Levamos ao Pleno a petición veciñal para mellorar a seguridade viaria no Casal e na contorna da igrexa de Barrantes.

  • Medio cento de veciños reclaman medidas de seguridade.
  • O goberno admite que non fixo ningunha xestión.
  • Somos Ribadumia leva a proposta ao Pleno.

Dende Somos Ribadumia presentamos unha moción para que o Concello actúe ante a petición formulada por  medio cento de veciños e veciñas da estrada da igrexa e do lugar do Casal, en Barrantes, que reclaman medidas para reducir a velocidade dos vehículos e mellorar a seguridade das persoas que transitan a pé pola zona.

A petición foi presentada no rexistro municipal o pasado 22 de xullo. Transcorrido máis dun mes sen resposta, no Pleno ordinario celebrado o 3 de setembro o noso concelleiro Sergio Soutelo preguntou expresamente ao goberno municipal que actuacións realizara o Concello en relación con esa solicitude.

A resposta do goberno deixou claro que, ata ese momento, non se dera resposta á petición veciñal nin se realizara ningunha xestión ante a Deputación de Pontevedra. Tampouco se aclarou se o goberno municipal está a favor das medidas solicitadas polos veciños e veciñas ou se considera necesario actuar para reducir a velocidade neste tramo.

Para nós, unha petición respaldada por medio cento de persoas merece algo máis que silencio. O mínimo que debe facer o Concello é escoitar, valorar tecnicamente a situación e dar unha resposta clara á veciñanza.

Ademais, non estamos falando dunha cuestión menor. Trátase dunha zona utilizada habitualmente por peóns e especialmente por persoas maiores que se desprazan camiñando cara á igrexa, ao cemiterio ou ás súas vivendas. A velocidade dos vehículos inflúe directamente na gravidade dun posible atropelo e, cando existen problemas de convivencia entre tráfico rodado e peonil, corresponde ás administracións estudar e aplicar medidas de calmado do tráfico.

Por ese motivo levamos agora a cuestión ao Pleno mediante unha moción. A proposta pide avaliar tecnicamente a seguridade viaria da zona e impulsar as medidas que resulten adecuadas, incluíndo a redución da velocidade máxima e a instalación de elementos redutores de velocidade cando sexan técnica e legalmente viables.

A moción contempla que ademais de actuar ante as Deputación para que esta aporte solucións no seu tramo,  o Concello actue na parte de vía que lle corresponde, pois a pesar das melloras realizadas na etapa na que Somos Ribadumia levamos urbanismo, segue quedando un tramo final 170 metros onde se seguridade viaria é mellorable.

E dende logo, non imos aceptar que se use a cuestión competencial como  escusa para non facer nada.

Dende Somos Ribadumia non pretendemos substituír os criterios técnicos nin decidir de antemán cal debe ser a solución concreta. O que pedimos é máis sinxelo: que se atenda a petición veciñal, que se estude o problema e que se adopten medidas para facer máis segura esta zona de Barrantes.

A veciñanza xa fixo a súa parte presentando a solicitude. Sergio Soutelo levou a cuestión ao Pleno e preguntou directamente polo que se fixera. Agora queremos que a Corporación municipal se pronuncie e que o Concello pase das explicacións á actuación.

Deixar un comentario