David Castro usa recursos públicos para promocionar a súa carreira política.

- Grava unha entrevista promocional usando recursos públicos, e falando en calidade de alcalde, pero para facer campaña persoal e partidista.
- Nesa entrevista David Castro confirma conversas “informais” co PP para integrar a IR nese partido.
A semana pasada, unha canle de información de carácter comarcal que opera nas redes sociais publicaba un video promocional de David Castro. Dito vídeo foi gravado en instalacións municipais, neste caso no auditorio, e nel David Castro falou en calidade de alcalde, non como voceiro do seu partido, nin a título particular. Máis non falou de cuestión municipais, senón que dedicou a maior parte da entrevista a promocionarse facendo un exercicio de autobombo dun nivel poucas veces visto na nosa comarca.
Dende Somos Ribadumia non podemos aprobar que o alcalde use os recursos de todos e todas as ribadumienses para facer campaña de si mesmo e do seu partido. “ Ese vídeo é outro exemplo máis do alcalde déspota que está demostrando ser David Castro, pero non podemos aceptar que se queira rir da nosa veciñanza con tanta cara dura. O vídeo, anunciase como unha promoción da Festa do Tinto e para falar da situación do Concello. Ben, se non fora porque de nove minutos longos que dura o vídeo, onde só fala David, dedica a estas cuestións menos de tres minutos ao final da entrevista, de tal xeito que os primeiros seis minutos son un exercicio de autobombo e de promoción da súa figura e da do seu partido. E non teríamos nada en contra se o fixera na súa casa, e se o vídeo o pagara el do seu peto, pero non podemos aceptar que a veciñanza cargue co custe dos despropósitos deste home”.
Recordámoslle a David Castro que cando fala en calidade do seu cargo de alcalde, faino representando ao Concello de Ribadumia, non a si mesmo nin ao seu partido, polo que agardamos que de xeito inmediato pida desculpas públicas por este uso partidista e persoal do seu cargo e das instalacións da veciñanza, cuxo mantemento e factura da luz pagamos todas e todos, e aclare quen pagou esa entrevista e para o lamentable caso de que pagara a veciñanza, o custe que tivo.
O futuro político de David Castro, cada día máis claro.
Con todo, David Castro aproveitou para ir definindo os camiños polos que vai transitar cara ás próximas eleccións municipais: admite que se produciron e se seguen producindo contactos -non formais- co PP e que pode producirse a integración nese partido antes das eleccións do próximo ano. “David negou conversas “formais”, pero non informais. Claro, esas conversas non poden considerarse formais porque tiveron e seguen tendo lugar nunha bodega e non na sede do PP. E dende logo deixou ben claro que os Independientes non terían ningún problema en integrarse no PP, se a oferta é boa. Que pode ofrecerlle e que lle está ofrecendo o PP a David Castro, foi o único que non dixo, pero nós temos unha idea ben aproximada”.
En todo caso, todo o expresado por David nesa entrevista pagada corrobora todo o feito público pola nosa formación. O único para o que non serviu esa entrevista foi para mellorar a imaxe pública dun alcalde que cada día está máis fora da realidade, que usa actos públicos como a entrega de premios da festa do Tinto para acariñar a amigos seus como Cores Tourís -que non pintaba nesta festa – e que non ten reparo en utilizar calquera ferramenta, fondos económicos e recursos municipais incluídos, na súa fuxida cara adiante.