David Castro envíalle a Oubiña datos do rexistro a través dunha web de descargas e sen garantir a seguridade deses datos.

- A primeira hora da tarde do mércores Oubiña recibía un documento cun enlace a unha páxina web de descarga de documentos de gran tamaño, rompendo a cadea de seguridade e poñendo en perigo os datos que conteña ese documento.
- Enrique Oubiña négase a aceptar esta maneira de proceder.
- Logo de tres anos falando de que darlle acceso a Oubiña aos datos do concello podía supor un risco para a protección deses datos, David Castro mandaos vía e-mail e a través dunha web allea ao programa informático do Concello.
O colmo do esperpento nas formas e nas actuacións de David Castro, viveunas na tarde deste mércores o noso voceiro Enrique Oubiña, ante unha actuación que non se pode definir.
Fai unha semana tiñamos noticia de que o xulgado obrigaba a David Castro a dar acceso ao rexistro de entradas e saídas do Concello de Ribadumia. Para Oubiña “de partida é moi importante recalcar que o que pedimos é acceder ao rexistro, como consulta, non recibir ou recabar ou ter copia dos datos que conten. Chegado o caso de que precisemos un expediente concreto xa o pediremos a súa consulta polas vías establecidas”.
Polo visto David Castro fixo a súa propia interpretación da solicitude de Oubiña, da lei, da sentenza xudicial e tamén de todo o que el leva dito, e decidiu actuar dunha maneira un tanto particular.
“ Podendo darme acceso ao arquivo dixital do concello dentro do programa do Concello, onde están os asentos de entradas e saídas nun entorno seguro e onde non hai un só dato ao que eu non teña dereito de acceso, a David non se lle ocorreu mellor cousa que descargar eses datos, co cal xa os sacou do servidor municipal, que é o espazo seguro onde se almacenan eses datos, e mandarmo a través dunha web especializada en arquivos de gran tamaño, ou sexa, a través dun terceiro sen relación contractual co Concello, que poderá garantir a privacidade dos datos ou non, pois esa web almacena os datos uns días nos seus propios servidores, durante o prazo no cal o remitente pode descargados, e durante o cal segun as claúsulas desa web, eses datos a empresa propietaria da mesma pode usalos como considere, e dende logo, pode vendelos a terceiros“.
Se había algunha maneira de por en perigo os datos de persoas e empresas, David Castro entregouse a ela de cheo. Enrique Oubiña ante esta situación, da que non foi advertido previamente, actuou coa máxima responsabilidade. “O documento co enlace ao arquivo chegou a través da sede electrónica, pero non puiden comprobar de que se trataba ata descargar o documento. Unha vez descargado, e vendo o seu contido, un texto cunha explicación breve e o enlace á web onde o arquivo cos datos do rexistro está almacenado, o primeiro que fixen foi eliminar ese documento do meu teléfono, e evitar que teña máis percorrido. Nesa mesma tarde ademais recibín a chamada dunha traballadora do Concello que quería asegurarse de que accedera ao enlace sen problemas, e xa lle expliquei a situación e que non vou abrir nin acceder a ese enlace nin a ningún outro ata que teña garantías legais ao respecto do uso dos datos. Porque eu, a diferencia doutros que moito falan, son moi responsable cos datos que manexo, e non é o mesmo facer consultas no ordenador do concello ou accedendo ao servidor local, que mandar bolsas de datos a través dun terceiro que a saber que fai con eles entre que van é veñen”.
Oubiña ademais de poñer a situación en coñecemento dos nosos servizos xurídicos, ten previsto falar coa secretaria municipal desta situación, ver como se resolve e as consecuencias que poida ter esta actuación. “Quen manexara esa bolsa de datos, que descoñezo o que contén, pero se é o que pedín terá números de entrada e saída e os nomes ou a identificación da parte interesada, pero non sei ata que grao, e se houbera unha fuga, podería ter problemas legais graves. E en todo caso, nos preferimos ser cautos. Queremos ter acceso ao rexistro, para nós é fundamental, pero sen por en risco o dereito da nosa veciñanza e das empresas a ter protexidos os seus datos. Hai maneiras de facer isto moi sinxelas, e moito máis seguras, o único que fai falla é que David Castro deixe de comportarse como un irresponsable”.