte do outro.”.

   Ribadumia foi dos poucos concellos que quedaron fora do plan ReacPon. Isto non é de estrañar, porque aínda que ese plan era moi accesible para os concellos, ata o punto de que a Deputación chegou a aumentar o seu importe para dar cobertura a maior cantidade de proxectos posibles, había que cumprir unha serie de requisitos, entre os cales estaban ter o plan minimamente avanzado, non so sobre o papel. Isto prexudicou claramente ao concello de Ribadumia nas valoracións. tampouco debeu axudar moito que David Castro tivera a cara dura de declarar na solicitude que xa tiña 100.000€ concedidos no plan Ágora, un proxecto supostamente diferente, información que cabía pensar que os técnicos contrastarían”.

  A documentación  confirmou outra das nosas sospeitas, a máis grave: que ese proxecto non se ía poder financiar a través deses dous plans en ningún caso. De feito, o financiamento a través do plan Ágora foi suspendido e o concello perdeu os fondos. O motivo é algo que David Castro sabe como saben todos os alcaldes: calquera obra financiada pola Deputación de Pontevedra – ao igual que o resto de administracións –  ten unha condición ineludible, que é que os terreos e vías afectadas por eses proxectos deben ser de titularidade municipal.  E o tramo da rúa Condesa incluído no proxecto non é de titularidade municipal, senón que forma parte da EP-9506, de titularidade provincial. Así consta no requirimento que a Deputación lle enviou ao Concello e que o alcalde contestou fora de prazo e unicamente despois de que dende a oposición pediramos acceso á toda a documentación.

  Para Oubiña “o mais lamentable é a desidia do alcalde. Sabía de sobra que non cumpría o requisito da titularidade da vía, pero ese é un atranco moi sinxelo de solventar. So hai que solicitarlle a Deputación a titularidade, facer o trámite burocrático e levala a pleno. Dende o momento que se  decantou por ese proxecto, sobroulle tempo para facelo. Pero optou por quedarse de brazos cruzados agardando que a Deputación lle dera os cartos pola súa cara de neno bo”.

E agora quen asume responsabilidades?

Parécenos inaceptable que un goberno engane a cidadanía pretendendo que quere lograr fondos para proxectos importantes optando a liñas de axudas para as que sabe que non cumpre cos requisitos. De partida é unha tomadura de pelo de cara a administración afectada, neste caso a Deputación, pero tamén é rirse da veciñanza, porque un proxecto desa envergadura, non aparece da nada premendo un botón, fan falla moitas horas de persoal técnico e recursos  que teñen o seu custe, que pagamos todos os veciños e veciñas, máis aínda se se fai dende o Concello e obrigando aos traballadores municipais a deixar de lado outras cuestións, ou a facer horas extraordinarias.

   Pero para nós hai algo se cabe aínda máis inaceptable. E é que estas subvencións perdéronse, primeiro por non plantexar ben o que se quería facer e solicitar as cousas cumprindo os requisitos, algo que era factible actuando con responsabilidade e dilixencia, e segundo porque, con todo, era perfectamente viable e sinxelo  solventar o da titularidade das vías afectadas polo proxecto e cando menos salvar a concesión do Plan Ágora..

  Podemos entender e asumir que unha subvención non se conceda por outros motivos, pero non por non facer correctamente o traballo dende o goberno local. E entendemos que ademais a maneira de actuar foi claramente torpe e dun nivel de incompetencia política moi alto, por non falar do infantil e irrespetuoso que resulta pretender ocultar o que estaba acontecendo á oposición e á veciñanza.

Agardamos que David Castro saia a dar as pertinentes explicacións públicas e que se asuman responsabilidades políticas ante este despropósito. Porque ademais a día de hoxe ninguén, nin a veciñanza, nin a directiva do Umia, nin a comunidade escolar, saben que pasa con ese proxecto, se se vai executar ou non, ou como se vai pagar e cando se vai executar en caso de que se realice.

Logramos avances para solucionar os problemas do noso centro de saúde.

  • Na última xuntanza coa xerencia da EOXI, celebrada a semana pasada, logramos consensuar unha alternativa que facilite recuperar o servizo de pediatría.
  • O terceiro médico, máis preto.
  •  O noso traballo continuado  e a nosa capacidade de negociación, fundamentais para chegar a este acordo en beneficio de Ribadumia.

  Logo de meses de traballo e conversas coa EOXI Pontevedra-O Salnés, dende Somos Ribadumia logramos poñer enriba da mesa unha solución que permita a recuperación do servizo de pediatría no centro de atención primaria de Ribadumia que para a xerencia do ente sanitario resulte aceptable ata o punto de estar disposto a poñela en marcha nos próximos meses.

   A semana pasada tivo lugar unha xuntanza formal entre Somos Ribadumia, representado por Ricardo Fontán, e o xerente da EOXI Pontevedra-Salnés, Xosé Ramón Gómez, que  foi o resultado dunha serie de conversas anteriores onde se analizou a situación concreta do centro de saúde ribadumiense, e se valoraron posibles solucións.

   Resumindo unha situación sobradamente coñecida: Ribadumia, ao igual que a Illa de Arousa  con quen comparte pediatra,  leva máis de un ano sen este servizo, tendo as familias que levar ás crianzas  ao centro de saúde de Cambados. Esta situación  alongase no tempo e dende o EOXI sempre se dixo que o problema era encontrar pediatras para cubrir o servizo.

  Tal como Explica Ricardo Fontán, membro da executiva de Somos Ribadumia e con case corenta anos de experiencia como traballador do SERGAS, “O que nos fixemos foi sentarnos e analizar cal era o problema polo cal non se encontraban pediatras que cubriran estes ocos, e vimos, falando con membros da xerencia e con diversos profesionais sanitarios,  que o principal atranco non estaba tanto na falla de pediatras como na organización do servizo. Resumindo: que ninguén quere repartirse entre Ribadumia e a Illa debido á distancia que supón os desprazamentos e que obriga a unha enorme perda de tempo e en último termo unha merma da calidade de servizo e da calidade de vida laboral dos profesionais que sinxelamente, con esas condicións non dan feito”.  Dende Somos Ribadumia traballamos entón varias alternativas, analizando a situación dos concellos limítrofes, e ao final demos cunha proposta que podería ser viable, e que levamos á xuntanza do pasado martes.

“A nosa proposta resultou ben sinxela: que o pediatra sexa compartido con Meis, que tamén se encontra nestes momentos sen este servizo, e non con A Illa. Isto significaría acortar os desprazamentos para o pediatra ao mínimo , mellorar a calidade do servizo e tamén dos tempos para a atención, e o resto de parámetros de calidade do servizo, ata o  punto, e así o propuxemos,  de que podería darse atención un día á semana pola tarde”. A nosa proposta foi máis aló, pois dende Somos Ribadumia mantivemos previo a esta xuntanza contactos con profesionais que puideran estar interesados en aceptar este destino, co resultado de que puidemos aportar algún nome a Xosé Ramón Gomez, o cal entendemos, ao igual que o xerente da EOXI,  que facilita moito o avance na resolución deste problema.

  Dende a Xerencia aceptaron a nosa proposta e decidiron incluíla nos seus procesos internos, quedando emprazados nas próximas semanas a outra xuntanza para xa confirmar a viabilidade deste plantexamento e  a súa posta en marcha.

O terceiro  médico, máis preto.

  Outro asunto ao que propuxemos solución obtendo o visto bo da xerencia foi a dotación do terceiro médico no centro de saúde de Ribadumia. Este é un tema se cabe máis complexo, pois á reiterada falta de profesionais súmase que o centro de saúde, feito fai máis de trinta anos, non conta coa infraestrutura necesaria para dotar dun xeito competente o terceiro facultativo.

   Dende Somos Ribadumia propuxemos como solución viable que o terceiro médico de familia dera consulta polas tardes, o cal redundaría na mellora do servizo e dos horarios de atención, tamén da atención domiciliaria. E do mesmo xeito que fixemos co asunto do pediatra, para facilitar o avance desta proposta, puidemos colocar enriba da mesa nomes de facultativos que viven dentro do SERGAS situacións de cambio que estarían a priori dispostos a dar servizo en Ribadumia.

   O xerente da EOXI aceptou tamén esta proposta, considerándoa unha boa solución, comprometéndose a estudar a viabilidade da mesma.

  Ao rematar a xuntanza, que se alongou un par de horas, algo pouco habitual que fala do interese da Xerencia da EOXI en artellar solucións para o noso centro de saúde e do bo traballo de Ricardo Fontán actuando en nome do noso partido,  este confirmou que “do mesmo xeito que en xuntanzas anteriores a cousa parecía que non remataría moi ben, desta temos a seguridade de que a EOXI vai atender as nosas propostas e pronto imos recuperar o pediatra, e moi posiblemente teremos o terceiro médico, algo que levamos anos reclamando”:

    Dende Somos Ribadumia queremos agradecer á dirección da EOXI, e ao seu xerente Xosé Ramón Gómez por escoitarnos ao longo de todos estes meses e por facer o esforzo de sentarse con nos a analizar a situación e buscar solucións.

   Nas próximas semanas manteremos xuntanzas cos representantes de A Illa e Meis, cos que xa estivemos en contacto, para explicarlle polo miúdo todo este traballo e comentar a situación dende o ámbito político.

  Traballar.

Tal como explica Ricardo Fontán,,  “no noso partido temos moi clara a nosa opinión ao respecto da política da Xunta coa sanidade pública e non a ocultamos, pero tamén temos moi claro que se queremos solucionar os problemas do noso concello non chega con queixarse. As normas ponas quen goberna, con esas normas hai que traballar, e iso foi o que fixemos”.

Enrique Oubiña, Ricardo Fontán e Lorena Rodriguez xunto á doutora Margarita Vidal e varias veciñas e veciños durante unha das concentracións realizadas en fronte ao centro de saúde.