David Castro invade Barrantes de papeleiras, colocadas sen xeito nin dereito.

- A colocación dun lote de papeleiras, en plena precampaña, realizouse sen ningún criterio.
- Papeleiras colocadas a carón de contedores de lixo ou mesmo de outras papeleiras, e zonas saturadas con varias papeleiras en poucos metros.
- Barrantes invadido de papeleiras, pero non hai persoal para limpalas.
- Sen proxecto urbanístico, David Castro vai dando tumbos tirando os cartos en medidas electoralistas, priorizando ademais o centro de Barrantes mentres deixa abandonas as parroquias.
Nestas últimas semanas, en plena precampaña electoral e nun intento moi evidente de disimular os problemas de limpeza no centro de Barrantes, David Castro distribuíu ao seu criterio ao redor do medio cento de papeleiras. Ata aquí, salvo polo elemento de propaganda e porque xa había papeleiras, todo podería considerarse correcto. Dende Somos Ribadumia non temos ningún problema con que se coloquen papeleiras no núcleo nin onde sexa necesario. O problema ven en como e onde se colocaron esas papeleiras, que se resume en “sen xeito nin dereito”.
A distribución das papeleiras foi moi desigual, feita cunha intención electoralista moi evidente, colocadas nas zonas de máis paso de xente e coches, sen atender a nada máis. Tal é así que en tramos de menos de trinta metros, como na confluencia da Avenida Rosalía de Castro coa rúa Ramón Cabanillas, hai cinco papeleiras, dúas delas colocadas unha en fronte da outra, limitando ademais o paso de peóns. O centro de Barrantes ten máis papeleiras que árbores, hai pasos de peóns con papeleiras ambos lados, e outros sen ningunha. Hai esquinas como a de Bouza Martín con Rosalía de Castro onde hai papeleiras separadas por menos dun metro de distancia. Rúas como a Avenida Bouza Martín son un verxel con papeleiras cada poucos metros, mentres outras rúas parecen ser doutro concello, ou de segunda categoría.
Tal como explica o noso voceiro, Enrique Oubiña, “non ten ningún sentido poñer papeleiras ao carón dos contedores de lixo, non digamos xa unha ao lado da outra, nin poñer papeleiras cada poucos metros. Hai que ter un criterio, é colocar as papeleiras onde sexa necesario, non onde se miren máis. Porque esas papeleiras non son nin baratas nin gratuitas, pagánse ben pagadas, cada unha por enriba dos 300€, e con fondos públicos, polo tanto hai que ser moi coidadosos coa maneira de facer as cousas. Para o caso, existen estudos de urbanismo que explican como levar a cabo actuacións como esta con sentido práctico e que sexan efectivas, porque unha papeleira onde ninguén tira papeis non sirve para nada, e mal colocada pode ser un punto de acumulación de suciedade”.
Porque isto lévanos a outra cuestión. De nada sirve encher o centro de Barrantes de papeleiras, se despois non hai persoal para limpalas. Ribadumia ten un problema de limpeza, basicamente debido a incapacidade de David Castro para a xestión dos recursos e do persoal. As queixas son continuas, pero non se van resolver invadindo todo de papeleiras. E o problema non afecta só a Barrantes. Hai outras zonas onde nin se repara o material urbano, nin se toda material necesario alí onde poida facer falla, como poden ser precisamente papeleiras en determinados puntos onde ou ben desapareceron fai tempo e non se depuxeron, ou ben co paso dos anos se fixeron necesarias. E as parroquias non poden ser tratadas como lugares de segunda categoría.
Dende Somos Ribadumia temos claro que os cartos da veciñanza non son para estragar deste xeito. En primeiro lugar hai que manter o que se ten, e Barrantes xa tiña papeleiras abondo, con independencia de que se puidera revisar a situación dalgunha delas ou colocar algunha nova nalgún punto e renovar as que estean defectuosas, cousa que tamén fai falla. Tampouco entendemos que se aposte polo enésimo modelo de papeleira, ademais por un modelo tan caro, aumentando o feísmo urbanístico, salvo que David Castro teña previsto a retirada das papeleiras existentes anteriormente, a maioría delas aínda en bo estado, unha medida que sería un destrago de recursos.
Nos apostamos por ter un concello que dea boa imaxe, de limpeza, pero tamén de orde. E polo uso correcto dos recursos. Manter o que hai, e mantelo en condicións, realizar as substitucións de maneira paulatina, a medida que as papeleiras existentes se vaian deteriorando. Tamén apostamos por ter un modelo urbano preconcebido e cun desenvolvemento planificado, cunhas pautas e unha liña estética, pero tamén ordenada, que dea coherencia e unha imaxe urbana acorde aos tempos e ao sentido común. De feito, sendo Oubiña concelleiro de Urbanismo xa se deron pasos neste senso, igualando as cores das diferentes luminarias e elementos urbanos, como bancos e papeleiras, e elaborando normativas de ornato público e sinaléctica publicitaria que logo David Castro gardou nun caixón.