Category: Sen clasificar

Sobre a suspensión da BTTinto.

  • Debido ó seu elevado custo económico, presentáronselle os clubs organizadores varias alternativas que permitirían manter a proba, pero foron rexeitadas, polo que a proba fica suspendida.

   O equipo de goberno decidiu non facerse cargo economicamente da BTTinto, unha proba deportiva que levaba catro anos celebrándose coincidindo coa “Festa do viño Tinto do Salnés”, e que con saida  e chegada en Ribadumia transcorría maioritariamente polos concellos de Meis, Meaño e Poio.

   Hai que explicar que esta proba, tal como se viña financiando, supoñía unha carga económica para o concello moi elevada, e logo de consultar co comercio local concluíuse que os beneficios non xustificaban a inversión.

 O montante ó que no ano 2015 o concello de Ribadumia tivo que facer fronte foi de 40.000€, pero esta cantidade nin sequera supón o custo total da proba, polo que habería que sumar outros cargos ós que o Concello en anos anteriores non fixo fronte e que non están cuantificados, ou cando menos non constan nin no Concello nin na Deputación de Pontevedra, a outra patrocinadora da proba, pero que este ano terían que ser asumidos polo Concello de Ribadumia.

    A pesares disto, o equipo de goberno estudou detidamente as posibilidades de finanzamento existentes, e propúxolle ós tres clubs que cargaban co peso organizativo da proba dúas posibles alternativas, que permitirían afrontar a realización da proba:

  • A) Que a proba deixara de ser gratuita, pasando a ter un pequeno custe de 5€, grazas ós cales se podería financiar unha parte importante da proba.
  • B) Contratar toda a xestión da proba a unha empresa especializada, que tamén tería obviamente un custe para as persoas participantes, pero en contrapartida axilizaría e melloraría a xestión da proba, que nos últimos dous anos había adquirido polas súas dimensións unha gran complexidade.
pleno-03032016

Os membros do equipo de goberno consideran que o custe da BTTinto é excesivo, mais habendo outras necesidades que atender, polo que apostou por reforzar o apoio ós clubs deportivos, ás parroquias, ás politicas sociais e de promocion do emprego e a corrixir os erros de orzamento da Festa do Viño do Salnés.

 Os tres clubs, tal como admitiron nun documento emitido o pasado xoves, renunciaron ás alternativas propostas polo equipo de goberno, entendendo que non respondían o espírito inicial co que nacera a BTTinto. Por este motivo, e non tendo outras solucións validas que reduciran a carga económica para o Concello de Ribadumia, o equipo de goberno decidiu non patrocinar esta proba.

 

  O equipo de goberno non pecha as portas, a pesares disto, a recuperar este evento, pero sempre nunhas condicións que o fagan viable organizativa e economicamente.

   Por outra banda, hai que resaltar que o que si decidiu o equipo de goberno foi usar os fondos que o ano pasado se destinaron a BTTinto a outras partidas que se consideraron mais necesarias para  Ribadumia, de tal xeito que se reforzou a partida de apoio os clubs deportivos locais con 9.000€, se creou unha partida de 10.000€ de apoio ás festas parroquiais, creouse unha partida de apoio á creación de  emprego e a inserción social dotada con 2.000€, e o resto sumouse  á partida para a Festa do Viño Tinto do Salnés, que este ano, logo dunha profunda revisión dos custes reais da festa, veuse aumentada dende os 50.000€ do 2015 ata os 90.000€ .

   O equipo de goberno quere agradecer e felicitar ós tres clubs que durante estes anos cargaron coa organización desta proba pola súa importante labor, a protección Civil e a todos os voluntarios e voluntarias a axudaron a facer a BTTinto posible, e por suposto a todas aquelas persoas que durante estes anos participaron na proba.

Os veciños de Lois e os nenos do CRA xa poden disfrutar da nova calefacción na aula infantil e no centro cultural .

    Dende esta semana  o centro cultural de Lois e a aula do CRA anexa contan cun novo sistema de calefacción.

image[1] - copia

Estado da caldeira antigua. Na parte central podedes ver en detalle as condicións nas que estaba: presentaba perdas de combustible e de auga, ademais de que a instalación estaba feita dun xeito totalmente erroneo… tanto que á dereita podedes ver o sistema eléctrico de apoio que se estaba usando, tamen bastane defectuoso, que non solucionaba nada pero tiña un consumo eléctrico moi elelvado.

Dende o equipo de goberno recordan que esta reforma, cun custe de casi 9.000€  levouse a cabo  debido ó estado lamentable da caldeira anterior, que obrigaba a súa renovación. Pero sobre todo, o cambio na instalación no centro social débese a que  a instalación que existía era totalmente deficitaria, coa superficie de radiadores mal calculada, e cunha instalación totalmente mal dimensionada, e peor executada, tal e como consta nos informes elaborados polos técnicos municipais. Todo isto, provocaba uns gastos de consumo moi elevados sen conseguir quentar o edificio. A situación era tan deficitaria que os usuarios do centro social tiñan que recorrer o apoio de media ducia de radiadores eléctricos de aceite, o cal provocaba un aumento importante no consumo eléctrico, sen que tampouco solucionase o problema, pois nin así se conseguía que o local acadase unha temperatura minimamente aceptable.

 

IMG_20160411_123754

Nova instalación, con maior potencia, circuitos diferenciados para a escola e o centro social, e un aforro de consumo con respecto á anterior dun 50%…E o mais importante: que agora si que hai calefacción.

A nova instalación consiste nunha nova caldeira diesel, que triplica a potencia da anterior, e no centro cultural toda unha nova instalación, onde ademais de renovarse toda a instalación de fontanería, moi deficitaria e con importantes perdas de calor, substituíronse os antigos radiadores por un sistema denominado “fan-coil” que mellora notablemente o aproveitamento da calor xerada pola caldeira ó forzar o movemento do aire dentro do local.

  O resultado desta nova instalación é  dun aforro previsto dun 50% no gasto de combustible, e que o local, partindo  dunha temperatura inicial de entre 5º e 10º centígrados, poida quentarse ata os  20º C.  en menos de vinte minutos. Ademais inclúese na instalación un programador que vai permitir unha mellor xestión do sistema, o favorecer que se poida ter temporizados o inicio e o remate do funcionamento da calefacción. Tamén se prevé un importante aforro eléctrico unha vez que se elimina o apoio de radiadores eléctricos que se estaba usando dende que o local se puxo en marcha.

 

 

 

O equipo de goberno acusa a Salomé Peña de querer danar a imaxe dos empregados municipais.

  • O equipo de goberno entende que o Partido Popular recorre á demagoxia cando fala destes temas, ademáis dun xeito insensato tendo en conta os antecedentes existentes no Concello do anterior goberno de Salomé Peña.

  Nun comunicado recente, Salomé Peña acusaba ó equipo de goberno actual de ter en nómina un cargo de asesor político. O equipo de goberno quere deixar claro que isa afirmación é totalmente falsa.  O concello de Ribadumia non ten contratado ningún asesor político.

 Sobre a contratación dos servizos dun asesor urbanístico municipal.

 O equipo de goberno tivo efectivamente que recorrer a traballos de asesoramento externo na área de urbanismo,  E tivo que facelo por varios motivos, principalmente dous:

  • Por unha banda para cubrir as baixas laborais do aparellador municipal, que ademais coincidiron en dous momentos críticos para o concello, cando había que elaborar as diferentes memorias e os proxectos de investemento para presentar aos plans de obras da Deputación provincia e da Xunta de Galicia.
  • Por outro lado, para poñer o traballo ó día. Hai que explicar que o departamento técnico nos últimos anos estivo totalmente saturado sen que o equipo de goberno anterior tomara ningún tipo de medida que axudase a aliviar esta situación, o que dou pé a unha gran cantidade de expedientes acumulados, algún dende o 2004, que tiñan o departamento totalmente desbordado cando en Xuño pasado o novo equipo de goberno comezou a traballar.
tanatorio-municipal-de-ribadumia_img257927t0

Para poder facer fronte o atasco que había no concello, redactar informes de situación de todas as instalacións municipais, e poder atender a asuntos urxentes, como a legalización do tanatorio ou as memorias e proxectos necesarios para acceder as axudas da Xunta e Deputación,  o equipo de goberno tivo que contratar un apoio externo, que permitira manter un servizo de atención ó público óptimo.

   Ademais do dito anteriormente, a situación na que este equipo de goberno se encontrou coas diferentes instalacións municipais era tan defectuosa que obrigou a elaborar informes pormenorizados, ademais de que se fixo necesario contar con  asesoramento profesional en diferentes obras, algunhas en situación complexa, como a do ximnasio municipal ou do campo de fútbol.

   Este equipo de goberno entende que o departamento de urbanismo e obras é primordial no funcionamento municipal, porque ademais é o departamento que mais actividade ten, polo servizo directo ós veciños que ofrece. Por ese motivo se fixo un esforzo en reforzar esta area e desatascar toda acumulación de  traballo que había, contratando un apoio externo. Non solo íso, pois nun primeiro momento houbo outro técnico contratado a través dun plan de Deputación, para esa mesma area.

Que fixeran falta tres técnicos nun momento dado pode dar unha idea da cantidade de traballo acumulado que había.

Unha pequena medida, pero un importante aforro.

  Hai que remarcar que o feito de que contratando a esta persoa, o concello aforrou unha importante cantidade cartos, pois solo a elaboración das memorias e proxectos de investimento, se se fixera como en anos anteriores acudindo de xeito puntual a empresas externas, suporían uns 25.000€, o que habería que sumar a elaboración de todos os informes técnicos das instalacións municipais. Co cal se pode concluír que este equipo de goberno, o contratar unha persoa para sacar adiante toda esta carga de traballo conseguiu un aforro importante. Tal é así que as partidas orzamentarias para estes puntos son inferiores ás de anos anteriores, polo que nin sequera se pode dicir que haxa un aumento no gasto municipal, se non todo o contrario.

transparencia.

  Este equipo de goberno, en todo caso, fixo público tanto a contratación do persoal para a area de urbanismo, como dos seus emolumentos en plenos anteriores, e ademais aparecen perfectamente recollidos nos orzamentos municipais aprobados no último pleno.

   O que  non entende este equipo de goberno é como a señora Peña, que tanto presumía de boa xestión, permitiu que a situación da area de urbanismo chegara ós extremos nos que estaba en xuño do ano pasado, cun servizo escaso de medios e persoal, e acumulando traballo sen facer dun xeito alarmante.

 A demagoxia do PP.

pp ases.

O PP pretende facerlle crer ós veciños que en Ribadumia hai contratado un asesor político. A realidade é que os unicos asesores políticos coñecidos no concello agora mesmo son Rafael Louzán e Luis Serantes, e anteriormente Lidia Alvarez, que ocupaba despacho no concello e realizaba traballo político para ó PP.

 Tampouco se entende que se pretenda dar a unha persoa contratada para labouras exclusivamente técnicas o título de asesor político. Usar os empregados municipais de arma arroxadiza contra o equipo de goberno excede toda ética e todo sentido da responsabilidade política. Dende este equipo de goberno temos moi claro en política non vale todo, nin podemos permitir este tipo de afirmacións nin que se acuse a traballadores municipais deste xeito e nestes termos, polo que estudaremos as medidas legais oportunas.

Ademais, que quen formule esas acusacións sexa precisamente o PP  de Ribadumia non deixa de ser irónico. Hai que recordar que foi o PP quen SI tivo neste concello varios asesores políticos contratados a cargo da deputación durante anos, nalgún caso con despacho no propio concello. Asedores que o PP mantivo durante todo o tempo que estivo no goberno con total descaro, e recoñecedendoo publicamente. E tamén convén recordar que  o PP contrataba asesoramento legal a membros da súa organización política e incluso concelleiros da corporación anterior como se demostrou no propio pleno de orzamentos, algo que este equipo de goberno esta estudando por se fora necesario tomar medidas legais.  Ademais, non debemos esquecer que a día de hoxe os únicos asesores políticos coñecidos en Ribadumia son Rafael Louzán e Luís Serantes, ambos con nóminas de case 44.000€ anuais, polo que quizais Salomé Peña antes de facer este tipo de acusacións debería mirar algo mellor o que ten dentro do seu partido, e facer algún acto de contrición.

O equipo de goberno reiterase no seu apoio a todos os traballadores municipais, que fan unha gran labor, e insiste en que non vai permitir que ningún político do Partido Popular poña en dúbida, como xa fixo en diversas ocasións, nin a súa profesionalidade nin o traballo que realizan, e moito menos que se lles apliquen etiquetas como a de “asesor político”, e chegados a este punto, se o Partido Popular non rectifica nas súas declaracións estudaranse outro tipo de medidas.

 

 

O EQUIPO DE GOBERNO DE RIBADUMIA ACUSA A SALOME PEÑA DE UTILIZAR A DEMAGOXIA PARA OCULTAR O VOTO EN CONTRA DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS.

  • O equipo de goberno considera que o PP recurre a facerse a vítima con acusacións falsas para evitar que se fale da súa falta de propostas concretas ó orzamento
  • Califica de infundadas e inaceptables as acusacións de machismo verquidas sobre o alcalde.
  • Frente as descalificacións, TRASPARENCIA: no pleno anunciouse unha partida para instalar os equipo necesarios para grabar os plenos municipais, que serán publicados a traves da web do concello.

O equipo de goberno do Concello de Ribadumia está máis que sorprendido diante do comunicado presentado polo PP no concello e que os medios de comunicación recollían onte do Partido Popular de Ribadumia sobre o Pleno no que se aprobaron os orzamentos municipais para o presente ano 2016. Nela a portavoz do grupo do PP na corporación, Salomé Peña, calificaba a actitude do alcalde de machista e dictatorial.

Para o equipo de goberno está actitude da señora Peña unicamente pode obedecer a un intento burdo de desviar a atención para ocultar o voto en contra do Partido Popular ós orzamentos municipais, que incluen unha partida de máis de 500.000 € para investimentos directos nas distintas parroquias do Concello, para resolver moitas das incidencias herdadas do anterior goberno da Sra. Salomé Peña no saneamento e abastecemento, ou partidas  como a destinada ó convenio coa igrexa para o arranxo do campanario da igrexa de Sisán e a mellora do acceso e zona de estacionamento a igrexa de Barrantes. Orzamentos que manteñen o investimento en Servizos Sociais e incluen partidas novidosas como a destinada ao fomento da contratación.

   PP non quere explicarlle aos veciños que votou en contra dese orzamento e tampouco que non presentou ningunha proposta concreta de modificación do mesmo, por eso recurre a descalificacións infundadas e falsas sobre a persoa do alcalde.

12592506_10206713969911833_4017630228369967536_n

No pleno mais importante do ano, o PP disfrutou de todo o tempo de intervención que considerou; pero a pesares de explaiarse durante mais de media hora, Salomé peña foi incapaz de concretar ningunha proposta.

   É inadmisible que se fale de actitude dictatorial cando por primeira vez en Ribadumia a oposición soubo do pleno 2 semanas antes en Xunta de Portavoces, tivo acceso a proposta do equipo de goberno con 10 días de antelación e a Comisión de Contas celebrouse dous dias antes do pleno. En todo este proceso o grupo do Partido Popular non presentou nin unha soa proposta concreta para incluir nos orzamentos ou crítica ós mesmos, ata o mesmo día do pleno. Un pleno que se extendeu por máis de 3 horas, con apoio gráfico e coas partidas totalmente desglosadas para maior entendemento tanto da corporación como dos veciños presentes, e un pleno no que Salome Peña fixo uso do seu turno de palabra todo o tempo que quixo sen limitación algunha. O que non pode a señora Peña é pretender impedir que os portavoces de IR, Somos Ribadumia e do Psoe fagan uso do seu dereito a expresarse, nin evitar que os concelleiros responsables das diferentes áreas dean as explicacións necesarias.

Ademais, hai que recordarlle a señora Peña, que os portavoces de IR, SR e Psoe fixeron uso do mesmo numero de turnos de palabra que a portavoz do PP.

 O remate do pleno  Enrique Oubiña mostraba a súa sorpresa pola actitude do PP, ” foi sorprendente, pero que non nos confunda este ruido interesado, a realidade é que por primeira vez neste concello a oposición chegou o pleno dos orzamentos sen ter presentado unha soa proposta, unha irresponsabilidade inaudita incluso para o Partido Popular, que demostra que no PP  saben reunirse para ir de comedela e para contarlle milongas á prensa, pero non para facer o traballo político para o que os veciños os puxerón aquí”.

  O equipo de goberno valora que quizais fose iso o que realmente molestara aos membros do PP, o atoparse cun orzamento perfectamente desglosado e que recollía moitas das accións solicitadas polos veciños e investimentos para resolver as incidencias atopadas en diferentes instalacións municipais, como o Centro Social de Lois ou o local das mulleres rurais. Entón, como ademais non se pode falar de alternativas concretas, o PP recurre a descalificación; pois frente as descalificacións este equipo de goberno vai a por TRANSPARENCIA: Coa aprobación dos orzamentos tamén se aprobou unha partida para instalar o equipo necesario que permita a gravación e retransmisión dos plenos da corporación e así todos os veciños poderán comprobar o que se argumenta, o que se vota e o que non.

Por último, o  equipo de goberno que mostrar a súa indignación polas acusacións de machismo, totalmente infundadas, verquidas polo PP. En ningún caso, ningún membro deste equipo de goberno usou terminoloxia ou fixo declaracións de caracter sexista, nin neste pleno nin en ningún outro. Que se pretenda descalificar a un alcalde e a un equipo e goberno acudindo a acusacións deste tipo sen ningunha xustificación solo serve para deixar clara a calidade persoal e política dos membros do grupo do Partido Popular, carentes de calquera tipo de ética, e capaces de calquera cousa con tal de conseguir os seus obxectivos políticos .

 Para Enrique Oubiña, “a actitude do PP  facendo este tipo de acusacións solo por conseguir un titular é totalmente inadmisible. Agardo que a señora Peña e o seu compañeiro “imputado”   teñan a decencia de desculparse por tamaña falsedade”.