Lamentamos a negativa de David Castro a aumentar o seu apoio aos clubs deportivos e á escola de música.
- O orzamento foi imposto polo rodillo da maioría absoluta, sen negociación e sen aceptar as nosas propostas de aumentar o apoio aos colectivos deportivos, sociais e culturais, nin as partidas de conciliación familiar.
- Lamentables declaracións do alcalde tentando xustificar a súa negativa facer pública a información municipal e o seu bloqueo ao funcionamento da mesa de seguimento do Covid-19, aínda sen convocar.
“David Castro pretende transformar os plenos no seu particular “alo presidente”. Esta foi a conclusión á que chegou o noso voceiro Enrique Oubiña logo do espectáculo esperpéntico vivido no pleno extraordinario deste pasado xoves, o primeiro en seis meses con contido, cos plenos ordinarios bloqueados por vontade do alcalde, e limitando os contidos e a posibilidade de facer rogos e preguntas.
Tal como era previsible, a dinámica do pleno consistiu en que a concelleira de contas explicara a posición do goberno con respecto aos temas a debater, pero non aceptando no correspondente ao orzamento, o documento máis importante do ano, ningún tipo de proposta. “E non queremos entrar xa nas máis de trinta propostas que nestes meses levamos presentado coa intención, desprezada polo goberno, de aportar e lograr uns orzamentos consensuados, senon limitándonos as propostas xurdidas da actualidade, que requiren dende o noso punto de vista melloras no orzamento, e que de un xeito ou outro expuxemos no pleno todas as forzas políticas, incluída IR, aínda que no seu caso para logo desprezar os seus propios argumentos”.
Tres foron as cuestións que plantexou Oubiña e que de terse aceptado houbera significado o cambio no seu voto negativo aos orzamentos:
- O aumento das partidas para entidades deportivas culturais e sociais. En especial para as deportivas, logo de que nesta semana se confirmara o ascenso de categoría dos dous clubs de fútbol, que debido ao aumento de entidades deportivas dos últimos anos , percibiran este ano menos fondos municipais que no 2017. Para Oubiña “David Castro volveu as mesmas practicas da súa amiga Salomé Peña, investindo os cartos de todos e todas en obras que dean imaxes na prensa, pero deixando as entidades cos mínimos recursos económicos, para así poder venderlles favores. Política de marca PP”.
- O aumento das partidas de conciliación familiar, en concreto a da escola de verán, e a de axuda aos campus organizados por clubs e entidades culturais. A situación previsible é que a escola de verán, de poder realizarse, se faga con limitación no número de nenos, o que obrigaría a traer varios grupos. Isto pode supoñer un problema organizativamente, pero máis de carácter económico, ao dispararse o número de monitores necesarios. Tal como expuxo Oubiña “e que fai o goberno ante ó previsible aumento de custe da escola de verán? Baixar a partida. E nin sequera quixo reforzar a partida destinada a axudar as entidades que organizan campus, que axudaban a rebaixar o número de usuarias da propia escola municipal”.
- As partidas relacionadas coa escola de música municipal. Existe un acordo plenario para modificar o convenio económico, en precario dende fai anos, e para solucionar os problemas de espazo dunha escola que debería ser un orgullo para o noso alcalde, pero que el despreza de maneira continuada. Para Oubiña “David Castro é un traidor. Traizoa ao pleno municipal e á escola de música ao non cumprir os acordos do pleno, e que no orzamento non se contemple a posibilidade de modificar o convenio nin partidas para dalgún xeito mellorar a situación da escola de música, é unha evidente declaración de intencións: David Castro ten como obxectivo liquidar a escola de música municipal, e as nais e pais deben ser conscientes disto.
Por outra banda, e con respecto aos orzamentos Oubiña tivo que saír ao paso de declaracións de varias das persoas do grupo de IR, que esa mesma tarde afirmaran que Oubiña ía votar en contra de determinadas obras ou compra de maquinaria “igual se as concelleiras e concelleiros de IR non saben a que van aos plenos, teñan que formarse, pero antes diso eu pediríalles certa mesura no que din. O xoves non se debateu a compra de nada nin a realización de ningunha obra, e nos estamos totalmente a favor de todos investimentos propostos. Co que non podemos estar de acordo é cunha formula que pon en perigo todos eses investimentos pois dependen unicamente da concesión de diversas subvencións, e isto habendo fondos propios suficientes para acometer o máis urxente, como as dotacións de auga e saneamento que faltan no concello, e que David quere xestionar dun xeito totalmente politizado”.
Ante a falta de intención por parte do goberno, non xa de aceptar as nosas propostas, se non de prever problemas que van a chegar en poucas semanas, sumado ao seu desprezo por certos colectivos municipais, como a escola de música ou os clubs de fútbol “foi inviable poder dar o voto favorable aos orzamentos”.
A falta de respecto institucional.
Hai que resaltar do pleno que a cuestión que estivo presente durante toda sesión, e no debate dos distintos puntos, foi a falta de respecto institucional de David Castro, mais interesado en facer propaganda que en solucionar problemas. Todas as forzas da oposición fixeron referencia a esta cuestión e a que os ofrecementos de participación, colaboración e dialogo foron totalmente rexeitados polo goberno. David Castro foi incluso máis alo de todo o razoable, chegando a declarar que a mesa de seguimento do covid-19, elemento de representación democrática ditaminado dende a FEGAMP para a xestión municipal durante a pandemia, non a convocou porque “xa eles estaban facendo todas as xestións e o resto de partidos non faciamos falta”.
Ademais, durante a celebración do pleno o noso voceiro veuse obrigado a chamar a capítulo a David Castro, e esixirlle respecto e educación, ante os seus continuos desprezos á labor dos partidos da oposición, chegando o alcalde a declarar, en referencia as catro reclamacións que están activas a través da Valedora do Pobo por non darnos diversa información e non celebrar plenos ordinarios, que tiñamos dereito a recibir toda a información que solicitaramos, pero que el non nola ía facilitar por cuestións políticas. Oubiña tivo que recordarlle que “tanto eu como concelleiro de Somos Ribadumia, como calquera dos compañeiros e compañeiras desta mesa, sexan do partido que sexan, estamos aquí por decisión da cidadanía, e representamos á veciñanza de Ribadumia, polo tanto hai que ter un mínimo de respecto institucional, queira o señor alcalde ou non queira”.
Para Somos Ribadumia, a situación á que chegou o goberno municipal, é de estado de represión política e democrática. Porén, seguiremos traballando para a recuperación da normalidade democrática, e que a voz da veciñanza e os seus problemas volvan escoitarse e terse en conta nas institucións.