Chapuza enriba de chapuza no Parque infantil de Barrantes.



- David Castro mandou corrixir as deficiencias logo das nosas denuncias, pero o resultado resultou unha chapuza en forma de parches.
- Unha actuación de máis de 11.000 €, con menos de tres meses, en garantía, remendada de mala maneira e sen solucionar problemas.
- Non hai ninguén ao mando en Ribadumia.
O goberno de Ribadumia parece encirrado en demostrar a súa incapacidade para a xestión municipal en todos os aspectos, e o seu pasotismo total e absoluto nas súas funcións.
O último exemplo topámolo estes días en forma de parcheados nun céspede artificial que non leva posto nin tres meses, e en uso un terzo dese tempo. Recapitulando, fai uns días dende Somos Ribadumia faciámonos eco das deficiencias que presentaba o parque infantil sito nas inmediacións do CPI Julia Becerra Malvar tres semanas despois de abrirse ao uso logo dunha reforma de máis de 11.000 €.
Tal como explica o noso voceiro, Enrique Oubiña “ o goberno de David Castro tivo a ben tomar medidas, e mandou persoal, enténdese que da empresa que realizou a obra, a reparar parte das deficiencias. Pero o que non se fixo, ou eu quero pensar que non se fixo pois o contrario sería para chorar, foi supervisar os traballos. Resultado: unha chapuza”.
As deficiencias, tal como denunciamos, consistían maiormente na mala colocación do céspede, quedando dun xeito irregular nuns puntos, con levantamentos e comezando a despegarse do caucho sobre o que foi colocado noutros. A solución da empresa foi cortar os anacos de céspede que viron dubidosos e poñer parches, ou colar sen moito coidado os laterais que estaban levantados. Sen máis.
Se falaramos dunha instalación de varios anos, desgastada polo uso e o paso do tempo, poderiamos pasar por este parcheado como solución parcial. Pero falamos dunha instalación que foi feita fai tres meses, que está en garantía, e cuxas deficiencias se deben a erros na instalación. Non é aceptable que a empresa actúe deste xeito, parcheado e tapando erratas, cando o que debería facer é levantar o céspede é colocalo correctamente. Porque “ os parches colocados, que a ver canto duran, nin sequera solucionan todos os defectos que quedaron, nin solucionan o problema de base que é a colocación da capa de céspede no seu conxunto”. E se esa maneira de actuar non nos parece aceptable, menos aceptable resulta a actuación pasotista do goberno local, que é quen ten que controlar que as obras se fagan correctamente, ao permitir que a empresa solucione desta maneira e dalo por bo.
Os antecedentes con Oubiña no goberno.
Dende Somos Ribadumia denunciamos este tipo de actuacións dende o sentido común, pois “ ninguén na súa casa permitiría que unha intervención desas características fora resolta de maneira tan chapuceira. A calquera de nós ven unha empresa e colócanos un céspede desa maneira nun patio da casa, e facémosllo levantar volvelo a poñer ben”.
Pero ademais, falamos dende a experiencia de goberno. No mandato anterior, sendo Oubiña concelleiro de Urbanismo, houbo que realizar moitas actuacións de posta ao día nos parques infantís e outros espazos públicos, pero a diferencia na actuación ante os problemas xurdidos fala por si soa. Podemos poñer dous exemplos. Un deles na reparación do patio da escola de infantil, que foi cambiada na súa totalidade. Unha intervención similar nunha contorna moi próxima ao parque infantil referido. Durante as obras de substitución do chan, detectouse un erro na soleira e na drenaxe, e a empresa tivo que desfacer todo o traballo xa feito, e volver a realizalo nas condicións correctas. Iso foi así porque Oubiña estivo onde lle correspondía estar. Outro caso, que tivo a súa repercusión, foi na reforma do ximnasio do Colexio, que se viu atrasada por un defecto no proxecto que provocaba a entrada de humidade dende a soleira do edificio. Nese caso houbo que agardar meses ata que o bo tempo permitirá actuar, pois foi preciso unha impermeabilización por fóra bastante complexa de realizar e que non podía facer en inverno. A empresa adxudicataria da obra non estivo nada de acordo, pero había un concelleiro responsable cos fondos públicos e co seu traballo, e tamén con capacidade de mando para xestionar estas situacións. E a hemeroteca pode dar conta disto.
Dende Somos Ribadumia estaremos sempre apoiando aos gobernantes, sexan do partido que sexan, que actúen con responsabilidade. Somos conscientes de que as obras moitas veces presentan problemáticas, as veces incluso meses despois de rematarse. E sabemos que moitas desas problemáticas serán sobrevidas, pero outras non. A nosa posición é a demostrada dende o goberno: se hai que corrixir un erro, ou desfacer un traballo e volvelo facer, que se faga, e se hai que reclamarlle á empresa adxudicataria, pois reclámaselle,. Pero non podemos aceptar que se tiren os cartos da veciñanza en obras chapuceiras, nin este abandono de funcións do goberno de David Castro, que xa só está pensando en como agarrarse a súa maioría, aínda que a vista de como gobernan, non temos claro para que a queren.