Category: Sen clasificar
Urximos a David Castro a usar xa os case 15.000€ aportados pola Deputación para o apoio á hostalería e pequeno comercio.

- A Deputación aprobou un aumento no Plan Concellos para o seu uso inmediato.
- A medida anunciouse o pasado día 5 de febreiro, pero David Castro segue desaparecido.
- David Castro dispoñía xa de 66.000€ para axudar ao comercio e hostalería, e decidiu usar eses cartos para outras cuestións.
No pleno da Deputación do pasado venres aprobouse formalmente a liña de axudas aos Concellos destinadas á xestión por parte dos Concellos de axudas directas a hostalería, comercio e pequenas empresas afectadas polas restricións derivadas da situación de pandemia. Xusto despois de aprobarse en pleno enviouse telematicamente comunicación a todos os concellos informándolles da disposición deses fondos, que no caso de Ribadumia ascende a 14.700€.
Dende Somos Ribadumia debemos lamentar que a pesar de que a Deputación permita para este ano 2021 que o 30% da Liña 1 do Plan Concellos, ou sexa 66.000€, poidan destinarse a apoiar aos sectores máis afectados polas restricións da pandemia, o goberno de David Castro estea totalmente desaparecido, a aínda non teña posto en marcha ningún tipo de axuda nin á hostalería, nin ao comercio, nin a outros sectores. Para Oubiña “o noso alcalde dedica o seu tempo ao fútbol, a facerse fotos con curas, regalar peches de fincas e ir aos xulgados, pero non dedica un minuto, nin moito menos euros, a axudar aos negocios do noso concello, e a situación xa se cobrou as súas vítimas en forma de negocios pechados, negocios detrás dos cales hai familias”.
A aprobación na Deputación dos fondos destinados a paliar as consecuencias das restricións pola pandemia, supón dispor de case 15.000€ adicionais, e non poden destinarse a outra cuestión que non sexa a referida. Ademais, na comunicación remitida xusto despois da aprobación destas axudas, a Deputación deixa moi claro que o seu uso é inmediato pois pódese pedir o adianto do 100% da cantidade concedida ademais de ofrecer axuda en caso de haber problemas de competencias – a escusa favorita de David Castro – coa xestión deses fondos.
Todo isto foi anunciado o pasado 5 de febreiro, e “debemos lamentar que o goberno local, ante este anuncio, gardara silencio dende entón – e igual que antes – no canto de anunciar aos hostaleiros, comerciantes e resto de sectores afectados que ía facer algo, que son o tipo de anuncios que agora mesmo a nosa veciñanza precisa leer na páxina do concello, e non anuncios de obras”.
Pedimos ao goberno de David Castro que deixe de mirar para outro lado e de poñer escusas, e poña en marcha un plan efectivo e inmediato de axudas directas aos sectores que están afectados pola situación de pandemia.
Os taboleiros informativos colocados na variante espiritual obvian o galego nos seus textos.

- Presentamos unha queixa na mancomunidade solicitando que se corrixan eses taboleiros.
Recentemente foron instalados uns taboleiros informativos na variante espiritual, dirixidos aos peregrinos e visitantes en xeral que percorren ese tramos de senda fluvial, que coincide coa denominada Ruta da Pedra e da Auga, que dende Barrantes sube ata o mosteiro de Armenteira.
Un panel informativo que ademais de dar indicacións da altura da variante espiritual do Camiño Portugués na que se encontra, aporta información etnográfica sobre os muíños que acompañan esa senda.
Sen dúbida unha boa actuación, se non fora polo feito de que o taboleiro ignora por completo a existencia da lingua galega, algo que nos parece totalmente inadecuado.
Dende Somos Ribadumia entendemos que o feito de que ese taboleiro teña os textos en castelán e inglés pero non en galego atende máis a un erro de deseño que non a intencionalidade. Pero querendo ou sen querer, entendemos que é algo que debe ser corrixido. Por este motivo, vimos de presentar unha queixa na sede electrónica da Mancomunidade, solicitando que se modifique eses taboleiros.
Ao mesmo tempo, tamén solicitamos que se modifique o acceso a través de código QR, para que abra a web da mancomunidade prioritariamente en galego – agora o código leva á páxina en castelán – e que nas opcións de idioma se inclúan o resto de linguas do estado español, catalán e euskera.
Dende Somos Ribadumia entendemos que as administracións galegas deben ser as primeiras en amosar o orgullo de ter unha lingua propia, e que a escusa de que a web de turismo está orientada a visitas foráneas non é aceptable.
Lamentamos tamén que o goberno local, dirixido por David Castro, permitira a colocación deste taboleiro sen tan sequera mirar o seu contido. Un exemplo máis do pouco ou nada que aos Independientes por Ribadumia lles preocupa a posta en valor da nosa historia,nin da nosa lingua nin do noso patrimonio cultural e etnográfico.
Ante a evolución da covid-19: autoconfinamento.
- Os datos de evolución da pandemia no noso concello non están sendo positivos.
- Pedimos á cidadanía que á vista da situación actual, opte na medida do posible polo autoconfinamento.
- Debemos axudar a dar volta á situación canto antes.
- Disto saímos entre todas e todos, con responsabilidade individual e colectiva.
Dende Somos Ribadumia, vendo como está evolucionando a situación no noso concello, pasando en un mes de cero a vinte e dous casos activos, cunha subida nos tres últimos días exponencialmente alta, consideramos necesario facer un chamamento á responsabilidade e ao coidado individual e colectivo.
A veciñanza de Ribadumia leva demostrando nesta pandemia un sentido da responsabilidade exemplar, e a mellor proba diso foi a baixa incidencia coa que enfrontamos o nadal, pero é evidente, á vista dos datos actuais, que non foi suficiente.
Tamén se fai evidente que os bandazos do goberno autonómico e as decisións tomadas nas últimas semanas en todos os aspectos, sen afondar nelas, non deron máis resultado que o que todos menos Alberto Nuñez Feijóo prevíamos, o aumento desorbitado de casos e posiblemente a perda de control sobre a pandemia.
Na situación actual, e ante a incertidume e o aumento de casos, só nos queda pedirlle á nosa veciñanza que siga dando exemplo como ata o de agora, pero reforzando as medidas de precaución, evitando saír da casa salvo para o máis imprescindible, e facelo sempre respectando de xeito escrupuloso as medidas que xa todos coñecemos: careta, desinfección de mans e distancia social. Só sendo responsables a nivel individual poderemos manter de maneira colectiva a enfermidade a raia.
A saúde e evitar contaxios e mortes é o primeiro. Porén, queremos tamén pedir que non esquezamos que do noso comportamento non só depende a evolución da pandemia, tamén outros moitos aspectos, como a resistencia do comercio local e da hostalaría e o resto de empresas pequenas, para os que pedimos todo o apoio canto sexa posible, sempre na medida das posibilidades de cada quen. Sabemos que hai moito cansancio, logo de case un ano de medidas de todo tipo, e que estes pasos atrás son descorazonadores, pero queremos achegar tamén unhas verbas de ánimo, na seguridade de que unidos como sociedade seremos quen de saír adiante.
David Castro insiste na súa persecución a unha traballadora municipal.

- O goberno local solicitou presentar recurso de casación ante a sentenza do TSXG.
- David Castro non cede e segue usando recursos municipais para resolver cuestións persoais e para dilatar os prazos evitando asumir responsabilidades políticas.
Dende Somos Ribadumia vimos de ter coñecemento, para a nosa sorpresa, de que o Concello, por orde de David Castro, solicitou presentar recurso de casación para unificación de doutrina, contra o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que desestimaba o recurso presentado polo concello contra a sentenza favorable a unha traballadora que reclama que unha baixa medica lle sexa recoñecida como baixa por accidente laboral, que recordamos que ten repercusión directa sobre a súa pensión de xubilación, ademais doutras indemnizacións recollidas no convenio colectivo correspondente.
Dito recurso, en caso de ser aceptado a trámite, resolverase dende o Tribunal Supremo de Xustiza de España, en Madrid. Para iso, o Concello deberá presentar unha sentenza por un caso xudicializado con sentenza firme que sexa igual en todas as características ao referido, pero con fallo xudicial diferente, e será o Tribunal o que en primeiro lugar deberá fallar se a sentenza presentada para a unificación de doutrina reúne as condicións, e de ser así establecer o criterio que considere, dándolle a razón ao Concello ou negándolla.
Realizar este tramite, ademais dos 600€ que o Concello tivo que dispor de entrada para poder inicialo, terá un custe de miles de euros, e segundo as nosas consultas realizadas con varios profesionais -que coincidiron en non recomendar esta acción – resulta complexo e será difícil que prospere.
Ademais, tal como explica Enrique Oubiña de novo topámonos con que nin o INSS nin a Mutua correspondente viron necesidade de actuar ante o recurso, asumindo a sentenza e as consecuencias que lles poida carrexar, e so o Concello, o único que a priori non ten nada que perder economicamente, segue nesta carreira, que máis ben debemos denominar persecución contra unha muller, que se para o alcalde remata ben significará que esa muller quedara cunha pensión reducida nun 30% , e non estamos falado precisamente de pensións de miles de euros, falamos de cantidades que marcan a diferencia entre vivir con dignidade ou non, anque esas cousas a David Castro pouco lle importan”.
Dende a nosa formación temos claro que o que David Castro busca é prexudicar a esta persoa todo canto sexa posible, algo que non podemos nin asumir nin aprobar. Como tampouco podemos aprobar que para resolver as súas cuítas persoais co persoal municipal David Castro utilice os recursos do concello, que “senta un precedente moi perigoso que mete presión ao persoal municipal, que vive con asombro e certa incertidume o desenvolvemento deste asunto, coa sombra de que poida pasarlle algo parecido a calquera. E eu témome que, se lle colle o gusto, o noso alcalde poida ter a idea de usar os mesmos mecanismos para atacar a calquera veciño que o contraríe”.
Por outra banda é evidente que o medo a ter que afrontar dende as arcas municipais unha indemnización de varios miles de euros por mor da súa falta de xestión é outro motivo polo cal David Castro tenta dilatar este proceso todo canto lle sexa posible. Mais dende aquí queremos pedirlle que reflexione sobre como está actuando. Non querer asumir un erro en política, nin as súas consecuencias, por moito que o vexamos a diario non é nin ética nin moralmente aceptable, pero que para ocultalo non se teña reparo en xogar cos dereitos laborais e coa dignidade dunha muller parécenos dunha gravidade absoluta. Pedímoslle a David Castro unha vez máis que rectifique, que ceda nesa persecución, que explique cal é a situación real do Concello e o que debe afrontar, e que asuma as consecuencias políticas dos seus actos.

