Category: Sen clasificar
Sofía Núñez, concelleira e apoderada dunha das empresas locais que máis factura ao Concello de Ribadumia.
- Oubiña demostrou con documentación formal que Sofia Núñez incumpre a lei de incompatibilidades para os cargos públicos e a LOREG.
- Sofía Núñez falseou a súa declaración de bens ao inicio da lexislatura, ocultando que dende 2018 é apoderada dunha empresa de servizos de maquinaria que traballa para o concello.
- Un caso que podería considerarse de prevaricación e ter consecuencias legais.
O pleno deste pasado xoves, o último ordinario da lexislatura, rematou con David Castro pedindo a hora. Varias foron as cuestións que o noso voceiro puxo de relevancia e que resultan da máxima gravidade.
Neste comunicado poñemos o foco na última, que resulta quizais a máis grave, pois implica directamente á unha das concelleiras do equipo de David Castro, Sofía Núñez.
Durante o punto de rogos e preguntas David Castro confirmou que a empresa AGRONUMA realiza traballos de mecánica de diversa maquinaría agrícola para o Concello. Ademais, tal como explica Oubiña, “esa empresa está entre as primeiras empresas locais en facturación, unha facturación que agora haberá que mirar con lupa”.
Que unha empresa local facture servizos ao Concello non ten nada de negativo, salvo que como neste caso a empresa sexa dunha concelleira. Oubiña demostrou documentalmente dúas cousas, que Sofia Núñez é a apoderada da empresa referida, onde un dos seus irmáns figura como administrador, e que falseou a declaración de bens e intereses que é obrigatorio cubrir antes de acceder ao cargo de concelleira.
“A lei de incompatibilidades e a LOREG son claras. Un concelleiro ou unha concelleira non poder ter cargos de responsabilidade nin moito menos ser administradoras ou apoderadas de empresas que manteñan relación directa co Concello. Sofia tiña tres posibilidades en xuño de 2019: non recoller a acta de concelleira, desvincularse da empresa antes de coller a acta de concelleira ou que a empresa renunciase a prestar servizos ao Concello. Pois fixo todo ao revés, ocultou a súa situación na declaración de bens, continuou durante catro anos como apoderada desa empresa e esa empresa seguiu traballando para o Concello e facturando”.
Ante esta evidencia, Oubiña advertiulles da ilegalidade manifesta a David Castro e a Sofía Núñez e pediulle a dimisión inmediata a concelleira ante a gravidade do asunto.
Pola nosa banda, non podemos permitir é que haxa dubidas sobre o uso dos cartos públicos nin moito menos que se favoreza a unha empresa e por extensión neste caso a unha concelleira e a súa familia, dende o goberno local. Neste aspecto estamos analizando as medidas que debemos tomar, pero parécenos inaceptable de David Castro manteña no cargo e na súa lista electoral para as próximas eleccións a persoas que se están enriquecendo a conta do Concello.
Unha familia e un grupo pouco exemplar.
Dáse a circunstancia de que o administrador da empresa referida, irmán da concelleira, foi o que atacou xunto a outro individuo a Enrique Oubiña diante da súa casa en xuño de 2021, un comportamento que David Castro presenciou primeiro, e xustificou despois. Non esquezamos que ese episodio levou á oposición a unirse e forzar un pleno onde David Castro volveu xustificar o uso da violencia, e en concreto o uso da violencia contra os cargos públicos, e onde foi reprobado por toda a oposición, el e o seu equipo de goberno. No pleno do xoves volveuse reafirmar nesa cuestión, acusando a Oubiña de crear crispación, cinco minutos antes de que unha persoa do seu entorno político e persoal máis próximo montara unha tangana contra outra persoa do equipo de Somos Ribadumia, con amezas e insultos, en pleno salón de plenos e ante a súa impasividade.
“Xa poucas caretas poden quedar. Neste último pleno ficou claro que as persoas que acompañan a David Castro, usan o Concello para gañar cartos, e usan a violencia para xustificarse. Esta xente non pode gobernar Ribadumia”.
Sobre a peineta de Sofia Núñez
“ Estivemos agardando a ver se Sofía tiña a ben desculparse, ou se asumía as súas responsabilidades, pero resultou que non, nin asume o erro, nin dimite, nin David Castro toma medidas”. Enrique Oubiña non quixo que dende Somos Ribadumia expresaramos unha posición ata ver como se desenvolvía a mañá do venres e parte da tarde, logo de que a peineta de Sofía Núñez, realizada e emitida na canle de youtube do Concello xusto antes de celebrarse o pleno no que o noso voceiro poría de manifesto que é apoderada de pleno dereito da segunda empresa local en facturación ao Concello, mais os feitos acaecidos non nos deixan máis opción que decir algo.
Esa peineta dirixida á camara que grava os plenos, ou sexa á veciñanza de Ribadumia, realizada nos momentos previos do inicio dun pleno no Salón de Plenos Municipal dentro da Casa do Concello é outro exemplo do nivel político desa concelleira. Pola nosa banda o problema non está en si se emitiu ou non, o problema é o feito.
Que a concelleira que figura como apoderada dunha empresa que factura miles de euros ao ano ao concello, ou sexa a toda a veciñanza, teña esas actitudes chulescas e de desprezo cara todo o mundo no concello, onde non é unha máis, é totalmente inaceptable. Que desta hora non se teña desculpado publicamente e presentada a súa dimisión, resulta indignante.
Outro tanto David Castro, que no canto de actuar como alcalde ante a situación e os actos desa concelleira, protéxea e busca culpables fora. “A traballadora que puxo a cámara a gravar non ten responsabilidade de nada como non a ten o concelleiro que o xoves fixo pública a situación de ilegalidade manifesta na que se encontra esa concelleira. A responsabilidade tena quen fixo a peineta e quen pasa facturas cada mes ao concello, non sabemos se correctas ou algo emulsionadas, e quen sabendo que isto estaba pasando, por que David Castro era coñecedor da situación, mira para outro lado”.
Para Somos Riadumia, quen protexe a unha persoa que actua fora da lei, é cómplice. Quen protexe a unha persoa que se ríe da veciñanza da súa cara, estase rindo tamén.
David Castro debe dar exemplo e cesar de xeito inmediato a Sofía Núñez. Ou dimitir el mesmo se é incapaz de xestionar o seu equipo.
Propoñemos un plan integral da xestión do lixo, e un punto limpo que funcione como debe funcionar.

- O problema do punto limpo non é o seu tamaño, é a mala xestión de David Castro.
- 330.000€ para cambiar os contedores de sitio, pois na práctica non aumenta o espazo de almacenaxe, só o de manobra para os camións.
- Os nosos compromisos: ampliar o horario do punto limpo en cando menos dúas tardes pola semana, unha correcta xestión do mesmo (como a que acadamos na lexislatura pasada) e un plan de xestión de residuos para mellorar a recollida selectiva e impulsar a compostaxe co obxectivo de conxelar e despois poder ofrecer rebaixas na tarifa do lixo.
David Castro ven de anunciar en plena precampaña un investimento de máis de 300.000 € Para ampliar o punto limpo, dos cales 200.000 € vainos poñer o Concello fundindo a metade do plan Concellos deste 2023, e outros 130.000 a Xunta. Tal como explica Oubiña “non sei se estes serán os investimentos que o PP lle ofreceu a David a cambio da alcaldía, pero dende logo moi pobre me parece o pago se dous terzos da obra ten que saír da carteira do Concello, que nin do Concello son, pois a aportación faina a Deputación. En calquera caso eses cartos estaban moito mellor investidos nun camión novo de recollida de lixo, por exemplo, algo que si é necesario e mesmo urxente”.
Este é o segundo anuncio que fai, o primeiro foi de 70.000 € nunha partida que incluíu a todo correr no orzamento do 2022 logo de que apareceran unhas pancartas no propio punto limpo criticando o seu estado e pedindo a dimisión de David Castro. “Pasar de 70.000€ a 330.000€ debería estar xustificado dalgunha maneira, mais parece que aquí a clave é “canto máis gasto mellor”, como nos vellos tempos previos á crise do 2008, cando se facían aeroportos sen avións ou máis localmente barbaridades como o nudo de Curro”.
Dende o noso punto de vista, este investimento non era imprescindible nin sequera prioritario, e dende logo un investimento dese tamaño parécenos algo esaxerado para realizar unha dársena e unha rampa. O punto limpo recibiu unha actualización na lexislatura pasada, e conta con superficie suficiente para atender a veciñanza ribadumiense. Ademais, o proxecto presentado non aporta na práctica moito máis espazo de almacenaxe de materiais, so unha colocación distinta dos seis contedores que xa hai actualmente, e nin sequera prevé realizar un peche perimetral en condicións, que evite as continuas entradas a roubar que padece a instalación. En resumo, Un investimento suficiente para facer unha vivenda completa metido nun pouco formigón, e outras urxencias como a compra dun novo camión, sen atender.
Dende Somos Ribadumia temos moi claro que o problema do punto limpo é a xestión que se fai del. “De nada vai servir recolocar os contedores e facer rampas, se despois os contedores seguen como ata agora, sen recoller ata que a broza sae por enriba do tellado da caseta. O que hai que facer é mudar a xestión do servizo, manter o punto limpo en condicións, e abrilo máis días”.
As nosas propostas.
Dende Somos Ribadumia temos claro que a xestión dos residuos, que ten máis patas que o punto limpo, require dun plan de xestión integral do lixo. Os nosos compromisos para o caso de acceder ao goberno van nese sentido: de partida actualizar todo o servizo de recollida, comprar un novo camión, renovar os contedores, e poñer ao día o punto limpo, para o caso de que esa obra que lanzou David Castro non saia adiante, pois a día de hoxe, coa experiencia previa que temos, non podemos confiar en que nada do que David Castro anuncie se realice. Sexa co punto limpo actual ou con el reformado, o que si faremos será sacar a licitación o servizo de recollida e valeirado do mesmo, tal como estivo ata 2019, para non depender de recollidas puntuais. Tamén ampliaremos o horario de atención ao público un mínimo de dúas tardes máis ao longo da semana, mantendo por suposto a mañá dos sábados.
Por outra banda, compre mellorar e impulsar a recollida selectiva, e tamén a compostaxe, para adecuarnos as novas lexislacións medioambientais e para poder conxelar o custo da recollida e xestión, e mesmo reducilo a parámetros que eviten ter que subir o recibo, ou incluso que permitan co tempo unha redución. “A cousa é así, todo o que se recicla ten un valor, e o que se composta non vai á planta de SOGAMA e polo tanto non hai que pagar por queimalo. O camiño entón pasa por vender o material de reciclaxe e reducir a través da compostaxe o número de toneladas que mandamos a SOGAMA. Se conseguimos isto, e coa correcta xestión pódese facer, poderemos encaixar os custes da xestión sen ter que enfrontar subas no recibo, e no medio prazo poderíamos lograr que a xestión do lixo fora rendible economicamente e polo tanto reducir o recibo. Pero iso require tempo e boa xestión. Tempo levamos perdido moito, e coa xestión actual isto que propoñemos non vai acontecer. Quen teña dúbidas, que se pase polo punto limpo, ou mire o estado no que están moitos dos contedores que temos polo concello adiante, os problemas coa recollida ou o estado lamentable do camión.”.
David Castro confirma a perda dos fondos Pirep. Adeus á posibilidade de acceder a 6 Millóns de euros.

- Podendo solicitar ata 3M por cada unha das 2 liñas de axuda dese plan, solicitou 120.000€ a só unha delas, e nin así logrou os fondos.
- Admitiu a renuncia á segunda liña por non saber para que pedir os fondos.
- David Castro ocultou a perda das axudas e mentiu ao intentar xustificar os motivos polos cales non solicitou a segunda liña.
- David Castro, o alcalde que non sabe en que investir medio millón de euros.
David Castro sabía dende novembro que perdera o acceso á liña 1 dos fondos, pero non deu conta de nada, el que tanto lle gusta dar conta nos plenos doutros temas bastante menos importantes. Fixémolo público dende Somos Ribadumia, e aínda tardou unha semana en encontrar os papeis que segundo el demostran que si solicitou as axudas do Plan Pirep, un plan que permitía a rehabilitación de instalacións públicas e ao cal podían presentarse proxectos, por un valor de ata 3Millons de euros por cada proxecto. De feito concellos veciños como Sanxenxo presentaron e lograron proxectos por valor de máis de 3’5 Millóns de euros.
Non constaba nos datos aos que tivemos acceso, pero David Castro declarou que unicamente se presentou a liña 1 dese plan, con un pírrico proxecto de 120.000 € para arranxar a praza de abastos. Para Oubiña “ ten que ser unha broma. Aparece unha liña de axudas para proxectos de envergadura, ata 3 Millóns de euros con financiamentos de ata o 100% do custe da obra, e David Castro presenta unha proposta de só 120.000€, unha cantidade á que pode perfectamente facer fronte con fondos propios, ou a través do Plan Concellos da Deputación. E non contento con iso, declara que en Ribadumia non hai posibilidade de enfrontar investimentos de máis de medio millón de euros, nin moito menos de 3 Millóns. Este é o alcalde que temos”.
Non contento con ir á prensa a poñer escusas, David Castro aínda tivo a cara dura de mentir no relativo aos condicionantes do proxecto. Tal como recolle a Orde TMA/178/2022, publicada no BOE o 11 de marzo de 2022, as condicións para acceder á liña 2 do Plan Pirep Local non era unicamente presentar proxectos de máis de 500.000€, algo que tampouco debería ser un problema. A condición era que se cumpriran 2 de 3 requisitos: superar o importe de 500.000€, que a superficie sobre a que se fora actuar superara os 1000 m2, ou que o custe da obra superase os 500€/m2. Para o caso, se David Castro nos tivera consultado, nós teriámoslle explicado gustosamente cantas e cales das instalacións municipais superan os 1.000 metros cadrados de superficie, de partida calquera dos pavillóns deportivos municipais, ou actuacións que se poderían levar a cabo con estes recursos. De feito, tendo en conta a situación de pavillóns como o de Barrantes, ou mesmo a necesidade de reforma da casa consistorial, por poñer dous exemplos, cumprir os requisitos non era un problema. “O problema foi a incapacidade de David Castro, que leva oito anos de alcalde e aínda non sabe cales son as problemáticas de Ribadumia, ata o punto de que aparece unha importante liña de axudas, de ata 3 millóns, e non sabe que facer, e só lle dá a cabeciña para pedir catro pesos para reformar a praza de abastos, logo de deixala abandonada catro anos”.
Máis aló do dito, dende Somos Ribadumia, consideramos que gastar cartos da Deputación na elaboración dun proxecto que por dimensión poden perfectamente elaboralo os técnicos municipais, é outro exemplo de como non se deben xestionar os fondos públicos, e do perdido que anda David Castro.
A día de hoxe, David Castro foi incapaz de conseguir nin unha, soa de todas as liñas importantes de financiamento aparecidas ao longo da lexislatura, que permitirían realizar investimentos por varios millóns, e a única que logrou perdeuna posteriormente por mala xestión. Recapitulemos: plan Ágora: 600.000€, Plan ReacPon: 771.000€, Liña 1 do plan Pirep: 3M € (solicitou 120.000, e non os consigueu), liña 2 do plan Pirep: 3M €. En total, nós dixeramos que David perdera a posibilidade nesta lexislatura de realizar investimentos por valor de máis de 5 Millóns de euros, pero a realidade é que a cifra supera moi amplamente os 7 millóns de euros perdidos.
Ribadumia non pode permitirse seguir perdendo fondos e oportunidades desta maneira.
Iniciamos unha rolda de reunións veciñais e con diversos colectivos.

- Entre o 25 de abril e o 5 de maio realizaremos 7 xuntanzas veciñais en distintas partes do Concello.
- O obxectivo é escoitar á veciñanza, e facer axustes polo miúdo do noso programa de goberno.
- Tamén terán lugar xuntanzas específicas con diversos colectivos do concello.
A partir do martes 25 de abril, e ata o venres 5 de maio, Somos Ribadumia imos realizar unha serie de encontros coa veciñanza ao longo e ancho de todo o concello. O obxectivo principal destas xuntanzas, que veñen a completar o traballo de rúa dos últimos anos, é o de escoitar á veciñanza, e afondar nas diversas problemáticas que poidan darse nas parroquias e lugares de todo o Concello, falar das solucións e falar tamén das propostas ou das cuestión que a propia veciñanza poida considerar de interese ou importantes e, en definitiva, ver como podemos axudar a mellorar a vida da xente de Ribadumia.
En Somos Ribadumia xa aprobamos un programa marco de goberno para os próximos catro anos, con 60 medidas que tomar para sacar a Ribadumia da parálise na que vive dende fai catro e para solucionar diversos problemas, como a perda de poboación no rural, ou os problemas urbanísticos do núcleo de Barrantes, ou a falta de apoio real a as empresas, comerciantes e hostaleiros do noso concello. Pero ese programa, sendo o produto de moitos anos de traballo, e xa construído en base á relación que neste tempo viñemos mantendo de maneira habitual con veciños e colectivos, e polo tanto resultando moi completo e moi axustado á realidade de Ribadumia, pode mellorarse aínda con aportacións máis específicas.
Tal como recalca o noso candidato, Enrique Oubiña “á realidade é cambiante, e agora que chegamos ao final de lexislatura estamos encontrándonos con que moitas das problemáticas existentes fai catro anos, e que debían estar resoltas, seguen no mesmo sitio sen solución. Sexan cuestións de dotacións de servizos, sexa o problema continuo de falta de alumnado para completar as aulas do CRA, eses problemas están aí, como os de diversos colectivos, e a mellor maneira de expoñer a súa dimensión e propoñer as solucións que poden solucionar eses problemas, é falalo directamente coa veciñanza afectada e cos diversos colectivos, cos cales tamén imos manter conversas ao longo dos próximos días”.
Dende Somos Ribadumia convidamos á toda a veciñanza a participar, con independencia das súas ideas. Compartan as nosas posicións ou non, o diálogo sempre será a mellor ferramenta para topar solucións aos problemas e para mellorar a vida da veciñanza. E como partido que aspiramos á estar no próximo goberno de Ribadumia, debemos achegarnos á veciñanza, e facelo de fronte, dando a cara.
Os encontros coa veciñanza realizaranse a partir das 21:00 horas nos seguintes días e lugares:
- Martes 25 de abril, centro social de Leiro.
- Mércores 26 de abril, centro social de Lois.
- Xoves 27 de abril, centro social de Besomaño.
- Venres 28 de abril, centro social de Barrantes.
- Martes 2 de maio, centro social do Couto de Arriba.
- Mércores 3 de maio, centro social de Ribadumia.
- Venres 5 de maio, centro social de Sisán.