Propoñemos unha mellora integral do Campo de Leiro dentro dunha planificación equilibrada das instalacións deportivas.

• Propoñemos mellorar as instalacións deportivas de Leiro.
• Defendemos un reparto equilibrado dos investimentos deportivos en Ribadumia.
• O novo plan da Deputación é unha oportunidade máis para financiar estas melloras.
Dende Somos Ribadumia presentamos unha moción ao Pleno do Concello para impulsar unha mellora integral das instalacións deportivas municipais do Campo de Leiro. A iniciativa parte das necesidades concretas que presenta este recinto e enmárcase nunha cuestión máis ampla: a necesidade de planificar os investimentos deportivos municipais atendendo ao conxunto das instalacións e das entidades que desenvolven a súa actividade en Ribadumia.
A publicación do IV Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, dotado con 8 millóns de euros, abre agora unha oportunidade que o Concello pode aproveitar para financiar parte destas actuacións. Pero esta convocatoria non é o obxectivo da moción nin a única vía posible: a prioridade é definir as necesidades de Leiro, planificar as melloras e procurar os recursos necesarios, sexa a través deste plan, doutras convocatorias da Deputación, da Xunta de Galicia, de fondos propios ou doutras administracións.
Un reparto dos recursos que debe atender ao conxunto das instalacións
A revisión dos investimentos públicos documentados en infraestruturas deportivas de Ribadumia dende 2023 amosa unha concentración moi significativa nunha mesma contorna. O total dos investimentos nestas instalacións neste período e incluíndo os proxectos que actualmente se están desenvolvendo supera os 1,7 millóns de euros.
Dese volume, máis de 1,64 millóns de euros corresponden a actuacións na contorna do campo da Bouza e do pavillón de Barrantes, arredor do 95 % do investimento total identificado. Fóra desta contorna, as actuacións deportivas que puidemos documentar no mesmo período non chegan aos 75.000 euros. Estes datos reforzan a necesidade de planificar os seguintes investimentos atendendo ao conxunto das instalacións e das entidades deportivas do municipio dun xeito equilibrado e tamén igualitario.

Leiro, dentro dunha planificación deportiva para todo o municipio
A proposta sobre Leiro non pretende cuestionar os investimentos realizados noutras instalacións nin establecer unha competencia entre clubs ou entidades. Ribadumia conta con diferentes espazos e colectivos deportivos, todos eles merecedores de atención. O que propoñemos é que a planificación municipal procure un reparto equilibrado dos recursos, atendendo ao estado das instalacións, ao seu uso, ás necesidades detectadas e ás posibilidades de financiamento existentes en cada momento.
No caso concreto de Leiro, a moción propón habilitar un espazo adecuado para almacenar bicicletas e material deportivo, estudar unha zona para a preparación física, renovar o pavimento deteriorado situado nas proximidades da cantina, mellorar o saneamento dos baños e reforzar as medidas de seguridade, mantemento e control dos accesos.
Tamén propoñemos estudar novas actuacións que permitan ampliar os usos do recinto, como a posible creación dun pump track de iniciación e outros equipamentos compatibles coa práctica do ciclismo, o triatlón e outras modalidades deportivas. Estas propostas deben analizarse tecnicamente e integrarse nunha planificación que teña en conta tanto as necesidades deste recinto como as do resto das instalacións deportivas municipais.
O Campo de Leiro ten unha actividade deportiva consolidada. Segundo os datos aportados pola propia entidade, o Club Ciclista Ribadumia conta con arredor de 290 socios e socias e 190 deportistas, entre menores e adultos, participan nos seus adestramentos e actividades. A participación desta entidade na definición das necesidades de Leiro resulta lóxica polo seu uso habitual das instalacións, sen prexuízo de que o Concello manteña unha planificación global e diálogo co conxunto dos clubs e entidades deportivas do municipio.
Por iso solicitamos que o Concello elabore unha planificación das actuacións necesarias no Campo de Leiro, estableza prioridades e un calendario orientativo e determine que melloras poden acollerse ao IV Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ou a outras vías de financiamento. O obxectivo é avanzar na mellora de Leiro dentro dunha política deportiva municipal que distribúa os investimentos de forma equilibrada entre as distintas instalacións e necesidades do municipio.
