Comunicado relativo ao AF7

- David Castro abandona aos clubs deportivos municipais mentres apoia eventos privados.
- A vista do resultado no ano 2019, consideramos que ese evento non aporta beneficios ao noso Concello.
- David Castro ocultou ao pleno que se ía repetir este evento no debate orzamentario.
- Non hai partida económica para el, e non sabemos o que lle vai custar as arcas municipais.
- David Castro garantizou o apoio a este evento privado, e negouse a garantizar o apoio a outras probas, como baixada do Umia ou o Ciclocross, organizadas por entidades locais.
Este pasado venres tivemos constancia, unha vez máis polos medios de prensa e non a través das canles de comunicación política, como o Pleno Municipal, a Xunta de Voceiros, ou a Comisión Informativa de Deportes, de que o Arousa Fútbol 7 vai ter lugar por segunda vez no campo de A Senra en Ribadumia.
De partida queremos dicir que a nosa posición é totalmente allea á cuestión deportiva, sobre a que nada hai que dicir, pois nese aspecto ó evento esta fora de toda dúbida. Nós falamos dende a perspectiva política e de beneficios ou non para o conxunto do noso concello e para as seis entidades deportivas que actualmente conviven en Ribadumia.
Para Oubiña “a nova non sorprende. Cando o pasado 3 de marzo debatemos o reparto de axudas a entidades o AF7 xa estivo presente, e aínda que David Castro non quixo admitir que xa estaba negociada a repetición deste evento, coas súas verbas e a súa defensa férrea dun evento que no 2019 foi un completo fiasco deixounos claro que este ano imos volver tirar cartos nun evento que a Ribadumia quedou claro que non lle aporta gran cousa”.
Ese evento, que no 2019 tivo un custe para a veciñanza de máis de 13.000€, foi tal como expresou Oubiña no pleno un fiasco económico e de imaxe social, sobre todo para a hostalería local, á que se lle vendeu este evento como un maná de clientes, animandoos a encher os almacéns e neveiras, pero que despois resultou un Bluf de primeira orde, pois aínda que no campo houbo público, esa asistencia non repercutiu nos negocios locais.
Dende o noso punto de vista non é razoable que o goberno local estea apoiando este tipo de eventos, que non hai que esquecer que teñen carácter privado e con ánimo de lucro, ao mesmo tempo que se manteñen conxelados os fondos para os clubs deportivos do Concello. E menos que se apoie a eventos que non aportan apenas nada a Ribadumia, máis aló duns titulares na prensa deportiva.
Ademais, David Castro volve actuar con total obscurantismo en relación a un evento que vai ter lugar en instalacións municipais, e que vai supor un investimento público, que se oculta a cidadanía. No pleno David Castro volveu ocultar que estaba previsto este evento, e ocultouno tamén nos orzamentos, ao non incluír ningunha partida para facerlle fronte. É máis, a partida para eventos deportivos, só conta con 12.000 €. “Non sabemos de onde vai sacar David Castro os cartos para facer fronte ao AF7, sexan moitos ou poucos, pero pareceríanos lamentable e totalmente inaceptable que se sacaran da partida de eventos deportivos, que seguramente nin sequera sexan suficientes para facer fronte á axuda que van precisar as probas deportivas, profesionais e federadas, que van organizar este ano varias entidades do noso concello como o descenso do Umia, a proba de ciclocross, ou a proba de rallies. Os fondos municipais, e isto para nos é innegociable, deben ir prioritariamente ás actividades organizadas polas entidades locais”.
David Castro, unha vez máis, abandona o goberno para centrarse en apoiar as súas paixóns persoais, as súas ansias por saír nas fotos e os seus intereses partidistas. Ademais faino creando malestar e discordias entre os clubs deportivos. Non sentou nada ben que no último pleno David Castro negárase primeiro a aumentar as partidas de axudas aos clubs deportivos, “porque os cartos son os que son e dan para o que dan”, e tamén se negara despois a comprometer os fondos suficientes para garantir a celebración do descenso do Umia e do Ciclocross -que xa na segunda edición vai ter categoría internacional – coa mesma escusa, pero agora poña o que faga falta para un evento organizado por unha entidade de fora do concello e privada, e ademais focalizando a actividade nas instalacións que utiliza unha entidade concreta, que xa nos últimos anos se esta notando como prioritaria para o goberno local, pois ten todo luxo de atencións mentres outras instalacións e entidades se deixan de lado, ou como no caso do Umia C. F. son directamente atacadas dende o goberno local, con proxectos que os prexudican gravemente.
A nosa posición segue sendo a mesma que no 2019. Máis aló de que consideramos que ese evento non ten sentido en Ribadumia, se hai 13.000€ para pagar un evento privado, ten que haber fondos para axudar aos eventos que organicen as entidades locais, pero sobre todo ten que haber fondos para mellorar unhas partidas que levan conxeladas cinco anos, e que son moi necesarias para esas entidades.
Para Oubiña “Mentres estamos a piques de perder unha aula do CRA pola falta de nenos, motivada en gran parte pola desidia dun goberno incapaz de xestionar e de aportar servizos ao noso rural , o noso alcalde anda polos campos de fútbol. Iso xa o dí todo”.