En Somos Ribadumia temos curiosidade por coñecer os criterios que defende o PP con respecto á instalación de alumeado público.

Logo de ler na prensa que o PP se mostraba desconcertado pola política de colocación de alumeado público do actual goberno, dende Somos Ribadumia sentimos curiosidade por saber cales son os criterios que según Salomé Peña e a súa formación se deberían seguir.

Chama a atención que o partido que converteu Ribadumia no Concello da comarca con máis farolas por habitante, teña agora reparos cando o actual equipo de goberno coloca algún novo tramo de iluminación pública.

Chama a atención sobre todo polo feitos contrastados: na ponte sobre do Umia en Barrantes, o PP instalou 21 puntos de luz nun tramo de escasos 120 metros. Ademais, as farolas no tramo central da ponte foron colocadas de xeito enfrontado, un evidente despilfarro de electricidade e luminarias. Algo parecido acontece noutra ponte, a de Cabanelas, onde topamos 17 farolas en 200 metros, coa particularidade de que 7 desas farolas teñen dobre luminaria. Todo isto por non falar da sobreiluminación de rotondas, un mal que aqueixa a moitos concellos gobernados polo PP, ou do entorno da pousada, outro punto saturado de luminarias, pagadas ademais a prezo de ouro.

Copia de Collage de fotos – Diseño sin título (1)

Para Enrique Oubiña pódese entender que Salomé Peña necesite saír nos medios cada semana con algunha cuestión, máis dada a pobre oposición que durante estes anos ven facendo e o evidente abandono que vive por parte do seu propio partido, pero sería de agradecer algo de seriedade pola súa parte. Resulta case unha falta de respecto que unha persoa que mantivo en situación ilegal case o 70% do alumeado público durante todo o seu mandato, sen ningún control ademais sobre a facturación da electricidade municipal, e que colocou iluminación pública a granel, e nalgún lugar plantando farolas apertadas como se foran pes de millo, fale agora de optimización de recursos”.

Cifras falsas.

Enrique Oubiña aproveita para aclarar que “o PP ademais volveu aportar datos falsos. Falou de que en 500 metros colocamos 37 farolas, pero a realidade é que o proxecto para Leiro-Besomaño, do que por certo o PP ten todos os datos, efectivamente falaba de 37 puntos de luz, pero ó longo de dous tramos que suman 1.100 metros liñais, aproximadamente un punto de luz cada 30 metros, unha separación normal, baseada en criterios puramente técnicos. Gustaríame saber que criterios técnicos usou Salomé Peña para colocar unha luminaria cada 3 metros na ponte de Barrantes.

Sobre as críticas á zona onde se colocou o alumeado, Enrique Oubiña lamenta “a falta de memoria e o descoñecemento que Salomé Peña ten sobre o seu propio Concello e a vida nel . En Ribadumia abundan os tramos de vías que contan con iluminación a pesar de non ter vivendas, e colocados no seu momento polo goberno do PP, eles saberán por que motivos. Os nosos motivos son claros e están xustificados. Actualmente existen zonas que son de paso que están sen alumear, por onde circulan diariamente moitos vehículos, pero tamén moitas persoas a pé. Outras zonas, especialmente no rural, nos últimos anos convertéronse en rutas improvisadas de paseo, por onde todas as noites camiñan moitas persoas, polo que é convinte mellorar no posible as condicións de seguridade. Nuns casos e noutros os propios veciños están pedindo luminarias, ademais de outras medidas de seguridade, nesas zonas, e a función do goberno é, onde estea xustificado, dar cabida a esas solicitudes, pois cando menos polo que a min respecta todos os veciños teñen os mesmos dereitos. “

Copia de Collage de fotos – Diseño sin título

Dende Somos Ribadumia, unha vez máis debemos lamentar a demagoxia do Partido Popular, que con tal de conseguir titulares e unhas liñas na prensa é capaz de elaborar comunicados con calquera escusa, obviando a realidade, falseando datos e mentindo descaradamente.

Enrique Oubiña participará en Bruxelas nunha conferencia da iniciativa REALPE

IMG-20180626-WA0008

Enrique Oubiña viaxará esta semana xunto a outros 24 concelleiros e concelleiras, convidados pola eurodiputada Lidia Senra, a Bruxelas, co obxectivo de participar nunha xornada de debate e intercambio de experiencias de cargos electos municipais de diferentes países da UE que organiza o Grupo Parlamentario da Esquerda Unitaria Europea / Esquerda Verde Nórdica (Grupo GUE/NGL) , do que forma parte Lídia Senra.

A xornada, que terá lugar o xoves 28, insírese na iniciativa REALPE, que cada ano reune a concelleir@s e polític@s de toda europa para tratar diferentes cuestións, e que este ano terá como temas centrais :

  • o uso de fondos europeos polas entidades locais e rexionais.
  • cohesión social.
  • servizos públicos e o seu acceso nos municipios locais.
  • o dereito á auga.
  • despoboamento.

Enrique Oubiña subliñaba onte que esta viaxe “é unha boa oportunidade para coñecer de primeira man como se enfrontan noutras partes de europa a todos estes problemas, e as solucións que se están plantexando a nivel local, pero tamén a nivel do parlamento europeo , tanto en cuestións de lexislación como de financiamento.”

Dende Somos Ribadumia vemos positivo participar neste tipo de encontros, onde se tratan cuestións que máis tarde acaban refrectindo nas diferentes leis, normas e liñas de subvención que se aproban no parlamento europeo, e que finalmente afectan dun xeito directo á vida municipal.

A viaxe esta financiada polo grupo parlamentar, polo que non terá ningún custe económico para o concello.

As reunións veciñais como exemplo de transparencia.

   Nas pasadas semanas o equipo de goberno mantivo unha serie de reunións veciñais nas parroquias do noso concello.

   Dende Somos Ribadumia consideramos que este tipo de iniciativas teñen unha gran importancia, pois por un lado permiten achegar o traballo do goberno municipal aos veciños dun xeito máis aberto e transparente, e por outro facilitan que os políticos poidan dar  as explicacións oportunas sobre  calquera cuestión, e tamen recibir críticas á súa labor e recoller as impresións ou propostas da veciñanza.

   Como parte do equipo de goberno e como forza política que dende o minuto un defendou a transparencia como eixe fundamental do traballo municipal queremos manifestar a nosa satisfacción por este tipo de actuacións.

   Inda quedan cousas por facer, e a nosa función debe ser traballar para mellorar nestas cuestións e  seguir avanzando tanto en temas de transparencia como de participación cidadá, pero non cabe dubida de que en Ribadumia temos un goberno moito máis transparente, no oposto ó escuro goberno anterior.

Diseño sin título (1)

O Club Sénior do Concello de Ribadumia supera o medio centenar de inscritos

  Dende o inicio de actividades en novembro do 2017, o Club Sénior do Concello de Ribadumia, creado logo da modificación da norma do Fogar dos Maiores, mantén unha liña ascendente tanto en actividades como  persoas inscritas.

IMG-20180527-WA0018

imaxe dunha saída recente do Club Senior.

   A día de hoxe o Club Sénior leva máis de cincuenta inscritos e inscritas, cifra que vai aumentando con cada actividade nova que organiza dende o departamento de Servizos Sociais do Concello. Con respecto ás actividades, dende que este novo formato votou a andar en novembro do ano pasado, leva organizadas preto de unha ducia delas: dende saídas culturais a diversos  obradoiros, como os de uso de smartphones ou o de  risoterapia, pasando por unha bailoteca ou mesmo un de elaboración de xabóns. Ademais, mantéñense o taller de memoria e as clases de ximnasia para maiores, que eran as dúas únicas actividades, xunto a un xantar de confraternidade, que o Concello organizaba con anterioridade.

   Enrique Oubiña explica que  “o Fogar do Maiores creouse no 2011, con sede na Casa da Cultura de Ribadumia pero, dende o seu inicio, o formato de “centro social”, moi próximo na súa formulación a un centro de día -que ademais incluía unhas taxas de acceso moi altas-,  non conseguiu convencer aos posibles usuarios. De feito, mantívose nuns niveis de participación moi baixos, con menos dunha ducia de persoas e soamente 8 cando, a finais do ano 2016, se modificou a normativa de uso.

   O cambio de norma que impulsamos, modificou o concepto orientándoo máis cara un club de pensionistas que cara un centro de día, cunha taxa de acceso moito máis racional (10€ ao ano). Isto, sumado  o aumento de actividades orientadas a este colectivo, permitiu que pouco a pouco a situación fora mudando, unha tendencia que previsiblemente se vai manter nos próximos meses, nun concello que ten máis de 1.500 persoas con idades por riba dos 55 anos, das que máis de 400 superan os 65.”

Próximas actividades

   Coa chegada do verán, o obradoiro de memoria e a ximnasia de maiores collen un descanso, pero dende o departamento de Servizos Sociais seguen organizando actividades para o colectivo da terceira idade. Entre outras, o 1 de xullo está prevista unha saída para participar no “XXV Festival da Terceira Idade de Melide”. Ademais, en agosto terá lugar a xa tradicional Xuntanza dos Nosos Maiores, un xantar de confraternidade con diversas actividades, que reúne habitualmente a máis de 200 participantes.

   Quen desexe informarse de todas as actividades que se organizan para a terceira idade, ou sumarse ó Club Sénior, que permite ter diversas vantaxes (como descontos nas actividades), pode dirixirse aos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Ribadumia.