Category: Sen clasificar
O plan municipal de apoio ás vítimas de violencia de xénero “Conta Conmigo” , exemplo a seguir noutros concellos.
- O pleno de Mugardos aprobou unha moción para dotar economicamente e poñer en marcha un plan similar nese concello.
- Outros concellos como As Pontes tamén levaron esta iniciativa a pleno, e outros como Ponteareas ou Salceda de Caselas mostraron interese neste plan.

Enrique Oubiña nunha charla con voluntarios/as e comerciantes partipantes no plan “Conta Conmigo Ribadumia”
O plan “Conta Comigo Ribadumia” foi posto en marcha pola concellería de servizos sociais, responsabilidade de Enrique Oubiña, no 2018, co obxectivo de crear unha rede cidadá de apoio as vítimas de violencia de xénero, a través de persoas voluntarias por unha banda e pola outra convertendo negocios locais en puntos seguros, e que tivo moi boa acollida, como demostran as mais de trinta pegatinas co logo da iniciativa que están presentes nos comercios do núcleo de Barrantes, e os 15 voluntarias e voluntarios que realizaron as horas de formación ofertadas dentro deste plan, e entraron a formar parte do voluntariado ribadumiense.
A iniciativa, que tivo unha importante repercusión a nivel autonómico, está no punto de mira de moitos gobernos e forzas políticas, que amosan o seu interese, chamando ó noso Concelleiro de Servizos Sociais ou visitando Ribadumia para informarse sobre o seu funcionamento, como foi o caso de Luis Villares, voceiro de En Marea, ou de Paula Vazquez Verao, deputada parlamentaria, que a finais do ano pasado visitaban o noso concello e coñecían de man dos comerciantes e de voluntarias a realidade deste plan.
Varios foron xa os gobernos ou concelleiros de forzas políticas que amosaron o seu interese neste proxecto, O Grove, Ponteareas, Salceda de Caselas… E algúns están dando pasos para avanzar no mesmo sentido. O Concello de As Pontes, levou en novembro por iniciativa de Xuntos por As Pontes a proposta de integrar este plan nas súas políticas de igualdade. Non saíu adiante anque o goberno local, socialista, aceptou por en marcha propostas similares.
Quen si aprobou por en marcha un plan das características do ribadumiense foi o goberno de Mugardos, que a finais do 2018 aprobaba, a instancias de Iniciativa Cidadá de Mugardos, dotar unha partida neste 2019 e poñer este plan en marcha.
Para Somos Ribadumia, como parte do goberno, é un orgullo ver como as iniciativas postas en marcha dende o departamento de servizos sociais son imitadas por outros concellos, pois iso demostra que estamos a realizar un traballo positivo, que vai facilitar dalgún xeito a vida das persoas, obxectivo co cal nacemos fai agora catro anos.
Xa está en marcha a obra de humanización da rúa A Torre

- Esta obra vai permitir unha importante mellora na seguridade viaria, e a creación de novas prazas de aparcadoiro no entorno da ruta da pedra e da auga.
- O orzamento para toda a obra será de case 300.000€.
Fai uns días iniciáronse as obras que van permitir unha importante mellora na seguridade viaria no principal acceso ó núcleo urbano de Barrantes, a rúa A Torre. O proxecto vai ter un custe final de 291.000€, dos cales o concello solo terá que poñer en torno a 60.000€, correndo a deputación co resto do importe.
A primeira fase das obras conleva o retranqueo dos muros dende a rotonda dos Castaños ata a entrada do casco urbano, incluíndo o muro do Pazo de Barrantes, e consisten na demolición dos existentes e na súa reconstrución mantendo as características orixinais dos mesmos. Para poder realizar esta parte e compoñer así un proxecto viable, foi preciso chegar a un consenso cos veciños implicados, aos que o concelleiro de obras, Enrique Oubiña quere “agradecerlle particularmente a súa comprensión e colaboración, que nos permitiu saír da trampa na que estabamos metidos, cun proxecto mal redactado e sen cesións de terreos.”
Unha vez concluída esta primeira fase darán comezo as obras correspondentes ó proxecto da Deputación de Pontevedra, que inclúe a creación de beirarrúas e franxa de estacionamento de vehículos, así como pasos de peóns elevados. Para Enrique Oubiña, que aproveitou a súa presenza no encontro das cidades das nenas e dos nenos para comentar co deputado provincial de movilidade Uxio Benitez o estado das obras e o seu correcto avance, “esta obra supón adecentar a entrada ó núcleo de Barrantes, e favorecer a través dunhas beirarúas suficientemente anchas tanto a circulación da nosa veciñanza como das persoas que visitan as nosas sendas fluviais, o cal pode favorecer que esas visitas se animen a dar un paseo por Barrantes e a súa contorna, algo que sen dúbida irá en beneficio do comercio e hostaleria local.”
Enrique Oubiña causa impresión en Europa coa súa explicación da realidade no noso concello.
- A súa referencia ó machismo institucional e as prácticas fascistas de alcaldes como o de Vilanova de Arousa levou á mesa de debate a modificar a declaración institucional, para incluir a loita contra o machismo e a defensa dos dereitos das mulleres como parte das medidas de loita contra o fascismo.
- A súa intervención, explicando a realidade salarial do noso concello, e a necesidade de implementar políticas efectivas que axusten os salarios co nivel de vida e regulen o acceso á vivenda e os servizos básicos levouse un dos maiores aplausos da xornada.
A presencia de Enrique Oubiña nas xornadas da Rede Europea de Autoridades Locais Progresistas (Realpe), promovida polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), e onde participou xunto a varios representantes da política municipal de 14 países europeos, e varios europarlamentarios non pasou inadvertida.
Tampouco pasaron inadvertidas as súas ponencias. Expuxo a realidade da nosa comarca no referente o fascismo onde, sen ter partidos denominados de ultradereita, convivimos con cargos institucionais que usan tácticas fascistas e machistas de xeito habitual, facendo mención expresa ó caso do alcalde de Vilanova de Arousa, tristemente coñecido polos seus habituais ataques verbais a concelleiros da oposición, pero máis duramente a concelleiras, así como insultos graves de corte machista como os proferidos contra a presidenta da Deputación de Pontevedra. Unha exposición , no tramo final das xornadas, que provocou que a presidenta da mesa, a Eurodeputada Marie-Christine Vergiat do Front de Gauche de Francia, pedira a palabra para modificar a declaración institucional do Grupo Parlamentario Europeo, e se incluíra o acordo explícito de apoiar a loita contra o machismo e defensa dos dereitos das mulleres, como parte das medidas de loita contra o fascismo no “Acordo por unha Fronte Europea Antifascista” e que foi aprobado por aclamación.
Antes diso, Oubiña expuxo, na súa ponencia central, de forma moi esclarecedora a realidade á que se enfrontan moitos dos nosos veciños e, especialmente, das nosas veciñas, debido á precariedade salarial imperante, e os problemas que acarrexa en varios ambitos, pero facendo especial fincapé nas problemáticas sociais e económicas, dando claras mostras do seu alto nivel político, que para os que formamos parte de Somos Ribadumia supón un orgullo.

Enrique Oubiña conversa co chipriota Stavros Yerolatsites, durante unha das xornadas.
O noso concelleiro aproveitou as xornadas para coñecer outras realidades europeas, así como as problemáticas e medidas para enfrontalas que se están levando a cabo noutros países, unha experiencia sobre á que á súa chegada expresou que foi “moi enriquecedora e necesaria. Saír do noso ambiente natural permítenos coller conciencia da nosa realidade dende a distancia. Coñecer a persoas do calado da escritora iraní Nazanin Armanian , ou do chipriota Stavros Yerolatsites, por nomear algunhas das persoas coas que compartimos impresións e conversas, que teñen ó seu lombo experiencias duras e difíciles, pero seguen sendo valentes activistas a pesares das dificultades, resulta impactante, pero sobre todo permite aprender moito da vida e da política”.
Tamén o resto de participantes do Salnés (Xurxo Charlín de Somos Cambados e Elena Cores e Conchi Rodriguez de Gañemos Vilanova) fixeron aportacións positivas recollidas nos documentos finais en relación á necesidade de rehabilitación das vivendas existentes para crear un parque de vivenda pública e de calidade en toda Europa, a implantación dunha lexislación vinculante contra a especulación financeira e a evasión fiscal, incluíndo os “Fondos Buitres” propietarios destas vivendas, e a necesidade da construción dunha verdadeira diversidade social para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, que están forzadas a vivir soas ao non contar con prazas en centros públicos para o coidado da terceira idade.
Deixamosvos aqui os enlaces os videos das intervencións de Enrique Oubiña:
Enrique Oubiña defenderá no parlamento europeo a necesidade duns salarios dignos.
- Enrique Oubiña participará como ponente nun dos paneis de debate, onde falará, partindo da situación no noso concello, da importancia de loitar por uns salarios dignos que permitan unha vida digna para todas as persoas en calquera punto da UE.
- O Encontro anual da Rede Europea de Autoridades Locais Progresistas (REALPE) contará, gracias á euredeputada galega Lidia Senra, con presencia de representantes das mareas municipais do Salnés e do resto de Galicia.

Oubiña xa foi convidado ás xornadas do REALPE do 2018.
Enrique Oubiña será un dos ponentes nunha das mesas de debate que terán lugar este xoves e venres no parlamento europeo en Bruxelas, no Encontro anual da Rede Europea de Autoridades Locais Progresistas (REALPE) Será un dos dous únicos ponentes galegos nunhas mesas de debates onde tamén participaran como convidadas, case trinta representantes de diferentes plataformas municipalistas galegas, convidadas pola eurodeputada galega Lidia Senra. Oubiña xa participara o ano pasado como convidado, pero o feito de que o equipo de Lidia Senra lle propuxera ser ponente nunha das mesas “supon un orgullo enorme. Gracias a esa oportunidade poderei mostrar ó resto de paises participantes a realidade do noso concello e do noso país, e debater con eles sobre un dos máis graves problemas aos que nos enfrontamos hoxe en día: a precariedade laboral, e a necesidade de que as leis europeas camiñen cara a unha regulación que non permita que unha persoa que traballe teña un salario tan baixos que non poida nin chegar a fin de mes.”

Oubiña co resto da comitiva galega participante no REALPE no 2018
Oubiña formará parte dunha comitiva de case unha trintena de representantes da política municipal galega, que inclue a varios representantes de Somos Cambados e de Gañemos Vilanova, nunha visita promovida pola eurodeputada galega, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, para participar no Encontro anual da Rede Europea de Autoridades Locais Progresistas, organizado polo propio GUE/NGL. Alcaldes, concelleiros/as e persoas con responsabilidades relacionadas co eido local de diferentes puntos da Unión Europea reuniranse nas xornadas en Bruxelas o xoves e o venres para intercambiar experiencias e análises baixo o título de ‘Vivenda, progreso social e derrota ao fascismo. Comunidades locais para outra Europa’.
Cartel Realpe 2019
Concretamente, na delegación galega participarán os alcades de Salceda de Caselas, A Pobra do Caramiñal e Manzaneda, Marcos Besada, Xosé Lois Piñeiro e Félix Domínguez, respectivamente, así como o tenente de alcalde de Ribadumia, Enrique Oubiña; o concelleiro de Economía e Facenda de Cambados, Xurxo Charlín; a concelleira de Salceda de Medio Ambiente, Deportes, Xuventude, Voluntariado, Participación cidadá e Novas Tecnoloxías, Carla Pérez; o concelleiro de Benestar, Igualdade e Participación Veciñal en Teo, Ignacio Iglesias Villar; a concelleira das Pontes María Chao, os de Xunqueira de Ambía Sonia Vidal e Eladi Cid; a de Vilanova de Arousa Elena Cores; a de Lugo Cristina Pérez Herráiz; os de Arbo Manuel Álvarez e Baltasar Vallejo; a de Pontevedra María del Carmen Moreira; o de Trives Jorge Vázquez; ou o do Courel Óscar Carrete. Tamén viaxarán o voceiro de En Marea Ponte Caldelas, Rodrigo Márquez; a membro da Coordinadora da Marea de Noia, Consuelo Martínez; o ex tenente de alcalde de Corcubión Alfredo González; os membros da Coordinadora de Alternativa Canguesa de Esquerdas, Andrea Martínez e Xurxo González; a membro da Comisión de Garantías de En Marea e responsable da secretaría de Coordinación de Gañemos Vilanova, Concepción Rodríguez; o coordinador local de Sarria En Marea, Iván López; a coordinadora de Municipalismo e extensión territorial de En Marea, coordinadora tamén do grupo municipal de Ames Novo, Ana Seijas; a membro de Son de Trives Ana García; a ex concelleira de Vivenda de Ourense, Iolanda Pérez; e o deputado de En Marea no Parlamento Galego Davide Rodríguez Estévez.
No programa do Encontro, haberá varios paneis de debate e coloquios. O primeiro deles terá lugar o xoves pola tarde, e estará centrado en ‘Vivenda social e especulación’. Nel intervirá a edil das Pontes María Chao, que explicará a situación que se vive na Galiza, apostando por defender o acceso a unha vivenda digna para todas as persoas como un dereito humano. Chao falará sobre as zonas que máis padecen a especulación urbanística e apostará polo ordenamento do territorio, a rehabilitación, e a implantación de políticas de vivenda e alugueiro público como saída. O panel será introducido pola eurodeputada do GUE/NGL e membro do Die Linke alemán Martina Michels e nel participarán ademais de María Chao, o belga Françoise Desmedt; o candidato a alcalde de Atenas Nasos Iliopoulos; a membro do Parlamento de Berlín Katalin Gennburg; o concelleiro francés en Bobigny José Moury; a concelleira sueca en Malmö, Emma-Lina Johansson; o irlandés Mark Ward; e a activista da Plataforma de Afectados polas Hipotecas e contra os Fondos Boitre no Estado español Mercedes Revuelta. A eurodeputada sueca do Left Party Malin Björk e a irlandesa do Sinn Féin Lynn Boylan encargaranse de moderar o debate e realizar as conclusións dese día.
Xa o venres pola mañá, desenvolverase un panel sobre ‘Facéndolle fronte ás desigualdades e propagación do fascismo en toda Europa, a visión progresista das nosas comunidades locais’. Nel está previsto que dous concelleiros galegos realicen exposicións. Un será o edil de Teo Ignacio Iglesias, que se centrará en explicar e denunciar a situación que se está a vivir no seu concello a raíz do proxecto de instalar unha planta de tratamento de residuos na antiga canteira de Casalonga, a costa do medio ambiente, da saúde e da calidade de vida das persoas e o papel que está a xogar o ente municipal e a mobilización social e veciñal. O outro galego será o tenente de alcalde de Ribadumia Enrique Oubiña, que realizará unha intervención centrada na importancia de loitar por uns salarios dignos que permitan unha vida digna para todas as persoas en calquera punto da UE. O eurodeputado grego de Syriza Dimitris Papadimoulis introducirá este panel, no que tamén participarán o concelleiro de Palermo Giusto Catania; a candidata a alcalde en Salónica Katerina Notopoulou; a escritora contra a extrema dereita Nazanin Armanian; e o membro do AKEL chipriota Stavros Yerolatsites. A eurodeputada francesa de Front de Gauche, Marie-Christine Vergiat, moderará o debate e a eurodeputada asturiana Ángela Vallina realizará as conclusións deste panel, para despois ser a galega Lídia Senra quen se encargue de facer as conclusións xerais de todo o encontro de REALPE deste ano.
