Os taboleiros informativos colocados na variante espiritual obvian o galego nos seus textos.

  • Presentamos unha queixa na mancomunidade solicitando que se corrixan eses taboleiros.

   Recentemente foron instalados uns taboleiros informativos na variante espiritual, dirixidos aos peregrinos e visitantes en  xeral que percorren ese tramos de senda fluvial,  que coincide coa denominada Ruta da Pedra e da Auga, que dende Barrantes sube ata o mosteiro de Armenteira.

  Un panel informativo que ademais de dar indicacións da altura da variante espiritual do Camiño Portugués na que se encontra, aporta información etnográfica sobre os muíños que acompañan esa senda.

   Sen dúbida unha boa actuación, se non fora polo feito de que o taboleiro ignora por completo a existencia da lingua galega, algo que nos parece totalmente inadecuado.

   Dende Somos Ribadumia entendemos que o feito de que ese taboleiro teña os textos en castelán e inglés pero non en galego atende máis a un erro de deseño que non a intencionalidade. Pero querendo ou sen querer, entendemos que é algo que debe ser corrixido. Por este motivo, vimos de presentar unha queixa na sede electrónica da Mancomunidade, solicitando que se modifique eses taboleiros.

   Ao mesmo tempo, tamén solicitamos que se modifique o acceso a través de código QR, para que abra a web da mancomunidade prioritariamente en galego – agora o código leva á páxina en castelán –  e que nas opcións de idioma se inclúan o resto de linguas do estado español, catalán e euskera.

   Dende Somos Ribadumia entendemos que as administracións galegas deben ser as primeiras en amosar o orgullo de ter unha lingua propia, e que a escusa de que a web de  turismo está orientada a visitas foráneas non é aceptable.

   Lamentamos tamén que o goberno local, dirixido por David Castro, permitira a colocación deste taboleiro sen tan sequera mirar o seu contido. Un exemplo máis do pouco  ou nada que aos Independientes por Ribadumia lles preocupa a posta en valor da nosa historia,nin da nosa lingua nin do noso patrimonio cultural e etnográfico.

Ante a evolución da covid-19: autoconfinamento.

  • Os datos de evolución da pandemia no noso concello non están sendo positivos.
  • Pedimos á cidadanía que á vista da situación actual, opte na medida do posible polo autoconfinamento.
  • Debemos axudar a dar volta á situación canto antes.
  • Disto saímos entre todas e todos, con responsabilidade individual e colectiva.

   Dende Somos Ribadumia, vendo como está evolucionando a situación no noso concello, pasando en un mes de cero a vinte e dous casos activos, cunha subida nos tres últimos días exponencialmente alta, consideramos necesario facer un chamamento á responsabilidade e ao coidado individual e colectivo.

   A veciñanza de Ribadumia leva demostrando nesta pandemia un sentido da responsabilidade exemplar, e a mellor proba diso foi a baixa incidencia coa que enfrontamos o nadal, pero é evidente, á vista dos datos actuais, que non foi suficiente.

Tamén se fai evidente que os bandazos do goberno autonómico e as decisións tomadas nas últimas semanas en todos os aspectos, sen afondar nelas, non deron máis resultado que o que todos menos Alberto Nuñez Feijóo prevíamos, o aumento desorbitado de casos e posiblemente a perda de control sobre a pandemia.

Na situación actual, e ante a incertidume e o aumento de casos, só nos queda pedirlle á nosa veciñanza que siga dando exemplo como ata o de agora, pero reforzando as medidas de precaución, evitando saír da casa salvo para o máis imprescindible, e facelo sempre respectando de xeito escrupuloso as medidas que xa todos coñecemos: careta, desinfección de mans e distancia social. Só sendo responsables a nivel individual poderemos manter de maneira colectiva a enfermidade a raia.

  A saúde e evitar contaxios e mortes é o primeiro. Porén, queremos tamén pedir que non esquezamos que do noso comportamento non só depende a evolución da pandemia, tamén outros moitos aspectos, como a resistencia do comercio local e da hostalaría e o resto de empresas pequenas, para os que pedimos todo o apoio canto sexa posible, sempre na medida das posibilidades de cada quen. Sabemos que hai moito cansancio, logo de case un ano de medidas de todo tipo, e que estes pasos atrás son descorazonadores, pero queremos  achegar tamén unhas verbas de ánimo, na seguridade de que unidos como sociedade seremos quen de saír adiante.

David Castro insiste na súa persecución a unha traballadora municipal.

  • O goberno local solicitou presentar recurso de casación ante a sentenza do TSXG.
  • David Castro non cede e segue usando recursos municipais para resolver cuestións persoais e para dilatar os prazos evitando asumir responsabilidades políticas.

   Dende Somos Ribadumia vimos de ter coñecemento, para a nosa sorpresa, de que o Concello, por orde de David Castro, solicitou presentar  recurso de casación para unificación de doutrina, contra o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que desestimaba o recurso presentado polo concello contra a sentenza favorable a unha traballadora que reclama que unha baixa medica lle sexa recoñecida como baixa por accidente laboral,  que recordamos que ten repercusión directa sobre a súa pensión de xubilación, ademais doutras indemnizacións recollidas no convenio colectivo correspondente.

   Dito recurso, en caso de ser aceptado a trámite, resolverase dende o Tribunal Supremo de Xustiza de España, en Madrid. Para iso, o Concello deberá presentar unha sentenza por un caso xudicializado con sentenza firme que sexa igual en todas as características ao  referido, pero con fallo xudicial diferente, e  será o Tribunal o que en primeiro lugar deberá fallar se a sentenza presentada para a unificación de doutrina reúne as condicións, e de ser así  establecer o criterio que considere, dándolle a razón ao Concello ou negándolla.

   Realizar este tramite, ademais dos 600€ que o Concello tivo que dispor de entrada para poder inicialo, terá un custe de miles de euros, e segundo as nosas consultas realizadas con varios profesionais -que coincidiron en non recomendar esta acción – resulta complexo e será difícil que prospere.

    Ademais, tal como explica Enrique Oubiña de novo topámonos con que nin o INSS nin a Mutua correspondente viron necesidade de actuar ante o recurso, asumindo a sentenza e as consecuencias que lles poida carrexar, e so o Concello, o único que a priori non ten nada que perder economicamente,  segue nesta carreira, que máis ben debemos denominar persecución contra unha muller, que se para o alcalde remata ben significará que esa muller quedara cunha pensión reducida nun 30% , e non estamos falado precisamente de pensións de miles de euros, falamos de cantidades que marcan a diferencia entre vivir con dignidade ou non, anque esas cousas a David Castro pouco lle importan”.

   Dende a nosa formación temos claro que o que David Castro busca é prexudicar a esta persoa todo canto sexa posible, algo que non podemos nin asumir nin aprobar. Como tampouco podemos aprobar que para resolver as súas cuítas persoais co persoal municipal David Castro utilice os recursos do concello, que “senta un precedente moi perigoso que mete presión ao persoal municipal, que vive con asombro e certa incertidume o desenvolvemento deste asunto, coa sombra de que poida pasarlle algo parecido a calquera. E eu témome que, se lle colle o gusto, o noso alcalde poida ter a idea de usar os mesmos mecanismos para atacar a calquera veciño que o contraríe”.

   Por outra banda é evidente que o medo a ter que afrontar dende as arcas municipais unha indemnización de varios miles de euros por mor da súa falta de xestión é outro motivo polo cal David Castro tenta dilatar este proceso todo canto lle sexa posible. Mais dende aquí queremos pedirlle que reflexione sobre como está actuando. Non querer asumir un erro en política, nin as súas consecuencias, por moito que o vexamos a diario non é nin ética nin moralmente aceptable, pero que para ocultalo non se teña reparo en xogar cos dereitos laborais e coa dignidade dunha muller parécenos dunha gravidade absoluta. Pedímoslle a David Castro unha vez máis que rectifique, que ceda nesa persecución, que explique cal é a situación real do Concello e o que debe afrontar,  e que asuma as consecuencias políticas dos seus actos.

Ultimatum da Valedora do Pobo a David Castro.

  • Negativa reincidente de David Castro a dar explicacións á Valedora do Pobo pola  a súa obstrución continua ao traballo de Somos Ribadumia.
  • A Valedora ameaza con considerar hostil e entorpecedor ao goberno de IR, podendo chegar a súa nefasta xestión ao parlamento.
  • Lamentable imaxe pública do noso Concello.

  Se fai un par de semanas o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia poñía en entredito a xestión de David Castro cunha sentenza que daba a razón a unha traballadora municipal, esta semana encontrámonos con que é a propia Valedora do Pobo a que chama a capitulo de maneira contundente ao alcalde ribadumiense.

   A orixe desta chamada de atención, cuxa denominación especifica é “recordatorio de deberes legais” está nun dos seis expedientes que David Castro ten abertos nesa entidade a instancias de Somos Ribadumia e motivados pola súa negativa a entregar a documentación que lle solicitamos, por non realizar os plenos ordinarios segundo establece a lei e por bloquearnos o acceso ao rexistro municipal.  Un bloqueo completo ao traballo da oposición e aos funcionamentos democráticos que a Valedora do Pobo non pasou por alto, ao aceptar a trámite as nosas queixas, reclamando do Concello as pertinentes explicacións. Explicacións que David Castro leva eludindo dende  o inicio da lexislatura, usando todo tipo de subterfuxios para evitar cumprir coas súas obrigas, e que nos levan ao punto actual, cunha carta onde se lle require ao goberno local para que cumpra coas súas obrigas de xeito inmediato, baixo ameaza de que esta cuestión chegue ao parlamento, que podería valorar tomar medidas para a reposición dos funcionamentos democráticos no  noso concello.

  Tal como explica Oubiña  “os funcionamentos democráticos non se establecen á carta, nin segundo o criterio do alcalde. Eses tempos quedaron moi atrás. Agora temos uns mecanismos que garanten que a veciñanza e as forzas de oposición teñan acceso ao funcionamento do goberno,  que debe seguir uns criterios de transparencia moi concretos e esixentes. David Castro pensa que con transformar os plenos municipais en teatriños e aparentar xa lle vale, pero a cousa non vai así. E non é que o digamos nós,  agora tamén llo está dicindo a Valedora do Pobo”. 

A transparencia en tempo e forma.

  Compre remarcar que a cuestión concreta pola que neste caso pedimos amparo á Valedora do Pobo refírese á negativa de David Castro de entregar diversa documentación, e a facelo dentro dos prazos que establece a lei. E que o que a Valedora reclama non é esa documentación, se non que o goberno local aporte as explicacións pertinentes por non tela entregado en tempo e forma, unha explicación que o goberno local nega a pesar de térselle reclamado ata en tres ocasións.

  Con outras queixas anteriores polo mesmo motivo dende alcaldía optouse por xogar ao despiste e dilatar os prazos, poñendo escusas e chegando ao extremo de enviar a documentación que nos solicitabamos á propia Valedora do Pobo en lugar de a quen lla solicitou, sempre no último día, logo de presentada a queixa e chegados varios requirimentos desa entidade, logrando que polo medio pasaran varios meses, para  logo montar un paripé nos plenos municipais, facendo pasar por funcionamento transparente algo que é todo o contrario, pero “aínda que tente enganar á nosa veciñanza, coa Valedora do Pobo non lle cola. Porque do que se trata é de que ante unha solicitude de información ou documentación de calquera tipo, hai uns prazos legais nos que debe respostar. Todo o demais son escusas,  trampas ao solitario e titulares de prensa que agora se volven contra o alcalde, que queda como un incompetente”.

   Somos moi conscientes de que o que realmente preocupa a David Castro é que dende Somos Ribadumia estamos facendo un bo traballo, e por ese motivo se dedica a poñernos paus nas rodas.  Porén, a  nós o que nos preocupa “é saber que é o que nos oculta David Castro, os motivos polos cales non nos permite o acceso ao rexistro municipal nin entrega a documentación que lle solicitamos. Non sabemos que quere tapar con tanta paixón, pero en calquera caso nos imos seguir cumprindo coas nosas obrigas. E xa é hora de que el cumpra coas súas”.

Lamentable imaxe pública do noso concello.

   E é que a actitude de David Castro, completamente fora de lugar nun goberno municipal, “lévanos a que así como na lexislatura anterior o noso Concello destacaba polo seu funcionamento democrático, e pola súa transparencia e actitude colaborativa coa oposición e coa veciñanza, agora destaque xusto polo contrario, dando unha imaxe pública lamentable, cun goberno obstrucionista, que non acepta a crítica a ningún nivel, e ademais  somete a bloqueo calquera intento de acceder a unha  información que debe ser pública”.

  Unha imaxe que nos avergoña como concello ante outras institucións e administracións públicas, demostrando unha neglixente xestión municipal, e que pode xerar moitas dúbidas á hora de establecer mecanismos de axuda de diversos tipos debido ao escurantismo co que o noso alcalde se encirra en actuar.

   Por iso dende Somos Ribadumia pedímoslle a David Castro que mude de actitude, asuma que debe ser transparente e cumpridor nas súas funcións, recupere o bo trato coas forzas da oposición e deixe de queimar pontes. Pola nosa banda, como xa demostramos apoiando aquelas medidas que consideramos positivas, e aportando en moitas cuestións, imos seguir traballando en positivo para mellorar a vida no noso concello. O que non imos permitir é que o alcalde pretenda recortarnos dereitos e bloquearnos na nosa función.