David Castro perde o acceso a axudas de ata 3 Millóns de euros do Plan de Resiliencia por non tramitar a solicitude.

- 3 Millóns de euros perdidos.
- David Castro segue perdendo importantes investimentos para Ribadumia .
- David Castro non presentou ningún proxecto a ningunha das dúas Liñas económicas dun Plan (PIREP Local) que vai permitir entre outras a reforma integral case 2 Millóns do colexio de Villalonga en Sanxenxo e aportar a 388.000 euros á reforma do pavillón de deportes de Meis .
- Tendo o apoio económico da Deputación para a redacción dalgún proxecto de interese, David Castro non foi quen de sacar adiante ningunha proposta.
En días pasados fixéronse públicas as concesións da segunda liña de axudas do plan PIREP Local, unha liña do goberno central, financiada con fondos europeos New Generation dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia. Ao igual que pasou coa Liña 1, a través da cal diversos concellos da comarca obtiverón importantes investimentos, entre eles o de Meis con 338.000€, ou o de Sanxenxo con 1,5 millóns de Euros para o Pazo Emilia Pardo Bazán, Ribadumia non aparece nos papeis. Non aparece nin na lista dos proxecto aprobados, nin na lista de proxectos desestimados.
E non aparece porque nin se presentou.
En opinión de Oubiña, “resulta inaceptable perder a posibilidade dunha axuda deste tamaño – falamos de axudas de ata o 100% do custe do proxecto e de ata 3 Millóns de euros – por non presentarse. Poderiamos aceptar que como no caso de Cambados a puntuación non fora suficiente, pois presentáronse moitos proxectos a esta liña. Xa sería menos aceptable que como no caso de Vilanova se perdera por non presentar a documentación correctamente, pero que nin tan sequera se presenten proxectos, parécenos de xulgado de garda, e dende logo debería ser motivo de dimisións inmediatas”.

Por se non era bastante grave, temos o gravame de que a Deputación dotou unha partida económica en xuño do ano pasado para que Concellos entre os que se encontraba Ribadumia puideran afrontar o custe económico de redactar proxectos cos que entrar nestas dúas liñas do plan PIREP Local, un plan que en conxunto estaba dotado cun total de 600 M de euros para todo o estado español. “Non sabemos que fixo David cos cartos da Deputación, nin que proxectos se redactaron, se é que se chegou a redactar algún. Pero tanto se usou eses fondos da Deputación como se non, a realidade é que Ribadumia perdeu a posibilidade de acceder a axudas de ata 3 Millóns de euros por non presentar nada”.

Dende Somos Ribadumia consideramos que un alcalde con ese grao de incapacidade debería asumir responsabilidades políticas. Non as agardamos, porque a estas alturas de David Castro pouco se pode agardar, pero cando menos debería dar explicacións públicas e aclarar cantos millóns de euros leva perdidos pola súa mala xestión. A nós, cos papeis na man, saenos que se perderon en catro anos investimentos por máis de cinco millóns de euros.