Sergio Soutelo encabezará a lista de Somos Ribadumia nas próximas eleccións municipais

   Este pasado martes a Comisión Executiva de Somos Ribadumia en xuntanza extrordinaria, avaliou o proceso e proclamou á persoa que debe ser a cabeza de lista nas próximas eleccións municipais. Nesa xuntanza a Comisión de Garantías designada para controlar todo o proceso, informou de que unicamente se formalizou unha candidatura, a de Sergio Soutelo, e que esta cumpre con todos os requisitos necesarios, e polo tanto, seguindo os nosos estatutos, Soutelo foi proclamado cabeza de lista e candidato de maneira automática.

  Soutelo  é nativo da parroquia de Leiro,  ten 30 anos, e asume as responsabilidades de candidato logo de exercer de Concelleiro de Somos Ribadumia durante este último mandato, nun ambente político moi difícil no que soubo manexarse, mantendo a Somos Ribadumia como principal partido da oposición en actividade política. Soutelo leva demostrado neste tempo un compromiso especial coas parroquias do rural, coa situación do centro de Barrantes e cos colectivos do noso Concello, cos que mantén unha moi boa relación. O feito de que Somos Ribadumia sexa o partido que máis mocións leva presentadas, 14 a día de hoxe, moi por enriba da media ducia  que acumula o conxunto do resto de forzas da oposición, da idea do nivel de traballo do noso Concelleiro, do seu compromiso coa veciñanza e colectivos e da súa  evolución dentro da corporación municipal,

     Por outra banda,  a escolla do candidato, faltando máis de un ano para a cita electoral, e seguindo un proceso totalmente aberto e participativo, onde non decide ninguén de arriba, nin de fora, nin moito menos ningún pope oculto, fai evidente o alto nivel de estabilidade dentro de Somos Ribadumia, unha estabilidade que nos acompaña dende que botamos a andar en marzo de 2015, e compre remarcar que dende o ano 2019 somos o partido que máis pronto designa candidato. Para nós ademais, é unha mostra de respecto cara a veciñanza o feito de que cando falen con Soutelo, teñan a seguridade de que falan coa persoa que encabezará a nosa lista e que opta a ser alcalde, en contraposición con outros lideres locais, a estas alturas xa levan semanas desfollando a margarida, con declaracións pouco concretas, dando a entender que igual non se presentan nas próximas eleccións seguindo a vella táctica de dar pena,  cando a realidade é outra.

  Dende Somos Ribadumia estamos orgullosos da nosa estabilidade e independencia, que nós permite abordar a xestión e o desenvolvemento do noso proxecto para Ribadumia atendendo as necesidades do conxunto da nosa veciñanza, sen máis liñas vermellas que as recollidas nos nosos principios éticos e políticos, así como da nosa capacidade para resolver os trámites internos dende o debate, pero con claridade de ideas e un amplo consenso na toma de decisións.

  Para rematar, unha vez cruzado o río da escolla de candidato, dende Somos Ribadumia e en paralelo co noso traballo diario damos inicio ao traballo político de cara as próximas eleccións, co obxectivo de renovar e actualizar o noso proxecto político para Ribadumia.

Deixar un comentario