Enrique Oubiña será a persoa que encabece a candidatura de Somos Ribadumia nas próximas eleccións municipais.

  Este pasado martes a Comisión Executiva de Somos Ribadumia en xuntanza extrordinaria, avaliou o proceso e proclamou á persoa que debe ser a cabeza de lista nas próximas eleccións municipais. Nesa xuntanza a Comisión de Garantías designada para controlar todo o proceso, informou de que unicamente se formalizou unha candidatura, a de Enrique Oubiña, e que esta cumpre con todos os requisitos necesarios, e polo tanto, seguindo os nosos estatutos, Enrique Oubiña foi proclamado cabeza de lista e candidato de maneira automática.

Enrique Oubiña é nativo da parroquia de Ribadumia, onde vive,  ten 45 anos, e un longo historial de compromiso e traballo polo noso concello e polas persoas que viven nel, dende o eido cultural, social e deportivo a través do tecido asociativo, e por suposto dende o político onde acumula doce anos de experiencia activa, cun papel fundamental na lexislatura 2015/2019, cando Somos Ribadumia formou parte do goberno, como tenente de alcalde e levando as áreas de política social, Sanidade, terceira Idade, obras e urbanismo, con importantes logros e avances nas súas áreas e na propia xestión municipal, que neses anos viveu unha situación que nada ten que ver coa actual.

  Sobre o proceso de elección, dende a Comisión Executiva tiñamos moi claro e así o expuxemos no seu momento, porque ademais tanto nas diferentes asembleas , na rúa a veciñanza,  e a través  dos contactos que vimos mantendo durante toda a lexislatura con entidades e colectivos, é opinión unánime que de todo o equipo que xestionamos a labor diaria da nosa formación, Oubiña era a persoa que debía encabezar a lista neste próximo proceso electoral, se estaba en disposición de facelo e se decidía candidatarse, unha decisión que por suposto era persoal. Os motivos para nós son obvios:  Oubiña non só é o concelleiro con máis experiencia política de toda a corporación, dito isto no aspecto amplo, tanto en actividade e visibilidade pública como en formación, ademais ten unha capacidade de traballo indiscutible, indiscutida e  recoñecida e valorada positivamente dentro e fora de Somos Ribadumia. Por outra banda, é persoa de consensos e de dialogo, capaz de deixar de lado cuestións persoais e partidistas, e sentarse a falar con calquera cargo de calquera forza política e de calquera administración, e sobre todo destaca a súa capacidade para lograr acordos e recursos en beneficio da nosa veciñanza. Logros como a mellora da rúa A Torre, a reforma do CPI Xulia Becerra Malvar, ou a consecución do  terceiro médico non serían posibles sen o traballo de Enrique Oubiña, pese a quen lle pese. Por que os maiores exemplos  do bo traballo do noso xa nomeado candidato, son o respecto e recoñecemento que recibe dende  outros partidos da oposición e tamén dende outras administracións, coas que mantén a pesar das enormes diferencias, unha relación política cordial e correcta con moitos puntos de colaboración, que contrasta co  enconado e sistemático ataque, que ante a falta de argumentos políticos chega ao ámbito persoal, ao que David Castro e o seu equipo someten a Oubiña dende fai anos, que demostran que os Independientes teñen a Oubiña e a Somos Ribadumia como a forza de referencia e que temen lles pode sacar a súa acomodada maioría absoluta.

  En resumo, dende Somos Ribadumia temos claro que o que precisa o noso concello é un alcalde que traballe, e que traballe pola veciñanza de Ribadumia,  non por cuestións persoais. Enrique Oubiña, ademais de ser o referente político en Ribadumia e fora do noso concello, xa demostrou que ten a vontade de traballar pola veciñanza de Ribadumia. Pero ademais ten a experiencia e a capacidade necesarias para lograr sacar adiante o noso concello dende o diálogo e a boa relación co resto de administracións. E todo isto sen deixar de lado a súa humanidade e accesibilidade de cara a veciñanza. Máis aló dos seus logros en política social, estando sempre ao lado da xente que peor o pasa, Oubiña é unha persoa que nunca rexeita conversar cun veciño, é sempre atende ao teléfono ou a quen o require da maneira que sexa, algo moi a ter en conta nun político, máis nun político de ámbito local.

   Por outra banda, é evidente que Somos Ribadumia somos a formación política con maior estabilidade no noso concello, pois unha vez máis  igual que no 2019, ademais de ser unha formación cun proxecto político asentado e traballando a pleno rendemento, e de manter a nosa unidade lonxe de innecesarias e inútiles loitas de poder internas, somos os primeiros en nomear candidato, e facémolo sen medo á nosa veciñanza, seguindo un proceso aberto e participativo, que non depende de directrices superiores, un proceso  que se contrapón aos doutros partidos,   que no canto de escoller candidatos e establecer un proxectos para mellorar o noso concello, “fanse os interesantes” mentres negocian cadeiras e salarios, metidos nunha voráxine de loitas personalistas, dando unha imaxe lamentable e tamén inútil, porque logo todo depende do que decidan persoas que non aparecen nas listas ou que son de fora de Ribadumia, ou do que terceiras persoas acorden en privado e de costas a militantes e votantes. Nestes aspectos, estamos orgullosos da nosa estabilidade e independencia, que nós permite abordar a xestión e o desenvolvemento do noso proxecto para Ribadumia atendendo as necesidades do conxunto da nosa veciñanza, sen máis liñas vermellas que as recollidas nos nosos principios éticos e políticos.

  Para rematar, o traballo de cara as eleccións para nós acaba de comezar. Unha vez designado candidato, que tamén será o noso voceiro, abrimos os seguintes pasos, conformación da candidatura e elaboración do programa de goberno, dos que iremos informando pormenorizadamente..

O acordo plenario para solicitar a Medalla Galicia para Manuel Fontán, abandonado por David Castro nun caixón.

  • David Castro esqueceuse da proposta no mesmo momento de aprobarse en pleno.
  • Dous meses despois de aprobarse a moción, o goberno local non fixo ningunha xestión, demostrando que todo foi un paripé.

No pleno celebrado este pasado xoves o noso voceiro Enrique Oubiña preguntou a David Castro polas xestións realizadas para sacar adiante a proposta, aprobada por unanimidade no pleno de setembro, de propor para a Medalla Galicia a Manuel Fontán, Campeón Mundial de piragüismo e padexeiro  do Náutico O Muiño.

   Tal como Oubiña explica “David Castro de partida foi incapaz de explicar que xestións se habían feito, que, resultou ser ningunha, ou se había remitido o acordo plenario e a proposta á Xunta de Galicia. E non só iso, o acordo tamén incluía remitir á proposta á Federación Galega de Piragüismo para buscar o apoio deste ente e do resto de clubs, un trámite ben sinxelo de realizar, pois chega con coller unha copia do acordo e mandala por correo certificado, que sen embargo, dous meses despois de aprobarse a moción, está sen facer, tal como admitiu David Castro e nos confirmaron  dende a Federación”.

  A cuestión non é baladí. Por moito que o pleno aprobara á proposta, se despois non se lle transmite, co corresponde informe de méritos, á Xunta de Galicia,  non hai maneira de que á administración autonómica estude á proposta. Pero aínda así, sen un apoio amplo de entidades como á Federación e os clubs desa disciplina deportiva, e mesmo dos concellos onde teñen á sede eses clubs, é moi difícil que ese recoñecemento saia adiante.

   Dende Somos Ribadumia debemos lamentar esta actitude do goberno local, unha desidia que demostra que todo este asunto foi unicamente un paripé para sacar un titular de prensa, algo que Oubiña advertiu no debate dese acordo no mes de setembro. Do mesmo xeito, temos claro que se a partir de agora se move algo neste asunto, será gracias á presión exercida dende Somos Ribadumia para que o goberno local cumpra os acordos. “Pero xa chega tarde, o xoves quedou claro ante toda a veciñanza que a David Castro,  tanto os logros de Manuel Fontán como os do piragüismo ribadumiense importanlle pouco ou nada, ata o punto de deixar tirado á un Campión Mundial, ao que nin sequera ofreceu un recibimento oficial logo do seu logro ao acadar un campionato mundial , e despois de facerse á foto con el e usalo no seu propio interese político. Lamentable”.

Veciños da parroquia de Leiro cansos dun problema recorrente  de seguridade nun tramo de vía pública.

  • As choivas, provocan que un tramo de vía pública mal canalizado se converta nunha perigosa lameira.
  • A veciñanza da zona cansadas das escusas de David Castro.
  • Presentamos un escrito pedindo a inmediata solución deste problema.

 Esta semana dende Somos Ribadumia desprazámonos á parroquia de Leiro para comprobar in sitú como cada vez que chove, un tramo de vía no lugar de Piñeirón se converte nunha perigosa lameira, que fai que pasar co coche sexa un perigo.

A cuestión, que para Oubiña, “so require de que o goberno local, faga as pertinentes actuacións para que a estrada, que aínda que non o pareza está asfaltada, drene ben a auga nese punto, de pouco máis dun cento de metros, e que non acumule a terra das fincas lindantes, arranxando as cunetas dunha maneira correcta, e pouco máis”, non pasaría de ser  complicación puntual máis das moitas que xorden cando chove, senón fora pola desidia do goberno local.

  Porque o que nos encontramos cando dende Somos Ribadumia nos achegamos a este lugar foi á veciñanza francamente desgustada co goberno local, un desgusto que xa chegou tamén ás redes sociais. E o motivo non é outro que  a inacción de David Castro, que sendo sobrado coñecedor da  problemática, e tendo comprometido coa veciñanza en varias ocasións unha solución, esta non chega.

  Pola nosa banda, so podemos amosar a nosa comprensión e total apoio as persoas usuarias desta vía, por ese motivo, vendo que o problema permanece no tempo, esta maña presentamos un escrito dirixido á alcaldía solicitando que de maneira inmediata se solucione este problema antes de que un coche se desprace na lama e acabe na cuneta con sorte, con menos sorte  batendo contra a parede dunha das casas do lugar ou caendo por un desnivel, co perigo que todo isto ten para a vida das persoas.

Os orzamentos da Xunta ignoran os problemas de Ribadumia e da nosa comarca co silencio cómplice de David Castro.

  • O colexio mantén importantes carencias, e seguimos sen pediatra no centro de saúde.
  • A única mención a Ribadumia é unha obra que acumula cinco anos de retraso para supostamente eliminar un punto negro de verquidos.
  • Nin rastro nin da necesaria ampliación da depuradora de Treviscoso, nin do PEF
  • David Castro, comprice silencioso do abandono da Xunta a Ribadumia.

  Os orzamentos da Xunta de Galicia, un ano máis pasan de puntillas pola comarca, limitando os investimentos a un par de actuacións no ámbito da depuración de augas e moita maquillaxe en forma de anuncios que nin sequera teñen partidas orzamentarias específicas, para actuacións claramente electoralistas..

  Dende Somos Ribadumia seguimos mantendo a posición de que hai problemas locais, como as deficiencias na atención primaria ou no CPI Xulia Becerra Malvar, onde a Xunta debe deixar de poñer parches e realizar actuacións claras e decididas, que solucionen problemas. A situación do CPI de Barrantes é clamorosa, pois 800.000€ despois dunha actuación lograda  gracias á nosa presión, segue habendo carencias sen resolverse, como o tellado de primaria, ou o illamento do edificio de infantil, obras incluídas no proxecto de reforma realizado no 2021 que inexplicablemente quedaron sen executar, pero tamén outras cuestións como os baños de todo o edificio de primaria, que dende a construcción do colexio, fai máis de cincuenta anos, só recibiron reformas parciais, e piden unha actualización a gritos. E isto sen entrar a falar de problemas máis complexos como a falta de espazo físico dentro do colexio, ou dun patio cuberto.

  Non menos grave é a situación do centro de saúde, que segue sen atención pediátrica, mentres o conselleiro de Sanidade,  o señor Júlio García Comesaña,  se dedica a visitar centros de saúde sen médicos e sen pediatras que atendan aos nosos nenos e nenas, para anunciar obras e ampliacións que ninguén pideu.

  Para Oubiña “o feito de que Ribadumia apareza como “beneficiario” dunha obra de reparación dun bombeo que acumula seis anos de retraso e que no seu día o PP comprometeu gracias á presión da esquerda de Ribadumia e Cambados, non nos parece tampouco algo como para escusar outras actuacións”.

  Máis aló do estritamente local, temos ademais outras carencias importantes. Nos, remarcamos a necesidade de ampliar a captación de auga de Treviscoso, outra obra comprometida pola Xunta da que agora Gonzalo Durán non se acorda, e cuxa necesidade se fixo evidente este verán, onde o disparado consumo de auga ocasionou diversos problemas no subministro, problemas que levan anos indo a máis.

Ademais a captación debe facer fronte a outros problemas, como o custe enerxético, que antes ou despois acabaran por repercutir na veciñanza a través do recibo da auga, mentres que o goberno Popularanten conxeladas as transferencias directas aos concellos, nun momento onde a inflación disparada encarece os servizos, máis tamén as contratacións das obras e os subministros, unha situacións que se agrava en concellos como o noso, adoecidos dunha pésima xestión municipal.

  Tamén estaba comprometida a posta en marcha dun punto de encontro familiar na comarca, un servizo moi necesario, así como o reforzo dos CIM, que no Salnés da atención xa a cinco concellos, e seguimos tendo un grave problema de comunicación a través do transporte público, ou de acceso á unha rede de Internet de calidade no rural, entre outras carencias.

David Castro,  comprice.

Tres alcaldes da nosa comarca gardan silencio ante as carencias dos orzamentos do próximo ano da Xunta: o de Sanxenxo, o de Vilanova… e David Castro.

   É lamentable que David Castro manteña unha posición tan compracente  co PP ante o evidente abandono da Xunta cara o noso Concello, “pero moito máis lamentables son os motivos, principalmente dous: por unha banda a incapacidade de David Castro para xestionar nada, que levou a Ribadumia en tres anos e medio a pasar de concello exemplar a ser vergoña e exemplo de como non se debe gobernar, e por outra  a súa necesidade de non enfadar ao PP nun intento de manter abertas as portas dese partido, mentres desfolla a margarida da integración de IR nel”.  A nós as cuitas de David Castro por encontrar unha cadeira cómoda e ben pagada traennos  sen coidado, pero non podemos aceptar que un alcalde non estea ao carón dos seus veciños e veciñas, nin que antepoña as súas aspiracións persoais aos problemas do noso concello, que xa leva perdidos máis de 1000.000 € en investimentos, unha cifra que sube mes a mes.