Propoñemos o establecemento dun plan municipal de apoio á reforestación das franxas de seguridade.

- O Concello aprobou unha norma que xunto á da Xunta de Galicia obriga aos propietarios a manter as franxas de seguridade limpas boa parte do ano.
- Presentamos unha moción propoñendo un plan con liñas económicas e asesoramento para favorecer a reforestación con especies autóctonas desas franxas de seguridade.
- O obxectivo: co paso do tempo abaratar tanto o mantemento deses terreos como a xestión municipal do seu control.
O Concello de Ribadumia conta cunha Ordenanza Municipal Reguladora da Xestión da Biomasa e Limpeza de Terreos, cuxo obxectivo é garantir a seguridade das persoas e bens, así como a prevención de incendios forestais no ámbito municipal.
A devandita ordenanza establece a obriga das persoas titulares de terreos de manter as parcelas en condicións adecuadas de limpeza e xestión da biomasa, incluíndo a eliminación de especies pirófitas e o mantemento de franxas de seguridade de ata 50 metros arredor de núcleos de poboación e edificacións.
Non obstante, o cumprimento destas obrigas supón en moitos casos unha carga económica significativa para a veciñanza, especialmente en parcelas de gran superficie ou con presenza de especies forestais non permitidas. Pero a labor de Control da legalidade que corresponde ao Concello tamén lle supón a este unha importante carga, pois tal como o propio alcalde ten declarado, o traballo administrativo e técnico de comunicar cada ano ás persoas que non cumpren as súas obrigas, así como corroborar o estado das parcelas supón un esforzo de persoal e recursos, que se reduciría co tempo cunha correcta xestión das masas forestais afectadas.
Neste contexto, diversas administracións públicas están a impulsar políticas activas de apoio á cidadanía. Así, recentemente o Concello de Sanxenxo, en colaboración coa Xunta de Galicia, promoveu o reparto de árbores autóctonas para a reforestación das franxas secundarias, facilitando o cumprimento da normativa vixente e fomentando un modelo forestal máis sostible e seguro.
Este tipo de iniciativas permiten avanzar cara a un modelo de corresponsabilidade, no que a Administración non só impón obrigas, senón que tamén proporciona ferramentas e apoio para o seu cumprimento.
Por todo isto consideramos oportuno que o Concello de Ribadumia complemente o seu marco normativo cun plan de apoio á reforestación das franxas de seguridade, incentivando a substitución de especies pirófitas por especies frondosas autóctonas, máis resilentes fronte ao lume e de maior valor ambiental. Dito Plan non deber ser puntual, se non establecerse ao longo dun período de tempo de varios anos para que economicamente, e tamén administrativamente, sexa viable.
Co fin de lograr estes obxectivos vimos de presentar unha moción para Pleno na que propoñemos os seguintes acordos concretos:
1. Crear unha mesa especial para a prevención de incendios forestais, composta pola parte técnica que designe o goberno local e por representantes de todos os partidos políticos con representación na Corporación Municipal de Ribadumia, co obxectivo inicial de elaborar e trasladar para a súa aprobación en Pleno un Plan Municipal de Apoio á Reforestación das Franxas de Seguridade, dirixido ás persoas titulares de terreos afectados polas obrigas de xestión da biomasa, e cun período de desenvolvemento inicial non superior aos cinco anos, coa posibilidade de ampliarse ou renovarse.
Dito plan debe contemplar a creación dunha liña de axudas económicas, recollidas no Orzamento anual, destinada a:
– A adquisición de especies arbóreas frondosas autóctonas.
– A eliminación de especies pirófitas existentes.
– Os traballos de plantación e acondicionamento das parcelas.
Dito Plan tamén debe incluír medidas complementarias de apoio técnico, tales como:
– Asesoramento sobre especies axeitadas e densidades de plantación.
– Información sobre boas prácticas de xestión da biomasa.
– Coordinación con programas da Xunta de Galicia en materia forestal.
Unha vez aprobado o Plan, e posto en marcha, a mesa de traballo deberá elaborar un informe anual cos avances, custes e superficies tratadas, e de ser o caso as propostas de cambios ou axustes necesarias para que o Plan cumpra a súa función, e presentarse no último Pleno Ordinario de cada ano.
2. Instar ao Concello a estudar a posibilidade de establecer convenios de colaboración coa Xunta de Galicia, co fin de optimizar recursos e ampliar o alcance das actuacións.
3. Que se habilite unha campaña informativa dirixida á veciñanza, explicando tanto as obrigas legais existentes como as novas medidas de apoio.
