David Castro pretende eliminar o aparcadoiro do campo de A Bouza en Barrantes.

- David Castro ten enriba da mesa un proxecto que propón a eliminación de toda a área de aparcamento da contorna do campo de A Bouza sen dotar unha alternativa viable.
- A obra, que non conta con financiamento, de realizarse, obrigaría a parar os buses escolares, na rúa Condesa, un perigo para os nenos e nenas, ademais de bloquear o acceso de vehiculos de emerxencias ao colexio.
- O goberno local abandona o seu proxecto faraónico, optando por, nun futuro hipotético, facer unha nova parada de buses e aparcadoiro nunha finca próxima ao colexio, pero moi lonxe das instalacións do Umia.
David Castro tardou dous anos en desistir do seu faraónico, e anunciado ata o aburrimento, proxecto para a contorna do CPI Xulia Becerra Malvar e do campo de A Bouza. Tal como explica Oubiña “esta semana tivemos coñecemento de que David desistiu da súa idea de mover o pavillón de Barrantes e construír unha parada de autobuses a vinte metros da gardería, o cal era en si mesmo unha cafrada urbanística e en termos de seguridade viaria. O malo é que, incapaz de entender o problema que temos nesa zona, optou por unha solución que é outra cafrada, mírese como se mire”.
A obra que David Castro ten enriba da mesa pretende eliminar toda a zona na que actualmente estacionan os buses escolares e que serve de aparcadoiro para o campo do Umia fora do horario lectivo, e transformalo nunha zona de esparcemento para o colexio, cun patio semi-cuberto, que é como dicir que non cobre nada, e unhas árbores a facer bonito. O problema desta idea, “ademais de que apenas soluciona nada ao colexio, que está necesitado de espazos, pero espazos ben dotados, non pérgolas, é que elimina toda a área de aparcadoiro actual, sen aportar ningunha solución alternativa, deixando ao Umia sen aparcadoiro, aos buses escolares sen unha zona segura onde parar a deixar é recoller ao alumnado e ao colexio sen acceso rodado por onde meter un camion de bombeiros, ou un vehiculo grande como unha furgón ou unha ambulancia”.
David Castro “ saca da manga proxectos sen pensar. Deixar o colexio sen accesos de seguridade é unha temeridade. Por outra banda, o Umia C. F. non é un club de veteranos que xoga a pachanga os domingos pola mañá, é unha institución deportiva que cobre todas as categorías existentes, incluídos dous equipos femininos, é iso supón que todas as tardes no campo de A Bouza se xuntan máis de un cento de nenos, a maioría dos cales son levados ata as instalacións por seus pais ou nais, que precisan de espazo para aparcar. O que David Castro quere facer é matar ao Umia C. F.”.
E nin sequera vai ser barato, pois a previsión parece ser a de investir 600.000€. “ Uns cartos que David a priori non ten, pero que aínda no caso de telos supoñen unha cifra esaxerada para un proxecto que non pasa de ser o adecentamento dunha explanada”.
Chama a atención que o goberno local abandone a idea de facer unha dársena de autobuses no núcleo de Barrantes só dous meses despois de declarar en pleno que ese proxecto seguía vixente, e opte agora por outra solución consistente en comprar unha propiedade na rúa condesa, lindeira ao colexio, e facer unha dársena e aparcadoiro nese punto. Unha proposta que xa estivo enriba da mesa na lexislatura anterior e que o propio David Castro desbotou no seu momento, e que ademais non deixa de ser outro parche, que non soluciona o problema que temos no centro de Barrantes.
Agora recupera esa vella idea sen vir a conto de nada, emendándose a si mesmo, pero “non dispón de partida orzamentaria para facer fronte a adquisición deses terreos, para o caso de que a operación estivera xa pechada, que o dubido moito. Tampouco ten fondos para acometer a obra necesaria para crear ese hipotético aparcadoiro, e non ten competencias nese tramo da rúa Condesa, polo que calquera modificación no vial, e a propia obra, tal como David Castro a plantexa tería que contar co visto bo da Deputación. En resumo, David Castro non ten nada, pero anda prometendo futuribles e moito fume tentando que a familia do Umia C. F. apoie o seu intento de lavado de cara”.
Moita presa .
Porque David Castro ten moita presa. Unha presa que o levou a actuar precipitadamente, expoñendo o proxecto ao Umia sen darlle marxe a unha análise calmada, coa escusa de que hai en xogo unha suposta subvención.
Para Enrique Oubiña “ máis ben parece que David Castro ten presa por tapar con losetas os acontecementos das últimas semanas, cando o que debería facer é o que lle pediu toda a oposición, dar a cara e contar a verdade dos feitos, e pola nosa parte ademais dimitir do seus cargos”.
Dende Somos Ribadumia temos moi presente a irresponsabilidade de David Castro, así como as mentiras coas que pretendeu escusar a realidade de que a Garda Civil disolveu unha festa na casa na que vive por non cumprir as normas, e que dúas persoas próximas a el ameazaron e atacaron ao noso voceiro na porta da súa casa, uns feitos estes que nin IR nin o propio David Castro, que foi testemuño directo, condenaron a día de hoxe, algo inaceptable en política.
Con todo, no ánimo de aclarar todo este asunto, esta maña preséntamos un escrito no Concello solicitándolle a David Castro que por un lado nos facilite copia dese novo proxecto, e todo que estea relacionado con el, e por outra banda pedímoslle que dea a cara e explique publicamente e en detalle que é o que realmente pretende facer, os prazos de execución e de onde van saír os cartos “porque a veciñanza, sobre todo a que por un motivo ou outro forma parte a comunidade escolar ou da familia do Umia C. F., ten dereito a saber antes de que nova unha pedra, que se vai facer, e tamén a dar a súa opinión ao respecto e poder facer unha valoración, aceptar ou non a proposta ou mesmo expoñer unha alternativa”.