Pedimos a dimisión inmediata de David Castro por organizar unha festa saltándose o aforo e horarios permitidos.

- Mentres a hostalería ribadumiense este venres tiña que pechar a medianoite, o alcalde organizaba unha festa na vivenda onde reside con música e cantos de taberna, exceso de aforo e superando as limitacións horarias.
- A festa tivo que ser desaloxada pola Garda Civil.
- Pedimos, que por respecto e dignidade, dimitan dos seus cargos no concello de Ribadumia, tanto David Castro como as concelleiras e concelleiros que participaron nesa festa.
- Lamentable espectáculo de dous asistentes a esa festa, un deles irmán dunha concelleira, atacando e ameazando a Enrique Oubiña, que vive no edificio de enfronte a vivenda de David Castro.
O vivido na noite deste pasado venres para o sábado na rúa mimosas de Barrantes é dunha gravidade absoluta.
De partida compre aclarar que as respectivas vivendas de David Castro e Enrique Oubiña están unha case en fronte da outra, e que o propio Enrique Oubiña foi testemuña de todo o acontecido, por estar como a maioría da veciñanza desa rúa esperta por mor do ruído da festa privada que o alcalde organizou nun alpendre aledaño á casa na que vive.
Tal como explica o propio Oubiña “dende primeira hora da noite xa había rebumbio no alpendre en cuestión, con bastante xente chegando, pero a verdade é que saín a cear e ata preto da unha da madrugada non volvín. Porén, en canto aparquei o coche en fronte ao edificio onde vivo, ao baixar sorprendeume a algarabía que había montada, con varias nenas e nenos correndo pola horta da vivenda de David Castro, e cun grupo numeroso de xente cantando no alpendre a pleno pulmón. Esa festa desa hora non era moi normal, pois como todo o mundo sabe, salvo o alcalde de Ribadumia e o seu equipo, as reunións de non convivintes están limitadas a un máximo de seis persoas en recintos pechados e dez en recintos abertos, e nin a un bar se lle permite computar como recinto aberto por abrir portas e ventás nin a un alpendre por abrir o portalón.
En calquera caso, nese local e nese momento había mais de dez persoas, incluído o alcalde e varias persoas do equipo de goberno e da dirección e entorno de IR. Ademais había un grupo de persoas, que eran os que estaban dando o concerto, porque aquilo era un concerto, dun xeito claramente profesional, ou cando menos con moita práctica. Esa tarde tivo lugar un certame de cantos de taberna en Barrantes.
Como dicía, cheguei a miña casa antes da unha da maña, e sobre a unha e media, logo do peche horario imposto pola Xunta de Galicia, esta xente seguía cantado a todo trapo, para sorpresa de varios veciños que asistíamos atónitos ao espectáculo dende balcóns e ventás. Foi nese momento cando apareceu a Garda Civil. Esta dirixiuse directamente á vivenda, e logo de chamar e intercambiar unhas verbas cunha das persoas do interior, accederon a propiedade. Alí conversaron con toda aquela xente, e logo saíron e fóronse. Ao momento as persoas que estaban alí comezaron a recoller e marchar. E eu fixen o propio e retireime a descansar.
Non pasara nin medio minuto cando escoitei que dende a rúa dúas persoas me chamaban a gritos, mentando para reforzar a súa mensaxe a miña nai, e reclamando que baixara xunto deles. Como unha das voces me soou coñecida saín ao balcón e efectivamente había dous homes, un deles irmán dunha das concelleiras de IR, que durante un anaco se dedicaron a insultarme e ameazarme de variadas maneiras, a gritos e dende o medio da estrada. Ese tipo de ameazas non acostuman a afectarme, pero a realidade é que estaban bastante alterados e estes comportamentos non son admisibles. Logo dun anaco desistiron da súa intención de “darme unhas ostias “, e fóronse ameazando. E pola miña banda a noite rematou aí. O sábado traballei e esta maña achegueime a garda civil a poñer a pertinente denuncia contra eses ataques, deixando constancia de que esas persoas, e outras que naquel momento os acompañaban, saían todas da vivenda de David Castro”.
Dende Somos Ribadumia en primeiro lugar queremos amosar todo o noso apoio ao noso voceiro. Non podemos aceptar comportamentos como o deses dous homes, e lamentamos que o alcalde, a diferenza do resto de representantes de forzas políticas do concello que onte mesmo amosaron o seu apoio a Enrique Oubiña, se teña dirixido a el para explicar e desculparse polo comportamento deses dous homes, que saíron da súa casa e que se dirixiron á vivenda de Oubiña por consideralo culpable da visita da garda civil polo mero feito de ser quen é. E deses dous, en concreto un deles, que ademais forma parte do entorno de David Castro, é irma dunha concelleira, e é propietario dunha empresa que ten feito negocios recentemente e en varias ocasións co Concello de Ribadumia, ademais de prestarlle servizos en cuestións de mantemento e reparación de maquinaria agrícola, un cúmulo de circunstancias que deberían ter levado tanto a esa persoa como ao alcalde a reflexionar sobre o acontecido e actuar en consecuencia.
Para nos o comportamento de IR con Oubiña non é novo . Os ataques que leva recibido xa dende antes das eleccións do 2019 por xente do entorno de IR – concelleiras incluídas – foron sempre moi duros, dirixidos á súa vida privada na maioría das veces. Pero en menos de dous meses tivemos que ver como o perseguían para facerlle fotos no seu ámbito privado coa intención de usar esas fotos nun pleno municipal, e cabe pensar que noutros ámbitos, e que unha noite un dos membros da súa camarilla se poña a montar un espectáculo e a verquer ameazas de todo tipo contra a súa persoa. Completamente inadmisible. IR que non conte con Somos Ribadumia para participar nesta maneira de facer política, enfrontando a uns veciños con outros, nin moito menos imos aceptar a deriva á que David Castro pretende levarnos. E facemos un chamamento ao resto da oposición para que tome nota e poidamos analizar en conxunto a situación do noso concello, porque se non tomamos medidas acabaremos por ter un desgusto.
E por outra banda está a realización dunha festa que non cumpría coas normas establecidas. O feito de que a Garda Civil disolvera a festa, extremo admitido por David Castro, demostra que en primeiro lugar nese alpendre había máis xente da permitida, e a unha hora que non estaba permitida. Se os axentes se limitaron a disolución da festa sen denunciar é cuestión que Somos Ribadumia non imos valorar, pero iso non mitiga en absoluto a realidade demostrada: David Castro montou unha festa na súa casa, con máis xente da que estaba autorizada e sobrepasando as horas permitidas.
E isto é totalmente inadmisible. En verbas de Oubiña “coa que esta caíndo, co que están sufrindo os nosos comerciantes e hostaleiros, que nesta fin de semana coa xente querendo festa e un respiro demostraron un comportamento exemplar cumprindo e facendo cumprir as normas a raxataboa, vai o noso alcalde e pasase as normas todas polos forros”.
Para Somos Ribadumia nada é casualidade. O alcalde podía romper as normas noutro lugar máis discreto, ou disimular un pouco, pero abriu o portalón do alpendre, que mira á toda a liña de edificios desa rúa do centro de Barrantes. Unha actitude de soberbia e un crerse por enriba do ben e do mal que se fastidiou un pouco pola visita da garda civil, pero que non por iso é menos lamentable, nin ten escusa algunha, e ten que ter consecuencias políticas.
Porque os políticos, anque teñen dereito a súa intimidade, deben ter sentido da responsabilidade e ser exemplares nas súas actuacións, en particualr nas que se expoñen publicamente e sobre todo nestes tempos nos asuntos relacionados coa pandemia. Porque non pode ser que mentres os nosos hostaleiros teñen que pechar antes de tempo perdendo un ingresos moi necesarios, o alcalde que non lles axudou absolutamente en nada aínda se ría deles montando unha festa na súa casa e alardeando dela. Porque dende o sucedido David Castro no canto de amosar un mínimo remordemento, ou dar explicacións públicas, limitouse a amosar a súa prepotencia.
Por todo iso, dende Somos Ribadumia consideramos o seguinte:
- Por respecto cara a nosa veciñanza, algunha da cal perdeu familiares por mor da covid-19, aos hostaleiros e hostaleiras do noso concello, comerciantes, empresarios e familias que dende fai mais dun ano aguantamos e por responsabilidade nos comportamos tal como nos ditan as autoridades. Por ética e por dignidade política, David Castro e todas as concelleiras e concelleiros que participaron nesa festa deben dimitir de xeito inmediato de todos os seus cargos públicos.
- David Castro debe dar a cara e convocar de urxencia un pleno para dar todas as explicacións pertinentes, que nos aclaren que fai un alcalde e o seu equipo de goberno saltándose as normas anti-covid con semellante descaro, así como os comportamentos e actitudes do resto do seu equipo e entorno, e asumir responsabilidades políticas no órgano de representación democrática.