David Castro volve ameazar cos xulgados para meter medo á veciñanza que se queixa publicamente.

- David Castro ameaza con levar ao xulgado a Somos Ribadumia por facerse eco das queixas da veciñanza e dunha situación de posible risco para saúde das persoas. Iso si, concello fondos municipais.
- O alcalde aporta datos parciais, obviando os datos dos días nos que houbo queixas veciñais.
- David Castro pretende meter medo á veciñanza para que non se queixe publicamente.
- Para David Castro a culpa de todo tena Enrique. Mala xestión da auga pública? A culpa é de Enrique. Hai unha avaría na piscina? A culpa é de Enrique. Catro días coa auga da piscina collendo verde sen facer nada? A culpa é de Enrique.
- Recordámoslle a David Castro que Enrique Oubiña a día de hoxe non é alcalde.
A maneira que encontrou David Castro de saír ao paso das queixas veciñais polo estado da piscina e polas variacións de cloro na auga da rede pública foi, como sempre, culpar de todo a Somos Ribadumia e a Enrique Oubiña. E tamén como sempre, na súa resposta está a confesión da mala actuación do goberno local.
Nun comunicado emitido esta fin de semana, os Independientes acusan a Oubiña e a este partido de todos os males, ameazando con acudir ao xulgado. E faino David Castro escusándose en que as analíticas que se fan de maneira habitual non detectaron nada anómalo. O que David Castro non explica é que as analíticas non teñen máis validez que a do momento no que se fan. Tampouco fixo públicos David Castro os parámetros de cloro na auga, e limitouse a decir que o pasado 8 de xullo os parámetros eran normais. Non dixo se eran así de normais o 25 de xullo, ou ou 26, ou o 28, días nos que se produciron as queixas. Tampouco aportou os datos de niveis de cloro. O único que fixo David Castro foi ameazar con ir ao xulgado porque dende Somos Ribadumia nos fixemos eco das queixas veciñais.
Dende Somos Ribadumia non estamos preocupados por esas ameazas. Preocúpanos máis a saúde da nosa veciñanza e a realidade dos feitos. Cando comezamos a recibir chamadas de persoas preocupadas porque a auga parecía saír dos grifos sen clorar e con sabor a terra, decidimos comprobar empiricamente se había variacións na cloración da auga. O resultado dos test de cloro realizados de xeito diario entre o luns e o venres da semana pasada, sen ser exactos en canto a cantidade de cloro na auga, si deixaron patente que entre o luns e o mércores – cando emitimos o comunicado relativo á cuestión – os niveis de cloro eran moi cercanos a cero, de feito os test marcaban como inexistente a presenza de cloro, cando o mínimo debería ser segundo o Real Decreto 140/2003 de 1 ppm. A partir do mércores, curiosamente, eses niveis foron subindo exponencialmente ata superar as 3 ppm no venres.
Dende Somos Ribadumia temos claro que esa suba no nivel de cloro, tivo moito que ver con que se fixera público que a veciñanza estaba preocupada polos cambios que notaban na auga dende facía xa días.

Algo parecido pasou coa piscina. David Castro dixo que este pasado venres viñeron inspectores de Sanidade analizar a auga. Non dixo que viñeron porque houbo denuncias de persoas usuarias da piscina. Dixo tamén que as analíticas deran correctamente e que “as augas xa se atopan en perfecto estado e están completamente aptas, cos indicadores normais e sen ningunha turbidez”. Dende Somos Ribadumia temos claro que se “xa son aptas”, e porque antes non o eran. En verbas de Oubiña “David Castro o que ten que facer para tranquilizar as nais e pais que van a piscina non é publicar os datos da auga da piscina do venres logo de reparar a avaría, que solo faltaría que ese día a auga non estivera correcta. O que ten que publicar son os parámetros dos días anteriores, e aclarar se a auga verde que tivo a piscina todos eses días era apta ou non apta para o baño, porque senon o era David Castro actuou con total neglixencia ao manter a piscina aberta”.
En realidade David Castro o único que busca coas ameazas de xulgado e con eses titulares dramáticos é meterlle medo á veciñanza para que non exprese publicamente as súas queixas, ou para que non se dirixían a nós cando o goberno local os ignore, como pasou a semana pasada e como leva pasando a maior parte desta lexislatura. Pola nosa banda, como xa dixemos non temos a máis mínima preocupación por esas ameazas, pero pedímoslle a David Castro que se quere andar facendo o ridículo nos xulgados, por favor o faga pagando el, non usando fondos públicos, pois a veciñanza non ten culpa de que el intente tapar con artificios as vergoñas da súa xestión.
Á veciñanza de Ribadumia por suposto animámola a expor sempre as súas queixas por rexistro no concello e a facelas públicas se o consideran, pois teñen todo o dereito do mundo. Sobre todo cando esas queixas teñen que ver coa saúde pública.
Por último, recordarlle a David Castro que estamos en democracia, que a veciñanza ten dereito tanto a queixarse como a facelo publicamente, do mesmo xeito que os partidos de oposición temos o dereito, e mesmo a obriga moral e ética, de denunciar calquera situación que consideremos que pode supor un perigo para a cidadanía ou que supoña unha mala xestión dos recursos públicos.
E unha vez máis, Enrique Oubiña non é a día de hoxe o alcalde de Ribadumia, o alcalde e responsable da xestión do Concello é David Castro.