David Castro burlase da veciñanza de Ribadumia coa cuestión do centro de saúde e ponse do lado do PP.
- A suposta recollida de sinaturas iniciada o pasado mes de xullo foi un paripé que quedou en nada, sen chegar a entregarse.
- En pleno municipal, David Castro declarou terse reunido co xerente da EOXI, pero ademais de non lograr ningún avance, o alcalde posicionouse do lado do SERGAS e o PP, chegando a afirmar que “non hai nada que facer”.
“A recollida de sinaturas impulsada por David Castro solicitando solucións inmediatas para os problemas de atención no noso centro de saúde foi unha farsa”. Enrique Oubiña comprobou no día de onte, logo de toparse o formulario na casa consistorial, que a suposta recollida de sinaturas posta en marcha en xullo para pedir a solución aos problemas que temos no centro de saúde foi “unha broma de mal gusto e unha falta de respecto cara nosa veciñanza”.
David Castro lanzaba un comunicado no pasado mes de xullo facendo un chamamento á veciñanza a sumarse a unha recollida de sinaturas para, tal como recolle o texto das persoas asinantes, solicitar “que se substitúa de forma inmediata a ausencia do medico do centro de saúde de Ribadumia e que se lle dea unha solución rápida e permanente á substitución do titular da praza que quede deserta por xubilación”. Hai que aclarar que o noso voceiro foi unha das primeiras persoas en deixar o seu nome en dita recollida de sinaturas.
Dende Somos Ribadumia no seu momento xa declaramos que ao noso entender as recollidas de sinaturas eran positivas en canto a que supoñían a implicación da veciñanza na loita por resolver un problema que nos afecta a todas e todos, pero que iso non debía servir de escusa para suplir as funcións do goberno municipal, e en concreto do alcalde, nin para darlle largas a un problema que requiría unha solución inmediata.
Pero o que nos encontramos agora, mediado setembro, é que a recollida de sinaturas non serviu para máis nada que para lograr un titular de prensa, pois o escrito de recollida segue nos puntos onde se puxo o primeiro día, dous meses atrás, e nin as sinaturas foron entregadas ao SERGAS nin obviamente obtiveron resposta de ningún tipo.
Pola nosa banda, máis alo do grave que nos parece esta burla á veciñanza, cremos que é unha enorme falta de responsabilidade poñer en marcha iniciativas como esta co único obxectivo de conseguir un titular de prensa para despois deixalas a medio realizar, cando ademais estamos a falar dunha cuestión delicada que supón non solo incomodidades e mermas na calidade do servizo de atención primaria e no dereito da nosa veciñanza a ser atendida correctamente, se non que pode acabar por producir algunha desgracia. Para Oubiña “supoño que en canto lean o noso comunicado, procederan a todo correr a corrixir a situación ou, ao mellor, David sáenos con que o proceso inda esta en marcha e que nos somos uns esaxerados. E é que por poder, poden ter os papeis de recollida de sinaturas postos ata as próximas eleccións , pero iso non é nin solución nin xestión nin nada. Iso é rirse da xente.”
O alcalde posicíonase do lado do PP.
Por se fora pouco, no pasado pleno municipal, asistimos, non con sorpresa pois xa o tiñamos advertido, á entrega nesta cuestión de David Castro ao Partido Popular, ao declarar, logo de admitir terse reunido co director da EOXI, que el si se creia as declaracións do xerente do ente sanitario escusándose na falta de médicos no mercado laboral, e que os veciños e veciñas tiñan que asumir que non ía haber unha solución nin rápida nin satisfactoria. Ou sexa, tal como explica Oubiña “David Castro deixou tirados aos veciños e veciñas de Ribadumia e entregouse aos postulados do Partido Popular, encirrado en desmontar punto por punto o sistema de atención primaria.”
A incapacidade de David Castro para plantarlle cara ao xerente da EOXI deixa moi patente a súa nula capacidade xestora diante de problemas graves. Hai que recordar que no 2017, Enrique Oubiña participou, xunto ao alcalde, nun encontro co xerente do EOXI, que deu como resultado, gracias á presencia do noso concelleiro que non aceptou as escusas coas que pretendían xustificarse dende o ente sanitario, a resolución inmediata do problema nese momento, que era a falta de facultativos para cubrir as vacacións; e ata a propia Salomé Peña fixo o propio no verán do 2018, logrando tamén unha reacción, anque fora pequena, do Sergas.
Para Enrique Oubiña “é evidente que a loita contra a pesima xestión da EOXI vai ser longa, pois tratase dunha cuestión política e ideolóxica de quen goberna a Xunta de Galicia, pero non pode ser que mentres nos concellos aledaños a loita se estea intensificando e alcaldes, alcaldesas e concelleiros de varias cores políticas se estean movendo de xeito continuado e intenso, o noso alcalde se limite a dicirnos, como no pasado pleno, que non hai nada que facer, pero que esteamos tranquilos que conseguiu un número de teléfono.”
Dende Somos Ribadumia volvemos insistir, máis alo de iniciativas políticas, na importancia de cubrir as follas de reclamación nos centros de saúde cada vez que o servizo non sexa o correcto. Falamos da nosa saúde, e temos dereito a que se nos atenda adecuadamente, pero cando non sexa así compre deixar constancia.
One comment