Novas tarifas eléctricas: información de utilidade.

1.- Cando se comeza a aplicar e por que?

Texto cortesía de Por Chantada CUP.

A partir do 1 de xuño de 2021 e, segundo o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a nova factura eléctrica «fomentará o aforro enerxético, o autoconsumo e o despregue do vehículo eléctrico».

A restruturación responde a un mandato da UE e a proposta da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) foi modificar as peaxes para penalizar a quen consome máis nas horas de maior demanda. O Ministerio estabeleceu en abril os prezos definitivos da tarifa da luz a través dunha orde ministerial.

2.- A quen afecta?

Atinxirá a fogares e empresas, tanto os acollidos ao Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor (PVPC) coma os que están no mercado libre, aínda que dun xeito diferente en cada caso. O termo fixo do recibo, o “mínimo” que hai que pagar aínda que non se consuma, e o termo variábel, o que depende do consumo, calcularanse agora de forma diferente.

Hai dous tipos de modelos para calcular a factura da luz: a PVPC, cuxa tarifa oficial fixa o Goberno, e as do mercado libre, onde é a comercializadora quen fixa o prezo unilateralmente. Naturalmente, a PVPC era até agora moitísimo máis recomendábel e barata, mais hai un problema: o límite de potencia contratada é de 10 kW e exclúe tamén os pequenos comercios.

3.- Que temos que facer os consumidores?

A priori nada, xa que a nova peaxe aplicarase de xeito automático. No entanto, o consumidor pode adoptar as súas potencias contratadas e as súas pautas de consumo para aproveitar as ventaxes da nova estrutura de peaxes (vid. 5, 6 e 7).

4.- Cales son os principais cambios?

Haberá tres faixas horarias, que estabelecerán o custe da enerxía. Pagaremos máis de luns a venres cás fins de semana e os feriados ás mesmas horas e poderán terse dúas potencias contratadas.

O período máis barato estabelécese entre as 24:00 horas e as 8 horas da mañá e durante a fin de semana e os feriados.

5.- Como funcionan as faixas horarias?

Desde o 1 de xuño todos os consumidores temos unha peaxe con discriminación horaria nos termos de potencia e enerxía. Por orde de custe, de maior a menor, as tres faixas horarias son:

  • Faixa ponta: de 10 a 14 horas e entre as 18 e as 22 horas. En total haberá 40 horas ponta á semana, que coinciden en grande medida con horas de moita actividade nos fogares para comidas e ceas. Como primeira medida para poupar, convén estarmos atentes para evitar os consumos que se poidan deslocar a un horario máis económico (lavadoras, lavalouza…). Na práctica o prezo de cada kWh co novo sistema en faixa horaria ponta será de 25 céntimos (20 céntimos antes de impostos).
  • Faixa chan: de 8 a 10 horas, de 14 a 18 horas e entre as 22 e as 24 horas. O horario chan terá unhas tarifas semellantes ás actuais para un fogar sen discriminación horaria.
  • Faixa val: entre as 24 e as 8 horas, fins de semana e feriados. En total haberá 88 horas val á semana, 52% do total. Será un bocadiño máis caro cada kWh que agora, polo que haberá que trasladar moito consumo á fin de semana.
Faixas horarias

6.- Para que serve ter dúas potencias contratadas?

Contratar dúas potencias será agora posíbel: unha para a faixa val, que será moito máis barata, e outra para os períodos ponta e chan. Até o 31 de maio de 2022 permítense dúas mudanzas de potencia de balde. Segundo a CNMC deste xeito evítase pagar potencia desnecesaria durante todo o día. Porén, a potencia atinxe apenas ao prezo do termo variábel.

kW contratado baixa 16% polo que a parte fixa da factura baixará. Para quen teña menos de 10 kW de potencia contratada pagar. Por exemplo, un fogar que subira a potencia de 3,3 a 7 kW para cargar o carro eléctrico pasaría de pagar 339€ ao ano co antigo sistema a 135€ ao ano contratando os 7 kW apenas para o horario val.

7.- Como interpretar a factura eléctrica actual?

A factura eléctrica actual componse de cinco partes:

7.1.- O termo variábel, que é o custe da enerxía, é dicir, o que pagamos en función do consumo.

7.2.- O termo fixo, o que se paga por receber o servizo, aínda que non se consuma nada. Denominamos isto popularmente como “o mínimo” e tecnicamente como tarifas de acceso. Dentro destas temos os cargos ao sistema eléctrico, que son prezos fixos que marca o Goberno e inclúen: subvencións a renovábeis, compensación do déficit acumulado en anos pasados, axudas aos sistemas non peninsulares etc. e as peaxes, que serven teoricamente para cobrir os custes de transportar a enerxía e distribuíla polos fogares.

7.3.- Os custes de produción (+/- 7 céntimos kW).O que as empresas produtoras de enerxía cobran vendéndoa ao por maior.

7.4.- Marxes de comercialización. Sons os lucros da comercializadora por encargarse da facturación, do cobro, do arrendamento do contador e o marxe de beneficio. Este último varía en función da comercializadora e da tarifa. Algunhas inclúen as marxes na parte fixa do recibo, como acontece na tarifa regulada PVPC.

7.5.- Impostos: o imposto eléctrico, que é 5,112% e o IVE, que é do tipo xeral, é dicir, 21%.

Estes cinco pontos mantéñense, mais, desde o 1 de xaneiro, varía a fórmula para calcular os custes fixos e variábeis:  sobe o prezo do kWh e baixa o do kW contratado.

8.- Pagaremos máis ou menos?

Tal e como explica a OCU dependerá do consumo e da tarifa que teñamos contratadas. A facturación de peaxes e cargos reducirase para os consumidores que até agora non tiñan discriminación horaria, uns 19 millóns de consumidores, baixando a factura 3.4%. No entanto, aumentará para aqueles que estaban acollidos á discriminación (uns 11 millóns de consumidores) e que tiñan un prezo máis barato.

Por outras palabras, vai prexudicar aos que tiñan a popularmente denominada como tarifa de discriminación nocturna e aos que grandes consumidores. O Kw contratado baixa 16%, mais esta redución do termo fixo compénsase en parte cun incremento no prezo do kWh.

Para os utentes da PVPC: pór a lavadora ás 10 da mañá dun venres será o triplo de caro ca ás 10 de mañá do sábado. O PVPC repercute ao consumidor, desde 2014, o prezo dos custes do sistema, por iso se ve tan impactado por unha mudanza profunda.

Para os utentes de libre mercado o comercializador adaptará o prezo do contrato para incorporar a diferenza dos custes regulados polo que cómpre pór especial tino para que non nos estafen. Cada compañía fará unha proposta e o cliente ten o direito de acolllerse a ela ou irse. Para potencias inferiores a 10 kW recomendámosvos acollervos á modalidade PVPC.

Tarifas de acceso

9.- Que podemos facer para reducir a factura?

O primeiro é ter claro que tipo de modalidade temos (PVPC ou libre) e memorizar os novos horarios para adaptar os nosos hábitos na medida do posíbel.

Tamén axustar a potencia para reducir custes (vid. 6). Se o consumidor non solicita a mudanza aos dous novos períodos (val e ponta) aplicaráselle a potencia actual contratada en ambos de forma automática.

As novas facturas deberán informar dos picos de máxima potencia durante os últimos 12 meses, o que axuda a axustar as potencias contratadas, permitíndose dúas mudanzas de balde até o 31 de maio de 2022. Tamén pode consultarse en Datadis.

Para saber o que gastan os electrodomésticos para pensar a potencia a contratar podes ver esta guía elaborada pola OCU.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s