Category: Sen clasificar
O retorno do pediatra, unha boa noticia, pero só a medias.

- A recuperación do servizo de pediatra permitirá ter ese servizo dous días a semana.
- A medida non é permanente, pois entran dentro dun plan de un ano de duración, nin a praza se estabiliza, polo que tememos que sexa un parche puntual.
- Un logro froito do das mobilizacións sociais e do traballo continuado da nosa formación.
Na tarde de onte comunicáronnos que Ribadumia e a Illa van recuperar o servizo compartido de pediatría. Unha boa nova froito de moitos meses de traballo e das mobilizacións sociais que dende fai meses manteñen á comarca do Salnés en pé de guerra contra o SERGAS por mor dos continuados recortes e da ausencia de pediatras.
Polo tanto en primeiro lugar queremos amosar a nosa satisfacción por está nova, que sen lugar a dúbidas vai en beneficio da nosa veciñanza.
Por outra banda, do mesmo xeito que consideramos positiva a recuperación deste servizo, debemos ser cautos en canto á que sexa unha solución permanente. O pediatra vai dar servizo dentro dun plan do SERGAS, denominado Plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria 2022-2023, posto en marcha polo goberno central ao cal se sumou o SERGAS, máis co obxectivo de mitigar a mala imaxe das súas liñas políticas, que pola intención de recuperar os servizos recortados. Neste aspecto hai que remarcar que a praza do pediatra con este plan non se estabiliza, e que polo tanto non hai absolutamente ningunha garantía de que este servizo vaia a permanecer no tempo, e o mesmo co resto de persoal que se vai sumar, que non deixa de ser complemento necesario á terceira médica que iniciou fai unhas semanas o seu servizo. Novamente, temos un horizonte electoral, co fito intermedio das leccións municipais de maio, que son as eleccións estatais en novembro, logo das cales temos a sospeita que o servizo volvera ao punto anterior, ou sexa que perderemos tanto o pediatra como o reforzo de persoal que entra a través deste Plan.
Pola nosa banda, tal como explica o noso voceiro “xa tivemos constancia de que outros están aplaudindo coas orellas porque onte pola maña fixeron unha foto co xerente do SERGAS cando foron a recoller o recado. Tampouco nos parece raro, pois xa en xaneiro do 2021 David Castro amosábase moi satisfeito porque logo dunha xuntanza co xerente do SERGAS tiña a seguridade de que o pediatra volvería en febreiro dese ano. Logo resultou que David Castro o único que fixera fora o mesmo que agora, coller un recado e tentar vender un logro que senón fora pola súa posición de alcalde nunca podería vender porque traballar, nada ou menos. Política de foto, mentres outros facemos política en serio”.
Afortunadamente a ninguén se lle escapa a recuperación do pediatra é froito en parte do traballo da nosa formación pero, sobre todo, das mobilizacións sociais. Agora sobraran pais para o logro, pero xa contamos con iso, como contamos con que imos ser nós os que sigamos loitando, con fotos e sen elas, para lograr que a nosa veciñanza teña un servizo de pediatría estable e suficiente, e por ter en xeral unha atención primaria digna e de calidade.
David Castro garda silencio cómplice ante as actitudes violentas do seu compañeiro Miguel Castro.

- Máis dunha semana despois dos lamentables feitos, David Castro segue sen dar unha resposta nin tomar medidas.
- Amparar comportamentos violentos é totalmente inaceptable en democracia.
- David Castro debe asumir as súas responsabilidades.
Unha semana despois de que Miguel Castro, concelleiro do goberno de David Castro, man dereita do presidente de IR, Feliciano (Siano) Barral, e membro destacado dese partido, ameazara publicamente con usar a violencia física contra o noso voceiro Enrique Oubiña, os Independientes gardan un silencio moi cómplice, dando por boas as actuacións de Miguel Castro.
E gardan silencio no público e no privado. Ademais da falta de declaracións e actuacións públicas, hai que dicir que dende ese partido ninguén se dirixiu nin á nosa formación nin ao noso voceiro, nin para dar ningún tipo de explicación ou algunha xustificación, nin moito menos para desculparse por uns feitos totalmente lamentables e para nos inasumibles.
Pero o silencio non é admisible. Non pode ser que pasen feitos como estes e David Castro agoche a cabeza como un avestruz. Esiximos de David Castro que asuma dunha vez as responsabilidades que lle corresponden e cese a Miguel Castro, visto que el mesmo non asume as consecuencias dos seus feitos. E se David Castro non é capaz de plantarlle cara aos seus compañeiros e poñer orde no partido do que el é cabeza visible, que el mesmo dimita dos seus cargos. Porque non pode aceptarse que un cargo público manteña actitudes violentas en ningún caso, e moito menos que as manteña contra outro cargo público. E dende logo, un alcalde non pode permitir que un concelleiro do seu goberno pretenda asoballar a outro veciño ou veciña, sexa quen sexa. E un alcalde que actúe como está agora mesmo actuando David Castro, estase poñendo fora do funcionamento democrático, e debe dimitir.
Dende Somos Ribadumia, en nome da nosa agrupación e en nome do noso voceiro, aproveitamos para agradecer as mostras de apoio recibidas dende o primeiro momento por voceiros, concelleiros e representantes doutras forzas políticas locais e de outros concellos e administracións, así como de numerosa veciñanza que entende, igual que nós, que a situación de división e de enfrontamento entre veciños á que nos queren levar os Independientes por Ribadumia e David Castro, é un completo despropósito.
Ribadumia ten o alumeado de nadal máis cutre polo prezo máis alto.

- Un ano máis, o goberno local contrata un alumeado de nadal desfasado de toda moda, escaso e caro.
- Mentres o resto de concellos da comarca gastan entre 2 € e 3’7 € por habitante no alumeado de nadal, Ribadumia gasta máis de 4 €.
- O alumeado de Ribadumia custa 22.000 €, o mesmo que o do grove, 2.000 € máis que Vilanova, e 5.000 € máis que Meaño ou Meis.
A decoración de nadal, e en concreto o alumeado, é un elemento fundamental nestas datas, que sirve para dar dinamismo á vida dentro do concello, xeran ilusión nos nenos e nenas e anima o comercio local, algo moi importante nestes tempos de compras a través das grandes plataformas. Sen mirarse no espello de Vigo, que xoga noutra liga, a realidade é que todos os concellos da comarca levan anos apostando por unhas decoracións de nadal de última xeración, que vaian acordes aos tempos, sexan bonitas, e alegren a vida nos centros urbanos e nas parroquias, e todo isto sen disparar o custe económico.
Todos menos un. Porque Ribadumia, un ano máis, volveu apostar por unha decoración desfasada, cutre, escasa e con moitos problemas eléctricos. E por se fora pouco, sae moito máis cara que a de calquera concello veciño.
Tal como explica Oubiña, “non se trata de que as persoas que entren en Ribadumia se encontren un recibimento como o que encontramos ao chegar a Cambados, pero tampouco que esteamos no extremo contrario e ao chegar a Ribadumia topemos unha figura dun papa-noel aforcado coas luces medio fundidas, ou a dunhas cadeas cun pedrolo colgado, que tanto valen para o nadal como para unha verbena de verán. E o mesmo sirve para os grandes espazos públicos. Outros anos aínda se colocaba na praza do concello algunha figura grande, baixo a que facerse fotos ou que dera xogo a cativada, pero este ano non pasamos dun pau cunha estrela na punta e unhas tiras de luces de resistencia discutible. E das parroquias mellor nin falar, no canto de alegrar os núcleos, e dar algo de vida ao resto, o goberno local optou por colocar luces repartidas sen xeito nen dereito, e con fundidos recorrentes, das luces e moitas veces provocando o apagado do alumeado público, dando unha imaxe peor que se non puxera ningunha. En xeral, a imaxe do alumeado de Ribadumia – xa dende fai tempo – é a de que nos colocan o refugallo que o resto non quere”.
Dende Somos Ribadumia poderiamos entender certo recato a hora de contratar a iluminación se falaramos dunha cuestión de orzamento económico, nun concello con problemas e coas partidas moi limitadas. Pero non é o caso. Non o é porque o Concello pode economicamente facer fronte a unha iluminación en liña coas dos concellos da contorna, de feito ten consignada no orzamento unha partida suficiente. E esa é outra cuestión que nós queremos por de relevancia: o custe do alumeado de nadal. Porque ademais de ter o alumeado máis cutre, resulta que Ribadumia é o Concello que mais caras paga as luces, 22.000€ contra 18.000 que por exemplo vai pagar Meis, un concello que case cos mesmos habitantes, cuadriplica a Ribadumia en superficie e núcleos de poboación. En xeral, Ribadumia gasta máis por habitante que calquera dos concellos da contorna, sendo o único concello cun custe por habitante superior aos 4€, mentres que o resto de Concellos da comarca se move entre 2€ de O Grove e os 3,7€ de Meis. Segundo os datos ofrecidos polos propios concellos, que David Castro oculta interesadamente, sen contar Vilagarcía e Cambados, os dous concellos máis grandes da contorna, Ribadumia vai gastar o mesmo que o Grove (11.000 habitantes), 2.000 euros máis que Vilanova (10.300 habitantes), e ao redor de 5.000 € mais que os concellos similares en poboación, Meis, Meaño e a Illa.

En resumo, unha pésima xestión dos recursos públicos, que deixan ao noso concello no vagón de cola navideño. Neste aspecto temos constancia de que o comercio e a hostelería locais tampouco están moi contentos, nin co alumeado, nin en xeral coa campaña navideña do Concello, sen actividades de lecer, pois unicamente mantén vellas propostas, con recursos económicos irrisorios, sen aportar nada relevante e que nin sequera se molesta en dispor unha ambientación dos espazos públicos algo acorde aos tempos. O resultado disto, para desgusto de comerciantes e hostaleiros, é que se benefician concellos veciños que si apostan por atraer xente, ou cando menos por evitar que veciñanza local fuxa aos concellos veciños.
Para Oubiña “a campaña de nadal de Ribadumia non deixa de ser outro exemplo da nula implicación do goberno local con Ribadumia e co comercio local, e da incapacidade de David Castro e do seu equipo para xestionar o Concelllo. Por certo, a concelleira supostamente responsable da cuestión do nadal, leva sete anos e medio con ese cargo e oito nadais, e ademais leva toda esta lexislatura liberada e cobrando salario público. Cobrando para que? preguntase hoxe a veciñanza, e eu tamén mo pregunto”.
Unha contundente resolución do Defensor del Pueblo deixa en evidencia a David Castro .

- O informe de resolución asinado por Ángel Gabilondo, deixa claro sen lugar a dúbidas que David Castro impide o acceso ao rexistro a Enrique Oubiña sen xustificación algunha, e que non cumpre a lexislación ao respecto.
- O Concello de Ribadumia e David Castro figurarán no informe anual do Defensor del Pueblo polas súas prácticas antidemocráticas e de atentado contra os dereitos de Enrique Oubiña.
- David Castro, unha vez máis, créese por enriba do ben, do mal, e dos funcionamentos democráticos.
Logo de dous anos dando escusas e largas, David Castro rematou coa paciencia do Defensor del Pueblo, que nunha última resolución (podes leela completa aquí) relativa a unha queixa que iniciamos dende Somos Ribadumia en novembro de 2020, motivada polo bloqueo de acceso ao rexistro ao que o actual alcalde somete a Enrique Oubiña, deixa claro e sen lugar a interpretacións que David Castro está actuando de maneira interesada e sen xustificación posible.
Ao longo destes dous anos, David Castro puxo todo tipo de escusas, dende o moi socorrido covid-19, ata problemas informáticos e de falta de recursos, chegando a mentir dicindo que se nos había dado resposta positiva e se nos ía permitir acceder ao rexistro, ata que finalmente, en marzo deste ano, o Defensor del Pueblo recomendoulle que para cumplir a lexislación vixente, lle permitira a Enrique Oubiña o acceso as entradas e saídas do rexistro municipal que como a calquera concelleiro e concelleira lle corresponde democrática e legalmente. David Castro ignorou tal recomendación, e deixou de responder durante meses aos requirimentos do Defensor del Pueblo. Non so iso, ademais en varios plenos municipais chegou a declarar que non ía permitir ese acceso a Enrique Oubiña baixo ningún concepto. Finalmente, ante a insistencia do Defensor del Pueblo, en un burdo intento de seguir gañando tempo, David Castro volveu responder con escusas usadas anteriormente, que desta volta non lle serviron.
Esta pasada semana, o Defensor del Pueblo enviou comunicación ao Concello de Ribadumia e a Enrique Oubiña, onde nunha última resolución di cousas como estas que expoñemos de maneira literal:
“… el citado consistorio se muestra renuente a aceptar la Sugerencia formulada hace más de ocho meses y así retrasa sin justificación una posible actuación conforme a la misma”.
“…una presunta falta de medios personales no puedeservir de justificación total para no dar cumplimiento a la Sugerencia formulada, máxime cuando ese ayuntamiento ha podido adoptar medidas para garantizar el cumplimiento de la Sugerencia desde el mes de marzo pasado, fecha desde la que conoce la Resolución emitida”.
“… teniendo en cuenta que el libro registro de entradas y salidas está informatizado y que los datos que contiene, por lo general, pueden ser cedidos a usted (en referencia a Enrique Oubiña) como edil al no tener la consideración de datos de categoría especial, su puesta su a disposición no deja de ser un trabajo ordinario de ejecución rápida, que no justifica la necesidad de ampliar efectivos”.
“…no parece razonable demorar sine die, con dicha justificación, la entrega de un listado del registro que no contiene más datos que la identificación del interesado, del órgano administrativo remitente y de la persona u órgano administrativo al que se envía, así como una referencia al contenido del documento que se registra.”
“… dado que esta institución entiende que de la respuesta aportadano se deducen elementos que desvirtúen los términos de la queja ni que alteren el fundamento de la Sugerencia formulada y que no ha sido posible una resolución de ese consistorio adecuada a la propuesta formulada por el Defensor del Pueblo, de conformidad con el artículo 30 de la Ley Orgánica 3/1981 se incluirá este asunto en el informe anual a las Cortes Generales y se dan por finalizadas las actuaciones.”
Gracias a David Castro este concello e o seu goberno van figurar de xeito moi negativo no informe deste 2022 que se presentará no seu momento ante o senado, deixándonos en vergoña e dando a imaxe, ademais real e xustificada documentalmente, dun Concello antidemocrático onde o alcalde actúa como un cacique dos anos sesenta e pon todo tipo de trabas aos concelleiros da oposición para cumprir coa súa labor de servizo público.
Para a nosa formación, esta non deixa de ser outra mostra do lamentable goberno de Ribadumia, un goberno dictatorial e completamente fora da realidade, con actuacións fora de toda lei, dirixido por un David Castro que non so converteu o Concello nun caos administrativo e de xestión a todos os niveis, senón que, como vimos estes días, xa nin sequera é capaz de controlar ao seu propio equipo.
