Incomprensible comportamento de David Castro.

- Nega ter coñecemento dunha importante avaría na rede de abastecemento de auga.
- Lamentamos que o apoio de David Castro as posicións esaxeradas de Cambados Pode levase a un innecesario conflito co goberno de Cambados.
O pasado fin de semana produciuse unha importante avaría na rede de abastecemento de auga. Un problema que provocou a perda de servizo en varias zonas dos polígonos industriais de Ribadumia e Cambados, e tamén nalgunha zona de vivendas de Vilariño. Por sorte, foi posible solucionar a parte máis grave do problema con certa rapidez e ao longo dos días a situación volveu á normalidade.
Tal como explica Oubiña “ a avaría foi o suficientemente importante como para que todos tiveramos coñecemento dela, aínda que a actuación técnica evitara un corte de auga prolongado ou que afectará a todo o noso concello. E precisamente por como se xestionou a situación – con plena colaboración entre os concellos de Cambados, Ribadumia e Meis – non ten xeito nin dereito que o alcalde diga que non tiña coñecemento da avaría”. Nós non imos entrar en debates estériles nin valorar se houbo chamadas entre concelleiros de ambos concellos, aínda que “temos moito máis que constancia de que esas chamadas se produciron, como a temos de que técnicos do Concello de Ribadumia, que non son clarividentes nin viven pegados as chaves de paso, recibiron chamadas – como corresponde – da Concelleira de Urbanismo , para atender á situación así como do seguimento que o alcalde fixo da mesma”.
No que dende Somos Ribadumia queremos afondar é na actitude de David Castro, “ que agora resulta que non traballa os domingos, nin tampouco os luns. Que iso eu créollo ben, pero o que non se cree ninguén é que non fale coas súas concelleiras, e que non se entera de nada do que acontece”.
David Castro está levando demasiado lonxe a súa táctica de agachar a cabeza cada vez que xorde un problema e de non querer asumir responsabilidades. Dende Somos Ribadumia consideramos que esta actitude, que significou abrir unha discusión co goberno cambadés, está totalmente fora de lugar. “É evidente que David Castro non está cómodo co goberno do concello veciño, porque PSOE e Somos Cambados están facendo unha xestión, en concreto no relativo á loita contra os efectos da crise da covid-19, digna de recoñecemento, mentres que el non está facendo nada, pero un alcalde debe ser responsable nas súas funcións”.
Tamén temos moi claro que David Castro, nesta cuestión, pretende axudar ao seu homólogo Cambadés, José Ramón Abal, pero non nos parece aceptable deixar quedar mal ao noso concello por axudar as posicións esaxeradas concelleiro de Cambados Pode.
Lamentamos profundamente que as actitudes infantís do noso alcalde nos leven a facer o ridículo ante os medios de prensa, negando o evidente, e a alentar posicións de enfrontamento cos concellos veciños. Pola nosa banda comunicámonos esta maña cos dous partidos que xestionan o goberno cambadés “para amosar a nosa vergoña allea e desculparnos pola situación, pero tamén para agradecerlle ao concelleiro cambadés, Samuel Lago, a súa rápida actuación, pois de non ser polo bypass que inicialmente realizaron dende Cambados, en Ribadumia teríamos quedado sen auga”.