Comunicado referente ao anuncio do goberno dunha demanda xudicial contra Somos Ribadumia e Enrique Oubiña.

Logo de ter coñecemento a través dos medios de prensa da interposición por parte do goberno local de Ribadumia dunha denuncia contra o noso partido e contra o noso voceiro, queremos deixar constancia en primeiro lugar da nosa máis absoluta tranquilidade.
Descoñecemos o contido real da denuncia, salvo o exposto na prensa, polo que non poderemos realizar unha valoración en profundidade da mesma ata que teñamos acceso a ela, pero de partida debemos declarar que visto o publicado, dende a nosa posición parécenos inaudito que David Castro leve a súa propia xestión a un xulgado, pretendendo responsabilizar da mesma á nosa formación e ao noso voceiro. Ao fin, quen é responsable da xestión da auga municipal e da piscina pública así como do resto de instalacións públicas do Concello son o goberno local e o alcalde, non a oposición.
Consideramos que David Castro está abusando da súa posición de alcalde, utilizando recursos públicos para intentar poñer couto as accións da oposición. E iso é o que debe saber a veciñanza de Ribadumia: que ten un alcalde que cando non pode aportar argumentos políticos para xustificar os seus actos, non dubida en usar calquera recurso para atacar a quen o poña en dúbida publicamente, iso si, sempre cargándolle o custe ás arcas e aos recursos municipais.
Queremos trasladarlle a David Castro que por moito que se encirre non nos vai calar. Estamos en democracia, mal que lle pese, e os partidos políticos temos dereitos, non estamos supeditados aos caprichos dun alcalde.
Somos un partido de acción política, non estamos aquí para o postureo nin para facer política de trincheira, moito menos para facer o que dite David Castro. Imos seguir como ata agora, defendendo activamente o noso proxecto político para Ribadumia, un proxecto con propostas e con principios políticos. E non imos mudar a nosa maneira de facer política, unha maneira que, recordemos, a David Castro permitiulle ser alcalde e beneficiarse politicamente dunha xestión que levou ao concello de Ribadumia a funcionar durante catro anos, do 2015 ao 2019, como un reloxo suízo e a ser referente en moitas cuestións. Así pois, quede claro que seguiremos apoiando ao goberno local no que consideremos positivo, ata o día de hoxe o 90% das cuestións que se levaron a pleno contaron co noso apoio, e poñendo de manifesto o que nós consideremos unha mala xestión. E dende logo, insistimos, seguiremos como ata agora, gústelle aos Independientes ou non, póñanse como se poñan e usen as estrataxemas que usen.
Porque hai que remarcar que esta acción de ir ao xulgado, que entendemos ten á súa razón de ser na proximidade das eleccións municipais, non deixa de ser unha máis que sumar nunha liña de actuación xa vella. Dende o inicio de lexislatura David Castro dedicouse, semana tras semana, pleno municipal tras pleno municipal, a bloquear e a atacar o noso traballo de cara á veciñanza, criticando que enviaramos comunicados de prensa, atacando e mesmo intentando evitar que enviaramos boletíns informativos á veciñanza e todo tipo de ataques sempre centrados, non no debate político, senón en evitar a exposición pública da súa máis que mellorable xestión. Non só iso, en ausencia de argumentos políticos, nin David Castro nin os Independientes teñen reparo algún en usar ataques de carácter persoal contra o noso voceiro. Os vídeos dos plenos municipais teñen abundantes exemplos, ata o punto de que o propio David Castro ten realizado declaracións tan deplorables e miserables, ademais de falsas, que sí deberían ser denunciadas ante un xulgado, algo ao que o noso voceiro sempre se negou para evitar facer da política local un circo.
Para rematar, dende Somos Ribadumia queremos pedir desculpas por este espectáculo bochornoso pero involuntario ao que nos están levando os Independientes, co que David Castro quere desviar atención dos problemas reais do noso concello. Sentimos vergoña allea, pois entendemos que ao xulgado débese ir chegado o caso por cuestións de carácter legal relacionadas coa xestión política, non polo capricho, pagado con fondos públicos, dun alcalde incapaz de enfrontar a súa propia xestión, pero temos claro algo moi ben recollido no refraneiro popular “non as fagas, non as temas”. En Somos Ribadumia non temos nada do que preocuparnos, unicamente dos problemas da nosa veciñanza. Outros igual non poden dicir o mesmo.