A dobre vara de medir de David Castro na Festa do Tinto, desprezando a hostalería local en favor dos postos ambulantes.
- Aos locais de Barrantes mandoulles á Garda Civil para que pecharan puntualmente, pero permitiu a barra da Comisión aberta ata as nove da mañá.
- Prexudicou aos locais na fin de semana de maior facturación en favor dos postos de comida ambulantes e da barra da Comisión, subarrendada a unha empresa foránea.
- O descontento da hostalería local, patente.
- Importantes fallos de seguridade e de limpeza durante as festas.
A alta afluencia de xente a Festa do Tinto deste ano non conseguiu tapar os desmáns e os exercicios de soberbia e de irresponsabilidade do goberno local, que non tivo reparos en prexudicar aos locais hostaleiros en favor dos postos ambulantes e das barras alugadas polo concello, e que cometeu errores graves na xestión do tráfico no centro de Barrantes.
No ano 2019, por primeira vez o goberno de David Castro solicitou a presenza da Garda Civil para pechar os locais de hostalería na hora establecida. Tal como explica Oubiña “esta medida imposta polo home que dixo nun pleno que había que ter certa flexibilidade coas normas, o mesmo home que montou unha festa en plena pandemia xusto fai un ano con visita da Garda Civil incluída, sorprendeu nese 2019 á hostalería e a nos mesmos, que non estabamos informados de que se fora tomar esa medida, pois ata ese momento en todas as edicións permitirase , sempre e cando non houbese altercados nin excesos, certa flexibilidade horaria -que non abuso- , co ánimo de favorecer o desenvolvemento da propia festa e aos negocios locais, que durante esa fin de semana teñen un pico moi importante de facturación”.
Dende Somos Ribadumia non somos en absoluto contrarios ao cumprimento da lei e entendemos que obviamente ten que haber limites. Pero tamén hai que entender como funcionan as festas e actuar con criterio. Se David Castro quere facer vir a Garda Civil a pechar os locais nas noites nas que máis xente hai en Barrantes, porque o considere necesario ou porque lle molesten, e obrigar a moita xente moza ou non tan moza a irse para a casa ou ficar montando a festa nas rúas de Barrantes, pois el verá. Pero o que non pode ser é que as normas se apliquen a uns si e a outros non.
O que pasou no 2019 , e outra vez este ano, foi que David Castro pediu a presenza da Garda Civil para asegurarse de que toda a hostalería pechara á hora estipulada, antes incluso de rematar a verbena, pero ao mesmo tempo permitiu que postos de comida ambulantes e a propia barra da comisión permaneceran abertas todo o tempo que quixeran.

E moi chamativo foi o acontecido este ano, pois non só se permitiu que eses postos seguiran traballando logo de pechar todos os locais hostaleiros. Na propia Praza da Carballeira, onde ten lugar a cata final e as actuacións de maior importancia, unha vez rematada a verbena, na noite do venres e do sábado, alguén meteu un equipo de música, concentrando a moitas das persoas que viñan de ser expulsadas dos locais nesa praza sen que nin un só axente da Garda Civil se personara alí, co resultado de que a festa se alongou, con música a todo volume nun espazo público e coa barra da comisión servindo copas, ata máis aló das nove da mañá.
Dende o noso punto de vista este desprezo aos negocios locais é totalmente inaceptable. Ademais cónstanos que xa antes da festa, nunha xuntanza co goberno local os propios hostaleiros pediron que se había que pechar os locais a determinada hora se obrigara tamén a pechar aos postos ambulantes, recibindo unha negativa por resposta. Esta semana mantivemos conversas con varios hostaleiros e o malestar é patente. .
Fallos nos dispositivos de limpeza e seguridade.
Porque non foi este o único desprezo verquido contra os locais hostaleiros. O operativo de limpeza viu retrasado o seu traballo por mor da festa na Praza do Concello que durou ata pasadas as nove da maña, tanto o sábado como o domingo, e iso sumado a falta dunha persoa con responsabilidade que adecuara os traballos ás circunstancias, repercutiu nun retraso na limpeza das rúas, de tal xeito que varios locais queixáronse de que tiveron eles que varrer e baldear as rúas para poder montar as terrazas e abrir a súa hora. Ademais ao negarse o goberno local a poñer aseos de reforzo en determinadas zonas tal e como lle pediron os hostaleiros, pasou o que tiña que pasar, e sumado aos atrasos nas labores de limpeza, había paredes que as once da mañá cheiraban a unha boa distancia, dando unha imaxe moi pouco hixiénica. De feito houbo xente que se queixou de mal cheiro durante a comitiva dos valedores que fixo o paseillo o sábado.
Por outra banda, rúas do centro de Barrantes que normalmente se pechaban por seguridade, o domingo quedaron sen pechar, permitindo o paso dos coches polo medio da xente, dos postos ambulantes, das terrazas e das actuacións á pé de rúa, poñendo en risco as persoas nas horas de maior afluencia, e dando pé a varios sustos e altercados entre condutores, peóns e clientes das terrazas.
Dende Somos Ribadumia somos conscientes do traballo que da organizar un evento destas características, e dende logo para todas as persoas voluntarias que participan na organización da Festa do Tinto – que cada ano son menos por mor do sectarismo do goberno local – e para os traballadores e traballadoras que fan moitísimas horas durante eses días e os previos, so podemos ter verbas de agradecemento. E por iso tamén nos entristece tanto que o goberno local, único responsable das decisións que se toman en todo o relativo á festa, enlame con estas e outras actuacións de soberbia e chularía cara a hostalería e tamén cara veciños e veciñas e con erros de bulto unha organización tan difícil e complexa, e o traballo tanta xente.