O xulgado obriga a David Castro a darlle a Enrique Oubiña acceso ao rexistro municipal.

  • Nunha contundente sentenza, o Xulgado anula o edicto e desestima todos os argumentos cos que David Castro pretendía evitar que Oubiña accedera ao rexistro de entradas e saídas documentais.
  • Outro pau xudicial a David Castro, logo de que o xulgado desestimara as súas denuncias contra Enrique Oubiña por infundadas. E outro pau xudicial que David Castro oculta da opinión pública.
  • Unha vez máis, queda demostrado que Enrique Oubiña e Somos Ribadumia decimos verdades e temos a razón ata o punto de que a xustiza nos avala, mentres que David Castro minte e oculta a realidade. E unha vez máis a veciñanza paga as consecuencias dos desleixos, os abusos e as torpezas de David Castro.

     Vimos de ter constancia da sentenza do Tribunal Contencioso Administrativo n°3 de Pontevedra, (que podedes consultar integra aquí) ante a denuncia xudicial interposta polo noso voceiro, Enrique Oubiña, como el mesmo explica, “logo de intentar por todas as vías, incluída a do Defensor del Pueblo, que David Castro deixara de poñer paus nas rodas e me permitira consultar, como calquera concelleiro ou concelleira en calquera concello, o rexistro de entradas e saídas do Concello, onde figura o rexistro (non datos sensibles concretos) de toda a documentación que entra e sae, dende cuestións como as saídas de documentación para a solicitude de axudas, a outras como entradas de solicitudes ou queixas formuladas por veciños ou colectivos”.

  Neste caso concreto, denunciouse a negativa , vía edicto de alcadía, á (enésima) solicitude de acceso regular ao rexistro do concello, logo de que en novembro do ano pasado o Defensor del Pueblo advertira a David Castro de que non podía actuar dese xeito contra os dereitos democráticos fundamentais dun concelleiro, e de feito a mala xestión de David Castro figura no informe  anual deste ente. Ao fío disto cabe recordar que David Castro dixo ao longo desta lexislatura, por activa e por pasiva, en pleno municipal e na prensa, que el non ía baixo ningún concepto permitir que Enrique Oubiña accedera ao rexistro.

  Pois a sentenza é clara, concisa e contundente. Nun documento de 28 páxinas, a maxistrada desmonta cada un dos argumentos aportados por David Castro, e anula de pleno dereito o edicto a través do cal impedía a Oubiña exercer os seus dereitos. Ademais disto, a sentenza obriga a David Castro a dar acceso ao rexistro, acorde ao que marca a lei, a Enrique Oubiña, “no tempo que este sexa concelleiro”.

  A sentenza e recorrible, aínda que agardados que David Castro deixe de gastar os cartos da  veciñanza nestas cuestións. Pero en previsión desta circunstancia Oubiña solicitou que de xeito cautelar se lle permitira o acceso solicitado, cuestión tratada nunha peza separada e aceptada ( podedes leela enteira aquí) , polo que o acceso ao rexistro o Concello ten que habilitalo de xeito inmediato, nas condicións solicitadas por Oubiña,  semanalmente.

 Para Oubiña “a sentenza, máis aló do evidente, que é obrigar a David a deixarme mirar no rexistro queira el ou non queira,  deixa claro que os dereitos e obrigas democráticas son para todos, e por moi alcalde que un sexa a lei está por enriba dos caprichos particulares”.

  Dende Somos Ribadumia queremos deixar patente que fixemos todo o que estivo na nosa man para evitar acudir ao xulgado, perdendo así moitos meses de traballo. municipal, que estamos seguros redundaría en beneficio da veciñanza e de Ribadumia. Foi David Castro quen, coa súa negativa insistente, pretendendo pasar por enriba non só de Enrique Oubiña e dos seus dereitos como concelleiro elixido pola veciñanza senón tamén de entidades como o Defensor del Pueblo, non nos deixou máis remedio que acudir a xustiza.  

   Pero tamén queremos deixar constancia de que  tiñamos advertido en numerosas ocasións de que íamos ser consecuentes e non íamos ceder na defensa dos nosos dereitos como formación política con representación municipal. “Nós non estamos aquí  a pasar o rato, nin temos como obxectivo facer tempo ata que nos den unha cadeira en instancias superiores, e dende logo non somos unha ONG, nin un club de amigos. Somos un partido moi serio con persoas moi involucradas e tomándose a política local moi en serio, por iso non nos vendemos como outros, nin imos ceder ante determinadas cuestións. Estamos aquí para traballar, dende a política e sempre en positivo, polo noso concello e por mellorar a vida da nosa veciñanza, que foi quen nos puxo na mesa do pleno e a quen nos debemos. E dende o primeiro día e ata o último imos cumprir coa nosa función, pese a quen lle pese. E David Castro que se vaia poñendo ao día, que xa non estamos nos anos oitenta, nin nos sesenta; xa levamos case medio século en democracia”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s