Humanizar, dotar espazos públicos e favorecer o acceso á vivenda, as nosas prioridades para Barrantes.

- Barrantes precisa dun plan de xestión urbana global, que solucione todas as problemáticas.
- Imos pular pola reforma integral (de verdade, non outro parche) ou a construción dun novo colexio.
- Dotaremos prazas de aparcadoiro, eliminaremos os semáforos, melloraremos a seguridade visita e dotaremos os espazos que entidades , veciñanza e Concello precisan.
- Realizaremos axustes no PXOM, outras medidas para favorecer a construción ordenada, e crearemos vivenda pública, adquirindo edificios sen rematar ou a través do traballo con outras administracións.
- Unificaremos o núcleo de Barrantes con Ribadumia e as comunicacións internas para facilitar os desprazentos dentro do concello.
O núcleo de Barrantes, e parte de Ribadumia, concentra máis da metade da poboación do noso Concello, e o crecemento acelerado vivido nos tempos previos á crise do 2008 trouxo parello un saco de problemas, aos que debemos dar solución, e de maneira urxente.
As nosas propostas para o núcleo de Barrantes non son novas. De feito, neste aspecto o noso programa de goberno apenas tivo modificacións nos últimos catro anos, debido á que o goberno inmobilista de David Castro non realizou ningún avance. Tal como explica o noso voceiro e candidato, Enrique Oubiña, “David presentouse ás eleccións no 2019 cun proxecto que segundo el xa era unha realidade e catro anos despois, non só non fixo nada, senón que mudou a súa proposta inicial dúas veces e no medio perdeu 1’3 millóns de euros, unha barbaridade de fondos que ben xestionados permitirían hoxe ter outro núcleo”.
Non podemos perder máis fondos nin seguir dando tombos con propostas de ida e volta que logo non se concretan en nada. Ademais os problemas de Barrantes exceden a situación do colexio. Por ese motivo nos temos claro que debemos desenvolver políticas urbanísticas en dous terreos: a situación do Colexio, e os problemas do resto do núcleo.
Con respecto ao colexio, o punto de partida está nas intencións da Xunta. A día de hoxe non consta ningunha proposta da Consellería de Educación de facer un novo colexio, senón que pretenden seguir parcheando o actual. Dende Somos Ribadumia apostamos polo realismo e o pragmatismo. Se o PP da Xunta – o de Ribadumia nin está nin se lle espera –muda de idea e propón un colexio novo, dotaremos os terreos necesarios, onde sexa máis convinte, pero se como estamos vendo a Xunta ten intención de manter o colexio na ubicación actual, loitaremos dende o goberno local porque se realice unha reforma integral, e non máis parcheados. Unha loita que non se prevé curta no tempo, pero que daremos. Se xa antes conseguimos dende a oposición un investimento de 800.000€ , dende o goberno lograremos o obxectivo de ter un colexio en condicións. “E mentres damos esa loita, seguiremos traballando no resto de problemas. Hai que gañar espazos para o propio colexio e para a veciñanza, levar de volta as actividades de conciliación á contorna do colexio, e que a cativada estea nun espazo seguro dende que chegan ata que se van, sen ter que transitar como agora polo medio dos autobuses e coches. E dende logo hai que solucionar o problema de ter instalacións compartidas co Umia, e mellorar outras instalacións como o pavillón.
E isto lévanos ao segundo terreo de traballo: o problema de espazo e seguridade viaria no núcleo de Barrantes. A nosa proposta é coñecida, sacar o campo do Umia do centro e recuperar para a veciñanza todo ese espazo, onde se poderán dotar zonas verdes, aparcadoiros e instalacións varias, dende un pavillón en condicións a un edificio que albergue a escola de música e locais sociais para diferentes colectivos.
“Máis aló desta proposta, que é unha proposta no medio prazo pois require tempo para verse completada, hai que revisar o ordenamento de todo o núcleo. Apostar por rúas de sentido único, crear prazas de aparcadoiro, eliminar os semáforos en favor de outras medidas máis efectivas de calmado do tráfico, e en xeral favorecer que dentro do noso maior núcleo as persoas se movan a pé, e con toda a seguridade que sexa posible. E estas son as nosas solucións no curto e mesmo no inmediato prazo. Dixémolo fai catro anos e reafirmamonos agora: se gobernamos cando remate o verán non haberá semáforos en Barrantes, pero teremos máis seguridade nas rúas”. Unha mellora substancial do urbanismo que traeráb detras melloras para a cidadanía e para o comercio e a hostalaría, que se verán favorecidas pola existencia dun núcleo amable, onde as persoas se despracen andando, pero tendo os coches preto.
Ademais de todo o dito, hai que unificar o núcleo de Barrantes co de Ribadumia, onde temos dotacións como o centro de saúde ou o auditorio, e facelo a través das vías de comunicacións, con vías peonís e carrís bici. Pero tamen son necesarias, e así nolo están pedindo dende as zonas máis alonxadas do Concello, dar solucións de comunicación que permitan á veciñanza achegarse ao centro de saúde ou a facer xestións a Barrantes. Neste aspecto hai varias posibilidades, dende un bus interno, a un negociado cos taxis do concello, unha posibilidade que axudaría tamén noutros aspectos como xerar comunicacións co Hospital do Salnés.
O problema da vivenda.
Temos máis problemáticas que enfrontar. Unha de importancia é a falta de vivenda, unha falta de vivenda que afecta a todo o concello, pero que require solucións diferentes no ámbito rural que no núcleo. No respectivo ao núcleo de Barrantes, onde os servizos básicos e outros como os de conciliación existen dende fai anos, temos que enfrontar a cuestión da falta de vivenda. Barrantes é un lugar moi ben situado, é ben comunicado, motivo polo cal resulta atractivo para as novas familias. Pero a realidade é que non hai vivenda, nin para compra nin para alugueiro. Debemos pois por en marcha medidas que axuden a creación de vivenda. Para nós isto pasa por modificar o PXOM, por establecer unha política fiscal orientada á creación de vivenda, e por dotar vivenda pública, algo que nós propoñemos facer adquirindo r rematando varios edificios en construción en Barrantes. Tamén loitar coa Xunta para que dotar vivenda protexida, pero vendo a liña de actuación do goberno popular, entendemos que esa loita vai ser longa, polo que sen deixala se lado, optaremos polo práctico e poremos nós en marcha o noso propio parque de vivenda pública. A maiores disto, hai que reforzar os servizos de conciliación e dar apoio ao comercio e a hostalería, para que o dinamismo da vila favoreza o crecemento en habitantes.
En resumo, que falar de urbanismo no núcleo non é falar de catro medidas illadas, nin moito menos de medidas que son competencia doutras administracións que virán ou non virán. Compre un plan integral, que coñecendo os problemas expoña as solucións particulares e a todo o conxunto, e nós temos ese plan, moi ben traballado e listo para empezar a mudar Barrantes en canto teñamos a capacidade para facelo.