Somos Ribadumia e Somos Cambados participaremos no encontro de forzas municipalistas que se celebrara o 25 de abril en Chantada

- Candidaturas das catro provincias galegas propoñemos un modelo de confederación, con autonomía local, co obxectivo de compartir experiencias de traballo municipal e avanzar cara a un proxecto amplo.
- As candidaturas de Agora Galicia configurámonos como espazos locais independentes pero con capacidade de colaboración, plurais e de defensa da maioría social fronte á onda reaccionaria global.
O vindeiro 25 de abril candidaturas municipalistas de toda Galicia reunirémonos en Chantada para seguir traballando nunha confederación de proxectos locais cara ás Municipais de 2027. Somos Cambados e Somos Ribadumia estaremos presentes nesa xuntanza, impulsada por Agora Galicia, o espazo de confluencia de forzas municipalistas no que ambas formacións estamos integradas.
Sobre Agora Galicia compre incidir en que dende o primeiro encontro realizado en marzo de 2025, foi sumando espazos locais ao proxecto, cuxo seguinte chanzo será esa xornada na que se propón definir o modelo de concorrencia ás Eleccións Locais de 2027. Proponse una alianza creada especificamente para as Municipais de 2027 e con ampla autonomía local, estando aberta a máis incorporacións, que cada agrupación deberá valorar en base ás circunstancia locais pero tamén ás de cada partido xudicial, pero que en calquera caso permitirá a presenza de cadansúa marca electoral, pois non falamos de ningún tipo de integración, senón de colaboración dende os propios espazos, sen que estes perdan nin a súa identidade nin a independencia de traballo e xestión.
Asemade, as candidaturas municipalistas dotaranse dunha Coordinadora –integrada por unha persoa representante de cada agrupación local–, e un Código Ético común.
Cremos firmemente na cooperación dos proxectos de base e cos movementos da cidadanía para que desde os concellos poidamos construír unha ferramenta plural ao servizo do país, partindo da base de que só coa expansión do espazo político galego, colocando o espazo municipalista no taboleiro político, é posible un cambio de rumbo en Galicia, aumentando a pluralidade política e o entendemento entre as forzas transformadoras, mobilizando abstencionistas, xente descontenta co escenario político actual de crecente desafección, e convencendo a votantes doutras forzas de que hai unha alternativa galega construída por veciñas e veciños, co seu cerne na proximidade local, sen dogmatismos nin hipotecas.
Temos mirada e horizonte propio, pero coas xanelas abertas ao diálogo co fin de chegar a puntos de encontro coas forzas políticas e sociais e, sobre todo, co conxunto do tecido social de base e coa cidadanía do noso país, acompañando as súas arelas e necesidades e loitando por defender os servizos sociais e por un futuro mellor para Galicia
Por outra parte, nun momento tan complexo a nivel global, as candidaturas municipalistas situámonos claramente contra a vaga reaccionaria existente, poñéndonos na vangarda da loita por un mundo máis xusto e contra o cambio climático dende as institucións locais.
Os documentos a debate na xornada complétanse con resolucións contra a guerra e a favor de acordos amplos para evitar unha vitoria das dereitas nas vindeiras Eleccións Xerais.
Nun cadro tan sombrío e complexo nin que dicir ten que a contribución de Agora Galicia ten que ser organizar a cidadanía máis activa e consciente dos nosos concellos e facer ver desde un municipalismo coherente e honesto que hai alternativa a esta deriva política autoritaria e antisocial, que favorecerá os privilexios dos ricos e a degradación das sociedades e dos territorios. Igualmente, non abonda con rexeitar o espolio territorial e o acaparamento de terras e beneficios, pois cómpre incidir nas alternativas, un aspecto onde consideramos que a visión achegada á veciñanza, ao territorio e as nosas casuísticas propias, supoñen un elemento diferenciador das grandes maquinarias políticas e electorais, que unicamente traballan en base a enquisas e intencións de voto, illándose da realidade social do nos país e da nosa xente.

