Category: Sen clasificar
Insistimos na nosa proposta de dotar os CRAs de servizos de conciliación familiar.
- Dúas das catro aulas do Centro Agrupado Rural do concello de Ribadumia corren o risco de pechar.
• O goberno local debe tomar medidas que axuden na loita contra o peche destes tan importantes centros educativos.
• A finais do pasado ano presentamos unha batería de propostas orzamentarias, entre as que se inclúen a dotacion no rural dos servizos de plan madruga, comedor escolar e da escola de ocio.
Os Centro Rurais Agrupados do noso concello, que se dividen nas aulas de Lois, Leiro, Ribadumia e Sisán teñen unha traxectoria como centros de referencia da educación preescolar fora de toda dúbida, favorecidos polas características que lle son propias e por un equipo docente dun gran nivel e compromiso. Poren, nos últimos anos o cada vez menor nacemento de nenos no concello, en especial nas zonas rurais, sumado a outras cuestións relacionadas coa difícil conciliación familiar dos proxenitores, están provocando que mentres as aulas de infantil do centro de Barrantes están saturadas, os centros do rural teñen cada ano menos nenos, chegando xa no curso pasado a por en perigo a continuidade dunha das aulas.
Unha situación que este ano, seguindo a liña dos anteriores, se agrava un pouco máis, estando en perigo de peche dúas das catro aulas. Por ese motivo , ANPA e dirección do CRAs puxeron en marcha unha campaña de captación de crianzas que dende Somos Ribadumia apoiamos completamente.
Ademais, non podemos esquecer que na situación actual de Ribadumia, cunha perda gradual de poboación e co risco de baixar dos 5.000 habitantes, non podemos permitirnos perder nas parroquias servizos que son esenciais a hora de que unha familia decida establecerse.
Por ese motivo queremos volver insistir na necesidade de que o goberno municipal poña en marcha medidas específicas neste eido. Dende a nosa formación, e inda sendo concelleiro de política social Enrique Oubiña estudouse a posibilidade de dotar as aulas do CRAs dos mesmos servizos que goza Barrantes: plan madruga, comedor escolar, e escola de ocio. Por ese motivo temos moi claro que son servizos que dende o concello é viable prestar, e asumibles no económico. Ademais os centros teñen espazo suficiente para poder dispoñer estes servizos – so pode haber un pequeno problema de espazo no centro de Ribadumia facilmente subsanable se o goberno local ten vontade de facelo – , o cal permitiría ademais prescindir do taxi co que actualmente se traslada a algúns nenos a Barrantes para ter estes servizos. De feito, explica Enrique Oubiña, “esta solución, que Somos Ribadumia levabamos no noso programa electoral, se nos estiveramos no goberno xa estaría operativa neste curso, pois estaba moi encamiñada, e hoxe a ANPA no canto de ofertar estes servizos en Barrantes, previo traslado en taxi, estariaos ofrecendo en cada aula, sen necesidade de traslado ningún dende a maña á tarde”.
A finais do ano pasado presentamos no rexistro do Concello un documento cunha bateria de propostas onde se incluia a dotación dos servizos referidos nos CRAs. Tal como explica Oubiña “a día de hoxe non tivemos constancia de se o goberno local ten previsto incluír algunha destas propostas no orzamento, pero vendo o vacío que lle están facendo a esta cuestión é probable que oa cartos vaian a outras cousas. De feito, algo pasa, por que non sabemos tampouco cando se vai aprobar o orzamento, e nin sequera nos chegou unha proposta do documento, algo sorprendente tendo en conta que IR e David Castro, a diferencia do 2019 – onde nun acto de traizón política como poucos bloqueou o debate orzamentario porque non quería incluír as nosas propostas – agora conta cunha maioría suficiente para aprobar o orzamento que considere”.
Dende Somos Ribadumia pedímoslle ao goberno local que asuma as súas responsabilidades e teña altura de miras, e que centre a atención nos problemas importantes da cidadanía. Non é de recibo que podendo dar os mesmos servizos no rural que no urbano, non se faga e se condene con iso ás parroquias, que coa perda de servizos esenciais como poden ser os CRAs, seguirán perdendo poboación.
Denunciamos os oídos xordos do goberno ante as queixas que nos ultimos meses se teñen rexistrado con respecto a diversas deficiencias no ximnasio municipal.
- O ximnasio municipal adoece de diversos problemas, dende insuficiente potencia eléctrica a recursos materiais moi xustos para o nivel de actividade actual.
- Temos constancia de varias queixas de usuarios presentadas nos últimos meses.
- Solicitamos que se solucionen os problemas máis inmediatos e que se destinen partidas para mellorar o nivel material e facer as obras necesarias para a súa actualización.
O ximnasio municipal de Ribadumia, sito en Cabanelas nun local compartido co Náutico O Muíño, foi dende a súa inauguración unha instalación doente de varias deficiencias, que ademais sufriron as consecuencias dos desencontros de Salomé Peña coa dirección do naútico. Na pasada lexislatura dende o departamento de Urbanismo que estaba na man de Enrique Oubiña xestionáronse diversas medidas e obras que permitiron solucionar vellos problemas de humidades, así como ampliar o espazo dispoñible para o naútico, ou legalizar a cafetería logo dunha importante obra de adecuación. Tamén se estableceu unha fórmula de traballo a través da cal se renovaba o material deteriorado e se ía aumentando pouco a pouco con novas compras, e se xestionaban con celeridade problemas tales como avarías nas máquinas, ou nas instalacións, como podían ser as caldeiras.

Toda esta maneira de traballar parece ter pasado á historia. O xoves pasado houbo unha avaría nas caldeiras onte luns, cinco días despois, os usuarios seguíanse queixando da falta de auga quente. Ademais disto, en Somos Ribadumia temos constancia, tal como explica Oubiña “ de que nas últimas semanas varias persoas usuarias do ximnasio municipal, que non hai que esquecer que pagán a súa cota e teñen dereito a un servizo de calidade, presentaron escritos no rexistro do concello, que parece ser que ninguén se molestou en contestar nin, visto o visto, en ler”.
Para Oubiña “esa manía de gardar os escritos no fondo do caixón non ten xeito nin dereito, e ademais é unha grave irresponsabilidade por parte do goberno. Cando un veciño presenta un escrito debe ser atendido, e a maior brevidade posible, non fai falla agardar a ver de quen é fillo o reclamante, nin a quen vota. Pensabamos que iso estaba superado, pero vemos que non, igual que vemos que as diferencias persoais do alcalde ou de membros do seu partido con según quen, teñen máis peso que a responsabilidade de gobernar para todos e todas por igual, como vemos neste caso, onde todo o que emane desa instalación se trata dun xeito moi distinto as cuestións que xorden noutras instalacións deportivas usadas por outros clubs, as que se trata con outro cariño”
Dende Somos Ribadumia presentamos esta mañá un escrito solicitando, ademais de diversa información relativa aos usuarios do ximnasio e aos ingresos que xera cada ano, solucións aos diversos problemas. Algúns somos conscientes de que poden requirir dun investimento algo maior, sobre todo por que como aclara Oubiña “coñecemos ben a problemática, pois xa varias veces acudimos na lexislatura anterior cos técnicos municipais para avaliar as solucións posibles, que logo tropezaban cos intereses do señor alcalde e de IR, que sempre tiñan un pero ou outra urxencia onde destinar os fondos. Ao mellor fomos máis comprensivos do que deberíamos naquel momento. Pero agora, con veciños que se queixan, e co aumento importante de usuarios rexistrado nos últimos anos, non podemos máis que pedirlle ao goberno que actúe”.

Lamentamos que o goberno de David Castro estea máis polo ataque á oposición que por solucionar os problemas creados pola súa xestión.
- A medida anunciada de permitir o fraccionamento do pago, sendo positiva, non soluciona o problema da chegada retrasada e acumulada de multas.
- O convenio da FEMP non libera ao goberno local da súa responsabilidade na xestión das multas.
- Lamentamos que o goberno local centre o seu discurso en tentar desacreditar aos partidos da oposición no canto de solucionar os problemas da veciñanza.
O primeiro que queremos declarar dende Somos Ribadumia é a nosa satisfacción por que o goberno local rectificara parte da súa actuación e anunciara medidas de fraccionamento nos casos de acumulación das multas, que poden axudar a aquelas persoas que se topen coa sorpresa de recibir unha carta con varias infraccións, das que seguramente non tiveran nin coñecemento.
Poren, hai que aclarar que esa medida, sendo positiva, non supón unha solución á problemática creada coa xestión das multas. Tal como está anunciado, as multas vanse seguir enviando en lotes, o cal significa que todo o expresado anteriormente vai seguir acontecendo. Para Enrique Oubiña “ o máis grave está nesta maneira de xestionar. En Barrantes hai dúas ou tres zonas complexas, onde moitas persoas optan ante a falta de aparcadoiro próximo por estacionar de xeito irregular. E o goberno actúa solicitando a presencia da Garda Civil para que recolla as infraccións co obxectivo de animar a todas esas persoas a estacionar correctamente. O problema que parece non ver David Castro, é que a medida, ao chegar as multas seis meses despois, perde todo carácter disuasorio, é convértese nunha medida puramente recadatoria.”
Por outra banda, temos que referirnos ao convenio coa FEMP ao cal fixo referencia David Castro- e que podedes ler aquí – acusándonos de mentir é de ser coñecedores e cómplices da súa actuación. O convenio referido, efectivamente aprobado en decembro do 2018, non é un convenio de xestión a través dunha empresa externa. Nin moito menos. O convenio asinado é un convenio marco, que non establecía nin as fórmulas de xestión das multas, nin o seu proceso, nin moitísimo menos un mecanismo polo cal as multas tardan meses en chegar. Ao contrario, o convenio era, tal como o seu nome indica, para a “prestación de servizo de asistencia técnica e colaboración para a xestión, recadación voluntaria e executiva das multas de tráfico”. Explica Oubiña que “ o convenio asinado procuraba axudar a xestionar correctamente dende o concello. A nos ninguén nos dixo en ningún momento, nin o documento o recolle, que este convenio implicaría que as multas estarían xestionadas por terceiros. Só era un convenio para que a FEMP axudase á administración local na súa xestión, e por suposto que estivemos a favor. Pero en ningún caso ese convenio é un eximente das responsabilidades do goberno local que, en caso de ver que a xestión non vai correctamente, debe actuar, non mirar para outro lado. .”

o propio convenio explica que se trata dun pacto para dar asistencia técnica ao concello, non para asumir a responsabilidade sobre a xestión das multas, que segue sendo do goberno local, mal que lles pese.
Dende Somos Ribadumia insistimos en pedirlle ao goberno local que deixe de marearnos coa dialéctica política, que á veciñanza pouco lle importa, e que vaia a raíz do problema e modifique a formula de xestión das multas, xa que a problemática creada non solo afecta as persoas sancionadas, se non tamén a peóns e propietarios de vaos, que están totalmente indefensos ante determinadas actuacións, como cando un coche aparca enriba dunha beirarrúa bloqueando o paso ou diante dun garaxe con vao. Tamén insistimos na necesidade de dar outro tipo de solucións aos problemas do centro de Barrantes, que non pasen por andar a multar de xeito continuo, unha medida claramente inadecuada, máis cando as multas non chegan.
Faltas de respecto.
Debemos lamentar que os argumentos do goberno local se baseen en intentar largar balóns fora e disparar contra a oposición, chegando á falta de respecto e ao desprezo ao traballo dos outros partidos políticos, cando non aos concelleiros , unhas provocacións nas que non imos caer.
Pola nosa banda temos claro que non estamos casados con ninguén máis que coa nosa veciñanza, e que imos seguir realizando o noso traballo, gústelle a David Castro ou non lle guste. Neste aspecto, vemos como algo positivo que en cuestións como esta, que afectan a tanta xente, poidamos concordar posturas co PSOE, e pensamos que a veciñanza tamén ve con bos ollos que haxa entendemento entre forzas que, sendo moi distintas, temos principios políticos similares, similitudes que aumentan no ámbito local. Outros terán que explicar como en tan pouco tempo se puxeron do outro lado da corda, e mudaron o suposto interese xeral polo evidente interese partidista.
Manifesta irresponsabilidade dende alcaldía ante a xestión das multas
• David Castro non solo admite a mala xestión das multas municipais, se non que nos anuncia que inda van chegar máis multas acumuladas e con retraso, sen aportar solución nin corrección ningunha no procedemento.
• David Castro pretende chamar á Garda Civil para que pase a poñer multas, pero que a culpa a leven outros.
A semana pasada dende Somos Ribadumia, conxuntamente co PSOE denunciabamos os problemas que a mala xestión no envío das multas que a Garda Civil pon no núcleo urbano que como explicabamos é responsabilidade do goberno local, do cal agardabamos unha explicación que xustifícase a actuación e tamén unha solución que facilitase o pago aos veciños que por mor desta maneira de actuar recibiran de golpe varias multas, cousa que leva semanas acontecendo.
Porén, no canto dunha solución o que recibimos, a través dalgún medio de prensa pois David Castro insiste en manter o seu peche comunicativo coa oposición e coa veciñanza amosando unhas formas moi típicas da dereita, foi que non hai solución, é que a nosa veciñanza vai a seguir recibindo multas con retraso, nalgúns casos varias acumuladas, co pobre argumento dun suposto trámite burocrático a través do cal o alcalde quere eludir as súas responsabilidades.
Para Oubiña “esta maneira de actuar é unha total chapuza, e non hai por onde collela. O alcalde que no seu día vendeu os beneficios de xestionar os cobros municipais dende o concello -postura que nos respaldamos- , e agora dí que está externalizando ese servizo, algo do que nos non temos constancia. Pero ademais, usa ese suposto proceso de externalización, para eludir as súas responsabilidades dicindo que as multas quedaron en terra de ninguén, pero que el non ten culpa. Isto é rirse da veciñanza na súa cara”.
Dende Somos Ribadumia temos claro que o que acontece é que David Castro non quere que a súa sinatura figure as multas, máis a día de hoxe, con sinatura ou sen ela, e con independencia de como se xestione o cobro das multas, tanto el como o goberno local son os únicos responsables do que esta acontecendo, é debería admitir os seus erros e dotar os mecanismos para que a veciñanza non pague a súa mala xestión.
Con todo, somos conscientes de que poden xurdir problemas de carácter administrativo nas diferentes xestións municipais. O que nos parece algo totalmente admisible é que haxa un problema de xestión, neste caso das multas, e non solo non se faga público, se non que dende o goberno se siga actuando como se non pasara nada, solicitando a presenza da Garda Civil sabendo que as súas denuncias non van ir a ningures.
Multas prescritas.
Porque por se non era bastante, o propio alcalde admitiu que a situación leva dándose dende fai meses, polo que algunhas multas prescribiron antes de ser remitidas aos infractores. É necesario remarcar a enorme irresponsabilidade que hai detrás das declaracións de David Castro. Porque significa que ficou anulado, con total coñecemento do goberno local, todo o traballo da Garda Civil, pero tamén que durante meses as persoas e comunidades de veciños que pagan relixiosamente os vaos non tiveron ningún tipo de cobertura legal, nin as chamadas que calquera veciño puidera ter realizado por mor dun coche mal estacionado ou obstaculizando o paso, pois o trámite municipal das denuncias non se realizou correctamente. En resumo, tal como explicaba Oubiña “David Castro converteu Barrantes en cidade sen lei, onde a xente podía aparcar onde lle dera a gaña sen medo á penitencia, e a presencia da Garda Civil era anecdótica pois as multas nunca ían chegar. Unha situación inaudita, que non sabemos nin se esta solventada, pero que agora se engorda coa chegada masiva de multas, mentres o noso alcalde se fai de fora e se dedica a poñer cara bonita para as fotos”.
En calquera caso, dende Somos Ribadumia insistimos en que a solución aos problemas de estacionamento no centro de Barrantes non se solucionan con multas, se non con medidas urbanísticas.
