Queixas e preocupación da veciñanza polo mal estado da auga da piscina e da rede pública de abastecemento.

- Levamos semanas con problemas coa auga pública, uns días apesta a cloro, e outros pola contra sabe a pozo.
- A piscina leva días presentando un estado insalubre, e as instalacións adoecen da falta de mantemento.
- Queixas veciñais diarias, e posibles problemas de saúde pública, pero David Castro cala, e so aparece para as fotos.
Este verán, o primeiro ao que o goberno local debe facer fronte en solitario, pois no 2019 deixamos os traballos de xestión municipal avanzados dende a nosa formación e dende o psoe no relativo a espazos verdes e á piscina, e logo nos anos 2020 e 2021 a piscina non estivo operativa polos condicionantes da pandemia, está resultando un completo desastre, que ademais pode rematar, se non se corrixen ou se se repiten as situacións que estes días estamos vivindo, con problemas de saúde pública.
Comezando polo abastecemento de auga pública, levamos semanas notando altibaixos no nivel de cloración da auga. Altibaixos que van de extremo a extremo, tanto é así, que mentres que a semana pasada o nivel de cloro da auga era tan alto que case non se podía nin beber, esta semana a auga sabe directamente a auga de pozo, e non conten absolutamente nada de cloro. Cónstanos que varias persoas chamaron ao concello para preguntar por esta cuestión, sen que ninguén aportara resposta nin tampouco solución. O problema non é menor, a ausencia de cloro no suministro da auga pode dar pe a aparición de bacterias e patóxenos, motivo polo cal no 2019 precisamente o Concello adquiriu un equipo de cloración para colocar na saída do deposito de Sete Pías, co obxectivo de garantir a potabilización da auga pública en todo o seu percorrido. Unha potabilizadora que se chegou a estar en funcionamento algunha vez, agora mesmo debe estar ou ben desconectada ou ven sen cloro no deposito, algo que descoñecemos porque no Concello non hai ninguén que sepa explicar nada e os políticos do goberno local so aparecen nos eventos deportivos, ou para as fotos da prensa.
Por outra banda, nos últimos días a auga da piscina tomou unha cor verdosa, acompañada de verdín acumulado en varias zonas da mesma, que fai sospeitar de que quizais non estea nas condicións adecuadas para o baño. A pesar disto, o goberno local non mandou pechar a instalación ata que o problema que poida haber se corrixa, nin informou de nada ao respecto, e iso que as queixas non so chegaron ao Concello, se non que se visibilizaron a través das redes sociais.
Ademais disto, as instalacións da piscina municipal e toda a contorna da praia fluvial de Cabanelas están nun estado lamentable, con abundancia de lixo, con boa parte do cespede da zona da piscina totalmente seco – e non por falta de rego precisamente pois o Concello de Ribadumia non puxo en marcha ningun protocolo de redución de uso de auga en espazos públicos – , as instalacións sen mantemento e en xeral nunha situación moi mellorable, acorde á situación do resto do Concello.
Dende Somos Ribadumia recordámoslle a David Castro que non so é que a instalación sexa pública e ademais de pago, senón que a súa responsabilidade, e a do seu equipo, é a de velar porque as instacións dese tipo reunan as condicións óptimas para o baño e se garanta en todo momento a salubridade e limpeza da auga, e de non ser así debese actuar en consecuencia e sen agardar que haxa sustos nin problemas de maior envergadura. Pédimoslle a David Castro que se non pode garantir a salubridade da auga da piscina municipal, a peche temporalmente ata que resolva os problemas, e que actue de xeito inmediato no suministro da auga pública.