David Castro regálalle a Correos un espazo na praza de abastos a cambio de nada.

  • A cesión do local, por 100€ ao mes, non implica mellora ningunha de servizo, nin ten xustificacion.
  • David Castro non axuda ás empresas locais, nin dispón axudas para as persoas que queren poñer en marcha un negocio, pero regálalle espazo público ás grandes empresas.
  • Na operación intermediou Jorge Abal, ex-concelleiro popular, vinculado ás negociacións para integrar a IR no PP.

  O pleno do pasado xoves demostrou que David Castro está decidido a manter a alcaldía de Ribadumia a calquera prezo, e que para logralo non ten problemas en regalar os cartos da veciñanza, ceder espazos públicos a grandes empresas,  comprar maquinaria para poder enfrontar favores electorais de aquí a maio do ano próximo, e por suposto, negociar o seu paso ao PP.

Un dos puntos que os Independientes aprobaron en solitario foi un contrato con Correos a través do cal o Concello cede, pola irrisoria cantidade de 1.200 € ao ano un espazo na praza de abastos de Barrantes.

De partida compartimos que o servizo de correos é necesario, e mellor sempre será telo que non telo. E polo tanto compartimos que o goberno local pule por manter ese servizo para o caso de que correse o risco de perderse. Pero dentro dunha medida, como todo o que atangue á xestión do público. “As cousas teñen que estar xustificadas. Nas comisións informativas pedimos que se aclarara cal é o motivo polo cal o concello lle cede regalado e polas boas un espazo a unha empresa de ámbito estatal, e ademais pertencente ao estado. Non houbo resposta nin nas comisións nin no pleno. Non hai motivo, nin consta ameaza de marcha de Barrantes”.

  David Castro, segundo se explicou nas comisións, unicamente mantivo conversas con Jorge Abal, un veciño de Lois, con cargo de responsabilidade na oficina de Cambados, que tamén resulta ser un  ex-concelleiro do PP, unha persoa que casualmente, ou non, está participando nas negociacións para a integración de IR no PP. De feito no  contrato que se levou a pleno non figura ningunha persoa como asinante.

E máis, ante as preguntas de Oubiña, a Concelleira Pilar Martínez dixo que no goberno non tiñan máis información e derivouno directamente a Jorge Abal.

 Dende o noso punto de vista, en calquera caso David Castro demostrou unha neglixencia absoluta nesta cuestión. Para o caso de que  Correos quixera pechar a oficina, ou buscar co Concello unha alternativa, as cousas teñen un proceder, e a actuación política tamén. De partida Correos debe comunicar formalmente ao Concello a súa intención de pechar a oficina, cos argumentos que sexa, pero por rexistro, cousa que non aconteceu. A partir dese momento un alcalde minimamente serio, prudente e sobre todo bo xestor, iniciaría un proceso, en primeiro lugar de presión. Presión no diálogo, cartas ás autoridade e altos cargos competentes, con solicitudes de reunións coas máis altas instancias.  Presión nos medios de prensa. Presión política, con mocións en pleno para lograr o apoio do resto de forzar políticas. Presión popular, con mobilizacións da veciñanza, recollidas de sinaturas … toda unha serie de recursos que obrigaran a Correos a recuar nas súas intencións. E en último caso, se fose evidente que a empresa non ia recuar, falar de cesión de espazos públicos ou doutras solucións alternativas, pero non regaladas .

“Pero non foi o que pasou. O que pasou foi que un señor, coleguita do alcalde, con máis cara que espalda lle dixo a David que lle iría ben ter un local de gratis, e a el faltoulle tempo para ofrecerlle un oco na praza de abastos, que a ten morta de risa”.

O resultado desa neglixencia é que o concello vai perder un espazo público na praza de abastos, pero a veciñanza non vai ver melloradas as condicións do servizo. Nin se vai ampliar o horario, nin vai haber máis persoal, nin se van ofrecer máis servizos que os que se ofrecen na oficina actual, que son bastante limitados. En resumo: un regalo a cambio de nada para a veciñanza.

  Dende Concello din que iso vai beneficiar aos praceiros. “Para que a praza de abastos funcione o que se precisa é outra xestión da mesma, , onde se promovan máis postos de produto de proximidade que animen a xente a ir a ela a comprar. Pero claro, para iso hai que traballar  e este goberno está a outra cousa. Haberá máis xente na praza? Obviamente, pero de aí a mellorar as vendas dunha maneira notable vai un gran paso. E eu non imaxino a ninguén recollendo unha carta de Facenda con ansias de comprar nada”.

  Nós non podemos estar de acordo con que se regalen os espazos públicos do Concello a ninguén, pero menos a grandes empresas que non teñen falta de nada. E dende logo é totalmente inaceptable que  David Castro non fora quen de lograr a máis mínima mellora no servizo para a nosa veciñanza, co cal Correos lévase un local regalado, pero a veciñanza non se leva nada a cambio.  “E a ver quen é o guapo que despois de deixarlle asentarse na praza de abastos, cun contrato regalado, os vota de aí. Porque despois si que Correos dirá que se os votan marchan do Concello. Unha vez ocupen o espazo,  Correos se quere recortará o servizo canto considere, e David Castro non será quen de evitalo”.

Dende Somos Ribadumia, temos claro, á vista dos feitos e do que se nos oculta, que David Castro que esta operación é un favor a Jorge Abal. A cambio de que? “Iso non o din, pero nós temos unha idea moi aproximada”.

Satisfeitos por lograr o 3° médico para Ribadumia.

  • O SERGAS reforzará o centro de saúde de Ribadumia.
  • O traballo de Somos Ribadumia fundamental neste logro.

  O terceiro médico será pronto unha realidade en Ribadumia. E serao gracias ao traballo continuado da nosa formación ao longo dos últimos meses, centrado no diálogo coa xerencia da EOXI Pontevedra-O Salnés, que pouco a pouco vai dando o seu froito.

   A comunicación por parte do SERGAS de que unha das novas prazas que creou para reforzar a atención primaria en Galicia vai vir para Ribadumia, é para a nós toda unha satisfacción.

Tal como explica Enrique Oubiña, “ o SERGAS ten moito onde reforzar, pois leva anos acometendo recortes na atención primaria. Este 3° médico podería irse a calquera outro centro de saúde, e de feito hai concellos que están reclamando que non se incluirán reforzos nos seus centros de atención primaria, ou que non se incluíran os suficientes. Que viñera para Ribadumia é un logro da nosa formación, que máis aló de participar en todas as accións de protesta contra os recortes e de defensa da Sanidade pública, realizamos un traballo soterrado de diálogo con quen toma as decisións, que vai dando resultados positivos para a nosa veciñanza”.

O terceiro médico é unha vella reivindicación da nosa veciñanza, iniciada no mandato de Salomé Peña, cando Ribadumia superou os 5.000 habitantes. Porén, o PP desa época non foi quen de facer nada máis que apoiar as mocións que a oposición lle levou a pleno sobre esta cuestión ou outras como a cesión do mantemento do centro de saúde á Xunta.

  Tivemos que chegar nós ao goberno no 2015, para que as cousas empezaran a moverse. E os feitos falan por nós. Con Oubiña de Concelleiro de Sanidade logrouse a cesión do centro de saúde ao SERGAS, un importante aforro para o noso concello. Tamén gracias as xestións de Oubiña logramos que se cubriran en diferentes momentos as prazas de médicos vacantes, que por diversos motivos deixabannos cun só facultativo durante semanas. Todo isto froito dun traballo de diálogo constante coa xerencia do EOXI, que mantivemos logo das eleccións do ano 2019, pois a nosa vocación é de servizo á nosa veciñanza, e a través do cal logramos unha vez máis por fin á situación creada cando unha facultativa causou baixa por xubilación. E todo isto mentres David Castro se dedicaba á propaganda, convocando recollidas de sinaturas que despois tiraba ao lixo e indose a facer fotos nas concentracións convocadas por outras forzas políticas, para aparentar un compromiso que non ten, pois a David Castro o único que lle preocupa é aguantarse na cadeira de alcalde.

O nos compañeiro Ri Ardo Fontán, mantivo varias xuntanzas coa xerencia da EOXI, expoñendo as particularidades de Ribadumia e propoñendo solucións viables.

 Agora, logo de meses de traballo, cuxo peso recaeu no noso compañeiro Ricardo Fontán, que mantivo varias e longas xuntanzas  coa xerencia da EOXI  para tratar de poñer solución aos dous grandes problemas que enfrontamos, a falta de pediatra e a necesidade dun terceiro médico, vemos como todo ese traballo segue dando resultados.

    Seguimos tendo deficiencias no centro de saúde, como a falla do pediatra, e polo tanto aínda debemos seguir traballando, pois ademais deses problemas en Ribadumia adoecemos dun alcalde vago que como dixemos só pensa nel mesmo, pero consideramos que lograr un terceiro médico, que ademais tal e como propuxemos dará atención de tarde, ampliando así o horario no que o centro de saúde dará servizo, é un importante logro para o noso concello e para a nosa veciñanza.

   Dende a nosa formación queremos felicitar publicamente a Ricardo Fontán polo seu esforzo continuado, e agradecer á xerencia da EOXI a súa vontade de diálogo e de encontrar solucións aos problemas do noso centro de saúde. “Sabemos que cando toque, o desaparecido David Castro será o primeiro en aparecer para a fotografia, aínda que el en tres anos unicamente foi a Pontevedra a queixarse de que a EOXI mantivera conversas con Somos Ribadumia. Pero que ninguén se engane, o traballo fixémolo dende Somos Ribadumia, a pesar de estar na oposición e de non ter o máis mínimo apoio dos Independientes, que mentres nos traballamos pola nosa veciñanza andan a negociar cargos e beneficios particulares en lugares privados onde pensan que ninquen os mira”.

David Castro negocia a súa integración no PP.

  • Mantivo varias reunións con cargos do PP e ex-concelleiros locais para concretar a fórmula de integración de IR no PP .
  • As xuntanzas foron confirmadas polo PP a nivel autonómico, o entorno do PP de Vilanova de Arousa e o propio presidente de IR.
  • David Castro usa o seu cargo de alcalde para asegurarse o seu futuro político.
  • Presentamos preguntas no pleno para que David Castro aclare que anda facendo.

   Falta un ano para as eleccións locais pero David Castro xa nota o medo a perder a maioría absoluta, polo que no canto de gobernar, dedícase a manobrar para intentar aguantar no sillón ou no seu defecto asegurarse unha saída política, con salario público, enténdese.

David Castro xa amagou no ano 2017 con romper goberno con Somos e PSOE e pasarse ao PP, pero recuou no último momento.

  Os dimes e diretes ao redor do futuro político de David Castro e dos Independientes non son novos, de feito nós xa advertimos na lexislatura pasada e durante a campaña do 2019 que o obxectivo de David era volver ao PP e o do presidente dos Independientes era facerse coa chave da sede local dese partido.

  Pero nestes últimos días dende Somos Ribadumia tivemos oportunidade de corroborar que efectivamente a formación, nacida a partir da expulsión de Nene Barral do PP logo da súa detención policial por cuestións relacionadas co  contrabando de tabaco, nos últimos meses ven mantendo unha serie de xuntanzas co obxectivo de negociar, aproveitando as horas baixas que atravesa a agrupación popular en Ribadumia, a volta ao rego dos Independientes. De feito, aínda que dende a nosa formación puidemos ter confirmación desta cuestión a través de diferentes cargos do Partido Popular que non están conformes con esta actuación nin  coas manobras obsesivas de Gonzalo Durán, desesperado por volver controlar a Mancomunidade do Salnés, nin sequera se pode dicir que sexa un segredo. O propio presidente dos Independientes, Siano Barral, confirmou as conversas e que o acordo está avanzado a membros do noso partido, pero tamén o confirmou a outras persoas e nos faladoiros habituais nos que se move.

   As xuntanzas tiveron lugar nunha bodega ribadumiense, ao máis puro estilo conspirador, e nelas estiveron presentes, ademais de David Castro, altos cargos do PP autonómico e da comarca. Non estiveron presentes membros da agrupación local do PP, pero si un ex-concelleiro da etapa de Salomé Peña, que xa apareceu tamén nas últimas listas provinciais ao senado, a pesar de, supostamente, estar retirado da vida política.

David Castro foi concelleiro co PP e acompañou a Salomé Peña nas listas do ano 2003.

Tal como explica Oubiña, “a diferencia entre estas xuntanzas e outras anteriores, radica en que David Castro xa non ten dúbidas sobre se volver ou non ao PP, partido co cal xa foi concelleiro e que abandonou no seu momento porque o partido non cubría as súas expectativas de ser alcalde, senón como facelo antes das próximas eleccións minimizando danos e mantendo a alcaldía, e por suposto sobre o que sacara el a cambio”.

    Para Somos Ribadumia, os problemas internos do PP ou o que fagan os Independientes tráenos sen coidado, e dende logo se Alfonso Rueda quere ter nas súas filas a xente como Siano Barral, ou un alcalde que xustifica o uso da violencia e das tácticas mafiosas para atacar a quen non lle ría as gracias, pois el verá. Pero non podemos aceptar que un alcalde use o seu cargo para negociar beneficios políticos e persoais con outros partidos, usando como moeda o goberno do concello. Como tampouco podemos aceptar que o Partido Popular nin calquera outro partido use recursos públicos para comprar alcaldías.

 E máis aló disto, está a opinión pública. A veciñanza debe saber que alcalde ten. Os Independientes naceron dunha división co Partido Popular, fixeron oposición contra o Partido Popular e David Castro chegou a alcaldía enfrontándose ao Partido Popular. E foron os Independientes os que transformaron Ribadumia nun territorio en guerra, dividindo e enfrontando  á veciñanza, con durísimos ataques ás persoas identificadas co PP.

  As persoas que votaron aos Independientes fixérono en xeral porque non querían que gobernara outro partido, incluído o Partido Popular, e confiando nunha forza sen ataduras  cos grandes partidos, o cal lle proveeu votos procedentes da dereita e da esquerda, e de feito nas filas independientes hai concelleiras que ata fai pouco se declaraban abertamente de esquerdas e atacaban ao PP. Pero ademais unha parte importante da súa caixa de votos, sobre todo nas parroquias máis rurais, encheuse a  conta da confrontación de IR co PP, e esas persoas apoiaron á David Castro para que non gobernara o Partido Popular. David Castro debe explicar a esa veciñanza esa traizón a todo o prometido, e ao resto debe explicarlle ese  cambio logo de repetir tantas veces que os Independientes non son nin de dereitas nin de esquerdas, e que non teñen lazos con ningún outro partido.  E a uns e a outros David Castro debe explicar que se leva el con este cambio de chaqueta.

   Por todo isto, e para poñer luz nestas cuestións, clarificar a, situación política no noso concello e acabar coa rumoroloxía, “ esta semana imos presentar no rexistro varias preguntas orientadas a que David Castro explique que anda facendo e cal é o prezo da alcaldía de Ribadumia, e que o explique no pleno, ante a cidadanía e tamén ante o seu propio equipo que non sei se estará ao tanto de todo o que o seu voceiro anda tramando”. Dende Somos Ribadumia agardamos que David Castro teña a decencia de aclarar estas cuestións e explicarlle a veciñanza con cal partido se vai presentar as próximas eleccións, e con quen pensa gobernar se, como din as enquisas que circulan na comarca, perde a maioría.

   Dende Somos Ribadumia “ temos claro que aínda que primeiro negará todo e despois venderá outras cousas, David Castro só esta mirando por el mesmo. Pero en último caso tanto ten o que manobre  para salvar o seu acomodado  traseiro. Ribadumia a día de hoxe carece de goberno e de xestión, e non é un problema nin de cartos nin de falta de apoio dun partido grande. Os problemas de Ribadumia radican na incapacidade de David Castro para sacar o concello adiante, e para relacionarse co resto de institucións, atascado na continua improvisación e na falla de proxecto para o Concello. E iso non o vai tapar David nin con grandes pactos nin con cartos, como non foi quen de tapalo antes que el Salomé Peña”.

Ribadumia amosa a súa cara máis  gris nesta Semana Santa gracias á nula acción do goberno de David Castro.

  • Nula promoción turística nas redes e na  web municipal.
  • O auditorio pechado, sen axenda cultural ou de actividades en toda a semana.
  • No Facebook do Concello en Semana Santa: fútbol, fútbol e fútbol.
  • As sendas fluviais e as zona nas verdes, un ano máis, abandonadas.

   Pasou a Semana Santa, e dende Somos Ribadumia avaliamos a xestión do goberno local na promoción turística e na organización de actividades que neses días puideran dar vida ao noso concello e proporcionar alternativas de ocio a nosa veciñanza e atraer visitantes. Ademais debido ao parón da pandemia,  esta Semana Santa foi a primeira á que o goberno de David Castro se enfrontou cun mínimo de normalidade dende que ten a maioría absoluta.

   E tal e como explica Oubiña “primeiro exame e primeiro suspenso a todos os niveis. Ribadumia foi en Semana Santa un aparcadoiro para a xente que fixo a ruta da pedra e da auga ata a Armenteira, ou zona de paso dos peregrinos, pero nada máis. E o goberno local non aportou  ningún tipo de actividade que puidera atraer ao noso concello a unha parte das miles de persoas que visitaron a nosa comarca na primeira semana de tempada alta en condicións dende o inicio da pandemia, nin as que pasaron polas nosas sendas fluviais”.

  Non houbo axenda de actividades de ningún tipo, o auditorio permaneceu pechado e non houbo nin un só acto cultural; nula promoción do comercio e da hostalería locais, ningunha actividade de promoción turística, nin sequera nas redes sociais ou na web. Nada.

 Esta desidia “contrasta co apoio desesperado que o goberno local fixo a un evento deportivo que tivo lugar dende o xoves ao domingo en Ribadumia. No Facebook do Concello, que David usa como se fora o del, contabilizamos 18 publicacións, moitas delas conexións de vídeo en directo, da fase clasificatoria do AF7, un evento por certo privado. O que non se mirou nas redes sociais do  concello foi unha soa publicación animando a visitar o noso concello, promovendo os nosos espazos de interese, ou a gozar das bondades da nosa hostalaría. Só fútbol, fútbol e máis fútbol”.

  Hai que remarcar que no ámbito deportivo estas semanas están tendo lugar varios eventos importantes para os clubs locais, aos que o goberno local non dedica a máis mínima atención. Por outro lado, só tres días antes de iniciarse a fase clasificatoria do AF7, a trinta metros de onde tivo lugar este evento, no auditorio celebrouse  o VIII Festival de Bandas de Música Infantís, organizado pola Agrupación Musico Cultural de Ribadumia, e o goberno local non deu ningún tipo de cobertura nas redes, nin  moito menos conexións en directo. “Todo isto deixa en evidencia que as prioridades de David Castro teñen moito que ver coas súas paixóns persoais e as súas ansias de gloria e de fotos entregando trofeos, e moi pouco co apoio ás entidades e clubs locais”.

   Por outra banda, se falamos do único movemento de persoas que se detectou no noso concello, centrado nas sendas fluviais dos ríos Armenteira e Umia, temos que lamentar que nin sequera neses espazos deramos boa imaxe. “O operativo especial que o goberno dixo que puxera en marcha días antes da Semana Santa, consistiu en unicamente dúas persoas con sendas desbrozadoras, ás que malamente lles deu tempo a cortar a herba, unha vez máis de maneira esaxerada, da parte ribadumiense da Ruta da Pedra e da Auga. Máis aló de cortar a herba, non houbo ningún tipo de acción de mantemento, e o resultado foi unha imaxe bastante deplorable, con elementos apodrecidos ou rotos, e as botellas de auga que unha vez foron trampas para velutinas colgando  das polas. E  iso nese tramo, porque o resto de sendas fluviais, que suman o triple de quilómetros, quedaron esquecidas por completo, , ao igual que o resto de zonas verdes do noso concello, ata o punto que as papeleiras levan semanas sen baleirarse”.

 Por outra banda, hai que por de manifesto que dende a creación das sendas fluviais, a maior parte do movemento de persoas que no día da Romaría das Cabezas atravesaba á ida e á volta o centro de Barrantes, co conseguinte movemento económico, paulatinamente foise desviando  por esas rutas, ata o punto de que este ano apenas se notou o efecto desta data, e iso que en Ribadumia era tamén xornada festiva.

Dende Somos Ribadumia “ levamos tempo dicindo que hai que avanzar na promoción do noso concello, non quedarse no que se fixo na lexislatura pasada,, poñendo en valor todo o que temos que é moito máis que as sendas fluviais, e apostar por aportar alternativas, con actividades e eventos que animen ás persoas que nos visitan a ficar unhas horas en Ribadumia, e deixar cartos nos negocios locais. Pero iso leva tempo, e require de xestión e recursos, e David Castro, lamentablemente prefire deixar ao pairo a xestión municipal, e só se move para ir a Fitur  a facerse fotos con Gonzalo Durán, e así nos vai”.

  Dende Somos Ribadumia temos claro que segundo se acheguen as datas das eleccións David Castro vai tratar de poñer todo bonito, tanto as zonas verdes como os parques infantís. Para nós isto supón un lamentable desprezo pola nosa veciñanza, que paga impostos para poder gozar dos seus espazos públicos calquera día do ano,  non só cando se acheguen as eleccións, e poñemos en valor, contra esta maneira desleixada de actuar, a xestión que durante a lexislatura pasada, con Enrique Oubiña e Pepe Lede levando as áreas de Urbanismo, parques e xardíns, se fixo de das mesmas, unha xestión que ata a oposición naquel momento acabou por valorar positivamente.