Forzamos xunto ao PSOE un novo Pleno Extraordinario para debater propostas que o goberno local bloquea

· Recuperamos a proposta para ordenar e facer máis transparente o apoio municipal aos eventos organizados polas entidades deportivas.
· Volvemos levar ao Pleno a situación do SAF, que continúa sen licitarse máis dun ano despois da primeira moción presentada por Somos Ribadumia.
· Xunto co PSdeG presentamos unha moción para avanzar cara á retirada da represa de Cabanelas e recuperar a continuidade fluvial do río Umia.
No día de onte participamos, xunto cos tres concelleiros do PSdeG-PSOE de Ribadumia, na solicitude dun novo Pleno Extraordinario no Concello. Dende Somos Ribadumia utilizamos esta convocatoria para levar a debate dúas iniciativas propias que consideramos prioritarias e unha terceira proposta presentada conxuntamente por ambas formacións.
É a segunda vez en poucos meses que a oposición ten que recorrer a este mecanismo para garantir o debate de iniciativas que non foron incorporadas ás sesións ordinarias. No noso caso, volvemos levar ao Pleno cuestións que afectan directamente ao tecido deportivo local, ao Servizo de Axuda no Fogar e á protección e recuperación do río Umia.

Queremos que estas propostas sexan debatidas publicamente, que cada grupo municipal explique a súa posición e que a Corporación poida pronunciarse sobre elas. E queremos que isto sexa aplicable ás propostas de todos os partidos. Non é de ningún xeito aceptable as posición do goberno que pretende que unicamente se debatan as cousas que se eles Lles resulten interesantes.
Ordenar e facer máis transparente o apoio aos eventos deportivos
Dende Somos Ribadumia recuperamos unha proposta presentada inicialmente en novembro de 2025 para establecer convenios individualizados coas entidades deportivas que organizan eventos de interese municipal en Ribadumia.
A proposta parte da realidade dun tecido deportivo local activo, sostido en boa medida polo traballo de clubs e asociacións que organizan competicións, torneos e actividades con repercusión deportiva, social e económica. Consideramos necesario que a colaboración municipal con estes eventos conte cun marco máis estable, previsible e transparente.

A moción propón que os convenios definan os compromisos de cada parte, as achegas económicas e as formas de colaboración municipal en materia de infraestruturas, promoción, apoio técnico ou loxístico. Tamén propoñemos criterios obxectivos para a súa concesión, prioridade para as entidades locais e que as partidas destinadas a cada evento queden recollidas de maneira específica nos orzamentos municipais.
O obxectivo é acabar cun sistema baseado en decisións puntuais e dotar as entidades dun marco que lles permita coñecer con antelación o apoio co que poden contar, ao tempo que o Concello dispón dun sistema ordenado, transparente e avaliable para distribuír os recursos públicos.
O SAF de Ribadumia segue sen licitarse
Tamén volvemos levar ao Pleno a situación do Servizo de Axuda no Fogar. Somos Ribadumia presentou esta moción por primeira vez o 20 de agosto de 2025, pero non chegou a ser debatida. Máis dun ano despois presentámola novamente, actualizada cos cambios producidos no financiamento e na regulación da dependencia e coas reivindicacións das entidades e colectivos afectados.
A principal cuestión local permanece sen resolver: o SAF de Ribadumia segue sen licitarse. Por iso reclamamos que se tramite de forma inmediata un novo procedemento que dea estabilidade ao servizo, que o goberno municipal informe á Corporación das actuacións realizadas e do calendario previsto e que se garanta que ningunha persoa usuaria quede sen atención por cuestións administrativas ou contractuais.

A proposta inclúe tamén estudar seriamente a posible municipalización do servizo, de forma temporal ou definitiva, incorporar cláusulas sociais e laborais estritas e aplicar medidas de protección para as traballadoras. Ao mesmo tempo, reclamamos ás administracións autonómica e estatal un financiamento suficiente da dependencia e que os incrementos aprobados se traduzan nunha mellora efectiva da atención e das condicións nas que se presta o SAF.
Para Somos Ribadumia non é aceptable que un servizo esencial para persoas dependentes e para as súas familias continúe nunha situación de incerteza contractual. Cada administración debe asumir as súas responsabilidades, pero o Concello tamén debe resolver aquilo que lle corresponde e garantir a continuidade e estabilidade do servizo.
Unha proposta conxunta para retirar a represa de Cabanelas
A terceira iniciativa na que participamos é unha moción presentada conxuntamente polo PSdeG-PSOE e Somos Ribadumia sobre a represa construída no río Umia á altura de Cabanelas durante o verán de 2026.
A proposta solicita á Xunta de Galicia e a Augas de Galicia que impulsen as actuacións necesarias para a retirada definitiva da actual represa e a recuperación da continuidade fluvial e ambiental do tramo afectado.
A moción lembra que en marzo de 2016 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade instar á procura de alternativas para a subministración de auga á illa da Toxa no caso de que a rede pública resultase insuficiente. Dez anos despois as solución da Xunta foi a contraria ao acordado e no canto de dar unha alternativa autorizou a construcción da represa. Dende a nosa formación consideramos necesario converter aquel acordo nunha solución efectiva e, sobre todo, retirar a represa sobre o Umia.
A iniciativa inclúe ademais unha petición directa ao go;verbo local de Ribadumia para que clarifique a situación legal desa obra a nivel municipal, determine o réxime urbanístico aplicable á sctuación, verifique a existencia e suficiencia do título habilitante que corresponda, comprobe a compatibilidade da actuación co planeamento municipal e dea resposta ao escrito presentado o pasado 14 de agosto pola nosa formación.
Ademais propoñemos que as Corporación se opoña formalmente a esa represa e inste ao goberno local a tomar as medidas necesarias para revertir a situación devolvendo o río ao seu estado anterior.
Tres propostas que queremos ver debatidas e votadas

Estas son as cuestións que Somos Ribadumia leva a este novo Pleno Extraordinario: un sistema máis xusto e transparente de apoio aos eventos deportivos, unha solución estable para o Servizo de Axuda no Fogar e unha posición clara para avanzar cara á retirada da represa de Cabanelas e a recuperación do río Umia.
Non presentamos estas iniciativas e outras anteriores e posteriores para que queden rexistradas e esquecidas. Presentámolas para que se debatan, para que cada grupo explique diante da veciñanza cal é a súa posición e para que o Pleno adopte unha decisión. E como vemos que o goberno non quere, obrigámolo. Agardemos que sexa a última vez. Pero que lle quede claro ao goberno local que se para conseguir levar as nosas propostas a Pleno temos que recorrer aos mecanismos que a lei pon á disposición da oposición, farémolo. Por que para nós o importante é que os asuntos que afectan a Ribadumia cheguen ao Pleno e que a veciñanza poida coñecer as propostas e as posicións de todos os grupos municipais.
