Mala imaxe das xaulas de contedores en Barrantes.

  • As illas de contedores están mal organizadas, e mesmo en lugares que non proceden, e con acumulación de lixo.
  • Contedores de papel e vidro onde deberían estar os contedores de lixo orgánico.
  • Mala xestión da recollida, con contedores continuamente saturados.

   “O goberno de David Castro volve darnos unha lección de como coller unha boa proposta e retorcela ata convertela nunha chapuza soberana”.  Así o expón o noso voceiro Enrique Oubiña logo de constatar que meses despois de  que no transcurso dun pleno ordinario, en concreto o do 4 de marzo,  expuxera a mala organización das illas de contedores en Barrantes  e da colocación dos contedores individuais no rural, a situación non se corrixira, coa consecuencia de que a imaxe que ofrecen a maioría desas illas é pésima, e non solucionan ningún dos dous problemas que se pretendían limitar coa súa colocación: o desprazamento dos contedores co mal tempo e fea imaxe das agrupacións de contedores.

   Tal como se expresou no pleno, dende Somos Ribadumia sempre nos amosamos a favor de mitigar a mala imaxe das agrupacións de contedores nos núcleos de poboación, e tamén de buscar solucións para evitar que nos días de vento forte os contedores se desprazaran do seu lugar ou emborcaran, porque ademais dos problemas de salubridade créanse problemas de seguridade viaria. E por ese motivo estivemos a favor de que se investisen cartos na compra e instalación de illas de contedores e de amarres individuais.

  Co que non podemos estar de acordo é con que se fagan as cousas de maneira tan chapuceira como puidemos comprobar logo da colocación, non sen unha boa dose de propaganda por parte de David Castro, da primeira fornada destes elementos urbanos. Chega  con dar un paseo polo maior núcleo do Concello para comprobar o que decimos: ademais de que a construción das xaulas – de gusto estético máis que discutible –  se fixo de maneira xenérica provocando que nalgunhas non collan todos os contedores do grupo, e noutras sobre espazo, naquelas onde o espazo está limitado, no canto de deixar dentro das xaulas os contedores de RSU e de plástico, que ademais de ser os que peor imaxe ofrecen son os que teñen rodas e poden emborcar, meteron contedores de papel ou  vidro, que non quedan cubertos pola xaula, deixan unha imaxe peor que se non houbera xaulas e  dificultan a súa descarga no camión.  Por outra banda, os criterios do goberno local a hora de escoller a localización das illas de contedores resulta un tanto arbitraria e irregular,  de tal xeito que en pleno núcleo de Barrantes un grupo de dez contedores non conta máis que con amarres individuais para unha parte dos contedores, mentres que dun día para o outro nunha estrada sen apenas tránsito e nunha contorna rural apareceu unha illa protexendo a contedores de vidro e papel, algo que non ten xeito nin dereito, como tampouco o ten que non se priorizaran as zonas mais problemáticas, como grupos de contedoras en zonas de costa e con moito transito de coches e persoas.

   Pasa o mesmo cos amarres individuais colocados no rural. Somos moi conscientes de que non se pode dunha tacada económica poñer amarres en todos os contedores do concello, pero os que se poñan deben atender a criterios técnicos. Non pode ser que nun lugar con tres contedores de RSU e un de plástico se coloquen so tres amarres, pero ademais que se deixe sen amarrar o contedor do plástico, que é o máis lixeiro e o primeiro en desprazarse cando hai vento.

   Con todo, o máis lamentable, que nos deixa outra mostra da maneira de facer política de oposición á oposición de David Castro, é o feito de que case tres meses despois de pedirlle que se recolocaran os contedores nas xaulas e amarres para mellorar a imaxe e efectividade e tamén a xestión da recollida do lixo, non se fixo nada. Non so iso, senon que nin sequera se repararon algúns desperfectos ocasionados por golpes diversos, que non axudan na imaxe de sucidade que actualmente transmiten unhas instalacións que precisamente deberían transmitir todo o contrario.

Falta de reforzo na recollida do lixo

Toda a mala imaxe de sucidade que algunhas destas illas de contedores transmiten, vese reforzada polo abandono na xestión da recollida do lixo do goberno local, cuxos membros parecera que viven noutro concello”. Dende xa antes do inicio da pandemia, pero especialmente dende que esta chegou as nosas vidas, houbo certos cambios de hábitos que redundaron nun aumento do lixo xerado, ao que hai que sumar que nalgunhas zonas de Barrantes aumentou o número de vivendas habitadas. Como consecuencia disto, algúns grupos de contedores, con mais intensidade no núcleo de Barrantes, están constantemente saturados e co lixo acumulándose semana a semana por fora dos contedores, xerando mala imaxe pero tamén cheiros e outras incomodidades. É totalmente lamentable que o goberno local sabendo destas problemáticas, que se dan en puntos concretos do noso concello, non buscara fórmulas para solucionar estes problemas, ben aumentando a frecuencia de recollida, ben colocando máis contedores.

  E recordamos que temos o verán á volta  da esquina, e que se estas deficiencias non se solucionan, remataremos por ter un problema sanitario de primeira orde, que quizais ao noso goberno non lle preocupe moito, pero a Somos Ribadumia e a todas as familias que pagan os recibos de recollida de lixo de maneira puntual, si que nos preocupa, e moito. Por iso pedimos que  de xeito inmediato o goberno local actúe e solucione todos os problemas que o lixo está xerando no  noso concello.

                                            

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s