Category: Sen clasificar
Denunciamos o mal mantemento das sendas fluviais do Concello e outros espazos públicos.

- As podas realizadas recentemente na Ruta da Pedra e da Auga son un auténtico atentado medioambiental e turístico.
- Os restos das podas levan un mes sen retirarse nin da ribeira do río Armenteira nin das fincas privadas.
- Parálise dos servizos de mantemento.
O goberno de David Castro parece encirrado en abandonar dun xeito progresivo o noso concello, pero destrozar polo camiño os principais atractivos locais, con actuacións que son auténticos atentados medioambientais.
Nas últimas semanas, en plena ola de temporais, ao goberno local, tal como explica Oubiña, “non se lle ocorreu mellor cousa que realizar unha poda esaxerada e bárbara no tramo da Ruta da Pedra e da Auga que transcorre por Barrantes, coincidinte coa variante espiritual do Camiño de Santiago, no quilómetro máis visitado cada ano no noso concello por xente de fora de Ribadumia, e que nestes meses de pandemia tamén veu incrementada exponencialmente o número de veciñas e veciños que pasean ou fan deporte pola mesma”.
Porén, se non era bastante coa poda, que dende Somos Ribadumia interpretamos que consistiu, como xa aconteceu cunha roza realizada na primaveira pasada que denunciamos no seu momento (enlace aquí), na aplicación dos criterios de xardinaría do alcalde ou dalgunha das súas concelleiras ou máis probablemente de quen dirixe o partido, a unha contorna natural, resulta que o goberno nin sequera se preocupou de ordenar retirar todos os restos da poda, deixándoos á beira do río, co perigo de que os arrastre a auga e provoque atrancos e desbordamentos innecesarios, e no medio de fincas privadas, e que por moi colaboradores que sexan os propietarios, non merecen que como agradecemento a broza lles quede semanas coa herba medrando polo medio.
Dende Somos Ribadumia presentamos un escrito o pasado 10 de febreiro solicitando que se nos facilitasen os informes técnicos que xustifican esa maneira de actuar nunha contorna natural que debe ser protexida con moito mimo, e onde tamén advertiamos de que os restos das podas estaban sen retirar. A resposta do goberno foi “que se van realizar uns informes, e que nos trasladaran nalgún pleno, non quedou claro en cal. Pero pola nosa banda temos moi claro que os informes hai que realizalos antes de cometer atrocidades como esta, non despois”.
Á vista da situación, que ademais é recorrente e que “pon en perigo tanto o hábitat natural e os bosques de ribeira, como o propio reclamo turístico, xa que os intereses das persoas que viaxan son, e cada vez máis, a busca de espazos protexidos vivos, non xardíns de arbores podadas que rematan por non ter paxaros nas ponlas nin animais nos regatos de debaixo”, da resposta do Concello, e tendo en conta que existen varias ordes da Xunta e de Europa que protexen este tipo de habitats, imos valorar realizar outro tipo de xestións, e que sexan outras administracións as que obriguen ao goberno local a actuar do xeito que a estas alturas do século XXI debería ser o normal.
Parálise no mantemento municipal.
Esta actuación súmase ao conxunto da xestión do goberno local, que ten ao servizo de mantemento totalmente abandoado a súa sorte. Como explica Oubiña, “non hai mando, nin plan de actuación, nin nada que se lle pareza. Ademais paralizáronse os tractores de desbroce fai meses, retrasáronse as podas das árbores dos espazos públicos urbanos, que comezaron esta semana cando con nos no goberno se realizaban en outono. Ademais o mantemento do material urbano, bancos, papeleiras, elementos decorativos, brilla pola súa ausencia”. E a todo isto hai que sumarlle o abandono que xa denunciamos en varias ocasións doutras instalacións municipais e dos parques infantís e outras zonas de esparcemento.
Dende Somos Ribadumia lamentamos que logo dos esforzos realizados na pasada lexislatura para dotar ao Concello de maquinaria de todo tipo, que facilitara, abaratara e axilizara as labores de mantemento, agora a nula xestión dun goberno que nos últimos meses esmoreceu por completo, nos leve a ter parados os mais de 250.000€ investidos en material e a que o concello ofreza unha imaxe lamentable.
Lamentamos que o goberno de Feijóo non queira vacinar ás agrupacións de Protección Civil como a de Ribadumia.
- Entendemos que a labor do persoal voluntario de Protección Civil dende o inicio da pandemia sitúaos como un grupo de risco do mesmo nivel que o persoal profesionalizado dos GES.
A Fegamp comunicou esta mañá aos concellos que vai a colaborar coa Consellería de Sanidade na organización do proceso de vacinación por COVID 19, en concreto do persoal da policía local, do corpo de bombeiros que dan servizos municipais, do persoal dos GES e de persoal profesionalizado de Protección Civil. Isto significa que de momento as agrupacións de voluntarios de Protección Civil como a de Ribadumia non van ser vacinadas, algo co que non podemos estar de acordo.
As persoas que forman estas agrupacións, e en concreto as que forman a Agrupación de Protección Civil de Ribadumia, dende o inicio desta pandemia puxeron, ademais dun xeito totalmente altruista, a súa saúde e a das súas familias en risco e non fixeron máis que axudar durante todos estes meses, co reparto de máscaras, de alimentos, desinfección, colaboración en operativos de seguridade e moito máis. Unha función que seguen desenvolvendo e que os puxo nunha situación de risco ao ter contacto, aínda que fora con todas as medidas de seguridade, con persoas contaxiadas da covid-19, o co seu entorno.
Entendemos a necesidade de ter unha estratexia de vacinación rigorosa e que estableza prioridades, pero non podemos compartir que non se lle dea a estas persoas a mesma significancia que aos seus compañeiros profesionalizados. Entendemos que a función que realizan é similar e que deben ser vacinados na mesma quenda. Por ese motivo pedimos da Xunta de Galicia que reconsidere a súa liña de actuación neste aspecto.
Dende Somos Ribadumia aproveitamos para agradecer a labor que a agrupación de Protección Civil de Ribadumia está realizando, e gracias a cal se axudou e se segue axudando a moitas veciñas e veciños do noso concello.
Agradecemos que a Deputación cumpra os compromisos adquiridos con Enrique Oubiña.

- A obra de mellora dun tramo da vía EP-9509 ao seu paso por Sisán foi un compromiso adquirido por Uxío Benitez e a propia presidenta con Enrique Oubiña no 2018.
- Logo de saír do goberno no 2019, dende Somos Ribadumia mantivemos a colaboración coa Deputación para mellorar o proxecto inicial e que a obra non quedara sen realizar.
A semana pasada anunciouse a próxima realización dunha obra de mellora do vial da Deputación EP-9509 en Sisán, unha obra que vai contar cun orzamento duns 90.000€.

Dende Somos Ribadumia queremos agradecer á Deputación que vaia dar saída por fin a esta obra, un compromiso adquirido polo Deputado de mobilidade Uxío Benitez con Enrique Oubiña no ano 2018, validada posteriormente pola presidencia deste ente, que inicialmente foi licitada no 2019, aínda que despois modificouse o proxecto para realizar algunhas melloras que para Oubiña “supón encaixar a nosa idea coas fórmulas que a Deputación ten establecidas no departamento de mobilidade, con criterios baseados na súa utilidade, na seguridade viaria e na durabilidade, e non en facturar por facturar”.
Tamén queremos agradecer de xeito particular o esforzo técnico, político e económico realizado pola Deputación. “Dende o primeiro momento a Deputación ofreceuse a axudar cun proxecto que inicialmente se redactou no propio concello, unha colaboración da que eu mesmo podo dar fe pois participei en varias xuntanzas para concretar diferentes cuestións técnicas, pois aínda que a obra non pareza gran cousa, queriamos estirar 60.000€ iniciais para dar a mellor solución posible”. Neste aspecto, hai que salientar que o seguimento que dende Somos Ribadumia realizamos sobre esta obra, incluso despois de saír do goberno no 2019, así como as conversas mantidas coa Deputación que preside Carmela Silva, permitiron que esta entidade se fixera cargo de realizar os cambios precisos no proxecto e o aumento de orzamento ata os 90.000€ para lograr que o resultado sexa que un tramo de vía que habitualmente ten bastante tráfico pois é un importante fío de conexión de cambados con Ribadumia, Meis e Meaño, pero que resulta moi inseguro pola falta de arcén e polos encharcamentos cando chove, pase a ser unha vía con moita mellor seguridade, algo que sen dubida redundará en beneficio da veciñanza dos lugares de Taboeiros e Sisenla, e de todas as persoas que circulan a diario por esa vía..

Non podemos estar tan agradecidos, lamentablemente, a David Castro, que sendo coñecedor de que esta obra se vai poder realizar gracias ao traballo de Somos Ribadumia e en concreto de Enrique Oubiña, nin sequera tivo o detalle de convidalo a estar presente cando o pasado 4 de febreiro o actual Deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou o noso concello para valorar ese investimento. En calquera caso, xa estamos moi acostumados as habituais faltas de deferencia e de respecto político que o goberno dos Independientes mantén cara as forzas da oposición, e temos moi claro que a falta de educación define a quen a sofre polo que, aínda que prefeririamos ter un goberno máis responsable, non telo non nos vai afectar, nin a nosa formación nin ao noso traballo diario a favor do noso concello e de todas as persoas que viven nel.
Un ano despois de denunciar a situación do local de servizos sociais, segue igual.

- Non se resolveron os problemas de humidades e a imaxe do edificio é lamentable.
O 14 de febreiro do 2020 denunciamos, vía escrito municipal, é tal como recollemos nun comunicado de prensa ( podes acceder aquí) as numerosas deficiencias é o lamentable estado no que se encontraba o local de servizos sociais do Concello, sito na antiga casa consistorial.
Tal como explicabamos naquel momento, ademais dos problemas de capacidade eléctrica que provocaban que os traballadores non puideran conectar a calefacción, había deficiencias construtivas na parte nova da edificación, entradas de auga e humidades que estaban deteriorando as paredes. Meses despois, David Castro declarou en pleno que se habían resolto todas as deficiencias construtivas e que os problemas eléctricos estaban en vía de solucionarse.
Pero, tal como explica Enrique Oubiña, que visita o centro de edificios sociais, ao igual que o resto de instalacións e espazos públicos municipais de xeito habitual , “un ano despois chega con entrar pola porta do centro para comprobar que, en contra do declarado polo alcalde, non se fixo ningunha actuación, e que o edificio segue deteriorándose ante a impasividade de David Castro, que non volveu pisar a instalación dende que foramos coa prensa presentar a nova hubicación do departamento de Servizos Sociais, fai catro anos”.
Como se explicou no seu momento os problemas de humidades, ademais de degradar a construción, traen consigo problemáticas de salubridade, que poden afectar aos alimentos e a roupa que se almacenan nese edificio. “ Afortunadamente o bo traballo e xestión o persoal de Servizos Sociais evita que os alimentos permanezan moito tempo no centro, pero iso non é motivo para deixar o edificio abandonado”.
Dende Somos Ribadumia lamentamos a desidia do goberno local, e en particular tanto do alcalde como das concelleiras de política social é a de urbanismo, que por certo cobra unha liberación sen que teñamos claro, á vista dos feitos, en que emprega o seu tempo. E pedimos, unha vez máis, ao goberno local que asuma as súas responsabilidades, e solucione os problemas que teñen os edificios municipais, tanto neste caso como no resto e edificios e noutros espazos públicos, “Porque non é só este edificio. Aos parques infantís non lles tocou ninguén dende que nós saímos do goberno, algo que xa denunciamos a finais do ano pasado, é antes diso no outono do 2019.
