David Castro recolle nun documento formal a compra dunha propiedade que non chegou a realizarse.
- (podes acceder aos documentos dos que falamos neste artigo aquí e aquí. Nós SI somos transparentes).
- Durante a análise dos documentos do Plan Ágora, Enrique Oubiña descubriu un que xera moitas dúbidas.
- David Castro chegou a recoller documentalmente como xa realizada a compra dunha propiedade privada e mesmo a redactar un proxecto de obras enriba dela, cando esa compra non está feita.
- O goberno local négase a dicir quen mandou redactar ese documento, nin quen o redactou, aínda que é evidente.
David Castro, logo de moitos meses ocultando o que estaba facendo, veuse obrigado a dar explicacións o pasado 25 de febreiro por todo o relativo ás dúas subvencións perdidas que sumaron un total 529.000 €. Pero entre as poucas explicacións que Enrique Oubiña conseguiu sacarlle logo de cinco horas e media de pleno, houbo unha cuestión que non logrou aclarar: a existencia dun proxecto, en concreto unha memoria descritiva completa, coas obras previstas, planos e valoración económica, que daba por feita a compra dunha parcela que en realidade aínda non se produciu, nin parece que se vaia producir, pois o orzamento para este ano non recolle nada nese senso.
Para contextualizar, este proxecto, que conta cos rexistros do Concello como parte do expediente pero non ten sinatura de ningún técnico, elaborouse antes de realizarse a solicitude do Plan Agora, e de feito toda a memoria descritiva coincide verba por verba coa documentación presentada na solicitude desa liña da Deputación, esta si asinada polo arquitecto municipal, en todo salvo nunha pequena parte. E esta pequena pero importante parte é a que chamou a nosa atención.
Ambos proxectos definen tres zonas de actuación: o entorno do colexio, a zona onde está a sede de protección civil e unha terceira zona no tramo de actuación da rúa Condesa. Na memoria asinada polo arquitecto, na páxina 6, onde se describen as zonas de actuación, en referencia á Zona 3, , recordemos, o tramo da rúa Condesa, aparece a seguinte reseña: A actuación será completada nunha futura fase coa adquisición, por parte do Concello, dun terreo que da fronte cara a Rúa Condesa e que lindan polo fondo co recinto escolar (concretamente coa zona de entrada ao CPI Julia Becerra Malvar), de tal forma que se poida utilizar como espazo seguro para aparcamento de vehículos. Pero na memoria descritiva sen asinar, ese parágrafo, que nese documento figura na páxina 3, é diferente , e aparece deste xeito: “O terceiro espazo ( Z.3) é a leira que dá fronte á Rúa Condesa, RECENTEMENTE ADQUIRIDA POLO CONCELLO, e que linda polo fondo co recinto escolar, concretamente coa zona de entrada ao colexio Julia Becerra”. Ademais, esta memoria descritiva sen asinar inclúe realizar obras na parcela supostamente adquirida, en concreto “o proxecto contempla a demolición da edificación e muros existentes e a urbanización da parcela deixando espazo para a futura construción dunha edificación de usos múltiples en baixo e planta”.

Temos entón que como plantexamento para o Plan Ágora, o goberno local de partida daba por feito a compra dunha propiedade sen que esta tivera acontecido. Isto, de chegar a mandarse á Deputación, suporía un caso grave de falsidade documental, pois esa propiedade non é que non estivera comprada, que non o está aínda hoxe, senón que non existía aberto ningún proceso para executar esa compra, que debe obrigatoriamente pasar por pleno municipal e ter dotación orzamentaria. Polo tanto o goberno mandou redactar un proxecto en base a unha realidade falsa. Ademais compre recordar que as Administracións obrigan aos concellos a ser propietarios legais dos terreos nos que se realizan obras para dar financiamento.
E a cousa non rematou aquí. Como as condicións da Deputación para a concesión destas axudas eran moi concretas, o goberno, polo motivo que fora – quizais caer na conta de que estaba cometendo unha irregularidade – decidiu modificar ese proxecto, eliminando a parte que afectaba a esa parcela privada. Pero a modificación, que consistiu nun recorte substancial do proxecto, ao eliminar a dotación dunha dársena de autobuses, non incluíu ningunha modificación orzamentaria. Polo tanto, a segunda cuestión : dous proxectos de obras e dimensións diferentes, co mesmo custe económico, exactamente 601.345,44 €.

É evidente pois que se falsearon os datos da memoria que se presentou para acceder ao Plan Ágora, e que a obra que se pretendía facer non custaba o que se recollía nesa memoria.
David Castro non quere asumir responsabilidades, tal como explica Oubiña “nun exemplo de actuación bochornosa, negouse nese pleno a dicir que persoa redactou esa memoria, poñendo todo tipo de escusas absurdas como que ese proxecto pasara por moitas mans, e comprometeuse a transmitirnos en días posteriores quen había redactado ese documento. Así pois, fíxose protexer nese pleno por un avogado e un arquitecto, e ningún dos dous tiña nada que ver coa documentación da que falabamos, que forma parte do expediente da axuda solicitada ao abeiro do Plan Ágora”.
No último pleno ordinario, este pasado 3 de marzo, Enrique Oubiña volveu preguntar por esta cuestión, e David Castro, con certa chulería, volveu a negarse a dar ningún tipo de explicación, e en concreto negouse a dicir quen redactou a memoria descritiva en cuestión. Algo que resulta absurdo, porque o documento, como se dixo é, salvo as diferenzas ditas, o mesmo que se presentou o 12 de abril á Deputación, asinado polo arquitecto municipal.
En realidade, David Castro non quere explicar como deu por feita, ata o punto de incluíla como parte dun proxecto, a compra dunha propiedade privada cando esta non tivo lugar, nin os desfases entre ambos documentos, ou o feito de que dous proxectos con diferenzas tan importantes poidan ter o mesmo custe económico.
Unha vez máis , topámonos con que temos un goberno que actúa por impulsos, mudando de parecer segundo sopre o vento, e que xestiona os recursos municipais dunha maneira moi lamentable que nos está saíndo moi cara á veciñanza de Ribadumia.
Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados polas formas de actuar do goberno local, e do que estas teñen detrás “porque con todo isto, e queda demostrado cos feitos que vimos, David podería agora mesmo estar redactando calquera proxecto de obra incluíndo nel a propiedade privada de un ou varios veciños sen que eses veciños sexan coñecedores de nada, e sen ter a menor noticia ata que a maquinaria lles apareza diante da casa. Estas son as mans nas que estamos agora mesmo”.
Pedimos a David Castro e a concelleira de obras que asuman as súas responsabilidades políticas nestes feitos e ante estas formas de xestionar, que son totalmente inadmisibles.