Os datos de evolución da pandemia no noso concello non están sendo positivos.
Pedimos á cidadanía que á vista da situación actual, opte na medida do posible polo autoconfinamento.
Debemos axudar a dar volta á situación canto antes.
Disto saímos entre todas e todos, con responsabilidade individual e colectiva.
Dende Somos Ribadumia, vendo como está evolucionando a situación no noso concello, pasando en un mes de cero a vinte e dous casos activos, cunha subida nos tres últimos días exponencialmente alta, consideramos necesario facer un chamamento á responsabilidade e ao coidado individual e colectivo.
A veciñanza de Ribadumia leva demostrando nesta pandemia un sentido da responsabilidade exemplar, e a mellor proba diso foi a baixa incidencia coa que enfrontamos o nadal, pero é evidente, á vista dos datos actuais, que non foi suficiente.
Tamén se fai evidente que os bandazos do goberno autonómico e as decisións tomadas nas últimas semanas en todos os aspectos, sen afondar nelas, non deron máis resultado que o que todos menos Alberto Nuñez Feijóo prevíamos, o aumento desorbitado de casos e posiblemente a perda de control sobre a pandemia.
Na situación actual, e ante a incertidume e o aumento de casos, só nos queda pedirlle á nosa veciñanza que siga dando exemplo como ata o de agora, pero reforzando as medidas de precaución, evitando saír da casa salvo para o máis imprescindible, e facelo sempre respectando de xeito escrupuloso as medidas que xa todos coñecemos: careta, desinfección de mans e distancia social. Só sendo responsables a nivel individual poderemos manter de maneira colectiva a enfermidade a raia.
A saúde e evitar contaxios e mortes é o primeiro. Porén, queremos tamén pedir que non esquezamos que do noso comportamento non só depende a evolución da pandemia, tamén outros moitos aspectos, como a resistencia do comercio local e da hostalaría e o resto de empresas pequenas, para os que pedimos todo o apoio canto sexa posible, sempre na medida das posibilidades de cada quen. Sabemos que hai moito cansancio, logo de case un ano de medidas de todo tipo, e que estes pasos atrás son descorazonadores, pero queremos achegar tamén unhas verbas de ánimo, na seguridade de que unidos como sociedade seremos quen de saír adiante.
O goberno local solicitou presentar recurso de casación ante a sentenza do TSXG.
David Castro non cede e segue usando recursos municipais para resolver cuestións persoais e para dilatar os prazos evitando asumir responsabilidades políticas.
Dende Somos Ribadumia vimos de ter coñecemento, para a nosa sorpresa, de que o Concello, por orde de David Castro, solicitou presentar recurso de casación para unificación de doutrina, contra o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que desestimaba o recurso presentado polo concello contra a sentenza favorable a unha traballadora que reclama que unha baixa medica lle sexa recoñecida como baixa por accidente laboral, que recordamos que ten repercusión directa sobre a súa pensión de xubilación, ademais doutras indemnizacións recollidas no convenio colectivo correspondente.
Dito recurso, en caso de ser aceptado a trámite, resolverase dende o Tribunal Supremo de Xustiza de España, en Madrid. Para iso, o Concello deberá presentar unha sentenza por un caso xudicializado con sentenza firme que sexa igual en todas as características ao referido, pero con fallo xudicial diferente, e será o Tribunal o que en primeiro lugar deberá fallar se a sentenza presentada para a unificación de doutrina reúne as condicións, e de ser así establecer o criterio que considere, dándolle a razón ao Concello ou negándolla.
Realizar este tramite, ademais dos 600€ que o Concello tivo que dispor de entrada para poder inicialo, terá un custe de miles de euros, e segundo as nosas consultas realizadas con varios profesionais -que coincidiron en non recomendar esta acción – resulta complexo e será difícil que prospere.
Ademais, tal como explica Enrique Oubiña de novo topámonos con que nin o INSS nin a Mutua correspondente viron necesidade de actuar ante o recurso, asumindo a sentenza e as consecuencias que lles poida carrexar, e so o Concello, o único que a priori non ten nada que perder economicamente, segue nesta carreira, que máis ben debemos denominar persecución contra unha muller, que se para o alcalde remata ben significará que esa muller quedara cunha pensión reducida nun 30% , e non estamos falado precisamente de pensións de miles de euros, falamos de cantidades que marcan a diferencia entre vivir con dignidade ou non, anque esas cousas a David Castro pouco lle importan”.
Dende a nosa formación temos claro que o que David Castro busca é prexudicar a esta persoa todo canto sexa posible, algo que non podemos nin asumir nin aprobar. Como tampouco podemos aprobar que para resolver as súas cuítas persoais co persoal municipal David Castro utilice os recursos do concello, que “senta un precedente moi perigoso que mete presión ao persoal municipal, que vive con asombro e certa incertidume o desenvolvemento deste asunto, coa sombra de que poida pasarlle algo parecido a calquera. E eu témome que, se lle colle o gusto, o noso alcalde poida ter a idea de usar os mesmos mecanismos para atacar a calquera veciño que o contraríe”.
Por outra banda é evidente que o medo a ter que afrontar dende as arcas municipais unha indemnización de varios miles de euros por mor da súa falta de xestión é outro motivo polo cal David Castro tenta dilatar este proceso todo canto lle sexa posible. Mais dende aquí queremos pedirlle que reflexione sobre como está actuando. Non querer asumir un erro en política, nin as súas consecuencias, por moito que o vexamos a diario non é nin ética nin moralmente aceptable, pero que para ocultalo non se teña reparo en xogar cos dereitos laborais e coa dignidade dunha muller parécenos dunha gravidade absoluta. Pedímoslle a David Castro unha vez máis que rectifique, que ceda nesa persecución, que explique cal é a situación real do Concello e o que debe afrontar, e que asuma as consecuencias políticas dos seus actos.
Negativa reincidente de David Castro a dar explicacións á Valedora do Pobo pola a súa obstrución continua ao traballo de Somos Ribadumia.
A Valedora ameaza con considerar hostil e entorpecedor ao goberno de IR, podendo chegar a súa nefasta xestión ao parlamento.
Lamentable imaxe pública do noso Concello.
Se fai un par de semanas o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia poñía en entredito a xestión de David Castro cunha sentenza que daba a razón a unha traballadora municipal, esta semana encontrámonos con que é a propia Valedora do Pobo a que chama a capitulo de maneira contundente ao alcalde ribadumiense.
A orixe desta chamada de atención, cuxa denominación especifica é “recordatorio de deberes legais” está nun dos seis expedientes que David Castro ten abertos nesa entidade a instancias de Somos Ribadumia e motivados pola súa negativa a entregar a documentación que lle solicitamos, por non realizar os plenos ordinarios segundo establece a lei e por bloquearnos o acceso ao rexistro municipal. Un bloqueo completo ao traballo da oposición e aos funcionamentos democráticos que a Valedora do Pobo non pasou por alto, ao aceptar a trámite as nosas queixas, reclamando do Concello as pertinentes explicacións. Explicacións que David Castro leva eludindo dende o inicio da lexislatura, usando todo tipo de subterfuxios para evitar cumprir coas súas obrigas, e que nos levan ao punto actual, cunha carta onde se lle require ao goberno local para que cumpra coas súas obrigas de xeito inmediato, baixo ameaza de que esta cuestión chegue ao parlamento, que podería valorar tomar medidas para a reposición dos funcionamentos democráticos no noso concello.
Tal como explica Oubiña “os funcionamentos democráticos non se establecen á carta, nin segundo o criterio do alcalde. Eses tempos quedaron moi atrás. Agora temos uns mecanismos que garanten que a veciñanza e as forzas de oposición teñan acceso ao funcionamento do goberno, que debe seguir uns criterios de transparencia moi concretos e esixentes. David Castro pensa que con transformar os plenos municipais en teatriños e aparentar xa lle vale, pero a cousa non vai así. E non é que o digamos nós, agora tamén llo está dicindo a Valedora do Pobo”.
A transparencia en tempo e forma.
Compre remarcar que a cuestión concreta pola que neste caso pedimos amparo á Valedora do Pobo refírese á negativa de David Castro de entregar diversa documentación, e a facelo dentro dos prazos que establece a lei. E que o que a Valedora reclama non é esa documentación, se non que o goberno local aporte as explicacións pertinentes por non tela entregado en tempo e forma, unha explicación que o goberno local nega a pesar de térselle reclamado ata en tres ocasións.
Con outras queixas anteriores polo mesmo motivo dende alcaldía optouse por xogar ao despiste e dilatar os prazos, poñendo escusas e chegando ao extremo de enviar a documentación que nos solicitabamos á propia Valedora do Pobo en lugar de a quen lla solicitou, sempre no último día, logo de presentada a queixa e chegados varios requirimentos desa entidade, logrando que polo medio pasaran varios meses, para logo montar un paripé nos plenos municipais, facendo pasar por funcionamento transparente algo que é todo o contrario, pero “aínda que tente enganar á nosa veciñanza, coa Valedora do Pobo non lle cola. Porque do que se trata é de que ante unha solicitude de información ou documentación de calquera tipo, hai uns prazos legais nos que debe respostar. Todo o demais son escusas, trampas ao solitario e titulares de prensa que agora se volven contra o alcalde, que queda como un incompetente”.
Somos moi conscientes de que o que realmente preocupa a David Castro é que dende Somos Ribadumia estamos facendo un bo traballo, e por ese motivo se dedica a poñernos paus nas rodas. Porén, a nós o que nos preocupa “é saber que é o que nos oculta David Castro, os motivos polos cales non nos permite o acceso ao rexistro municipal nin entrega a documentación que lle solicitamos. Non sabemos que quere tapar con tanta paixón, pero en calquera caso nos imos seguir cumprindo coas nosas obrigas. E xa é hora de que el cumpra coas súas”.
Lamentable imaxe pública do noso concello.
E é que a actitude de David Castro, completamente fora de lugar nun goberno municipal, “lévanos a que así como na lexislatura anterior o noso Concello destacaba polo seu funcionamento democrático, e pola súa transparencia e actitude colaborativa coa oposición e coa veciñanza, agora destaque xusto polo contrario, dando unha imaxe pública lamentable, cun goberno obstrucionista, que non acepta a crítica a ningún nivel, e ademais somete a bloqueo calquera intento de acceder a unha información que debe ser pública”.
Unha imaxe que nos avergoña como concello ante outras institucións e administracións públicas, demostrando unha neglixente xestión municipal, e que pode xerar moitas dúbidas á hora de establecer mecanismos de axuda de diversos tipos debido ao escurantismo co que o noso alcalde se encirra en actuar.
Por iso dende Somos Ribadumia pedímoslle a David Castro que mude de actitude, asuma que debe ser transparente e cumpridor nas súas funcións, recupere o bo trato coas forzas da oposición e deixe de queimar pontes. Pola nosa banda, como xa demostramos apoiando aquelas medidas que consideramos positivas, e aportando en moitas cuestións, imos seguir traballando en positivo para mellorar a vida no noso concello. O que non imos permitir é que o alcalde pretenda recortarnos dereitos e bloquearnos na nosa función.
Falta de respecto institucional do goberno do PP, que se oculta detrás da xerencia da EOXI.
Incapacidade de David Castro para lograr solucións.
As diferencias entre os plantexamentos do alcalde de A Illa e de Ribadumia evidencian a falta de liderazgo de David Castro.
E mentres, seguiremos sen pediatra quizais ata abril.
Ennovembro, cando o noso centro de saúde estaba con so unha facultativa atendendo e coa atención pediátrica recortada, deciamos que “O Partido Popular non cede na súa liña política sanitaria, cuxo obxectivo claro é a degradación da calidade da atención sanitaria, en concreto a atención primaria”. Dous meses despois, xa sen pediatra, tamén podemos engadir que ademais de recortarnos en servizos, o Partido Popular de Feijóo rise do noso Concello, comezando polo alcalde.
De partida, tal como explica Oubiña “a actitude do Partido Popular, negando unha xuntanza da Consellería cos alcaldes de Ribadumia e A Illa, e escudándose detrás da xerencia da EOXI , é unha falta de respecto institucional”. Ademais, dende Somos Ribadumia consideramos que habendo dous Concellos que solicitan de xeito conxunto unha xuntanza para abordar un tema desta gravidade, que dende a EOXI se opte por celebrar xuntanzas separadas con ambos alcaldes, é unha maneira de laminar a cuestión e evitar o exercicio de presión conxunta que se estaba buscando. Que David Castro, o primeiro convidado a unha xuntanza dese tipo non convidara a acompañalo ao alcalde isleño demostra a falta de sentido político e de liderazgo do noso alcalde.
Indo ao resultado das xuntanzas, debemos expresar o noso malestar ante o negativo das mesmas, pois é evidente que imos seguir sen pediatra varias semanas, e iso para o caso de que a situación se normalice – referímonos xa non a ter un pediatra a tempo parcial, se non a volver ter un pediatra que atenda varios dias a semana – cousa que dubidamos.
Pero en particular debemos amosar a nosa decepción ante a actitude de David Castro, que lonxe de amosar o descontento que debería como así fixo o seu homólogo arousán, amosouse pouco menos que encantado e mesmo falou de “compromisos acadados”. Para Oubiña “David Castro vale máis para traer un recado que para levalo. Mandámolo ao Sergas en busca dun pediatra porque agora temos que ir a Cambados, e ven de volta coas dúas facultativas que xa tiñamos e con atención pediátrica en Cambados. Ou sexa, que quedamos como estamos, pero el véndeo como un éxito, e inda nos sae coa promesa do terceiro médico, cando o Sergas nin sequera nos da un servizo de calidade coas dúas facultativas que temos.”
Dende Somos Ribadumia consideramos que se logo dunha xuntanza por unha cuestión destas características non se logra unha solución satisfactoria, non se pode nin estar satisfeito nin alardear de falsos logros, e lamentamos que David Castro estea máis preocupado dos titulares de prensa que de buscar solucións aos problemas da veciñanza. De feito, a diferencia entre os prazos para a resolución do problema dados por ambos alcaldes fannos pensar que ou ben David Castro volveu mentir para tentar aparentar que a solución vai chegar mais pronto do que está prevista, ou ben dende a xerencia do EOXI se dedican a crear confusión para non facer público que a eliminación dos pediatras nestes dous concellos non ten marcha atrás. “E non pode ser que David Castro chegue e declare con satisfacción que non vai haber máis recortes, porque iso significa asumir a eliminación do servizo de pediatría. Así que eu pregunto: que é o que non nos conta o noso alcalde? Xa deu por perdido o pediatra?”.
A soidade voluntaria e electoralista de David Castro.
Dende Somos Ribadumia somos conscientes de que plantarlle cara as políticas do Partido Popular é moi difícil. Pero “David Castro debe entender que sen o apoio do resto de forzas políticas e da cidadanía, vai ser aínda mais difícil. Nese aspecto, nos levamos amosado a nosa vontade de sumar esforzos dende o primeiro día”.Porén, o noso alcalde esta encirrado en facer as cousas el so, superado polo afán de protagonismo, tanto que nin sequera se dignou a convocar á Xunta de Portavoces tal como llo solicitamos en decembro para consensuar unha posición conxunta. Dende logo temos moi claro que se a esa xuntanza coa xerencia do EOXI acudise unha representación das diferentes forzas a presión que se podería ter exercido sería outra. Tamén temos moi claro que quizais o que está pasando é que o noso alcalde non ten realmente vontade de solucionar nada, so de seguir sendo alcalde e a poder ser sen mancharse as mans con nada, e ese non é o tipo de alcalde que precisa Ribadumia.
Non queremos deixar pasar que en Ribadumia existe unha agrupación do Partido Popular, que son segunda forza, e que a pesar de que nos plenos sempre fala de colaboración ante calquera cuestión de interese para o conxunto do Concello, ante esta situación onde posiblemente eles teñan máis capacidade para lograr avances que outras forzas, gardan silencio. “Non como cando gobernaba o bipartito que ante un problema tamén na atención pediátrica todo eran pancartas e protestas na porta do centro de saúde e na sede do Sergas. Onde están agora?”.
Así que unha vez máis chamamos ao equipo de goberno a cumprir coas súas obrigas, a convocar a todas as forzas do Concello e a buscar un consenso moi necesario na defensa dalgo tan básico como o dereito a unha atención primaria de calidade, a adultos e a nenos, e no noso centro de saúde.