Comunicado referente á creación e funcionamento do grupo mixto no pleno municipal de Ribadumia
Á vista do comunicado emitido pola agrupación Socialista de Ribadumia, dende Somos Ribadumia vémonos na obriga de realizar unha serie de aclaracións:
- Nin Enrique Oubiña nin Somos Ribadumia bloquearon ningunha moción do PSOE. Limitámonos a solicitar á secretaría municipal información sobre como debe funcionar o grupo mixto no pleno municipal, tal como se mostra no documento adxunto.
- O PSOE puido, ante a dúbida, presentar a moción como grupo mixto – que é o grupo do que gracias a eles e ao PP formamos parte no pleno municipal – pois dende Somos Ribadumia non temos nada en contra nin pretendemos bloquear nada, menos en temas importantes como o funcionamento da Sanidade pública, pero Pepe Lede considerou que se no encabezado do documento non poñía PSOE, non tiña validez, polo que cabe preguntarse se o que está acontecendo realmente é que o grupo socialista quere capitalizar unha loita que é de todos e todas as ribadumienses.
- Foi o PSOE quen no pleno celebrado do pasado xullo, onde se debateu a conformación dos grupos municipais, se aliñou co PP insistindo en que había que conformar o grupo mixto, unha cuestión que Enrique Oubiña propoñía adiar debido a que non está claro, de feito existen informes contraditorios, que sexa obrigatorio formar grupos municipais mixtos. Neste sentido non entendemos que o PSOE logo de apoiar a creación do grupo mixto non queira adaptarse á situación resultante.
- Poñer en dúbida a posición de Somos Ribadumia con respecto á cuestión da Sanidade pública, tendo en conta que participamos en todas as mobilizacións e campañas na súa defensa, dentro e fora do concello, e que mesmo temos realizado campañas propias no concello, así como levar a defensa do centro de saúde ao Parlamento a través de En Marea, resulta ridículo e pouco respectuoso coa verdade. Neste sentido debemos añadir que as declaracións de Pepe Lede referíndose a que o noso voceiro “non tivera ganas de estar xunto cos veciños diante do centro de saúde reclamando os nosos dereitos” nos parecen bastante inapropiadas, dado que o concelleiro socialista coñece as obrigas laborais de Enrique Oubiña e tamén sabe que había membros de Somos Ribadumia na manifestación, inda que non levaran pegatina de partido, nin fixeran por destacar entre o público
- Somos Ribadumia presentou en xullo do 2018 unha moción similar á que neste verán presentou o Psoe. Dita moción estivo bloqueada por IR, que se negaba a pedir dimisións, e polo propio PSOE, ata o pasado mes de xaneiro. Polo que o PSOE debería medir as súas verbas antes de falar de bloqueos.
Polo que respecta ao grupo mixto, dende Somos Ribadumia defendemos que os partidos que sacan representación logo dos procesos electorais, aínda que sexa dun único concelleirx, teñan plena representación na mesa do pleno municipal, e non estean subordinados a un grupo mixto, onde ademais de diluírse as siglas identificativas dos diferentes partidos, poden coincidir representantes de forzas políticas de idearios opostos coas complicacións que iso conleva para o correcto desenvolvemento da labor política. Non temos clara a obrigatoriedade da creación do grupo mixto, por ese motivo solicitamos revisar os informes existentes, nin temos claro cal debe ser o seu funcionamento, motivo polo cal solicitamos da secretaría municipal un informe xurídico que nos aclare a situación.
Por último, Somos Ribadumia temos moi claro que o noso inimigo político non é o PSOE, máis ben todo o contrario, e de feito mantemos con esa formación unha máis que correcta relación e as nosas portas están abertas para colaborar nos obxectivos políticos comúns. De feito, sabemos que os nosos camiños van parellos e pola nosa parte levamos anos realizando intentos de artellar formulas de traballo conxunto, chegando a propor nos últimos procesos electorais municipais a coalición de ambas forzas.
E por ese motivo, feitas estas aclaracións damos por pechada a cuestión en espera do que ditaminen os informes pertinentes.