Agradecemos que a Deputación cumpra os compromisos adquiridos con Enrique Oubiña.

  • A obra de mellora dun tramo da vía EP-9509 ao seu paso por Sisán foi un compromiso adquirido por Uxío Benitez e a propia presidenta con Enrique Oubiña no 2018.
  • Logo de saír do goberno no 2019, dende Somos Ribadumia mantivemos a colaboración coa Deputación para mellorar o proxecto inicial e que a obra non quedara sen realizar.

    A semana pasada anunciouse a próxima realización dunha obra de mellora do vial da Deputación EP-9509 en Sisán, unha obra que vai contar cun orzamento duns 90.000€.

A reforma deste tramo de vía, xestionado por Enrique Oubiña no ano 2018. estaba anunciada xa no 2019, e de feito chegou a estar licitada, pero decidiuse modificar o proxecto para mellorar varios aspectos, en benificio de usuarios e veciños.

   Dende Somos Ribadumia queremos agradecer á Deputación que vaia dar saída por fin a esta obra, un compromiso adquirido polo Deputado de mobilidade Uxío Benitez con Enrique Oubiña no ano 2018, validada posteriormente pola presidencia deste ente, que inicialmente foi licitada no 2019, aínda que despois modificouse o proxecto para realizar algunhas melloras que para Oubiña supón encaixar a nosa idea coas fórmulas que a Deputación ten establecidas no departamento de mobilidade, con criterios baseados na súa utilidade, na seguridade viaria e na durabilidade, e non en facturar por facturar”.

  Tamén queremos agradecer de xeito particular o esforzo técnico, político e económico realizado pola Deputación. Dende o primeiro momento a Deputación ofreceuse a axudar cun proxecto que inicialmente se redactou no propio concello, unha colaboración da que  eu mesmo podo dar fe pois participei en varias xuntanzas para concretar diferentes cuestións técnicas, pois aínda que a obra non pareza gran cousa, queriamos estirar 60.000€ iniciais para dar a mellor solución posible”. Neste aspecto, hai que salientar que o seguimento que dende Somos Ribadumia realizamos sobre esta obra, incluso despois de saír do goberno no 2019, así como as conversas mantidas coa Deputación que preside Carmela Silva, permitiron que esta entidade se fixera cargo de realizar os cambios precisos no proxecto e o aumento de orzamento ata os 90.000€ para lograr que o resultado sexa que un tramo de vía que habitualmente ten bastante tráfico pois é un importante fío de conexión de cambados con Ribadumia, Meis e Meaño, pero que resulta moi inseguro pola falta de arcén e polos encharcamentos cando chove, pase a ser unha vía con moita mellor seguridade, algo que sen dubida redundará en beneficio da veciñanza dos lugares de Taboeiros e Sisenla, e de todas as persoas que circulan a diario por esa vía..

Imaxe do proxecto realizado no ano 2018 polo departamento de urbanismo do Concello baixo a dirección de Enrique Oubiña.

  Non podemos estar tan agradecidos, lamentablemente, a David Castro, que sendo coñecedor de que esta obra se vai poder realizar gracias ao traballo de Somos Ribadumia e en concreto de Enrique Oubiña, nin sequera tivo o detalle de convidalo a estar presente cando o pasado 4 de febreiro o actual Deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou o noso concello para valorar ese investimento. En calquera caso, xa estamos moi acostumados as habituais faltas de deferencia e de respecto político que o goberno dos Independientes mantén cara as forzas da oposición, e temos moi claro que a falta de educación define a quen a sofre polo que, aínda que prefeririamos ter un goberno máis responsable, non telo non nos vai afectar, nin a nosa formación nin ao noso traballo diario  a favor do noso concello e de todas as persoas que viven nel.                                              

Un ano despois de denunciar a situación do local de servizos sociais, segue igual.

  • Non se resolveron os problemas de humidades e a imaxe do edificio é lamentable.

O 14 de febreiro do 2020 denunciamos, vía escrito municipal, é tal como recollemos nun comunicado de prensa ( podes acceder aquí) as numerosas deficiencias é o lamentable estado no que se encontraba o local de servizos sociais do Concello, sito na antiga casa consistorial.

  Tal como explicabamos naquel momento, ademais dos problemas de capacidade eléctrica que provocaban que os traballadores non puideran conectar a calefacción, había deficiencias construtivas na parte nova da edificación, entradas de auga e humidades que estaban deteriorando as paredes. Meses despois, David Castro declarou en pleno que se habían resolto todas as deficiencias construtivas e que os problemas eléctricos estaban en vía de solucionarse.

   Pero, tal como explica Enrique Oubiña, que visita o centro de edificios sociais, ao igual que o resto de instalacións e espazos públicos municipais de xeito habitual , “un ano despois chega con entrar pola porta do centro para comprobar que, en contra do declarado polo alcalde, non se fixo ningunha actuación, e que o edificio segue deteriorándose ante a impasividade de David Castro, que non volveu pisar a instalación dende que foramos coa prensa presentar a nova hubicación do departamento de Servizos Sociais, fai catro anos”.

   Como se explicou no seu momento os problemas de humidades, ademais de degradar a construción, traen consigo problemáticas de salubridade, que poden afectar aos alimentos e a roupa que se almacenan nese edificio. “ Afortunadamente o bo traballo e xestión o persoal de Servizos Sociais evita que os alimentos permanezan moito tempo no centro, pero iso non é motivo para deixar o edificio abandonado”.

   Dende Somos Ribadumia lamentamos a desidia do goberno local, e en particular tanto do alcalde como das concelleiras de política social é a de urbanismo, que por certo cobra unha liberación sen que teñamos claro, á  vista dos feitos, en que emprega o seu tempo. E pedimos, unha vez máis, ao goberno local que asuma as súas responsabilidades, e solucione os problemas que teñen os edificios municipais, tanto neste caso como no resto e edificios e noutros  espazos públicos, “Porque non é só este edificio. Aos parques infantís non lles tocou ninguén dende que nós saímos do goberno, algo que xa denunciamos a finais do ano pasado, é antes diso no outono do 2019.

https://somosribadumia.com/2019/09/16/o-mal-estado-do-mobiliario-urban-provoca-feridas-en-varios-nenos/

https://somosribadumia.com/2020/12/11/mais-de-un-ano-despois-de-advertilo-os-parques-infantis-seguen-abandonados-e-os-nenos-ferindose-cos-elementos-deteriorados/

Urximos a David Castro a usar xa os case 15.000€ aportados pola Deputación para o apoio á hostalería e pequeno comercio.

  • A Deputación aprobou un aumento no Plan Concellos para o seu uso inmediato.
  • A medida anunciouse o pasado día 5 de febreiro, pero David Castro segue desaparecido.
  • David Castro dispoñía xa de 66.000€ para axudar ao comercio e hostalería, e decidiu usar eses cartos para outras cuestións.

 No pleno da Deputación do pasado venres aprobouse formalmente a liña de axudas aos Concellos destinadas á xestión por parte dos Concellos de axudas directas a hostalería, comercio e pequenas empresas afectadas polas restricións derivadas da situación de pandemia. Xusto despois de aprobarse en pleno enviouse telematicamente comunicación a todos os concellos informándolles da disposición deses fondos, que no caso de Ribadumia ascende a 14.700€.

   Dende Somos Ribadumia debemos lamentar que a pesar de que a Deputación permita para este ano 2021 que o 30% da Liña 1 do Plan Concellos, ou sexa 66.000€, poidan destinarse a apoiar aos sectores máis afectados polas restricións da pandemia, o goberno de David Castro estea totalmente desaparecido, a aínda non teña posto en marcha ningún tipo de axuda nin á hostalería, nin ao comercio, nin a outros sectores. Para Oubiña “o noso alcalde dedica o seu tempo ao fútbol, a facerse fotos con curas, regalar peches de fincas e ir aos xulgados, pero non dedica un minuto, nin moito menos euros, a axudar aos negocios do noso concello, e a situación xa se cobrou as súas vítimas en forma de negocios pechados, negocios detrás dos cales hai familias”.

  A aprobación na Deputación dos fondos destinados a paliar as consecuencias das restricións pola pandemia, supón dispor de case 15.000€ adicionais, e non poden destinarse a outra cuestión que non sexa a referida. Ademais, na comunicación remitida xusto despois da aprobación destas axudas, a Deputación deixa moi claro que o seu uso é inmediato pois pódese pedir o adianto do 100% da cantidade concedida ademais de ofrecer axuda en caso de haber problemas de competencias – a escusa favorita de David Castro – coa xestión deses fondos.

Todo isto foi anunciado o pasado 5 de febreiro, e “debemos lamentar que o goberno local, ante este anuncio, gardara silencio dende entón – e igual que antes – no canto de anunciar aos hostaleiros, comerciantes e resto de sectores afectados que ía facer algo, que son o tipo de anuncios que agora mesmo a nosa veciñanza precisa leer na páxina do concello, e non anuncios de obras”.

   Pedimos ao goberno de David Castro que deixe de mirar para outro lado e de poñer escusas, e poña en marcha un plan efectivo e inmediato de axudas directas aos sectores que están afectados pola situación de pandemia.

Os taboleiros informativos colocados na variante espiritual obvian o galego nos seus textos.

  • Presentamos unha queixa na mancomunidade solicitando que se corrixan eses taboleiros.

   Recentemente foron instalados uns taboleiros informativos na variante espiritual, dirixidos aos peregrinos e visitantes en  xeral que percorren ese tramos de senda fluvial,  que coincide coa denominada Ruta da Pedra e da Auga, que dende Barrantes sube ata o mosteiro de Armenteira.

  Un panel informativo que ademais de dar indicacións da altura da variante espiritual do Camiño Portugués na que se encontra, aporta información etnográfica sobre os muíños que acompañan esa senda.

   Sen dúbida unha boa actuación, se non fora polo feito de que o taboleiro ignora por completo a existencia da lingua galega, algo que nos parece totalmente inadecuado.

   Dende Somos Ribadumia entendemos que o feito de que ese taboleiro teña os textos en castelán e inglés pero non en galego atende máis a un erro de deseño que non a intencionalidade. Pero querendo ou sen querer, entendemos que é algo que debe ser corrixido. Por este motivo, vimos de presentar unha queixa na sede electrónica da Mancomunidade, solicitando que se modifique eses taboleiros.

   Ao mesmo tempo, tamén solicitamos que se modifique o acceso a través de código QR, para que abra a web da mancomunidade prioritariamente en galego – agora o código leva á páxina en castelán –  e que nas opcións de idioma se inclúan o resto de linguas do estado español, catalán e euskera.

   Dende Somos Ribadumia entendemos que as administracións galegas deben ser as primeiras en amosar o orgullo de ter unha lingua propia, e que a escusa de que a web de  turismo está orientada a visitas foráneas non é aceptable.

   Lamentamos tamén que o goberno local, dirixido por David Castro, permitira a colocación deste taboleiro sen tan sequera mirar o seu contido. Un exemplo máis do pouco  ou nada que aos Independientes por Ribadumia lles preocupa a posta en valor da nosa historia,nin da nosa lingua nin do noso patrimonio cultural e etnográfico.