Category: Sen clasificar
Somos Ribadumia aprobamos o noso programa de goberno.

- Aprobouse por consenso un programa de goberno con 53 medidas, centradas maiormente na política social e no desenvolvemento urbanístico do concello.
- Tamén se aprobaron os nomes para a lista electora, concretando a primeira metade, que se completará nos próximos días.
Na tarde do domingo celebramos unha asemblea aberta co obxectivo de definir o proxecto político que marcara a nosa liña de actuación na próxima lexislatura e o equipo de persoas que acompañarán a Enrique Oubiña representando a Somos Ribadumia nas próximas eleccións.
O longo da xuntanza, Oubiña e varias das nosas compañeiras expuxeron a proposta de programa de goberno, composto por 53 medidas reunidas ó redor de seis obxectivos: impulso ás políticas sociais e de integración, asentar poboación no concello, mellora da participación e integración veciñal no desenvolvemento do noso concello, dignificación do traballo político, aumento da calidade de vida en aspectos sociais e medioambientais , e mellora na calidade turística.
Destacan no social manter un mínimo do 10% do orzamento para políticas sociais, afondando nas liñas postas en marcha nesta lexislatura, así como a implantación de liñas de axuda que favorezan a integración. Outras medidas estarán orientadas a reforzar a loita contra o paro.
Por outra banda aprobouse a aposta decidida pola humanización de todo o centro de Barrantes, cun desenvolvemento a medio prazo que permita o traslado do campo de fútbol, recuperando ese espazo para a cidadanía, solucionando o problema de falta de espazo do colexio, e coa construción dos equipamentos necesarios para dar cabida a nova escola de música, o local de ensaio, e locais asemade para diferentes colectivos, como a ANPA, ou outras asociacións que os precisen.
Tamén se propuxeron solucións para algunhas rúas de Barrantes e a unificación dese núcleo con Santa Baia, para favorecer a circulación das persoas a pé ou en bicicleta entre o centro e o auditorio, campo de A senra, o centro de saúde, fogar dos maiores, biblioteca e piscina municipal.
E tamén se acordaron medidas para dar un impulso o comercio local, ou a recuperar a vida no rural a través de medidas especificas en todos os ámbitos, dende o rubanístico poñendo en valor os bens patrimoniais do Concello o social e laboral, favorecendo iniciativas que xeren emprego e fixen poboación.
O programa completo publicarase nos próximos dias na web de Somos Ribadumia.
Por outra banda, aprobáronse os nomes para conformar a lista electoral. Poren, a asemblea decidiu pechar solo a primeira metade, deixándolle á Comisión Executiva a responsabilidade de concretar o resto de postos nos próximos días, pois ademais dos presentados na asemblea estase falando con máis persoas e inda se deben pechar nomes, postos, e orde, atendendo as necesidades de paridade. En calquera caso a aposta de Somos Ribadumia é totalmente transversal, e favorecerá a participación feminina, que copa catro postos dos sete primeiros. A configuración deste primeiro tramo queda do seguinte xeito: Enrique Oubiña, Fernado Ruiz, Soledad Cores, Lorena Rodriguez, Ricardo Fontán, Nerea Eiras e Marta Rey.
Enrique Oubiña:”toca dar un paso adiante e colocar Ribadumia nun nivel superior como concello”.
Está amortizada a lexislatura?
Dende logo a dous meses vista pouco máis se pode facer no político, e menos ainda sen caer no electoralismo. As liñas de acción están marcadas, a maioría obras previstas a principio de lexislatura e que faltaban por realizar están en marcha, e noutros ámbitos penso que en xeral Somos Ribadumia conseguimos os obxectivos marcados.
Cumpriu entón Somos Ribadumia?
Eu penso que en conxunto , tendo en conta con quen gobernamos, os obxectivos cos que chegamos ó Concello, e como encontramos a casa ó entrar, cumprimos bastante ben. Nós falabamos de aumentar as políticas sociais e fixémolo, tanto que agora somos referentes; falabamos de investir en programas de loita contra o paro e fixémolo; decíamos que había que apoiar as novas empresas e fixémolo; Tamén falamos de mellorar cuestións como a transparencia, e aí están a web e a aplicación do concello como exemplo a seguir por outros concellos, ou as xuntanzas parroquiais.
Pero quedaron cousas no tinteiro…
Si, efectivamente. Pero hai que ter en conta que algunhas cuestións son complexas de xestionar e levan tempo, ou precisan do visto bo doutras administracións, ademais de que ó non gobernar nós solos temos que ser flexibles e ceder nunhas cousas para poder avanzar noutras. Somos conscientes de que quedan cousas atras que se puideron ter feito nesta lexislatura, como a necesaria apertura da rúa do DIA, por poñer un exemplo evidente, pero en Somos Ribadumia temos claro que na próxima lexislatura as cousas van ir a outro ritmo.
Cales son os próximos pasos de Somos Ribadumia ante as eleccións municipais?
Conformar a lista coa que nos presentaremos e elaborar o programa de goberno que defina as liñas de traballo dos próximos catro anos.
Dúas cuestións que temos moi avanzadas.
Xa tedes entón a lista electoral?
Temos unha proposta. Pero a lista definitiva deberá aprobala a asemblea este próximo domingo, pois nós a diferencia doutros partidos non nomeamos postos á dedo. De momento está todo aberto e aínda pode haber cambios.
Podes avanzar algo sobre esa proposta?
A lista sen dubida recollerá a esencia do que é Somos Ribadumia. A idea que temos na Comisión Executiva, que pensamos que encaixa co espiritu co que nacemos, é a de configurar unha lista transversal en todos os aspectos. Por eso cremos que deben incluirse a persoas que, procedendo doutros pensamentos políticos, se sintan comodas co noso proxecto e coa nosa maneira de traballar; tamén será positivo contar con persoas que se movan en colectivos sociais, e tamén con outras que non veñan de ningures pero queiran aportar, pois as ideas frescas de persoas alleas á política son moi necesarias.
Vai ser un programa continuista?
Non. Esta lexislatura estivo marcada polo cambio de goberno e unha certa cantidade de axustes que había que facer. Dende o 2015 mudaron as formas de gobernar, e de xestionar o que é de todos, arranxaronse os desbaraxustes que nos deixou o goberno anterior, e ademais avanzouse en moitas cousas. Agora toca dar un paso adiante e colocar Ribadumia nun nivel superior como concello.
Haberá propostas novidosas?
A política social vai seguir sendo o centro. Pero queremos construir un concello onde haxa traballo, e onde dea gusto vivir e que atraia a novas familias a asentarse aquí, e iso require dar pasos de xigante, e resolver con valentía problemas complexos.
Unha aposta importante neste sentido vai ser a de humanizar todo o centro de barrantes, o cal inclúe entre outras cousas, o traslado do campo de futbol do Umia para ganar todo ese espazo para a xente e resolver os problemas do colexio, e a falta de espazo para entidades como a ANPA ou a Escola de Música. Hai que seguir mellorando a calidade de vida nas parroquias e dende logo temos que solventar dunha vez o problema de falta de terreo industrial, para poder traer empresas que xeren postos de traballo.
Entón a idea é gobernar?
Por suposto. Nós nestes catro anos demostramos que se podía gobernar doutra maneira e sen aspaventos, nin debacles. E tamén demostramos que estamos moi capacitados para a función de goberno. Ó mesmo tempo mantivemos a nosa imaxe diferenciada con respecto ós nosos socios de goberno, e fixose evidente cales das iniciativas tomadas saíron de Somos Ribadumia e cales non, o que nos permite afrontar o futuro con optimismo.
Por que pensas que vos vai apoiar a xente?
Por que imos presentar un proxecto que conta co apoio de todos os sectores da sociedade. E por que neste tempo demostramos que somos xente na que se pode confiar para o goberno. Somos dialogantes, damos a cara, sempre temos a porta aberta e nunca aprazamos unha reunión, solventamos problemas dilixentemente e non diferenciamos no trato “os nosos” de “os dos outros”.
E nun escenario sen maiorias absolutas?
Nos aspiramos a gañar. Se non conseguimos apoio suficiente teremos que decidir. Pero pola nosa banda xa demostramos que estamos capacitados para gobernar con forzas moi diferentes a nós, e sacar aínda así as nosas propostas adiante. Somos unha garantía de goberno, e a xente iso sabeo. E tamén sabe que se non temos apoio suficiente nas urnas para gobernar, igualmente imos ser decisivos no goberno que se conforme, polo que o noso programa de goberno vai ser o centro da acción política nos próximos anos.
Somos Ribadumia aprobaremos a nosa lista e programa de goberno en asemblea aberta.
- A xuntanza terá lugar o próximo domingo 31 de marzo, as 20:00 horas no centro social de Barrantes.
- Entre as medidas que se van propoñer para a súa aprobación destaca a humanización completa do núcleo de Barrantes, co traslado do campo de fútbol do Umia, entre outras medidas.

O próximo domingo Somos Ribadumia daremos o noso seguinte paso – logo da aprobación do candidato no pasado novembro e da campaña de divulgación do noso traballo no goberno nesta lexislatura levada a cabo nas últimas semanas – que consistirá na probación da lista de persoas que acompañará a Enrique Oubiña en representación da plataforma nas próximas eleccións, e do seu programa de goberno.
A aprobación, como no 2015, farase no transcurso da asemblea aberta, onde a veciñanza que o desexe poderá participar e opinar libremente, así como facer aportacións ó programa de goberno ou mesmo sumarse á lista electoral.
Tanto no que respecta á lista electoral como ó programa, a Comisión Executiva elaborou unha proposta a partir da cal conversar e consensuar ambas cuestións. No relativo á lista a proposta inclúe, como no 2015, persoas de diferentes ámbitos e pensamentos políticos, outras que proceden de movementos sociais e outras que non definidas ideoloxicamente, pero desexan aportar a este proxecto.
En canto ás propostas do programa de goberno, o documento de base segue facendo fincapé na política social, base fundamental de Somos Ribadumia, continuando coa liña marcada durante este mandato, pero tamén aborda outras problemáticas, como a saturación do núcleo de Barrantes, ou a necesidade de mellorar en aspectos como o turístico, ou a relación cas entidades culturais, sociais e deportivas, e tamén fomentar a vida no rural e o desenvolvemento de alternativas agrarias como solucións o despoboamento e á falta de oportunidades laborais. Unha aposta importante será dar unha solución global o núcleo de Barrantes, optando pola humanización de todo o espazo, e o traslado do campo de fútbol do Umia, co obxectivo de recuperar para toda a veciñanza todos os terreos que agora ocupan esas instalacións e solventar de xeito definitivo tanto o problema de falta de espazos do colexio e de seguridade viaria nesa zona, como a necesidade de dispoñer de equipamentos municipais onde ademais de espazos públicos para desfrute da veciñanza, se poidan aloxar entidades como a escola de música ou a ANPA, e outras entidades que levan anos solicitando espazos.
Dende Somos Ribadumia queremos facer fincapé no noso convite a participar á toda a veciñanza. Somos a única forza política que traballa de xeito aberto e favorece que as persoas participen nos debates e nas decisións que toma. Neste caso ademais da lista de persoas que conformaran a candidatura, aprobarase un programa que con toda seguridade vai ser o documento que rixa o desenvolvemento político do concello nos próximos catro anos, e queremos contar coa participación da cidadanía, como xa fixemos con diferentes colectivos cos que levamos semanas mantendo xuntanzas, que axudan a dar forma á nosa proposta.

Ribadumia, concello exemplar en políticas de igualdade.
- O departamento de servizos sociais nesta lexislatura multiplicou por catro os investimentos en políticas de igualdade e conciliación familiar.
- Dos 13.000€ que se gastaron no 2014, pasouse a máis de 56.000€ investidos no 2018.
O longo desta semana dende Somos Ribadumia lanzamos unha campaña a favor do empoderamento feminino, a través de varios vídeos gravados por mulleres de Ribadumia, onde falan da necesidade de defender os seus dereitos tanto a nivel laboral como social, e de unirse na súa defensa. Unha campaña que tivo unha boa acollida por parte da nosa veciñanza, pero tamén máis alo das fronteiras do noso concello, sendo compartida por mulleres de todo o país.
Pero máis aló deste tipo de campañas, e da nosa presencia en diversos actos reivindicativos, dende Somos Ribadumia temos claro que ademais de palabras fan falla feitos. Neste sentido vimos de publicar esta mañá a través da nosa canle de youtube, como peche á campaña iniciada este pasado luns, un vídeo onde Enrique Oubiña explica cales foron as melloras que ó longo deste mandato realizamos a través da concellería de Servizos Sociais nas políticas de igualdade e conciliación familiar.
Neste sentido cabe destacar o importante incremento, tanto nos servizos de conciliación – coa creación da escola de verán, e o aumento no número de xornadas que a escola de ocio funciona para cubrir os períodos vacacionais, así como o número de prazas – como nas accións a favor da igualdade e contra a violencia de xénero, con importantes campañas no colexio, e o longo do ano con todo tipo de accións, tanto de carácter formativo, como a través do movemento social. Charlas sobre empoderamento, pero tamén con carácter informativo para axudar as mulleres que desexan emprender, ou sobre diferentes cuestións laborais que lles afectan directamente. Actos e iniciativas reivindicativas, campañas de prevención e contra a violencia de xénero e iniciativas de apoio os fillos e fillas das vítimas de violencia, melloras nos servizos de igualdade, apoio á creación de novos colectivos … Unha lista longa, que supuxo pasar dos 13.000€/ano que se investían no 2014, aos máis de 56.000€ que se investiron no 2018, cifra que aumenta ata superar os 60.000€ se se inclúen as partidas de axudas as escolas de verán doutras entidades e a entidades sociais como ESMAR ou GOTAS, e que supuxo que Ribadumia se convertera nun referente no que respecta a políticas de igualdade en concellos pequenos.
Dende Somos Ribadumia estamos moi satisfeitos do traballo feito, e co importante papel que Enrique Oubiña realizou dende o seu cargo municipal, impulsando e axudando a desenvolver este traballo, e como voceiro de Somos Ribadumia, chegando mesmo a denunciar a desigualdade salarial entre homes e mulleres no parlamento europeo, e os problemas sociais que conleva. Do mesmo xeito, consideramos que esta liña de actuación municipal, impulsando iniciativas e dispoñendo de recursos, é a que se debe manter no futuro.
